Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Ciencias da Educación  »  Benvida

Benvida

Esta páxina da Facultade de Ciencias da Educación da Universidade de Santiago de Compostela pretende informar da realidade da Facultade, difundir a súa oferta formativa e ofrecer información xeral de utilidade para estudantes e profesores: orientacións sobre o funcionamento da administración e servicios, planos de estudos, programación docente do curso, calendarios, horarios, datas de exames, regulamentos e normativas, programas de intercambio, ...

Neste centro ofrécense actualmente as diplomaturas de Mestre (nas especialidades de Educación Infantil, Educación Primaria, Educación Musical e Lingua Estranxeira), a diplomatura en Educación Social, a licenciatura en Pedagoxía (única no sistema universitario de Galicia) e a licenciatura en Psicopedagoxía. No curso 2009-10 comezou a impartirse o grao en Educación Social e o grao en Pedagoxía, e en 2010-11 comezan os graos de Mestre de Educación Infantil e de Mestre de Educación Primaria, adaptados xa ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Tamén se imparten diversos posgraos, uns de iniciación á investigación e outros de orientación profesionalizadora.

Nos Departamentos que dan soporte a estas titulacións desenvolven a súa actividade grupos que constitúen unha referencia recoñecida na investigación sobre os procesos de ensino e aprendizaxe e de variados campos da educación.

A Facultade quere distinguirse polo seu espírito innovador en Docencia e Investigación e polo seu ambiente de traballo estimulante e amable.        

Mantemos unha política de mellora continua con fin de presentar unha oferta docente de calidade e para isto o persoal de administración e servizos e o profesorado esforzámonos no traballo diario.

Sentímonos orgullosos dos alumnos e alumnas que estudaron na nosa facultade que, en moitos casos, ocupan xa postos de responsabilidade no sistema educativo ou en departamento de educación ou formación de empresas e institucións.

Agardamos que con esta Guía o alumnado poida facerse unha idea precisa do funcionamento do seu Centro, e dispoña en todo momento dos datos e información que lle interesen para unha mellor organización dos seus estudos e unha participación máis activa na vida da Facultade.

equipo decanato