O Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (GIVIUS) ten a súa orixe no Proxecto de Investigación La obra literaria de Valle-Inclán: estudios y ediciones, subvencionado en 1988 pola Dirección Xeral de Ensino Universitario e Política Científica da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, sendo entón o seu I.P. o Dr. Luis Iglesias Feijoo, Catedrático de Literatura Española da USC.
Este foi o punto de partida dun sostido traballo en torno á figura e obra de Valle-Inclán, que iría consolidándose, por unha parte, a medida que o núcleo inicial, integrado exclusivamente por profesores do actual Departamento de Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral, foi incorporando investigadores mozos, capaces de ampliar o seu horizonte de traballo e impulsar novas actividades, que desde 1994 dirixe Margarita Santos Zas; por outra, a progresiva ampliación da súa tarefa investigadora prodúcese grazas ás sucesivas subvencións que ata a actualidade recibiu o mencionado Proxecto de Investigación, ben da Xunta de Galicia ben do Ministerio de Educación e Ciencia.
Ao mesmo tempo que viñeron desenvolvendo diversas tarefas, os membros do GIVIUS realizaron as súas memorias de licenciatura e/ou teses de doutoramento, seguindo as directrices do Proxecto.
En 1998 o GIVIUS presentou os seus obxectivos, liñas de traballo e achegas ante os asistentes ao Seminario Internacional “Valle-Inclán (1898-1998): Escenarios” (novembro e decembro de 1998), promovido pola Universidade de Santiago, cuxas Actas se publicaron en 2000. O labor continuado destes colaboradores mozos permitiron ampliar o horizonte de traballo do Proxecto de Investigación Valle-Inclán sen quebrar as liñas inicialmente marcadas, que se reflicten en publicacións colectivas e individuais, iniciativas editoriais ou participación e organización de congresos.
En 2002, ao se crear a Cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán, a USC máis alá de recoñecer a tarefa investigadora levada a cabo polo GIVIUS -o seu primordial obxectivo-, posibilitaba a realización de outras actividades académicas con financiación externa, neste caso no marco do ‘Programa Universidades’ do Grupo Santander.
Na actualidade, o GIVIUS conta cun amplísimo fondo bibliográfico (1888-1936) e documental (1866-1936), adquirido coas sucesivas subvencións obtidas a través dos Proxectos de I+D (DGICYT e Xunta de Galicia).
A USC custodia 10 cartas autógrafas orixinais de Valle-Inclán, dirixidas a Genaro Estrada, escritas entre 1924 e 1935, xeneroso donativo que o Dr. Don Luis Mario Schneider –l amentablemente xa desaparecido- fixo ao GIVIUS en 1998.
A este fondo veu sumarse recentemente a totalidade do legado manuscrito do escritor (obra inédita e editada, ademais do seu epistolario), en virtude dun convenio asinado entre a USC e os Herdeiros Valle-Inclán/Alsina (11 de decembro de 2007), que lle permite o acceso ao devandito legado para o seu estudo e publicación en edicións facsimilares.
Dispón ademais de arquivos en papel e bases de datos informáticas e edicións dixitalizadas das obras publicadas en forma de libro en vida do escritor. Asemade, conta cunha bibliografía secundaria posta ao día, depositada, igualmente, na Biblioteca da Facultade de Filoloxía da USC. O GIVIUS é autor de diversas publicacións colectivas (actas, edicións facsímiles e monografías) e edita coa Universidad de Temple (Philadelphia) o Anuario Valle-Inclán / Anales de la Literatura Española Contemporánea.
Os Integrantes do GIVIUS/CÁTEDRA VALLE-INCLÁN (bolseiros e colaboradores) realizan as súas memorias de licenciatura ou teses de doutoramento, seguindo as directrices e liñas de investigación do propio Grupo, entre cuxas actividades destaca a organización de congresos internacionais consagrados ao escritor galego e celebrados en Santiago de Compostela (1986, 1995 e 1998).
O GIVIUS foi recoñecido como Grupo de Referencia Competitiva con Potencial de Crecemento pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (Acsug), da Xunta de Galicia, para o periodo 2012-2015.