Saltar ao contido principal
Inicio  »  Cátedras  »  Cátedra "Valle-Inclán"

Cátedra "Valle-Inclán"

A Cátedra de Extensión Cultural Valle-Inclán da Universidade de Santiago de Compostela creouse o 20 de marzo do 2002, en virtude dun Convenio de Cooperación entre a USC (Excmo. e Macgo. Sr. Reitor D. Darío Villanueva Prieto) e o Concello da cidade (Ilmo. Sr. Alcalde D. Xosé A. Sánchez Bugallo ), co obxecto de proporcionar un marco de integración e apoio á tarefa de investigación, actividades e proxectos que desde o 1988 vén desenvolvendo o Grupo de Investigación Valle-Inclán da USC (en adiante, GIVIUS).

Ademais dese primordial obxectivo, a Cátedra Valle-Inclán da USC desenvolve as súas propias iniciativas, (financiadas no marco do ‘Programa Universidades’ do Grupo Santander), que amplían e completan as propiciadas polo GIVIUS, se ben conflúen no común propósito de potenciar os estudos valleinclanianos e dálos a coñecer á comunidade científica.

A tal fin creouse, por unha parte, un Seminario Permanente impartido por especialistas na obra do escritor galego, que ao longo do ano académico proporciona aos seus participantes, a oportunidade de debater e traballar con recoñecidos valleinclanistas problemas e cuestións relativas á figura e obra de Ramón del Valle-Inclán. Por outra, púxose en marcha a Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán no marco do Servizo de Publicacións e Intercambio Científico da USC, cuxa directora é Margarita Santos Zas. A finalidade desta Biblioteca é servir de canle á divulgación universitaria da investigación en torno á figura e obra do escritor, con dúas liñas básicas editoriais: unha, edicións (facsimilares, críticas, etc.) e cadernos de dirección de escena de calquera obra dramática de Valle-Inclán, que teñan un valor histórico e/ou artístico; a segunda, monografías que, con diversas metodoloxías e enfoques críticos, teñen como eixo a figura e obra do escritor, así como o seu contexto histórico-cultural.

Desempeña a dirección da Cátedra Valle-Inclán desde a súa creación Margarita Santos Zas (24/04/2002), sendo a súa secretaria técnica Francisca Martínez Rodríguez, ao igual que o foron anteriormente Pilar Veiga, Rosario Mascato e Sandra Domínguez, todas integrantes do GIVIUS.

Contou así mesmo coa colaboración de Estudio ZM e na actualidade con Signum Deseño, artífice da imaxe gráfica da colección da Cátedra e tamén do seu logotipo; e asemade coa colaboración de Rafael López Mella, que desenvolveu labores de apoio informático e deseño desta páxina web segundo o modelo da USC.

Logotipo da Cátedra Valle-Inclán