Voltar

Un agasallo de nadal ben galego para o profesorado de Psicoloxía

Que non se queixen os profesores de Psicoloxía, porque este ano a súa Comisión de Normalización Lingüísitica encargouse de que ninguén quedase sen agasallo de Nadal. Xusto na véspera das vacacións o profesorado recibiu un disquete con 15 modelos de documentos de uso habitual xa personalizados. Deste xeito, modelos de instancias, convocatorias de tribunais para a lectura de teses, informes sobre traballos de investigación de alumnos, ou alegacións están á man de tódolos profesores para cando queiran usalos. Teñen xa o seu nome, área de coñecemento e departamento e só teñen que actualizalos para cada ocasión.

Esta actuación está enmarcada dentro dos traballos da Comisión de Normalización de Psicoloxía, e o obxectivo final é proporcionarlle ó profesorado recursos técnicos que contribúan a un uso normal do galego en certas tarefas, desta volta de xestión.

O agasallo foi ben recibido polo profesorado, que xa non ha atopar atrancos para poder realizar parte do seu traballo na nosa lingua. A partir de agora, hai menos escusas: os documentos xa veñen en galego, só hai que engadirlles os datos e están listos para empregar.




Imprimir