Voltar

As Aulas Informáticas da USC, en galego

A USC está a galeguizar as súas Aulas de Informática a través dun programa levado a cabo polo SNL e as propias Aulas que pretende a instalación en todos os ordenadores de que dispoñen dun paquete con tres aplicacións. Unha é o TRAWORDGAL, realizada por A. Gómez Méixome, a versión en galego do TradWordCat (Word en catalán), unha macro que traduce a maioría dos menús do Word97 ou 2000 ó galego. As outras son dous correctores ortográficos para a lingua galega: o GALGO e o 2.MIL, as características dos cales comentamos na sección "Pasa a folla". Calquera deles ofrece as mesmas capacidades cós doutros idiomas para o mesmo procesador de textos. Así, con estes correctores os usuarios e usuarias contan con ferramentas útiles e necesarias para utilizar o galego no soporte informático, polo que cada vez existen menos argumentos para non empregar a nosa lingua. A Universidade sabe que un esteo fundamental para a galeguización é que se introduza o noso idioma en todos os ámbitos posibles e, por suposto, o informático é fundamental no contorno universitario no mundo de hoxe.

As Aulas de Informática, logo dun período de proba, garanten a fiabilidade e estabilidade do procesador de Microsoft despois da instalación do TRAWORDGAL. Así pois, a interface de Word de cada un dos ordenadores das Aulas de Informática terá en pouco tempo un aspecto máis próximo e máis amigable. Estaremos a empregar o froito dos esforzos de xente que traballa desinteresadamente para que o galego dea pasos importantes na conquista de espacios dos que ata hai ben pouco estaba ben arredado. Na maior parte dos casos é xente anónima, con traballos e perfís moi diferentes, que se xuntan ó redor de galego21, o galego no terceiro milenio, proxecto onde traballan para galeguizaren programas informáticos de libre distribución. Con moita melodía e pouco bombo teñen xa unha lista cada vez máis completa de programas dos que xa podemos dispoñer gratuitamente.

En pouco tempo, galego21 poñerá tamén á nosa disposición a versión en galego e oficial do navegador noruegués OPERA 5.12, un programa que intenta ser a resposta europea dos xa coñecidos EXPLORER e NETSCAPE. A escolla do OPERA por galego21 presenta varios aspectos positivos resumibles en que é fiable, de calidade e é distinto. Este último aspecto dálle coherencia ó traballo de galego21: o traballo pola diversidade desde a diversidade, pois ben se sabe que globalizado non ten por qué ser sinónimo de monopolizado. Unha vez este producto estea dispoñible, o SNL e as propias Aulas de Informática hano instalar nos equipos das Aulas en pouco tempo. Para non se petar..., pódeste pasar ó galego.


Imprimir