|
Lingua negra Resulta imposible non falar do tema, xa que é unha desas cuestións que convulsionan a sociedade: o naufraxio do Prestige e a marea negra (nós traballamos con palabras, e esta é, malia os esforzos por ocultalo, a expresión exacta) producida polo verquido de milleiros de toneladas de fuel. Este feito constitúe, como os medios de comunicación libres veñen denunciando, un desastre ecolóxico e económico de consecuencias imprevisibles no noso país. Tamén resulta imposible non ver semellanzas entre, por un lado, a deixadez e incompetencia das autoridades e a valentía e decisión con que miles de humildes mariñeiros e voluntarios concienciados loitaron e loitan para minimizar os efectos do desastre e, por outro, a tradicional deixadez e incompetencia das clases dirixentes no tema da lingua e a valentía e decisión con que as xentes humildes e as persoas concienciadas levan loitando pola súa supervivencia. Nos dous casos cadran moitas cousas: o traballo voluntario e escaso de medios fronte a unha inexplicable pasividade institucional, a abnegación fronte á irresponsabilidade, a acción independente fronte á deixación de funcións, a denuncia valente fronte á ocultación máis descarada. ¿Non son acaso unha metáfora da nosa historia lingüística as imaxes do mariñeiro apañando fuel coas súas mans e a do engominado e cínico político dicíndolle ás cámaras que todo vai ben? Por favor, ¡nunca máis! |