|
Os concursos de deseño gráfico, a punto A finais do pasado mes de marzo abríase a convocatoria de dous concursos de deseño gráfico na USC con cadanseu obxectivo: dotar as comisións de normalización lingüistica dos centros dun logotipo común, nun caso, e no outro, fornecer o deseño gráfico dunha campaña publicitaria para dar a coñecer a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Bioloxía. O concurso do logotipo xa viu rematado o prazo para a presentación de propostas o pasado día 25 de abril. Ó Servicio de Normalización Lingüistica achegáronse un total de 49 traballos, en papel e en formato TIF. Ó concurso podía presentarse calquera membro da comunidade universitaria da USC (alumnado, persoal docente e investigador, ou persoal de administración e servicios). Queda agora por determinar o gañador ou gañadora do certame, que obterá o substancioso e único premio de 800 euros, así como a publicación do seu traballo. O dictame do xurado farase público o 9 de maio de 2003, e poderase consultar a través do web do Servicio de Normalización Lingüistica*. O xurado estará formado por Lois Rodríguez, deseñador gráfico e director de acordar.com; Joaquín Rodríguez Toubes, secretario xeral da USC; Emilio Valadé del Río, da Comisión de Normalización Lingüística de Bioloxía; Xoán Guitián Rivera, da Comisión de Normalización Lingüística de Química, e Isabel Vaquero Quintela, do Servicio de Normalización Lingüística. De por parte, o concurso de deseño gráfico para ilustrar os soportes (carteis, adhesivos e dípticos) dunha campaña para dar a coñecer a Comisión de Normalización Lingüística de Bioloxía, pechará o seu prazo para a presentación de orixinais o vindeiro 5 de maio ás 14 horas. Neste caso, o concurso está restrinxido ós membros da comunidade universitaria que desenvolvan a súa actividade na dita Facultade. O concurso resolverase na primeira quincena do mes de maio e o gañador ou gañadora recibirá un premio único de 500 euros en libros. No anterior número do Cartafol dixital podes obter máis información sobre o certame; as bases pódense consultar no web do Servicio de Normalización Lingüística* * http://www.usc.es/snlus/concursos.htm |