Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Bioloxía

Facultade de Bioloxía

Facultade de Bioloxía

Enderezo

Rúa Lope Gómez de Marzoa, s/n. Campus sur.
15782 Santiago de Compostela

Web: http://www.usc.es/gl/centros/bioloxia
Teléfono Conserxería: 881813245
Teléfono Decanato: 881813308
Fax: 881813195
Correo electrónico Decanato: zbiodeca@usc.es

PRESENTACIÓN

  Esta páxina da Facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC), pretende informar da realidade da Facultade, difundir a súa oferta formativa e ofrecer información xeral de utilidade para o alumnado, profesorado, persoal de administración e servizos e ás persoas interesadas en cursar estudos de Bioloxía: planos de estudo, programación docente do curso, calendarios, horarios e datas de exames, os regulamentos e normativas, os programas de intercambio, o funcionamento da administración e servizos.

 

 A ciencia da Bioloxía constitúe un dos alicerces fundamentais do coñecemento. O estudo da vida desde o nivel molecular ata o ecosistema, incluído todo aquilo relacionado coa especie humana, a biotecnoloxía e a conservación e xestión do medio ambiente, constitúe un dos eixos fundamentais da investigación básica e aplicada a nivel mundial.

Como se dixo, a Bioloxía, como ciencia que estuda os seres vivos e os fenómenos vitais en todos os seus aspectos, constitúe unha das ramas principais e máis amplas do coñecemento científico. A comprensión do fenómeno vital que proporciona o estudo da Bioloxía condicionou e condiciona o desenvolvemento da humanidade, tanto polo seu impacto sobre o pensamento, chega pensar nas teorías da evolución, como polas súas implicacións no benestar e a saúde da poboación, o estudo e conservación da natureza, etc. Non é de estrañar, xa que logo, que o desenvolvemento actual da Bioloxía converteuna nunha ciencia de enorme interese social sendo foco de atención permanente por parte dos medios de comunicación, os cales tenden a difundir cada vez con máis frecuencia información directamente relacionada cos distintos ámbitos do coñecemento biolóxico. Por outra banda, cabe resaltar que a inmensa maioría dos Premios Nobel de Medicina e Fisioloxía e moitos de Química concédense a descubrimentos na área da Bioloxía.

 O ensino da Bioloxía e a investigación nas súas múltiples facetas leva realizándose desde hai varias décadas na Universidade española e dentro das titulacións de Ciencias Experimentais é a que ten máis éxito, tomando como criterio o número de alumnos/as que acceden a estes estudos. Ata xoga un papel importante en relación con outras titulacións, particularmente da área de Ciencias da Saúde, xa que non só recibe estudantes que non puideron acceder a esas titulacións senón que tamén prové a eses laboratorios de licenciados con enorme interese pola investigación relacionada coa Biomedicina.

 A demanda social de profesionais da Bioloxía, así como a confianza depositada neles, foi aumentando progresivamente os últimos anos do mesmo xeito que o interese dos estudantes por cursar esta ciencia. Os estudos levados a cabo por distintos Colexios Oficiais de Biólogos de España, puxeron de manifesto que a profesión de biólogo leva un importante factor vocacional dado o incremento de alumnos/as que escollen en primeira opción devandita titulación. De feito, os estudos de Bioloxía ofrécense na maioría de universidades de prestixio tanto españolas como internacionais. A pesar da sensación que se ten de escasa colocación como profesionais da bioloxía, os datos das enquisas realizadas indican que hai cada vez unha porcentaxe maior de licenciados/as en Bioloxía que levan a cabo algunha función profesional relacionada cos seus estudos. Ademais os titulados/as en Bioloxía, unha ciencia integradora e de coñecemento transversal, son moi valorados pola súa formación e capacidade de razoamento en ámbitos moi diversos.

 A Bioloxía é unha titulación científica, cun carácter profesional propio, pero non equiparable a outras titulacións máis claramente deseñadas para cubrir nichos profesionais moi concretos. Cabe indicar, que a profesión de biólogo/a ten en España status de profesión regulada (Real Decreto 1754/1998, de 31 de xullo; BOE de 7 de agosto de 1998) cunhas competencias profesionais recoñecidas legalmente e valoradas como un activo de gran importancia para os titulados universitarios españois. No marco das funcións do biólogo/a definidas no artigo 15 dos Estatutos do Colexio Oficial de Biólogos (RD 639/1996, de 26 de Abril; BOE de 23 de maio de 1996) relaciónanse os principais ámbitos de exercicio profesional:

 ·         Profesional sanitario en laboratorio clínico, reprodución humana, saúde pública, nutrición e dietética, saúde animal e vexetal entre outros.

·         Profesional da investigación e o desenvolvemento científico en todos os ámbitos de avance fundamental e aplicado das ciencias experimentais e da vida, desenvolvendo as súas tarefas en centros de investigación fundamental e en departamentos de investigación e desenvolvemento de empresas, industrias ou hospitais.

·         Profesional da industria biotecnolóxica, farmacéutica, agroalimentaria e química principalmente, desenvolvendo tarefas de responsabilidade nas áreas técnica, de produción e xestión da calidade, desde a química, a bioquímica, a microbioloxía, a toxicoloxía, a fisioloxía, a farmacoloxía e a epidemioloxía e outras perspectivas científicas que quedan reflectidas no seu exercicio como profesional da investigación e o desenvolvemento.

·         Profesional agropecuario na optimización dos cultivos de vexetais, animais e fungos xa explotados regularmente e na procura de novos xacementos de recursos vivos explotables.

·         Profesional do medio ambiente principalmente en sectores como a ordenación, conservación e control do territorio, xestión de recursos -forestais, agrícolas, marítimos-, xestión de residuos, avaliación de impactos e restauración do medio natural.

·         Profesional de información, documentación e divulgación en museos, parques naturais, zoolóxicos, editoriais, gabinetes de comunicación, empresas, fundacións científicas, prensa ou televisión, como guía ou monitor, escritor, redactor, xornalista especializado, divulgador, asesor científico, ilustrador ou fotógrafo da ciencia, a vida e o medio natural.

·         Profesional do comercio e mercadotecnia de produtos e servizos relacionados coa ciencia biolóxica en todos os ámbitos descritos nos apartados anteriores.

·         Profesional da xestión e organización de empresas que realiza tarefas de dirección ou alta xestión experta en ámbitos empresariais relacionados coa formación e a profesión do biólogo/a.

·         Profesional docente no ensino secundario, na universidade ou na formación profesional, na formación continuada ou na docencia de posgrao, en todas aquelas áreas ou materias relacionadas co coñecemento científico en xeral, e especificamente coas ciencias da vida e experimentais.

 

BREVE RESEÑA HISTÓRICA

 A Facultade de Bioloxía da USC creouse en 1997 (OM de 14 de outubro/BOE/11-XI-77) como consecuencia da división da antiga Facultade de Ciencias, creandose ao mesmo tempo as Facultades de Química e Matemáticas. Anteriormente, no ano 1964 aprobouse o primeiro plano de estudos en Bioloxía na Universidade de Santiago, aínda dentro da Facultade de Ciencias, e é no ano 1966 cando se crea a Sección de Ciencias Biolóxicas comezando, nese mesmo ano, os seus estudos a primeira promoción de Biólogos que remataría a súa licenciatura en 1971.

 Inicialmente ubicada na Facultade de Ciencias, agora Facultade de Química, trasladase no ano 1972 para compartir edificio coa recén inaugurada Facultade de Farmacia onde permaneceu ata a construción da actual Facultade de Bioloxía en 1982. Aínda que, nestas dúas últimas décadas co aumento de profesorado e de alumnos xunto coa expansión en líneas de investigación e a precariedade das instalacións, plantexouse unha reforma integral da mesma e a ampliación de espazos, chegándose a un acordo entre o equipo de goberno da USC e o da Facultade de Bioloxía.

 Dende o ano 2008, catro unidades docentes e investigadoras da Facultade de Bioloxía (Bioloxía Molecular e Bioquímica, Bioloxía Celular, Xenética e Microbioloxía), ocupan um novo edificio de investigación, vinculado á Facultade de Bioloxía, denominado CIBUS (Centro de Investigacións Biolóxicas da USC). Este traslado permitiu o crecemento das demás unidades docentes (Botánica, Fisioloxía Animal, Antropoloxía, Ecoloxía, Fisioloxía Vexetal, Edafoloxía, Zooloxía e Tecnoloxía de Produtos Pesqueiros) que permanecen no actual edificio. Ao mesmo tempo a Facultade de Bioloxía está sendo reformada íntegramente co fin de adecuarse ás actuais necesidades tanto docentes como investigadoras e á normativa europea de seguridade vixente. Esta obra, segundo o proxecto do arquitecto Santiago Catalán, estase levando a cabo mediante un plan director de reforma que se realiza en tres fases e que rematará en 2011.

 Na Facultade de Bioloxía impartense os estudos para as Titulacións de Grao en Bioloxía adaptado ao EEES e os da Licenciatura en Bioloxía (en proceso de extinción), así como a docencia no Máster de Neurociencia, Máster en Acuicultura, Máster en Biodiversidade e Conservación do Medio Natural e Máster en Medio Ambiente e Recursos Naturais, todos eles adscritos á Facultade. No curso académico 2011-2012 comenzará a impartirse tamén o Máster en Bioloxía Mariña.