G3121441 - Educación en Contextos Rurais (Optativas Xerais) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 4.50
- Total: 4.5
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 18.00
- Clase Interactiva Seminario: 18.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 39.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social
- Áreas: Teoría e Historia da Educación
- Centro: Facultade de Ciencias da Educación
- Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoObxectivos da materia Esta materia pretende encetar nos plans de estudo desta Facultade un espazo de coñecemento, reflexión e valorización do mundo rural en sentido explícito, con especial atención ao caso do rural galego, apostaando por ofrecer unha formación inicial en materia de educación no rural para os futuros mestres e mestras galegas.
Conceptuais (saber):
- Coñecer os referentes identificadores fundamentais da educación, nun senso amplo, que se desenvolve en contextos rurais, hoxe de complexa definición, nos seus elementos máis destacados (didáctica, organización escolar, familias, conexión co medio, intercambio interxeracional, patrimonio lingüístico e cultural, innovación social).
- Coñecer as respostas pedagóxicas e organizativas que en Galiza e noutros contextos se lles deu historicamente e se lles está a dar ás necesidades educativas das zonas rurais.
- Coñecer os distintos tipos de escolas presentes en contextos rurais, e as diversas institucións, entidades e movementos que traballan nos nosos días polo medio rural galego.
- Coñecer iniciativas innovadoras a prol da dinamización sociocultural rural e difundir experiencias educativas singulares e boas prácticas pedagóxicas realizadas en escolas rurais.
Procedimentais (saber facer):
- Saber analizar diversas políticas de desenvolvemento rural, as mudanzas históricas e problemáticas que afectan ao noso medio rural, e a súa sustentabilidade en termos socioeconómicos, ambientais, culturais e educativos.
- Reflexionar e argumentar sobre a transcendencia do feito educacional e da función docente no contorno rural, con especial atención ao caso galego, e sobre a promoción de liñas de traballo colaborativo (comunidades de aprendizaxe, traballo e formación en rede).
- Saber identificar os valores sociais e pedagóxicos positivos das escolas rurais (por exemplo, os grupos multinivel, ou a participación das familias), e saber aplicalos mesmo en contextos escolares non estritamente rurais.
- Saber elaborar e presentar traballos académicos, tanto na cuestión de forma como na de contido, tanto oralmente como por escrito.
Actitudinais (saber ser):
- Tomar conciencia da necesidade de que a educación debe sempre adaptarse ás persoas e ao medio, e con máis razón nos contornos rurais, poñendo en valor o desenvolvemento autocentrado e o empoderamento.
- Apreciar a contribución da escola rural ao desenvolvemento dos habitats rurais medio (contra do despoboamento), á potenciación da cultura popular, e ao reequilibrio territorial.
- Comprometerse eticamente coa educación no rural, co servizo social que esixe e coa dignidade das persoas coas que profesionalmente as mestras e mestres rurais se relacionan (nenas e nenos, familiares, todo o persoal da escola, representantes institucionais, diversos axentes da comunidade).
- Recoñecer, sendo que tamén é función da educación asegurar o presente e o futuro dos nosos sinais de identidade, que a escola rural pode ter un papel fundamental na defensa da lingua e cultura propia, fronte ás ameazas provenientes da globalización dos mercados e da homoxeneización cultural e o pensamento único.
- Valorar o considerable papel social que cumpren as diferentes manifestacións educativas non formais e informais: a educación dos avós/avoas, os xogos populares, os quefaceres agropecuarios, o lecer comunitario coa veciñanza, etc.
- Apostar por unha educación democrática baseada na equidade e no respecto aos dereitos humanos, que axude a conformar os valores dunha cidadanía activa e crítica, comprometida co presente pero tamén co futuro, na defensa das liberdades públicas, do estado do benestar, da sustentabilidade ambiental, e dos sinais propios de identidade cultural.
ContidosTema 1. Caracterización dos contextos rurais; o caso galego. Permanencias, crises e cambios.
Tema 2. Contextos rurais e educación. Prácticas sociais e prácticas escolares.
Tema 3. Historia recente da educación rural en Galiza.
Tema 4. Lexislación e modelos de organización da escola rural.
Tema 5. Metodoloxías didácticas ao servizo da escola rural; organización do tempo e do espazo; currículo por competencias; grupos multinivel; comunidades de aprendizaxe; método de proxectos; contacto co medio social e natural; intercambios; TIC.
Tema 6. Experiencias pedagóxicas innovadoras e boas prácticas en contextos rurais.
Tema 7. O papel da mestra ou mestre rural; dinamización comunitaria; traballo en rede; formación continua; desenvolvemento profesional adaptado.
Tema 9. Entidades e colectivos a prol do desenvolvemento socia, cultural e educativo rural en Galiza.
Bibliografía básica e complementariaAA.VV. (2008): “Monográfico: a vida nas aldeas”. Arraianos, VII, 158 páxs.
Boix, Roser (1995): Estrategias y recursos didácticos en la escuela rural. Barcelona: Graó.
Bustos, Antonio (2007): “Enseñar en la escuela rural: aprendiendo a hacerlo. Evolución de la identidad profesional en las aulas multigrado”. Profesorado. Revista de currículum y formación del profesorado, 11, 3, 26 páxs. http://www.ugr.es/~recfpro/rev113COL5.pdf
Caride, José Antonio e Trillo, Felipe (dirs., 2010): Dicionario galego de Pedagoxía. Vigo: Xunta de Galicia-Galaxia.
Caride, José Antonio (1994): “A educación no medio rural”, en Consello Escolar de Galicia; Informe sobre a situación e estado do sistema educación en Galicia. Curso 1992-93. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia, pp. 340-347.
Costa Rico, Antón (2009): “La escuela rural como escenario educativo de la conquista de la igualdad”, en Santos Rego, M. A. (ed.): Políticas educativas y compromiso social. El progreso de la equidad y de la igualdad. Barcelona: Octaedro, pp. 157-168.
Costa Rico (Ed.) (2010): Luis Bello, Viaje por las escuelas de Galicia. Vigo: Nigratrea.
Dapía, María Dolores e Cid, Xosé Manuel (coords., 2000): 25 anos de pedagoxía Freinet en Galicia: da escola rural á educación social. Actas das Xornadas sobre os 25 anos de Freinet en Galicia. Vigo: Universidade de Vigo.
De la Fuente, Manuel (2009): Maestra rural y cambio social. Un estudio sobre el papel de la maestra en la transformación histórica, política y social. Santander: Consejería de Educación de Cantabria.
Ferradás, Lois (2004): Medrando na comunidade. A contribución de Preescolar na Casa á educación infantil en Galicia. Lugo: Fundación Preescolar na Casa.
Fidalgo, José Antonio (1988): Antropología de una parroquia rural. Ourense: Caixa Rural de Ourense.
Gradaílle Pernas, R. (2004): Educación e socialización da muller na Galicia rural. Sada: O Castro.
López González, Francisco Javier (coord., 2011): O rural galego a debate. Unha visión dende o Foro Rural Galego. Lugo: Foro Rural Galego.
Morán, Carmen e Rouco, Javier Francisco (1998): “La educación infantil en el medio rural: ni completa ni rural”. Aula de Innovación Educativa, 77, 37-42.
Neira, Xosé (2011): Memorias dun neno labrego. Vigo: Galaxia [ed. or., 1961].
Paz, Sara e Armesto, Celia (coords., 1999): Preescolar na casa. Educación infantil familiar: unha utopía realizable. Lugo: Cáritas Lugo.
Prado, Santiago (2007): Novas minorías nas institucións educativas. O alumnado con procedencia rural na Terra de Melide. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Seminario Educación Infantil Nova Escola Galega (1992): Outras aulas, outras escolas. Vigo: Xerais.
Zabalza, M. (Dir.): (1998): A educación infantil en Galicia (de 3 a 6 anos). Informes. Santiago: Consello escolar de Galicia/ Xunta de Galicia.
Revista Galega de Educación, Monográfico sobre Educación no Rural; nº 3 (1986).
PUBLICACIONES PERIÓDICAS:
Revista Galega de Educación, Revista Galega do Ensino, Sarmiento. Anuario Galego de Historia da Educación, Gran Enciclopedia Gallega, Gran Enciclopedia Galega, Cuadernos de Pedagogía, Aula de Innovación Educativa.
www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es
www.patrimoniogalego.net
http://www.memoriadagaliza.com/pmdga.php
www.nova-escola-galega.org
www.usc.es/snl
www.culturagalega.org
www.editoresgalegos.org
www.mrp.cat
CompetenciasDe acordo cos obxectivos sinalados, e de acordo coas competencias xerais e básicas da Titulación, as competencias específicas da Materia, pretenden que o alumnado:
- Saiba analizar a práctica docente e as condicións institucionais que a enmarcan.
- Aprenda a valorar o trascendente papel social que cumpren as distintas manifestacións educativas nos contornos rurais.
- Recoñeza e discrimine criticamente as diferentes posibilidades organizativas e didácticas da acción escolar no medio rural.
- Saiba identificar estratexias didácticas adecuadas ao traballo con grupos de aula multinivel.
- Incorpore destrezas comunicativas e colaborativas favorables á acción colaborativa escolar e social con apertura á tarefas e proxectos innovadores de desenvolvemento e innovación nos contornos rurais.
- Madure actitudes e valores favorables ao compromiso ético e ao exercicio da responsabilidade social cara a construción dunha sociedade xusta e democrática.
Metodoloxía da ensinanza A metodoloxía na materia basearase máis no debate e na reflexión que nas exposicións maxistrais. O alumnado matriculado deberá realizar varias exposicións orais e traballos escritos a partir de materiais que lle ofreza o docente ou que busquen as/os propios estudantes, respecto das temáticas obxecto de estudo na materia.
Nas sesións de clase haberá oportunidade de relatar e valorar experiencias de vida e de memoria colectiva e familiar, examinar algún documental sobre o medio rural con atención ao educativo, descubrir experiencias pedagóxicas e iniciativas innovadoras, coñecer referentes persoais comprometidos co medio rural, presentar materiais didácticos e debater sobre libros ou artigos relevantes, coa intención de que o alumnado adquira unha visión holística e multidimensional sobre o papel que en tal contexto cumpre a educación e o rol que o mestre/mestra queiran xogar, e sobre a necesidade da dinamización sociocultural rural.
O alumnado desenvolverá traballo autónomo de lectura e reflexión sobre textos básicos e ou complementarios sobre educación en contextos rurais e diversas actividasdes de indagación, para a súa comunicación na aula, segundo indicacións que se sinalarán no inicio lectivo das actividades docentes.
As exposicións do profesorado terán como complemento e soporte un conxunto específico de textos e documentos. Estes materiais seranlles entregados no inicio do curso aos estudantes –ou suxerida a súa localización pola súa parte– para a conseguinte lectura, análise e estudo individual e en pequenos grupos, a fin dunha posterior presentación e discusión en gran grupo. Nos primeiros días de clase, o profesorado procederá, de común acordo cos estudantes, a concretar os temas sobre os que versarán as sesións de traballo e demais cuestións metodolóxicas. O profesorado, durante as horas de titorías, dará pautas específicas ao alumnado, ben individualmente ou ben en pequenos grupos, para unha satisfactoria execución dos traballos de curso, e demais cuestions organizativas.
As actividades presenciais en grupo completo (18 horas) están concibidas para desenvolver, e comentar os contidos centrais da materia ao tempo que se resolven os problemas de aprendizaxe iniciais que pode presentar o estudantado, que deberán empregar 25 horas de estudo autónomo para dominar os fundamentos da materia. O estudantado realizará os exercicios que se indiquen de acordo cos contidos tratados.
As actividades en grupo máis reducido (18 horas) desenvolveranse no marco de métodos como a discusión, o debate, o comentario de documentos ou a exposición de traballos, o que esixirá 36 horas de traballo persoal do alumnado, co fin de fomentar unha aprendizaxe autónoma, cooperativa e que permita mellorar a capacidade de exposición pública dos resultados dos traballos realizados (comunicación oral). Con iso propiciarase a adquisición por parte do alumnado das competencias máis ligadas ao pensamento crítico, ao uso da lingua galega, ás tecnoloxías da información e a comunicación e demais competencias sinaladas.
Considerando a natureza da materia, as interaccións orais e escritas entre alumnado e profesor desenvolveranse ordinariamente en lingua galega, á marxe de que algúns dos textos que nela se empreguen poidan estar redactados noutras linguas. Para facilitar o acceso permanente do alumnado aos materiais docentes, cabe a posibilidade de que o profesor abra un curso ao respecto dentro do Campus Virtual da USC.
Sistema de evaluaciónA avaliación global dos estudantes estará baseada nas cualificacións que obteñan nas probas individuais e grupais que de forma obrigatoria deberán realizar. As actividades avaliables terán como modalidades:
a)informes de grupo, segundo indicacións que o docente sinale;
b) realización individual de puntuais comentarios escritos e de Fichas de lectura sobre a materia (dará indicacións o profesor);
c) realización dun Informe de Elaboración (de desexábel realización grupal por parte dun máximo de tres compoñentes, con calificación solidaria, do que se darán indicacións), e
d) Exame final.
Os resultados da avaliación final global configuraranse a partir da suma ponderada das puntuacións que se acaden en todas as actividades tanto obrigatorias como suxeridas.
Os criterios de valoración serán os seguintes:
A) A realización de pequenos traballos e prácticas nas sesións interactivas, como as sinaladas nos anteriores apartados a) e b) alcanzará un peso porcentual do 40% na calificación final global, debendo cada alumno ter realizadas o 70% destas actividades.
B) A realización, entrega e presentación dos Informes de elaboración alcanzará un peso porcentual do 20% do total da calificación global, debendo cada alumno/a obter como mínimo un punto para superar esta actividade.
C) A realización dunha proba escrita final, que pode incluír diferentes modalidades de cuestións examinadas. O seu peso específico será do 40% da nota final da materia.
En todos os casos, os exercicios realizados deben ser entregados en tempo e forma por escrito.
Os traballos individuais ou grupais dos estudantes deberán ser orixinais, e indicar as fontes documentais utilizadas para a súa elaboración. Calquera traballo copiado suporá o suspenso na materia e o adiamento da avaliación do alumno ou da alumna á seguinte convocatoria.
A efectos avaliativos, un mesmo traballo non pode ser utilizado para varias materias, agás nas actividades programadas de forma coordinada.
Con carácter xeral, nas primeiras sesións de clase do semestre o docente ofrecerá con detalle e concreción as orientacións necesarias respecto de cada un dos criterios e instrumentos de avaliación da materia. En calquera caso, xa se avanza que coa intención de que o profesor poida avaliar o dominio da competencia T2 (coñecemento instrumental da lingua galega, tanto a nivel oral como escrito) por parte do alumnado, este presentará en galego tanto a exposición oral como os traballos escritos da materia.
Para superar a materia é preciso satisfacer dúas condicións: obter unha cualificación mínima de 5 puntos (sobre 10) sumando as valoracións dos catro apartados, e tamén ter acadado na proba final un determinado número de preguntas ben respondidas (detallarase no seu momento).
Ao estarmos a falar dunha avaliación continua, o alumnado que precisase acudir á edición de xullo só terá dereito a realizar a proba final, e manteránselle nos restantes apartados as cualificacións obtidas no primeiro semestre, sexan as que sexan. Non se admitirán traballos ou exposicións para a edición de xullo.
No caso do alumnado con dispensa de docencia teórica, este deberá realizar unha titoría co docente na mesma semana na que solicita a exención, para concretar o seu plan de traballo na materia e, se é preciso, acordar as adaptacións avaliativas que fosen pertinentes para atender cada situación particular.
Este mesmo criterio tamén se seguirá co alumnado que presente calquera tipo de diversidade funcional ou dificultade para un seguimento diario normal da materia, sempre que a súa situación se xustifique a través dun documento expedido polo Servizo de Promoción e Integración Universitaria da USC, e se informe do caso ao docente á maior brevidade.
Tempo de estudo e traballo persoal113 horas totais (38,25 presenciais e 74,75 de traballo autónomo), que se reparten do seguinte xeito:
- Actividades expositivas en grupo grande: 18 horas presenciais e 25 de traballo autónomo.
- Actividades interactivas en grupo mediano: 18 horas presenciais e 36 de traballo autónomo.
- Actividades titoriais en grupo pequeno: 2,25 horas presenciais e 13,75 de traballo autónomo.
Recomendacións para o estudo da materia- Asistencia continuada ás aulas e participación activa nelas.
- Realización do conxunto dos traballos e actividades programadas.
- Entrega da ficha persoal no compartimento do docente (portería do centro) durante os dez primeiros días de curso.
- No que cómpre aos traballos que elabore o alumnado, estes deberán respectar as seguintes condicións:
1. Normas de estilo e formato: ver www.usc.es/gl/servizos/snl/asesoramento/index.html, especialmente os apartados “Corrección de textos”, “Recursos” e “Criterios lingüísticos2. Aforro enerxético: cada traballo escrito será presentado con folios tamaño DIN A4, grampados (ou encadernados en espiral se o documento contén máis de 50 follas); non incluirá follas en branco no interior nin plásticos ou outros envoltorios innecesarios no exterior; na impresión utilícese calidade “aforro de tinta” ou“borrador”; sempre que sexa posible, empréguese papel escrito polas dúas caras, e mellor, reciclado; evítese abusar das negriñas, das maiúsculas, das cores, e de anexos que non teñan relación cos temas desenvolvidos.
3. Entrega: os traballos poden entregarse ata as 21 horas do día sinalado como data límite. Entregarse ao propio docente ou deixaranse no compartimento do docente na portería da Facultade. Non se admitirán vía correo electrónico.
4. Valoración: á marxe da calidade dos contidos en si (en relación coa materia), a valoración final de cada traballo terá en conta a gramaticalidade, a cohesión, a coherencia, a adecuación e o formato. O plaxio implicará a desestimación do traballo.
Observacións- A USC é unha universidade presencial, polo que é preceptiva a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de aula. As posibles incidencias excepcionais poderán ser comunicadas en titoría ao docente polo alumnado afectado, co que se poderá establecer un plan de traballo individualizado tendo en conta as circunstancias particulares, pero sempre garantindo a normativa da USC e da Facultade, a equidade na avaliación, e a igualdade de oportunidades entre todo o alumnado.
- Queda a xuízo do docente admitir como suficientemente xustificativo ou non calquera documento que o alumnado lle entregue explicando a súa ausencia (falta) a algunha sesión presencial; en todo caso eses xustificantes deberán entregarse antes de 7 días despois da inasistencia.