|
Escrita e sociedade A historia da evolución da escrita é a historia das necesidades cambiantes da sociedade. Durante moito tempo o ser humano só se comunicou mediante sons, co cal, o coñecemento directo non duraba máis do que duraba unha vida; así, chega un momento no que comezan a xurdir diversos artificios para perpetuar as mensaxes orais, é o nacemento da linguaxe escrita, que deu lugar aos nosos sistemas alfabéticos. O home comezou a rexistrar a historia que o rodeaba facendo debuxos nas paredes das cavernas, pinturas que se converteron en símbolos, os pictogramas, pero ao facerse máis complexa a sociedade foron necesarios símbolos que representaran as abstraccións e os pictogramas adquiriron significados adicionais e os símbolos pasaron a ser non representativos. Isto fixo necesario que a xente aprendese os seus significados, deuse así o seguinte paso e creáronse os ideogramas, conxuntos de símbolos que eran cada vez máis difíciles de interpretar debido a que non había unha conexión natural entre o mundo extralingüístico e a escrita. Coa necesidade dun sistema máis flexible, pero á vez máis complexo, os pictogramas e ideogramas deron paso ás letras e símbolos que se podían encadear formando unidades con significado. Ao redor do ano 1800 a.C. os fenicios idearon un sistema revolucionario que enlazaba os sons falados coa escrita. Identificáronse 22 sons claves na súa lingua e creáronse 22 símbolos correspondentes, os gregos adoptaron o sistema fenicio e modificárono conforme as súas necesidades; á súa vez os romanos tomaron o alfabeto grego e fixéronlle cambios adicionais. Igual que acontece coa lingua oral, a escrita medieval galega é basicamente a continuación da que empregaron os romanos. En occidente coa caída do Imperio Romano a cultura albergouse nos mosteiros, onde se conservou a habilidade de escribir, así, a igrexa convértese na depositaria de toda unha tradición clásica que non é transmitida ao resto da sociedade; isto cambia coa introdución da imprenta, o que significa a xeneralización da escrita e o traspaso desta á sociedade. O alfabeto galego actual está formado por 23 caracteres, pero ademais destes grafemas utilízanse no galego unha serie de dígrafos: <ch> ce hache, <gu> gue u, <ll> ele dobre, <nh> ene hache, <qu> que u e <rr> erre dobre que representan un fonema consonántico e algúns deles están en distribución complementario con outro fonema; este é o caso de <r> e <rr>: r escríbese sempre en posición inicial de palabra, en posición final de sílaba e cando segue a outra consoante (rei, cortar, outro, tres, xenro, honra). En posición intervocálica hai oposición entre r/rr (caro / carro, fero / ferro). Cando a unha palabra que comeza por r se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal, non separados dela por guión, hai que duplicar a consoante: rítmico / monorrítmico, rogativa / prerrogativa, redor / arredor, rei / vicerrei, románico / iberorrománico. Os dígrafos e o guión: emprégase o guión para partir palabras a final de liña, esta división só pode facerse mantendo íntegras as sílabas dos dous segmentos. Os dous elementos dun dígrafo non se poden separar, por constituíren a representación dun son único: ce-/rra/lleiro, nigu-/nha. Tamén se poden empregar signos alleos ao noso alfabeto, usados en palabras tomadas doutros idiomas ou en certas abreviaturas e símbolos internacionais como <j> iota (jazz, jeep, jet, jockey, judo); <ç> cedilla (Eça de Queirós); <w> uve dobre (W símbolo do Wat ou vatio, W. oeste, W símbolo químico do wolframio, WB wéber unidade internacional equivalente a un voltio por segundo, en termodinámica, designa o traballo, a enerxía e a cantidade de calor), <k> ka pode aparecer seguido de <h> en topónimos e antropónimos de orixe eslava, persa, árabe, etc. (Khartum, Chekhov, khan, khanato, etc.; km quilómetro, kW quilovatio) e <y> y grego, en álxebra designa xeralmente a segunda incógnita dun sistema de ecuacións (Nova York, yeísmo, Y símbolo da admitancia, símbolo químico do itrio). |