|
A Investigación en galego segue medrando A investigación básica en galego na USC vai en aumento. Neste ano que acaba de rematar o SNL rexistrou 8 memorias de licenciatura, 69 proxectos de fin de carreira e 10 teses que se fixeron e se presentaron en galego. Ademais destas, defendéronse na nosa lingua outras 6 teses de investigadores de Filoloxía Galega, e tres máis que non requiriron os servicios de corrección, terminoloxía e axuda económica do SNL. En total foron 19 teses feitas en galego en 2002, o que supón un 13.7% das que se leron nese ano. A túa tese en galego, cum laude é a campaña do Servicio de Normalización Lingüística para animar ós investigadores a usar o galego nos seus traballos. Leva xa nove anos funcionando, e pouco a pouco vai dando os seus froitos. Aínda que a evolución dos traballos en galego é irregular, o certo é que desde 1988, data dende a cal posuímos datos sobre a presencia do galego na elaboración das teses de doutoramento, ata este ano pasado, cando se presentaron na nosa lingua preto dun cento de traballos de investigación, podemos ver unha liña resultante que ascende paseniña pero constante. No eido das teses, e se atendemos ás áreas de coñecemento, os investigadores que máis se decantaron polo uso do galego no ano 2002 foron os de Filosofía e Química. Canto ás memorias de licenciatura foron os investigadores de Historia da Arte os que en maior número escolleron o galego para presentaren os seus traballos, e no eido dos proxectos de fin de carreira, é moi significativa a actitude lingüística dos alumnos da Escola Politécnica Superior de Lugo. Dos 69 proxectos que se realizaron en galego na Universidade de Santiago (nos dous campus), 65 deles son dos alumnos da Politécnica. |