| Novas/eventos
- INFORMACIÓN
DO NOVO CURSO 2006/2007
-NOVO
EDIFICIO DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN
- REVISTA "RED DIGITAL"
- ESPAZO EUROPEO DE EDUCACIÓN
SUPERIOR
- PRESENTE E FUTURO PARA OS TÍTULOS
DE C.C. DA EDUCACIÓN
|
CONSTRUCIÓN
DA NOVA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN NO CAMPUS
SUR
A
Universidade de Santiago iniciará este ano a construción
do novo edificio que albergará as distintas instalacións
da Facultade de Ciencias de Educación no Campus Sur coa
convocatoria do concurso público de execución
da obra, previsiblemente entre os meses de setembro e outubro.
O proxecto de edificación do centro foi presentado nunha
sesión informativa desenvolvida esta mañá
nas instalacións da antiga escola de Maxisterio de Campus
Norte e na que interviron o reitor da USC, Senén Barro;
o arquitecto autor do proxecto, Alfonso Penelas; o vicerreitor
de Economía e Financiamento, Miguel Vázquez Taín;
e o decano da Facultade, Felipe Trillo.
A execución da obra artellarase en tres fases diferenciadas
comezando pola construción dunha nova edificación
que albergará a biblioteca, a zona polideportiva, aulas,
seminarios e outros servizos docentes e investigadores. A
execución terá un prazo de 18 meses a contar
desde a adxudicación do concurso público, previsto
para os meses de setembro e outubro de 2006. O proxecto continuará
co concurso, en febreiro de 2008, da segunda fase da edificación,
destinada á docencia das distintas titulacións
impartidas nesta Facultade. O concurso arquitectónico
completarase entre 2009 e 2010 coa construción do edificio
de conexións do complexo universitario, destinado a
servizos varios, e para o que se contempla un período
de execución de 15 meses.
En total, a nova edificación permitirá poñer
a disposición das distintas titulacións desta
facultade unha superficie total de aproximadamente 16.100
metros cuadrados, fronte aos 12.232 metros actuais que se
reparten entre a Facultade de Ciencias da Educación
do Campus Sur e o edificio de Xoan XXIII. O orzamento estimado
deste novo complexo arquitectónico ascende a 16 millóns
de euros.
Plan Xeral de Ordenación dos Campus
A execución deste proxecto é unha das actuacións
previstas no Plan Xeral de Ordenación dos Campus co
que se pretende planificar de xeito ordenado e coherente a
distribución dos espazos construtivos e urbanísticos
nos que se desenvolve a vida universitaria de Compostela e
Lugo. Trátase de darlle “un enfoque racional
ao desenvolvemento infraestrutural dos Campus, dentro dunha
programación a medio e longo prazo”, sinalou
Senén Barro no transcurso da sesión informativa
mantida esta mañá cos docentes, investigadores
e persoal de administración e servizos que asistiron
á xuntanza.
A vocación meramente docente está dando paso
a unha nova dimensión na que a Universidade é
ademais unha institución investigadora, emprendedora
e prestadora de servizos e desde esta consideración
“os novos usos requiren de novos espazos acordes coas
necesidades das novas funcións” subliñou
Barro. O traslado de Filosofía ao edificio de Mazarelos,
previsto para o vindeiro mes de marzo, será o primeiro
paso a prol da futura unificación das titulacións
de Ciencias da Educación nunha mesma unidade construtiva. |