Saltar ao contido principal
Inicio  »  Cátedras  »  Cátedra "Valle-Inclán"  »  Actividades

Actividades da Cátedra

O 10 de decembro de 2002 inauguráronse as actividades da Cátedra Valle-Inclán da USC cun acto académico, presidido pola Vicerreitora de Extensión Cultural e Servizos á Comunidade Universitaria, Mar Lorenzo, acompañada pola Concelleira de Cultura do Excmo. Concello de Santiago, Teresa García Sabell, a Decana da Facultade de Filoloxía, Mercedes Brea e a Directora da Cátedra, Margarita Santos Zas, que espuxo os obxectivos e proxectos da mesma. A lección inaugural impartiuna Luis González del Valle, Catedrático de Literatura Española da Universidade de Colorado at Boulder. Dita lección versou sobre “La modernidad y el esperpento: convergencia”.

O 13 de decembro tivo lugar unha segunda conferencia a cargo de José Servera Baño, Catedrático de Literatura Española da Universidade de Palma de Mallorca, que versou sobre “La poesía de Valle-Inclán: Claves líricas”

A Cátedra organizou a estrea en Santiago de Luces de Bohemia de Valle-Inclán, pola Compañía UR TEATRO, dirixida por Helena Pimenta, coa colaboración do Concello de Santiago e o patrocinio da Fundación Caixa Galicia. A obra representouse os días 21 e 22 de xaneiro no Teatro Principal de Santiago de Compostela.

Con posterioridade a estes actos de inauguración a Cátedra Valle-Inclán vén realizando un Seminario Permanente adicado ao autor e dispón dunha colección propia, baixo o nome Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán. A esta labor editorial súmase a publicación do Anuario Valle-Inclán/ALEC, que coeditan Temple University (Philadelphia) e a USC.

Asemade, colabora habitualmente con outros organismos e institucións na común tarefa de difundir a obra do escritor galego. Neste marco inscríbese o convenio asinado entre a Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes e a USC para a creación dun Portal, Cátedra Valle-Inclán, un medio igualmente de difusión das súas actividades académicas e editoriais, así como dos fondos bibliográficos, documentais e inconográficos do Grupo de Investigación Valle-Inclán.

Ao longo do ano 2009 cómpre salientar tres novas actividades desenvolvidas pola Cátedra Valle-Inclán:

O 11 de decembro de 2007 asinárase o primeiro convenio cos Herdeiros Valle-Inclán/Alsina, que se prensentara nun acto público na USC o 28 de febreiro de 2008  Este acordo dáballe acceso expresamente á Cátedra Valle-Inclán á totalidade do legado manuscrito do escritor -en versión dixitalizada- para o seu estudo e posterior publicación en edicións facsimilares na Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán.  En maio de 2009 asínase un novo acordo de colaboración entre a USC e os Herdeiros Valle-Inclán/Alsina para o depósito na USC dos manuscritos orixinais e outros documentos impresos e autógrafos, ademais de debuxos e cartas, de Ramón del Valle-Inclán. Igualmente é importante salientar a tarefa de difusión do legado no ámbito académico, concretamente nas páxinas do Anuario Valle-Inclán VIII (Temple University, Philadelphia); e no foro do “II Congreso Internacional de Manuscritos literarios modernos”, organizado por CiLengua, que convidou á Directora da Cátedra para presentalo en San Millán de la Cogolla (9-11 de decembro), intervención que se retransmitiu en directo en www.cilengua.es.

Por outra banda, o 24 de outubro de 2008 a USC asinou coa Fundación Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes (BVMC) un Convenio de colaboración, conducente á creación do Portal institucional Cátedra Valle-Inclán. O seu obxectivo é dobre: por unha banda, ofrecer unha selección dos seus fondos bibliográficos, documentais e iconográficos máis significativos (portadas, cubertas e unha ampla selección de ilustracións das obras do escritor -1895-1936-; ademais de caricaturas e retratos de Valle-Inclán), que se completan cunha biografía do escritor galego (Santos Zas), e repertorios de bibliografía primaria e secundaria (Javier Serrano e Amparo de Juan). Por outra banda, pretende difundir as actividades promovidas pola Cátedra Valle-Inclán (o portal BVMC ten un link coa nosa páxina web). O Portal inaugurouse o 22 de abril de 2009 e tivo ampla proxección tanto na prensa nacional como local. www.cervantesvirtual.com/portal/catedravalleinclan/

 

O 22 de abril de 2009 inaugurouse no Colexio de Fonseca a exposición Valle-Inclán debuxado/Obra Ilustrada (Fondos da USC), organizada polo Vicerreitorado de Cultura d USC. Esta mostra ten a súa orixe na exposición de caricaturas, Valle-Inclán dibujado. Caricaturas y retratos del escritor/Valle-Inclán debuxado. Caricaturas e retratos do escritor (1888-1936), quese inaugurou o 17 de novembro de 2008. Nela colaborou a Cátedra Valle-Inclán e tamén na edición do seu Catálogo. A orixinalidade da exposición e o seu éxtio levou a propoñela ao Vicerreitorado de Cultura da USC, quen propuxo engadirlle unha nova sección para ocupar as dúas salas de Fonseca. De aí xurdiunos a idea de expoñer o riquísimo fondo bibliográfico valleinclaniano, custodiado na USC, de xeito que a Exposición fora integramente de produción propia. O fio condutor escollido foi a noción de “ilustración”. A Directora e a Secretaria da Catedra Valle-Inclán, comisarias desta nova sección, fixeron a selección de 153 edicións, publicadas entre 1895 (Femeninas) e 1936 (Flores de Almendro) dos fondos da Bibloteca de Filoloxía e da Xeral da USC, que dixitalizaron, e cuxas imaxes foron organizadas cronoloxicamente para a súa montaxe. Así na exposición exhibíronse en vitrinas as 153 edicións, acompañadas de amplos paneis dixitais, que recollían o deseño gráfico e as ilustracións da obra do escritor arousán, que exemplifican a evolución do deseño gráfico no primeiro terzo do século XX e sitúan a Valle-Inclán entre os innovadores das artes do libro. Ámbalas dúas seccións permitían facer un dobre percorrido, biográfico e literario, de Ramón del Valle-Inclán. A inauguración de Valle-Inclán debuxado/Obra llustrada (Fondos da USC) estivo presidida polo Reitor, acompañado da Vicerreitora de Cultura, Dona Elvira Fidalgo, o Vicerreitor de Política Internacional, Don Agustín Merino García, a Concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Dona Concepción Burgo, e os comisarios da Exposición, Javier Serrano e Amparo de Juan (da sección iconográfica) e Margarita Santos Zas e Francisca Martínez (da sección bibliográfica). Todos os intervintes destacaron a importancia de que os materiais documentais e bibliográficos que se exhibiron na mesma procedesen integramente da USC, un “tesouro” que a Universidade quixo pór ao alcance do público en xeral. Ademais, no acto de inauguración o Reitor da USC fixo entrega da Insignia de Ouro da Universidade a Mercedes Alsina Gómez-Ulla, viúva de Carlos del Valle-Inclán Blanco, que recolleu no seu nome o seu fillo, Fernando, pola súa excepcional contribución á Universidade, ao pór a disposición da Cátedra Valle-Inclán os manuscritos do escritor para o seu estudo e publicación.
A acollida que tivo a exposición Valle-Inclán debuxado/ Obra ilustrada (Fondos da USC) (máis de 5000 visitantes, guiados ás veces polas comisarias da sección bibliógrafica), inclinou ao Vicerreitorado de Cultura da USC a alongar a súa exhibición 10 días máis do previsto, e induciunos igualmente a propola a outros organismos ou institucións, a condición de que dispuxesen de fondos bibliográficos valleinclanianos propios. Foi o caso do Museo de Pontevedra, que se fixo eco desta proposta e, tras as xestións pertinentes co seu director, Carlos Valle Pérez, o novo recinto museístico pontevedrés deu acollida a este Valle-Inclán Debuxado / Obra ilustrada non Museo de Pontevedra , desde o 22 de outubro ao 15 de novembro. Foron os seus comisarios os mesmos da exposición compostelana e contouse para a sección bibliografica coa colaboración de Ana Barbazán, directora da biblioteca do museo pontevedrés. Javier Serrano e Margarita Santos fixeron unha visita guiada ao numeroso publico asistente ao acto de inauguración, presidido polo Vicepresidente da Deputación de Pontevedra. A exposición foi igualmente un éxito.

O luns, 26 abril de 2010 a Cátedra Valle-Inclán de la USC presentou a súa Colección Biblioteca de la Cátedra Valle-Inclán no I Foro Editorial de Estudios Hispánicos e Americanistas que se celebrou os días 21, 22 e 23 de abril de 2010 na Universidade Jaume I de Castellón, en conmemoración do Bicentenario das Independencias.

O Foro naceu co obxectivo de facer visible o libro universatario como vehículo privilexiado para a transmisión do coñecemento científico.
 
Este encontro, organizado pola Unión de Editoriales Universitarias Españolas (UNE) e o Instituto Cervantes, tiña por título “España y América en el Bicentenario de las Independencias”.

 

Dentro do Programa "Sabados de autor", organizado pola Fundación Cidade da Cultura, a xornada do 26 de marzo de 2011 estivo dedicada ao escritor arousán, baixo o título "Valle-Inclán e a visión estelar"

12:00 | Relatorio: Margarita Santos Zas entrevista a  José Luis Gómez. Margarita Santos Zas é profesora da USC, directora da Cátedra Valle-Inclán e do Anuario Valle- Inclán (Temple University/ USC).

13:00 | Lecturas dramatizadas (35’) a cargo de  José Luis Gómez.Actor e director do Teatro de La Abadía. Posúe, entre outros, o Premio á mellor interpretación masculina no Festival de Cannes, o Premio Nacional de Teatro e a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Experto en Valle Inclán, adaptou boa parte da súa obra teatral. Os seus últimos traballos no cine foron baixo a dirección de Pedro Almodóvar e Milos FormanP

 

Presentación na Real Academia de España en Roma

O 4 de abril, tivo lugar a presentación do libro  Todo Valle-Inclán en Roma (1933-1936): edición, anotación, índices y facsímiles, na Real Academia Española de Bellas Artes en Roma. As súas autoras Margarita Santos Zas (Dir.), Francisca Martínez, Carmen Vílchez, Catalina Míguez, Cristina Villarmea, Sandra Domínguez e Rosario Mascato viaxarán á capital italiana, convidadas por D. Enríque Panés, actual Director da devandita Institución, acompañadas da Secretaria Xeral da USC, Dna. Lourdes Noya Ferreiro e o Vicepresidente da Deputación de Pontevedra -coeditora do libro-, para presentar esta obra, galardoada con Premio de Investigación Valle-Inclán 2008 e editada, dentro da Colección Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán en 2010. Este volume dobre -formato papel e CdRoom- reúne 267 documentos anotados e 70 facsímiles, relativos á biografía de Valle-Inclán correspondente á súa etapa como Director da Academia de Bellas Artes de Roma: prensa galega, nacional e italiana, cartas autógrafas, oficios, memorias e informes do escritor, procedentes dos arquivos da Embaixada e Academia de Roma, do Ministerio de Asuntos Exteriores e de diversas hemerotecas. Acompáñase de dous índices (onomástico e organismos e institucións), nos que, respectivamente, se biografía cada un dos nomes consignados e se historia todas as entidades mencionadas. Completan a edición tres apéndices, con documentación referida á estrea en Roma de Los cuernos de don Friolera, doce cartas e un bo número de necrolóxicas que dan conta da repercusión internacional da morte do escritor.

 

Organización do Congreso Internacional Valle-Inclán e as artes: Santiago de Compostela, Facultade de Filoloxía da USC, 25-28 de outubro de 2011): http://www.usc.es/gl/goberno/vrrelins/catedras/valle-inclan/congreso.html
 

 

 

A Directora do Grupo de Investigación/Cátedra Valle-Inclán, Margarita Santos Zas, participou, xunto a dous membros do GIVIUS no Workshop Digital Text / Genetic Document. Text Encoding Initiative and Genetic  Edition, celebrado en Berna, do 3 ao 7 de setembro de 2012.  Esta iniciativa da Dra.  Bénédicte Vauthier, xuntou a máis de 40 especialistas para compartir experiencias ou proxectos no ámbito da edición dixital, con especial énfase no sistema internacional de marcado do Text Encoding Initiative, cuxos fundamentos (TEI -LITE) foron aplicados en talleres prácticos impartidos polos especialistas Lou Burnard (Univ. Oxford, TGE Adonis), Elena Pierazzo (King’s College London, Centre for Computing in the Humanities), Christof Schöch (Univ. Würzburg, Projekt Dariah-DE) e Alejandro Bia Plata (Univ. Miguel Hernández) . Este encontro foi patrocinado por o Fonds National Suisse, a Académie Suisse des Sciences Humaines et Sociales, a Consejería de Educación da Embaixada de España en Suiza, o TGE Adonis, os Archivos Literarios Suizos (ALS), os institutos de xermánicas e hispánicas da Universidade de Berna e OXYGEN.