Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Centro de Posgrao  »  Formación continua  »  Información xeral cursos de formación continua

Información Xeral

Estudos de Formación Continua

Son estudos de duración curta orientados á formación continua ou a temas de especialización moi específicos.Os estudos de Formación Continua da Universidade de Santiago de Compostela poden ser tres tipos de cursos:

  1. Cursos Básicos: de 1 ata 3 créditos
  2. Cursos de Perfeccionamento: de 3 ata 10 créditos
  3. Cursos de Experto Universitario: de 10 créditos ou máis

A participación regular nun destes cursos, entendida segundo os criterios que se determinen, dará lugar a un Diploma de Participación. Se o curso inclúe un procedemento de avaliación, aqueles estudantes que o superen recibirán un Diploma de Aproveitamento.

Admisión e matrícula

Os/as aspirantes a cursaren estudos de formación continua presentarán a correspondente solicitude de admisión e no lugar e prazo que o director dos estudos fixe, debidamente publicitados a través do Centro de Posgrao.

O/a director/a realizará un proceso de selección e efectuará as seguintes xestións:

  • Publicar as listas de admitidos e excluídos.
  • Fixar o prazo de reclamacións.
  • Publicar as listas definitivas de admitidos/as e bolseiros/as, e o horario de impartición dos estudos.
  • Publicar os prazos de matrícula.

Os/as alumnos/as deberán formaliza-la matrícula na SECCIÓN DE POSGRAO, TERCEIRO CICLO E FORMACIÓN CONTINUA (Pavillón estudiantil- Campus Universitario Sur, 15782 Santiago de Compostela), nas datas que se indicarán para cada un dos cursos, e aboarán o importe de matrícula que corresponda mediante o ingreso nunha conta bancaria da Universidade.

Formalizarase na  SECCIÓN DE POSGRAO, TERCEIRO CICLO E FORMACIÓN CONTINUA, achegando o impreso de solicitude de matrícula en cursos de formación continua xunto coa seguinte documentación:

  • Fotocopia do D.N.I., N.I.E. ou pasaporte, no caso de ser estranxero.
  • Acreditación dos requisitos específicos de acceso establecidos polo curso na súa oferta.

Seguro Obrigatorio

Establecemento Seguro Obrigatorio de Accidentes e Asistencia en viaxe para estudantes da USC (Acordo Consello Goberno 29 de xuño de 2009).

Para garantir que todos/as os alumnos/as teñan subscrito un seguro obrigatorio de accidentes no momento de matricularse, o seu importe inclúese na liquidación da matricula.
 

Expedición dos diplomas

Os diplomas de aproveitamento e de participación nos cursos de formación continua expedidos pola USC serán asinados polo reitor ou persoa en quen delegue e polo xefe da dependencia administrativa responsable da tramitación e expedición do correspondente título, en modelo normalizado no que poderá figurar impresa a sinatura do reitor, e causarán constancia rexistral nun Rexistro creado para tal efecto. No reverso do diploma figurará a relación de materias e créditos cursados.

As solicitudes de expedición presentaranse na SECCIÓN DE POSGRAO, TERCEIRO CICLO E FORMACIÓN CONTINUA (Pavillón estudiantil- Campus Universitario Sur, 15782 Santiago de Compostela), unha vez estean depositadas as actas cubertas polos responsables dos cursos.

Para a expedición pola USC de Títulos Propios, Diplomas e certificados é necesario realiza-lo pagamento  previo das taxas que aprobe o Consello Social para cada ano académico.