|
Sociolingüística e planificación lingüística nos Alpes Dolomitas Os días 12, 13 e 14 do pasado mes de decembro tivo lugar en Urtijëi, unha pequena vila alpina situada na rexión italiana de Trentino-Sud Tirol, preto da fronteira con Austria, o congreso "Soziolinguistica y Language planning" organizado polo Servisc de Planificazion y Elaborazion dl Lingaz Ladin e o Centro di Studi Linguistici per l'Europa. O Servicio de Normalización Lingüística da USC foi convidado a participar cunha conferencia sobre a situación xeral da lingua galega e unha exposición da súa experiencia concreta no terreo da elaboración de terminoloxía científico-técnica. O Servicio participou tamén nunha táboa redonda na que, xunto con outros representantes de minorías lingüísticas europeas, discutíronse estratexias destinadas á supervivencia e extensión do uso destes idiomas. Durante tres días, expertos en linguas minoritarias como o galego, catalán, occitano, corso, sardo, ladino, friulano, gaélico, galés, escocés, e aínda berebere, grecochipriota, ou linguas da antiga zona soviética de Pamir, así como linguas en situación minorizada, como o finés en Suecia ou na antiga Unión Soviética ou o croata en Sicilia, expuxeron as súas experiencias, intercambiaron puntos de vista e constataron unha vez máis o carácter multicultural e multilingüístico dunha Europa conformada por un auténtico mosaico de pobos e culturas que loitan pola súa supervivencia. O congreso tivo lugar nun dos vales de fala ladina, e aproveitouse a ocasión para presentar unha gramática unificada do ladino estándar, así como o primeiro diccionario desta veriedade. O ladino é unha lingua románica falada en cinco vales alpinos: Fascia, Gherdeina, Val Badia, Fodom e Ampez con grandes diferencias entre eles. Desde o ano 1994 lévanse feitos estudios e traballos destinados á creación dun estándar escrito válido para as cinco variedades, que se converta nun factor de integración, de unificación e de autoidentificación entre os falantes. Desde aquí queremos desexarlles moita sorte ós colegas ladinos na aventura que emprenden. |