Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Ciencias da Educación  »  Historia do centro

Historia do Centro

AS ORIXES DA FACULTADE DE CIENCIAS DA EDUCACIÓN

Pola regulamentación do Real Decreto de 30 de marzo de 1849, establecíanse Escolas Normais Superiores nas capitais de Distritos Universitarios. Nacía, así, a Escola Normal Superior de Mestres da Universidade de Santiago de Compostela, antecedente da actual Facultade de Ciencias da Educación. Ubicouse no edificio do antigo colexio de San Xerome. A Escola Normal de Mestras creouse en Santiago, en virtude dunha Real Orde de 6 de decembro de 1930. Pouco despois, coa chegada da Segunda República, facía a súa aparición o lembrado Plano Profesional, en réxime de coeducación.

A partir de 1945, os centros pasaron a denominarse Escolas de Maxisterio, “López Ferreiro”, a de mestres, e “Isabel La Católica”, a de mestras. En 1964 tivo lugar a reunificación. Coa chegada da Lei Xeral de Educación (1970), produciuse a integración das Escolas Normais na Universidade. Nacía, desta maneira, a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de E.X.B. de Santiago de Compostela.

No curso 1973-74 recoñecíanse as ensinanzas de Filosofía e Ciencias da Educación na Universidade compostelá. Pouco despois, en 1975, creábase a Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación, na que se integraron as Seccións de Filosofía, Pedagoxía e Psicoloxía. Da segregación da anterior Facultade de Filosofía e Ciencias da Educación xurdiron novas Facultades.

Polo Decreto 384/1996, de 17 de outubro (DOG, do 5 de novembro) a Escola Universitaria de Formación do Profesorado de EXB no Campus de Santiago suprimíase como tal e quedaba integrada na estrutura propia de nova Facultade de Ciencias da Educación. Continuou, sen embargo, ata a actualidade a problemática dende o punto de vista físico: Campus Norte, para os Títulos de Mestre/a e Campus Sur, para o resto das titulacións.

A integración nun edificio único, que supere as limitacións actuais, preséntase como un reto importante para a impartición dos novos graos.