Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Ciencias da Educación  »  Información da Materia

G3091224 - Historia da Educación Social (Educación) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 24.00
  • Clase Interactiva Seminario: 24.00
  • Horas de Titorías: 3.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social
  • Áreas: Teoría e Historia da Educación
  • Centro: Facultade de Ciencias da Educación
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
PEÑA SAAVEDRA, VICENTE.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo CLE01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo CLIS_01 (A-Fo)OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo CLIS_02 (Fr-Pa)OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo CLIS_03 (Pe-Z)OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS03OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS04OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS05OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS06OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS07OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego


  • Obxectivos da materia
    1. Analizar e comprender criticamente a xénese e evolución das ideas pedagóxicas e das correntes educativas, encadrándoas axeitadamente no marco socio-político e cultural onde ambas as dúas emerxen e se desenvolven.
    2. Familiarizarse coa consulta dos acervos bibliográfico-documentais máis relevantes da materia e aprender a utilizalos de maneira adecuada para o estudo temático e a realización de traballos concretos.
    3. Coñecer as grandes coordenadas da educación social nas súas diferentes manifestacións e no seu devir temporal.
    4. Adquirir as destrezas técnicas, instrumentais e intelectuais necesarias para poder analizar, comprender, interpretar e explicar os procesos educativos do pasado na súa vertente social, en orde a recrear intelectualmente a xenealoxía dos problemas, os discursos e as dinámicas educativas actuais e suxerir pautas de intervención con visión de actualidade e prospectiva, vinculadas ás que hoxe se formulan.
    5. Estudar as propostas teórico-normativas que no campo pedagóxico-social inspiran a práctica educativa e vehiculan a súa concreción institucional, desde a primeira modernidade até os tempos actuais, ofrecendo unha imaxe contextualizada das mesmas e salientando as eivas e carencias ás que tratan de responder.
    6. Captar as permanencias estruturais e as mudanzas conxunturais que se viñeron producindo nos discursos pedagóxico-sociais e nas prácticas educativas nas que se plasmaron ao longo dos dous últimos séculos.
    7. Fomentar nos estudantes e futuros educadores sociais actitudes positivas cara á disciplina, axudándolles a percibir a dimensión xenealóxica dos procesos educativos do presente e a utilidade da Historia da Educación nos currícula pedagóxicos.
    8. Relacionar, articular e imbricar de forma integrada os contidos da materia con alomenos parte dos demais núcleos temáticos e coñecementos susceptibles de adquisición no conxunto da titulación, de maneira que a formación histórica acadada reverta nunha capacitación máis óptima e realista do futuro graduado, especialista en Educación Social.
    9. Examinar e valorar as propostas de carácter educativo que desde as iniciativas pública e privada se formulan e fan operativas perante os problemas e as necesidades sociais que en cada etapa van agromando.
    10. Descubrir a importancia e o significado do coñecemento histórico da educación como condición inexorable para entender e afrontar con solvencia e criterio a realidade educativa actual.

    A maior especificidade e pormenorización destes obxectivos irase facendo efectiva ao longo do semestre que, como secuencia temporal, ten adxudicada a materia para o desenvolvemento dos diferentes núcleos temáticos e a verificación das actividades programadas. Nas sesións de traballo na aula, o alumnado recibirá unha información máis detallada co propósito de ampliar, clarexar e matizar os enunciados que aquí se formulan, por economía de linguaxe, dun xeito conciso en termos de obxectivos.

    Contidos
    1. Introdución: aspectos demarcativos, analíticos e conceptuais
    1. 1. Educación e sociedade na perspectiva da historia.
    1. 2. Historia da Educación Social e Historia Social da Educación. Conceptos e categorías fundamentais.
    1. 3. Enfoques actuais e núcleos de contido da Historia da Educación Social.
    1. 4. A disciplina Historia da Educación Social na universidade española actual.

    2. Antecedentes históricos da educación social na primeira modernidade
    2. 1. Pauperismo e caridade. A voz da Igrexa e os seus discursos.
    2. 2. As primeiras formas de atención á nenez e á mocidade abandonada e desvalida: orfos, expósitos e mendigos.
    2. 3. Centros de corrección e acollida para pobres e desamparados: hospitais, casas de misericordia, asilos, hospicios, colexios e albergues.

    3. As descubertas da infancia e a mocidade como categorías histórico-pedagóxicas e as súas implicacións socioeducativas
    3. 1. A infancia nas culturas clásicas.
    3. 2. A ocultación da nenez na Idade Media.
    3. 3. Renacemento e visibilidade da infancia.
    3. 4. Da Ilustración á contemporaneidade. Da “exposición” ao “paidocentrismo”: a conquista dun espazo nuclear dignificado para o mundo infanto-xuvenil.
    3. 5. O “século dos nenos” (Ellen Key). A infancia suxeito de dereitos.
    3. 6. Panorámica actual da infancia e a mocidade no mundo.
    3. 7. Teorías recentes da xenealoxía da infancia.

    4. Marxinación, educación e acción social. Dos tempos modernos á contemporaneidade
    4. 1. Os escenarios da exclusión na historia. Denuncias e discursos. Da prevención á rehabilitación.
    4. 2. Condición feminina, discriminación, mentalidades sociais e educación.
    4. 3. Cuestión social e educación.
    4. 4. Estado liberal e educación social. Regulación xurídica da beneficencia e a protección. Institucións públicas de reeducación, tutela e asistencia social.
    4. 5. Inadaptación, represión e reeducación social. Discursos, normativa e institucións: Asilos, Colonias, Reformatorios, Casas de Corrección e Penitenciarías.
    4. 6. Movemento obreiro, sindicalismo e educación social.
    4. 7. Discapacidades, educación especial e inclusión social.
    4. 8. Mutualismo, beneficencia, filantropía e atención social en Galicia.

    5. Educación popular, dinamización sociocultural e realidades sociais (ss. XIX-XX). O caso español como referente
    5.1. Propostas, experiencias e institucións educativas de carácter non formal: Fundacións Benéfico-docentes, Sociedades de Instrución e Recreo, Bibliotecas, Ateneos, Escolas de Artes e Oficios, Extensión Universitaria, Universidades Populares, Casas do Pobo e Misións Pedagóxicas.
    5.2. Prácticas circumescolares ou institucións complementarias na historia da educación social.
    5.3. Xénese, desenvolvemento, diversificación e consolidación da educación de adultos.
    5.4. Movementos infanto-xuvenís na historia da educación social.
    5.5. Identidades colectivas, educación e promoción comunitaria.
    5.6. Emigración transoceánica, asociacionismo étnico e educación popular en Galicia.

    6. Problemáticas estruturais e emerxentes que atinxen ao ámbito da educación social. As funcións dos organismos internacionais, as organizacións non gobernamentais e a sociedade civil (discursos, iniciativas, inercias e avances)
    6. 1. Fame e outras privacións elementais.
    6. 2. Explotación e maltrato infanto-xuvenil.
    6. 3. Delincuencia e drogodependencias.
    6. 4. Etnicidades, multiculturalismo e migracións.
    6. 5. Analfabetismos e alfabetizacións nun mundo globalizado e telemático.
    6. 6. Medio ambiente, ecoloxismo e educación social.
    6. 7. Lecer e tempo libre.
    6. 8. Movementos antibelicistas e pacifismo: orixes e itinerarios da “educación para a paz”.
    6. 9. As persoas maiores. Xenealoxía da súa atención educativa.
    6. 10. Outros movementos e as súas reivindicacións na esfera educativa.

    Bibliografía básica e complementaria
    Ariès, Ph. (1987): El niño y la vida familiar en el Antiguo Régimen. Madrid, Taurus.
    Ballarín, P. (2001): La educación de las mujeres en la España contemporánea (siglos XIX-XX). Madrid, Síntesis.
    Berruezo Mª R. e Conejero S. (coords.) (2009): El largo camino hacia una educación inclusiva. Navarra, U.P.N., 2 vols.
    Dávila, P. y Naya, L. Mª (coords.) (2005): La infancia en la historia: espacios y representaciones. Donostia, Erein, 2 vols.
    Delgado B. (1998): Historia de la infancia. Barcelona, Ariel.
    Demause, Ll. (comp.) (1994): Historia de la infancia. Madrid, Alianza Editorial.
    Flecha, J. R. e outros (1988): Dos siglos de educación de adultos. Barcelona, El Roure.
    Gabriel, N. de (2001): Escolantes e escolas de ferrado. Vigo, Xerais.
    Gutiérrez A. e Pernil, P. (2004): Historia de la infancia. Madrid, UNED.
    Hernández J. Mª (1997): "Antecedentes y desarrollo histórico de la animación sociocultural en España". Animación sociocultural: teorías, programas y ámbitos. Barcelona, Ariel, pp. 61-80.
    Luis, F. de (1994): Cincuenta años de cultura obrera en España, 1890-1940, Madrid, P. Iglesias.
    Moreno, P. L. e Viñao, A. (1997): "La educación de adultos en España (siglos XIX-XX)”. Educación de adultos. Barcelona, Ariel, pp. 23-46.
    Otero, E. (2007): Las Misiones Pedagógicas (1931-1936). Madrid, SECC-Residencia de Estudiantes.
    Palacio, I. e Ruiz, C. (1996): Asistencia social y educación. Valencia, U. de Valencia.
    Peña, V. (1991): Éxodo, Organización Comunitaria e Intervención Escolar. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. 2 vols.
    ______(2008):“Educar: el compromiso de la añoranza fecunda”. En Ciudadanos españoles en el mundo. Vigo, España Exterior, pp. 55-102.
    Quintana, J. Mª (1994): Educación Social. Antología de textos clásicos. Madrid, Narcea.
    _____ (1997): “Antecedentes históricos de la educación social”. En: Pedagogía Social, Barcelona, Ariel, pp. 67-91.
    _____ (1999): Textos clásicos de Pedagogía social. Valencia, Nau Llibres.
    Ruiz, J. (ed.) (1994): Educación y marginación social. Madrid, C. de Madrid-Dir. Gral. de la Mujer.
    ______(coord.) (1999): “Historia de la Educación Social”. Historia de la Educación, nº 18.
    Ruiz, C. (coord.) (2003): Educación Social. Viejos usos y nuevos retos. Valencia, U. de Valencia.
    ______(2004): Protección a la infancia en España. Valencia, U. de Valencia.
    ______ e Palacio, I. (1995): Pauperismo y educación. Valencia. U. de Valencia.
    ______ (1999): Higienismo, educación ambiental y previsión escolar. Valencia, U. de Valencia.
    Santolaria, F. (1997): Marginación y educación. Barcelona, Ariel.
    ______(1998): “Historia y Educación Social. Cuestiones y perspectivas historiográficas”. REP, 210, pp. 217-244.
    Tiana, A. e Sanz, F. (2003): Génesis y situación de la educación social en Europa. Madrid, UNED.
    UNICEF (varios anos, até 2011): Estado mundial de la infancia. [http://www.unicef.es ; http://www.unicef.org]
    VV. AA. (2008): Historia de la Educación Social y su enseñanza. Cuadernos de Historia de la Educación, 4. Murcia, SEDHE.
    VV. AA. (1986): Revista de Educación. Historia de la infancia y de la juventud, 281.
    PUBLICACIÓNS PERIÓDICAS:
    Historia de la Educación. Sarmiento. Revista Galega do Ensino, Revista Galega de Educación, Educació i Història, Revista de Pedagogía Social/Pedagogía Social.

    Competencias
    Competencias da titulación ás que contribúe a materia

    1X. Coñecer e comprender os fundamentos académicos e científicos nos que se sustenta o seu campo formativo e profesional, tendo capacidade para analizar criticamente a natureza das súas teorías, metodoloxías e ámbitos de intervención da Educación Social.
    2X. Ter capacidade para analizar as realidades socio-políticas, económicas, educativas, culturais e lingüísticas nas que se desempeña o labor profesional dos educadores sociais, tanto en termos diagnósticos como retrospectivos e prospectivos.
    3X. Aplicar os coñecementos teóricos e metodolóxicos necesarios para a planificación e avaliación das súas intervencións educativas, atendendo ás circunstancias, necesidades, problemáticas e expectativas nas que se insire, en relación aos suxeitos cos que traballa e ás dinámicas sociais das que participan.
    5X. Elaborar, xestionar e/ou facer uso directo dos recursos documentais, metodolóxicos e materiais que comporte o desenvolvemento da súa profesión e que poderán concretarse na redacción de informes, utilización de estratexias e métodos educativos, equipamentos e infraestruturas, etc.
    3T. Desenvolver unha actitude autocrítica, así como de reflexión, análise e síntese respecto dos coñecementos, tarefas e cometidos nos que participan.
    1.1E. Comprender os referentes teórico-conceptuais, históricos, comparados, metodolóxicos e pedagóxicos da Educación Social e das prácticas que nela se promoven.
    1.2E. Analizar criticamente as realidades socioeconómicas, políticas, educativas e culturais, así como os ámbitos da acción educativa onde os educadores sociais desenvolven o seu labor profesional.


    Competencias específicas da materia

    Desde esta materia aspírase a proporcionarlle ao alumnado os elementos esenciais que lle permitan reconstruír a xénese e evolución histórica da educación social na súa dimensión teórica e empírica, así como establecer as coordenadas nas que se desenvolven as diferentes variantes e manifestacións que no decurso dos tempos adopta, posibilitándolle ao estudantado, asemade, entender de maneira máis óptima a problemática educativa actual e capacitándoo para idear propostas de intervención orientadas cara á súa mellora, cunha inequívoca orientación de futuro. Este complexo cadro competencial debe traducirse a efectos prácticos na consecución dunha conciencia histórica acerca dos procesos educativos, como necesidade irrenunciable para a súa adecuada comprensión e explicación. Todo o cal require que cantos participen na dinámica de ensino-aprendizaxe da materia, traten de atinxir, coa participación do profesor e a cooperación dos demais compañeiros, así como por medio do estudo e da realización das tarefas estipuladas, as seguintes competencias específicas:
    1. Dominar o sistema conceptual básico e a terminoloxía máis usual do campo de saber histórico-educativo.
    2. Aprender a utilizar as categorías conceptuais propias da investigación histórica e as súas estratexias metodolóxicas para lograr un coñecemento máis sólido e contrastado da realidade educativa, seguindo as pautas xerais do método científico e as súas respectivas concrecións no campo de saber que lle competen.
    3. Lograr a comprensión crítica da evolución das ideas pedagóxicas e das correntes educativas, situándoas no espazo e no tempo onde ambas emerxen e se desenvolven.
    4. Afacerse ao uso e tratamento dos acervos bibliográfico-documentais da materia de toda tipoloxía.
    5. Chegar a adquirir un coñecemento suficiente das propostas teórico-programáticas que viñeron inspirando no devir do tempo a práctica no ámbito educativo-social.
    6. Afianzar aquelas destrezas técnico-intelectuais precisas para poder analizar e explicar os procesos educativos do pasado na súa vertente social e cunha óptica proxectiva.
    7. Fomentar actitudes positivas cara á disciplina, a fin de chegar a percibir de maneira máis doada e cun menor esforzo o sentido e a utilidade da Historia da Educación Social nos currícula do grao no que se integra.
    8. Procurar que cantos participen da construción da materia descubran a importancia, a orientación e o significado do coñecemento histórico da educación como condición inobxectable para asimilar a problemática educativa actual nas súas distintas variantes procesuais e manifestacións sociais.

    A operativización destas estratexias competenciais irase facendo efectiva ao longo do semestre, coincidindo co tratamento dos diferentes núcleos temáticos e coa realización das actividades programadas. En calquera caso, o estudantado recibirá nas primeiras sesións de clase unha exhaustiva información verbal na aula sobre o aquí exposto.

    Metodoloxía da ensinanza
    A análise, o desenvolvemento e a presentación na aula dos contidos que conforman o temario desta materia serán unha tarefa compartida polo profesor e o alumnado, coas variacións particulares que requira cada un dos módulos, consonte se precisará na aula. En liñas xerais, o docente centrará a súa exposición, preferentemente, nos aspectos nucleares de cada bloque didáctico, procurando ofrecer de modo conciso a información que posibilite obter unha visión panorámica ou de síntese do mesmo, delimitando os conceptos, as ideas e os argumentos nel implicados e imbricándoos cos demais do programa, a fin de lograr a máxima integración dos módulos de contido e dos elementos estruturais que constitúen o corpo cognitivo da materia.

    Os estudantes, pola súa banda, coa oportuna orientación do profesor, afondarán en cuestións concretas que non fosen abordadas máis que dun xeito moi xenérico na exposición deste e que resulten accesibles para o tratamento e o estudo desde os soportes bibliográficos-documentais que forman parte de cada módulo ou aqueloutros que de maneira complementaria se faciliten no seu momento.

    Profesor e alumnado debaterán regularmente nas sesións de clase –e en maior medida nas de tipo interactivo– sobre os contidos examinados e expostos por cada un deles, procurando rematar os coloquios coa formulación de conclusións ou coa proposta de sínteses globais de cada núcleo temático.

    As exposicións docentes terán como complemento substantivo sesións de traballo con soporte en textos e documentos. Estes materiais, conformando dossieres monográficos que irán acompañados de baterías de preguntas, seranlles entregados periodicamente aos estudantes –ou suxerida a localización das pezas que os integran pola súa conta– a fin de que procedan á lectura, tratamento e estudo individual e en pequenos grupos –non superiores a catro persoas– deles, para unha posterior presentación e discusión en gran grupo. Esta actividade pecharase coa realización de sínteses conclusivas polos grupos constituídos que contarán sempre coa tutela do profesor.

    Nos primeiros días de clase, o docente procederá na aula ou nos seminarios a concretar máis polo miúdo cada unha das fases da metodoloxía de ensinanza, así como as actividades que cumprirá executar para o acaído dominio da materia.

    As sesións de traballo antes citadas alternaranse e complementaranse co uso doutra estratexia coa que gardan inequívocas analoxías, como é a técnica de comentario de textos. Esta introdúcese en canto instrumento didáctico, cognitivo e comunicativo a prol de optimizar a ensinanza e a aprendizaxe da Historia da Educación Social con base en fontes directas, servindo para ilustrar dimensións dun problema, afianzar coñecementos e avaliar os resultados da actividade académica.

    O profesor, finalmente, durante as horas de titorías ofrecerá pautas específicas ao alumnado, ben individualmente ou ben en grupos reducidos, para unha satisfactoria execución dos traballos de curso, unha adecuación da metodoloxía de ensinanza-aprendizaxe, un eficaz aproveitamento das sesións teórico-prácticas programadas e un reforzo integral do proceso instrutivo.

    Sistema de evaluación
    En correspondencia coas actividades programadas e co plan de traballo proposto, e en harmonía cos obxectivos, as competencias, os contidos e a metodoloxía estipulados, e tamén cos recursos dispoñibles en cada caso, a avaliación continua dos estudantes estará baseada nas cualificacións que obteñan nas probas individuais e grupais que de forma obrigatoria deberán realizar. Estas consistirán na execución de comentarios de textos, de distinta natureza e tipoloxía (narrativos, iconográficos, fílmicos, audiovisuais, etc.), atinentes aos núcleos temáticos da materia, que se complementarán coa resolución de cuestións problemáticas vinculadas aos mesmos, as cales o profesor formulará. Tamén se terá en conta a participación e calidade das achegas nas sesións de clases, do que quedará constancia ao cabo nos informes correspondentes a cada dossier que os distintos grupos de alumnos entreguen e nos traballos individuais que presenten. Así mesmo, computaranse igualmente as tarefas opcionais que de maneira voluntaria realicen, entre as cales se atoparán as visitas a centros externos e as recensións críticas de obras ou pasaxes significativos do ámbito de coñecemento da materia. A avaliación definitiva de carácter totalizador configurarase a partir da suma ponderada das puntuacións que se acaden en todas as actividades, tanto obrigatorias como suxeridas. Non obstante, a superación da materia dependerá en primeira instancia da correcta execución daquelas.
    Os traballos resultantes do conxunto dos tres dossieres dos módulos temáticos centrais (3, 4 e 5) e do derradeiro (6) terán un valor de até un 40 % da nota final. Á proba de comentario de textos con preguntas complementarias outorgaráselle até outro 40%. Un 10% recaerá nos comentarios efectuados a partir das practicas de aula e outro 10 % corresponderalle aos labores optativos. Enténdese que estas puntuacións relativas refírense aos estudantes que asisten con regularidade a clase. Isto é, aqueles que no conxunto do período académico non rexistran máis de 2 ausencias sen a xustificación debida. A cantos por razóns descoñecidas ou motivos non acreditados superen ese número de faltas computaránselles os exercicios de maneira distinta, segundo o seguinte baremo: até un 30% a suma dos dossieres e até un 70% a proba final. No caso deste segundo grupo exclúese a presentación a efectos avaliativos de calquera outro exercicio ou contribución.
    Para acadar unha mención equivalente ou superior ao aprobado na materia será preciso ter realizadas e entregadas en prazo e consonte ás pautas que rexen o formato dos traballos académicos todas as actividades de avaliación especificadas, así como superadas cada unha delas. As datas límite de recepción dos informes documentais respectivos serán establecidas de mutuo acordo entre o alumnado e o profesor durante o desenvolvemento do semestre, atendendo aos ritmos de evolución e culminación das tarefas nos mesmos.
    Os traballos realizados polos estudantes tanto de maneira individual como en equipo deberán ser orixinais. Calquera achega copiada suporá o suspenso na materia e o adiamento da avaliación do alumno ou da alumna á seguinte convocatoria.
    En ningunha circunstancia se admitirán traballos opcionais dos cales o profesor non teña constancia por escrito da súa realización e que non fosen seguidos por el ao longo do proceso de elaboración a través de entrevistas periódicas.
    A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias, agás nas actividades programadas de forma coordinada por diversos docentes.
    A proba de avaliación da convocatoria de xullo será común para todo o alumnado e consistirá na realización dun comentario de texto e na resolución de unha ou dúas cuestións complementarias, en ambos casos referentes a algúns dos seis módulos que conforman o temario da materia.
    Os alumnos repetidores ou non presentados avaliaranse seguindo os criterios que se establezan en cada curso académico.

    Tempo de estudo e traballo persoal
    - Actividades presenciais. Clases expositivas, presentación e explicación de temas na aula: 20 horas.
    - Traballo persoal do alumnado. Estudo: 45 horas.
    - Actividades presenciais. Prácticas de Seminario-Laboratorio. Comentarios de textos: 8 horas.
    - Traballo persoal do alumnado. Estudo e elaboración de informes: 45 horas.
    - Actividades presenciais. Prácticas de Seminario-Laboratorio. Comentarios de materiais audiovisuais: 5 horas.
    - Traballo persoal do alumnado. Visualización de material e elaboración de informes: 10 horas.
    - Actividades presenciais. Titorías de traballo de curso: 15 horas
    - Actividades presencias. Avaliación na aula: 2 horas.
    TOTAL DE HORAS PRESENCIAIS: 50
    TOTAL DE HORAS DE TRABALLO PERSOAL: 100

    Recomendacións para o estudo da materia
    Tendo en conta a metodoloxía de ensinanza antes exposta, para un adecuado seguimento, comprensión e dominio da materia e para a consecución dos obxectivos e as competencias que se fixaron no seu momento, estímase de suma importancia a concorrencia regular e a participación individual e grupal nas sesións de clases expositivas, interactivas, teóricas e prácticas que se programen, debendo executar o estudantado as tarefas encomendadas en cada caso. Isto, obviamente, implica non só cooperar dentro da aula senón tamén realizar as accións preparatorias e recapitulatorias sobre as cales se alicerzará a dinámica de traballo na aula. Sendo así, a participación require o estudo, que como tarefa persoal ha de preceder e suceder ao traballo na clase, orientándose ao dominio dos contidos que integran o temario, por medio dos cales se poderán atinxir os obxectivos formulados e adquirir as competencias previstas, o que se fará patente a través dos correspondentes exercicios e das oportunas probas de control.
    Será indispensable manter comunicacións periódicas e regulares co responsable docente da materia nos horarios de titorías estipulados, para recibir del as orientacións oportunas e formularlle por parte dos estudantes as dúbidas e suxestións derivadas do estudo e a execución dos distintos labores no marco da materia. Durante o decurso do semestre e xa sexa no ámbito das sesións de clase, de seminario ou nas horas de titorías no despacho, facilitaranse outras orientacións puntuais que complementen ou maticen as que aquí figuran enunciadas dun xeito xenérico, como lle acae a toda declaración programática. De estimarse imprescindible, por mor de circunstancias sobrevidas de tipo académico, científico, documental ou doutra natureza que teñan unha incidencia notable na materia, poderanse introducir parciais modificacións nesta proposta de guía programática a comezos do semestre. Delas darase conta oportuna por escrito e verbalmente ao alumnado nas primeiras sesións de clase.

    Observacións
    1. A titorización dos estudantes só se efectuará durante as horas de atención que aparezan explicitadas nos horarios e que se detallarán, asemade, na porta do despacho do profesor. En consecuencia, prégaselles que se absteñan de realizar consultas fóra do horario indicado, agás naqueles casos nos que se teña concertado previamente a entrevista.
    2. Aqueles alumnos e aquelas alumnas que se propoñan realizar algún traballo dos considerados opcionais, deberán comunicarllo persoalmente ao profesor antes do día 7 de outubro de 2013, sinalándolle a actividade ou o tema que teñen previsto tratar no mesmo, así como, no seu caso, a/s obras/s que pensan recensionar. Estes traballos haberán de estar rematados e entregados consonte ás formalidades establecidas antes do día 11 de xaneiro de 2014. Ambas as dúas datas son a todos os efectos inamovibles.
    3. As datas das probas parciais e das entregas de exercicios serán marcadas de mutuo acordo entre o alumnado e o profesor coa suficiente antelación.
    4. Durante o período académico está prevista unha visita con finalidade formativa ao Museo Pedagóxico de Galicia (MUPEGA). Esta realizarase conxuntamente por parte de todo o grupo de clase acompañado polo profesor, entre finais do mes novembro e comezos do de decembro de 2013. Terá carácter voluntario pero computarase na avaliación. A tal fin, unha semana despois de levada a termo, os estudantes que nela participaran deberán entregar unha breve memoria dando conta da mesma e dos aspectos fundamentais que observaran no centro en relación coa materia e co seu proceso formativo.
    5. O Consello de Goberno de 25 de marzo de 2010 aprobou a Normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao EEES (http://www.usc.es/export/sites/default/gl/normativa/descargas/normaasistenclase.pdf). Na mesma expóñense os beneficios da asistencia á clase, entre eles indícase que facilita unha “mellor comprensión da materia, a adquisición de competencias en grupos e individuais, a aprendizaxe continua, a interacción directa con outros alumnos e alumnas ou a posibilidade dunha metodoloxía docente-discente máis participativa.”. Cabe lembrar que a USC é unha universidade presencial, polo que a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de clase é obrigatoria. Nos casos contemplados na normativa da Facultade, os alumnos poderán solicitar exención oficial de docencia.
    6. Calquera tipo de circunstancia persoal que supoña unha alteración do normal seguimento da materia por parte dos estudantes, deberalle ser comunicada ao profesor á maior brevidade, pois de non facelo repercutirá na avaliación continua do rendemento académico.