RESOLUCION DO DECANO DA FACULTADE DE DEREITO, POLA QUE SE ESTABLECEN CRITERIOS PARA A CUALIFICACIÓN DO PRACTICUM

O Plan de estudios de Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago contempla dentro das súas materiais troncais, un Practicum, con unha carga docente de 15 créditos que se reparten entre actividades prácticas realizadas na propia Facultade (practicum interno) e actividades desenvoltas fora da Facultade en administracións, despachos, xulgados, etc ( practicum externo).

Dado que se trata de unha única materia procede, polo tanto, establecer unha única cualificación para ámbalas dúas actividades. Neste senso a Comisión Permanente da Facultade, na súa xuntanza de 22 de xuño de 2005 acordou ponderar a cualificación considerando que o  practicum interno  debe representar o 70 % da cualificación final, mentres que o prácticum externo supón o 30 % da cualificación.

Os efectos de establecer as regras xerais para a aplicación do devandito criterio, ó abeiro da competencia recoñecida no artigo 103 1 d) dos Estatutos da Universidade

RESOLVO:

 

1.      A cualificación final do practicum será o resultado de sumar:

a.       A cualificación do practicum interno  puntuado sobre 10 e ponderado por 0,7.

b.      A cualificación do practicum externo, para o que se terá en conta, no seu caso, a realización dunha memoria opcional, puntuado sobre 10, e ponderado por 0,3.

2.      Para proceder a cualificación tal como se dispón na regra anterior será preciso que a cualificación en cada unha das partes sexa superior a 5.

3.      No caso de que en algunha das dúas partes se acade unha cualificación inferior a 5  antes da ponderación a cualificación será de suspenso.  Para a superación da materia Practicum nestes supostos, será necesario realizar en convocatorias posteriores  a actividade na que non se acadou a cualificación de 5.

4.      Para a cualificación do practicum interno en convocatorias extraordinarias, no seu caso, atenderase a resolución e exposición do suposto ou supostos propostos, non existindo neste caso sesións presenciais previas.

5.      Cando o practicum interno fose obxecto de adaptación total, a súa cualificación ós efectos da regla primeira será a media das materias as que se vincula o mesmo.

6.      Cando o practicum interno fose obxecto de adaptación parcial a cualificación resultará de sumar a media das materias  que afectan á parte adaptada, máis a cualificación  da actividade práctica realizada, dividindo o resultado entre 2.

As presentes normas entrarán en vigor ó dia seguinte da súa publicación no Taboleiro de Anuncios da Facultade

Santiago a 18  de xullo de 2005

O DECANO

 

 

 

Antonio López Díaz

 

 

DILIXENCIA

Para facer constar que a presente resolución foi publicada no taboleiro de Anuncios da Facultade o día  19  de xullo de 2005

O DECANO

 

Antonio López Díaz