Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Ciencias da Educación  »  Información da Materia

G3081105 - Educación e Sociedade en Galicia (Educación) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 24.00
  • Clase Interactiva Seminario: 24.00
  • Horas de Titorías: 3.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social
  • Áreas: Teoría e Historia da Educación
  • Centro: Facultade de Ciencias da Educación
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: Primeiro Curso (1º 1ª vez)

Profesores

NomeCoordinador
PEÑA SAAVEDRA, VICENTE.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo CLE01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo CLIS_01 (A-García B)OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo CLIS_02 (García C-P)OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo CLIS_03 (R-Z)OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS03OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS04OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS05OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS06OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS07OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego


  • Obxectivos da materia
    1. Ofrecer unha visión panorámica da configuración e do desenvolvemento do sistema educativo en Galicia, contextualizándoo no seu marco social.
    2. Analizar algúns dos procesos educativos de maior significación no devir da sociedade galega contemporánea, nas súas vinculacións dinámicas e interactivas cos demais segmentos da realidade.
    3. Facilitar a adquisición das destrezas intelectuais necesarias e dos coñecementos requiridos para unha comprensión máis óptima da problemática educativa da Galicia actual.
    4. Familiarizarse co uso e a consulta dos acervos bibliográficos e documentais máis relevantes e comúns que se empregan na materia.
    5. Desenvolver as capacidades expresivas e comunicativas que require a construción do relato en clave socio-histórica no campo da educación.
    6. Identificar as expectativas, demandas e respostas sociais que se suscitan ante a configuración e o funcionamento do sistema escolar en Galicia.
    7. Realizar o seguimento diacrónico dalgunha experiencia educativa senlleira no devir da historia recente da cultura educativa en Galicia, incardinándoa cos demais compoñentes da realidade social na que se encadra.
    8. Analizar a situación e o estado actual do sistema educativo na Comunidade Galega nas súas vinculacións interactivas cos segmentos que configuran o tecido social do país.
    9. Fomentar nos futuros graduados en Pedagoxía actitudes positivas cara á disciplina e axudarlles a percibir o seu sentido e a súa utilidade nos currícula pedagóxicos.
    10. Relacionar e articular de forma integrada os contidos da disciplina co corpus cognitivo doutras materias do plano de estudos do que fai parte, a fin de que os coñecementos adquiridos acaden maior relevancia e significación, e contribúan, asemade, a unha capacitación máis óptima dos futuros graduados en Pedagoxía.

    A concreción destes obxectivos irase facendo efectiva ao longo do semestre que, como secuencia temporal, lle corresponde á materia para o desenvolvemento dos diferentes núcleos temáticos e a realización das actividades programadas. Nas sesións de traballo na aula, o alumnado recibirá unha información máis detallada co propósito de ampliar, clarexar e matizar os enunciados que aquí se formulan en forma de obxectivos.

    Contidos
    1. A educación en Galicia nas súas coordenadas socio-históricas e culturais. O pasado.
    1.1. Configuración e desenvolvemento do sistema escolar durante o século XIX. Política educativa e realizacións institucionais: das Cortes de Cádiz á creación do Ministerio de Instrucción Pública e Bellas Artes.

    1.2. Consolidación e expansión do sistema escolar entre a Baixa Restauración e a Guerra Civil. Política educativa, realizacións institucionais e expectativas sociais.

    1.3. A educación baixo a dictadura franquista. Política educativa e discurso ideolóxico. Realizacións institucionais: a escola primaria; os novos centros educativos do Réxime; as prácticas educativas de carácter non formal.

    2. Transición democrática, autonomía política e reforma educativa. O presente.
    2.1. Mudanzas e modernización recentes da sociedade galega.

    2.2. A política educativa no marco autonómico.
    2.2.1. Traspaso de competencias e descentralización administrativa na xestión do sistema educativo.
    2.2.2. Transferencia de recursos, servizos e funcións.
    2.2.3. A Administración educativa autonómica: estrutura orgánica e funcións.
    2.2.4. Ordenamento legal da educación no período autonómico.
    2.2.5. A reforma educativa en Galicia.

    2.3. Realizacións institucionais e práctica educativa.
    2.3.1. Estado actual do sistema educativo en Galicia: centros e servizos.
    2.3.2. Lingua, cultura e educación: avances, debates e novos retos.
    2.4. Administración local e educación.
    2.4.1. Ámbitos competenciais.
    2.4.2. Accións desenvolvidas.
    2.5. Participación social e innovación educativa.

    Bibliografía básica e complementaria
    Barreiro, X. R. (1993): Galicia. Historia contemporánea. Enseñanza y cultura. T. VI. A Coruña, Hércules de Ediciones.
    Consellería de E. e O. U (1997 e 2000): Lexislación xeral sobre a ensinanza non universitaria na comunidade autónoma de Galicia. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. 4 tomos.
    _____ (1998): Rede de centros de ensino público de Galicia. Ensinanzas de réxime xeral de niveis non universitarios. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. 4 vols.
    _____ (2000): A reforma educativa en Galicia. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    _____(2000): Guía do ensino non universitario en Galicia, 2000-2001. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    _____ Dir. X. de U. (2000): Lexislación universitaria. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    _____ (2000): Sistema Universitario de Galicia. Datos estatísticos históricos, 1992-1999. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    _____(2001): Unha década do sistema universitario de Galicia. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    _____Dir. X. de O. E e F. P. (2000): A orientación educativa e profesional en Galicia. Santiago, Xunta de Galicia.
    _____- Consellería de Familia e P. do E. M. e X. (2001): Plan galego de Formación profesional. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    Consello Escolar de Galicia (1994-2010): Informes varios. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia.
    Costa, A. (1996): A Reforma da educación (1906-1936). Sada, Edcs. do Castro.
    _____ (2004): Historia da educación e da cultura en Galicia (séculos IV-XX). Vigo, Edicións Xerais.
    Currás, C. (1995): A educación compensatoria en Galicia. S. de Compostela, Serv. de Publ. da Universidade.
    Gabriel, N. de (1990): Leer, escribir y contar. Sada, Ediciós do Castro.
    _____ (2001): Escolantes e escolas de ferrado. Vigo, Edicións Xerais de Galicia.
    _____ (2006): Ler e escribir en Galicia. A alfabetización dos galegos e das galegas nos séculos XIX e XX. A Coruña, Servizo de Public. da Universidade da Coruña.
    Graña, V. (comp.) (2001): Lexislación da lingua galega. A Coruña, Xunta de Galicia.
    I.C.E. (1988-1990): A educación en Galicia. Informe cero. Santiago de Compostela, Univ. de Santiago, 2 vols.
    Peña, V. (1991): Éxodo, organización comunitaria e intervención escolar. Santiago de C., Xunta de Galicia, 2 vols.
    _____ (1995):"As Sociedades Galegas de Instrucción: proxecto educativo e realizacións escolares". Estudios Migratorios. Nº 1, decembro, pp. 8-83.
    _____ (1999): "Los emigrantes transoceánicos como agentes de modernización educativa en el norte peninsular". En La educación en España a examen (1898-1998). Zaragoza. MEC-CSIC-Diputación de Zaragoza, pp. 213-246.
    _____ (dir.) (2001): Repertorio biblio-hemerográfico da educación en Galicia, 1715-1970. Santiago, Xunta de Galicia.
    _____ (2002): "As escolas que viñeron de alén mar (Galicia, ss. XVII-XXI). Algunhas réplicas dende terras lusas. História (Porto). III Série, vol 3, pp. 245-262.
    VV. AA.. (1984): La educación en Galicia. Aproximación a la situación actual. Bordón. Nº 253, maio-xuño.
    PUBLICACIONES PERIÓDICAS: Revista Galega do Ensino, Sarmiento, Revista Galega de Educación, Adaxe.
    REFERENCIAS ELECTRÓNICAS:
    -Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Xunta de Galicia: http://www.edu.xunta.es/portal/
    -Consello da Cultura Galega: http://consellodacultura.org/
    -Consello Escolar Galicia. Informe sobre o estado e situación do sistema educativo en Galicia. Cursos 2002-2003 a 2004-2005:www.edu.xunta.es/ftpserver/portal/CEG/Evolucion. PDF.
    Competencias
    a) Ter capacidade para analizar as realidades sociopolíticas, económicas, educativas, culturais e lingüísticas nas que se desempeña o labor profesional dos pedagogos e das pedagogas, tanto en termos diagnósticos como prospectivos.
    b) Coñecer, comprender e analizar de modo integral situacións educativas en diferentes contextos, sendo capaces de adaptar e aplicar os fundamentos académicos e científicos da Pedagoxía ás mesmas.
    c) Expresarse e comunicarse facendo uso de diferentes códigos e recursos (lingüísticos, materiais e tecnolóxicos).
    d) Manter unha permanente actitude de formación e de actualización verbo do seu desempeño profesional, así como das realidades afectadas pola súa práctica.
    e) Identificar problemas educativos e indagar sobre eles para posibilitar propostas de mellora na práctica educativa.
    COMPETENCIAS ESPECÍFICAS DA MATERIA
    - Acadar un coñecemento básico e preciso sobre o desenvolvemento e a estruturación sociohistórica na contemporaneidade en Galicia.
    - Realizar un achegamento aos indicadores sociais que tipifican o contexto galego.
    - Contribuír ao coñecemento comprensivo dos riscos que constitúen o sistema educativo nas súas varias manifestacións de planificación e xestión.
    - Analizar a problemática relacionada coa normalización do galego e examinar planes, programas e iniciativas que se teñan desenvolvido ou se estean a desenvolver actualmente, en particular no tocante á educación.
    OUTRAS COMPETENCIAS, DESTREZAS E HABILIDADES QUE CÓMPRE ATINXIR DENDE A MATERIA
    Dende unha óptica realista, o tratamento da materia e a implicación plena nela debe traducirse a efectos prácticos na formación e consecución dunha conciencia socio-histórica no estudantado respecto do acontecer na esfera educativa, como condición ineludible para a súa acaída intelección e explicación. Isto requirirá que cantos participen no proceso de ensino-aprendizaxe procuren atinxir coa axuda do profesorado e por medio do estudo e das tarefas programadas, entre outras, as seguintes competencia complementarias das formuladas no epígrafe anterior:
    - Dominar as categorías conceptuais básicas e a terminoloxía técnica máis usual do campo de saber no que se encadra a materia.
    - Amosar a posesión do coñecemento indispensable acerca dos compoñentes estruturais do sistema educativo en Galicia, no marco sociopolítico do Estado español e no seu devir temporal, con especial atención ao período autonómico.
    - Ser capaces de identificar as expectativas, demandas e respostas sociais que se suscitan ante a configuración e a implantación do sistema escolar en Galicia.
    - Posuír as destrezas intelectuais necesarias para analizar a situación e o estado actual do sistema educativo na Comunidade Galega nas súas vinculacións interactivas cos segmentos que configuran o tecido social do país.
    - Demostrar habilidade, solvencia e rigor no uso e tratamento dos acervos bibliográficos e documentais de toda natureza que se empreguen na construción e desenvolvemento da materia.
    - Acreditar actitudes positivas cara á disciplina e recoñecer o seu sentido e utilidade nos currícula pedagóxicos.
    A concreción destas competencias, destrezas e habilidades irase facendo efectiva ao longo do semestre que, como secuencia temporal, lle corresponde á materia para o estudo e tratamento dos seus diferentes núcleos temáticos e a realización das actividades programadas. De todos os xeitos, o alumnado recibirá nas primeiras sesións de clase unha información máis polo miúdo co propósito de ampliar, clarexar e matizar os enunciados que aquí figuran expostos de maneira sucinta.

    Metodoloxía da ensinanza
    A análise, o desenvolvemento e a presentación na aula dos contidos que conforman o temario desta materia serán unha tarefa compartida polo profesor e o alumnado. O profesor centrará a súa exposición, preferentemente, nos aspectos nucleares de cada unidade didáctica, procurando ofrecer de maneira concisa a información que posibilite obter unha visión panorámica ou de síntese de cada tema, delimitando os conceptos, as ideas e os argumentos nel implicados e imbricándoos cos demais do programa, a fin de lograr unha integración dos módulos de contido e dos elementos estruturais que constitúen o corpo cognitivo da materia. Os estudantes, pola súa banda, coa oportuna orientación do profesor, afondarán en cuestións concretas que non fosen abordadas máis que dun xeito moi xenérico na exposición deste e que resulten susceptibles de tratamento e estudo desde os soportes bibliográfico-documentais pertinentes. Profesor e alumnado debaterán regularmente nas sesións de clase sobre os contidos analizados e expostos por cada un deles, procurando rematar os coloquios coa formulación das oportunas conclusións ou coa construción de sínteses de conxunto de cada núcleo temático. As exposicións do profesor terán como complemento substantivo sesións de traballo con soporte en textos e documentos. Estes materiais seranlles entregados periodicamente aos estudantes –ou suxerida a súa localización pola súa parte– para a conseguinte lectura, análise e estudo individual e en pequenos grupos, a fin dunha posterior presentación e discusión en gran grupo. Esta actividade rematará coa realización de sínteses conclusivas por parte dos equipos constituídos. Nos primeiros días de clase, o profesor procederá no marco da aula ou nos módulos de seminario, de común acordo cos estudantes, a seleccionar os temas sobre os que versarán as sesións de traballo con soporte en textos e documentos e tamén concretará máis polo miúdo cada unha das fases da metodoloxía de ensinanza así como as actividades que cumprirá executar para o acaído dominio da materia. As sesións de traballo antes citadas alternaranse e complementaranse co uso doutra estratexia coa que gardan inequívocas analoxías, como é a técnica do comentario de textos, que se introduce a modo de instrumento didáctico, cognitivo e comunicativo a prol da ensinanza e a aprendizaxe da disciplina, servindo para ilustrar dimensións dun problema, afianzar coñecementos e avaliar os resultados da actividade académica. Finalmente, o profesor, durante as horas de titorías, dará pautas específicas ao alumnado, ben individualmente ou ben en pequenos grupos, para unha satisfactoria execución dos traballos de curso, unha optimización da metodoloxía de ensinanza-aprendizaxe, un eficaz aproveitamento das sesións teórico-prácticas programadas e un reforzo integral do proceso instrutivo.
    Sistema de evaluación
    En correspondencia coas actividades programadas e co plan de traballo proposto, e en harmonía cos obxectivos, os contidos, e a metodoloxía consignados e tamén cos recursos dispoñibles en cada caso, a avaliación continua dos estudantes estará baseada nas cualificacións que obteñan nas probas individuais e grupais que de forma obrigatoria deberán realizar, as cales consistirán na execución de comentarios de textos de distinta natureza e tipoloxía, acompañados de cuestións complementarias que o profesor formulará; na participación e calidade das achegas nas sesións de clases teóricas e prácticas de seminario que se programen, do que quedará constancia nos informes que os alumnos e as alumnas entreguen, e nos traballos opcionais que voluntariamente presenten. A avaliación final de carácter globalizador configurarase a partir da suma ponderada das puntuacións que se acaden en todas as actividades tanto obrigatorias como suxeridas. Non obstante, a superación da materia dependerá en primeira instancia da correcta execución das tarefas obrigatorias que realicen. Estas consistirán na participación directa nas sesións teóricas e prácticas programadas; nas sínteses críticas efectuadas; nas respostas ás preguntas que acompañen os dossieres documentais proporcionados; nos ensaios analíticos que a partir de diversos recursos documentais se emprendan e nos resultados acadados na proba individual de comentario de textos e preguntas complementarias antes indicada. Esta proba terá un valor de até un 60% na puntuación final do proceso avaliativo. As demais actividades en conxunto poden sumar até un 40% da cualificación. En todos os casos, os exercicios realizados deben ser entregados en tempo e forma por escrito ao responsable docente da materia tralo traballo individual e/ou grupal. De maneira opcional o alumnado poderá efectuar recensións críticas das obras que no seu momento se indiquen e breves monografías acerca dalgún epígrafe do temario ou dalgún problema específico con el relacionado, debendo ter constancia da súa execución o profesor desde principios do cuadrimestre. Os traballos opcionais non representarán en ningún suposto máis do 20% da cualificación definitiva.
    Para obter unha valoración positiva na materia, será preciso ter realizadas e entregadas en prazo todas as actividades de avaliación especificadas, así como superar cada unha delas.
    Os traballos individuais ou grupais dos estudantes deberán ser orixinais. Calquera traballo copiado suporá o suspenso na materia e o adiamento da avaliación do alumno ou da alumna á seguinte convocatoria.
    A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias, agás nas actividades programadas de forma coordinada.
    A proba de avaliación da convocatoria de xullo consistirá na realización dun comentario de texto e na resolución de unha ou dúas cuestións relativas ao temario da materia.
    Os alumnos repetidores ou non presentados avaliaranse seguindo os criterios que se establezan en cada curso académico.


    Tempo de estudo e traballo persoal
    -Actividades presenciais. Clases expositivas, presentación e explicación de temas na aula: 22 horas. Traballo persoal do alumnado, estudo: 60 horas.
    -Actividades presenciais. Prácticas de Seminario-Laboratorio, comentarios de textos:15 horas.
    -Traballo persoal do alumnado. Estudo e elaboración de informes: 40 horas.
    -Actividades presenciais. Prácticas de Seminario-Laboratorio: comentario de material audiovisual. Sen determinar.
    -Traballo persoal do alumnado. Visualización e elaboración de informes. Sen determinar.
    -Actividades presenciais. Titorías de traballo de curso: 11 horas.
    - Avaliación na aula: 2 horas.
    TOTAL DE HORAS PRESENCIAIS: 50.
    TOTAL DE HORAS DE TRABALLO PERSOAL: 100




    Recomendacións para o estudo da materia
    Tendo en conta a metodoloxía de ensinanza xa exposta, para un adecuado seguimento e comprensión da materia estímase de suma importancia a concorrencia regular e a participación individual e grupal nas sesións de clases teóricas e prácticas que se programen, debendo executar os estudantes as tarefas encomendadas en cada caso. Isto, obviamente, implica non só cooperar dentro da aula senón tamén realizar as accións preparatorias e recapitulatorias sobre as cales se sustentará a dinámica de traballo na aula. Sendo así, a participación require o estudo, que como tarefa persoal ha de preceder e suceder ao traballo na clase, orientándose ao dominio dos contidos que integran o temario, por medio dos cales se poderán atinxir os obxectivos formulados e adquirir as competencias, destrezas e habilidades previstas, o que se fará patente a través dos correspondentes exercicios e das oportunas probas de control.
    Será indispensable manter comunicacións periódicas e regulares co responsable docente da materia nos horarios de titorías estipulados, para recibir as orientacións oportunas e formularlle as dúbidas que se poidan suscitar no estudo da materia. Durante o desenvolvemento do semestre e xa sexa no ámbito das sesións de clase, seminario ou nas horas de titorías no despacho, facilitaranse outras orientacións puntuais que complementen ou maticen as que aquí figuran enunciadas dun xeito xenérico, como corresponde a toda declaración programática. Se se estimase imprescindible, por mor de circunstancias académicas, científicas, documentais ou doutra natureza que teñan unha incidencia notable na materia, poderanse introducir parciais modificacións nesta proposta de guía programática a comezos do semestre. Delas darase conta oportuna por escrito e verbalmente ao alumnado nas primeiras sesións de clase.

    Observacións
    1. A titorización dos estudantes só se efectuará durante as horas de atención que figuren explicitadas nos horarios e que se detallarán, asemade, na porta do despacho do profesor. En consecuencia, prégase que se absteñan de realizar consultas fóra do horario indicado, agás naqueles casos nos que se teña concertado previamente a oportuna entrevista.
    2. Aqueles alumnos e aquelas alumnas que se propoñan realizar algún traballo dos considerados opcionais, deberán comunicarllo ao profesor antes do día 7 de outubro de 2013, sinalándolle o tema que teñen previsto tratar no mesmo ou a/s obra/s que pensan recensionar. Estes traballos terán que estar rematados e entregados antes do 11 de xaneiro de 2014. Ámbas as dúas datas son a todos os efectos inamovibles.
    3. En ningunha circunstancia se admitirán traballos dos que o profesor non teña constancia por escrito da súa realización e que non fosen seguidos por el ao longo do proceso de elaboración a través de entrevistas periódicas.
    4. As datas das probas e da entrega de traballos será establecida de mutuo acordo entre o alumnado e o profesor.
    5. A USC é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase é obrigatoria. Nos casos contemplados na normativa da Facultade, os alumnos poderán solicitar exención oficial de docencia.
    6. Calquera tipo de circunstancia persoal que poida alterar o normal seguimento da materia por parte dos alumnos, deberalle ser comunicada ao profesor á maior brevidade, pois de non facelo repercutirá na avaliación continua do rendemento académico.