Voltar

Pasa a folla

Lexislación estatal en galego en Internet

Durante moitos anos aqueles que querían traballar en galego no mundo xurídico víanse limitados polo feito de que a lexislación estatal –aínda a máis básica– non contaba con versións en galego, se excluímos algunhas iniciativas interesantes pero pouco ambiciosas da Administración autonómica. A máis importante delas foi a colección Textos legais, na que se recolle lexislación como a Lei de contratos das Administracións públicas, o Código civil, o Código penal, a Lei de asistencia xurídica gratuíta…
Pero, á parte do escaso número de textos para os que se elaborou unha versión galega, o valor xurídico destas podía ser posto en dúbida ao non ser publicados no boletín oficial correspondente e non ser, xa que logo, traducións oficiais desde o punto de vista legal.
Ese problema comezou a atopar unha vía de solución a través dun real decreto de 1997 que permitía a tradución ao galego, catalán e éuscaro das normas con rango de lei (leis, reais decretos-lei e reais decretos lexislativos), e a súa posterior publicación no BOE. Desta forma, desde o 15 de xuño de 1998, todas esas normas contan cunha versión galega facilmente accesible, que se pode facer valer perante os tribunais con plenas garantías da súa legalidade xurídica.
A difusión destes textos realízase a través da publicación de suplementos de periodicidade aproximadamente mensual, aos que tamén podemos acceder a través de Internet. Deste xeito, aínda que cun pequeno atraso con respecto á publicación da versión en castelán, temos a posibilidade de consultar na nosa lingua lexislación moi recente, como a Lei de orzamentos xerais do Estado para 2006, ou outras tan polémica como a Lei de medidas sanitarias fronte ao tabaquismo ou a Lei orgánica de universidades.
Este sistema permítenos tamén acceder a versións actualizadas de textos legais cuxa versión galega publicada en papel, xa foi derrogada, como a Lei de axuizamento civil, ou a Lei de contratos das Administracións públicas, ou ás sucesivas modificacións e correccións de erros que periodicamente vai sufrindo a lexislación estatal.
Todo este corpus de suplementos en galego preséntase ordenado pola súa data de publicacións, pero para facilitar a consulta é posible empregar un buscador que permite recuperar información por diversos criterios, como o título do texto legal, o departamento que o promulgou, o número de BOE ou por calquera palabra que figure no seu texto.




Imprimir