Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Dereito  »  Información da Materia

G3161423 - Dereito Procesual Civil I (Materias Obrigatorias) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 4.50
  • Total: 4.5
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 18.00
  • Clase Interactiva Seminario: 18.00
  • Horas de Titorías: 2.25
  • Total: 38.25

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Dereito Público Especial
  • Áreas: Dereito Procesual
  • Centro: Facultade de Dereito
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
CATALINA BENAVENTE, MARIA DE LOS ANGELES.NON
VALIÑO CES, ALMUDENA.NON
Vilaboy Lois, Lotario.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo AOrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo A1OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo A2OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo A3OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo BOrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo B1OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo B2OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS03OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS04OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS05OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS06OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS07OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS08OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS09OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS10OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS11OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS12OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS13OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS14OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego


  • Obxectivos da materia
    A finalidade docente xira ao redor do coñecemento das institucións básicas do proceso civil e de familiarizar ao alumnado co funcionamento práctico dos procesos declarativos ordinarios na súa primeira/única instancia.

    Dun xeito máis concreto, preténdese a aprendizaxe polo alumnado dos conceptos máis relevantes que integran as devanditas institucións e, en particular, dos principios que as inspiran, os suxeitos que interveñen no proceso civil, os posibles feitos xuridicamente relevantes que poden someterse a este método de solución de conflitos e a forma (fases) na que se desenrola. Todo isto tendo en conta que o proceso é un método dialéctico e formalizado, e polo tanto hai que posuír un coñecemento claro da orde e da forma que seguen as actuacións.

    Trátase tamén de que o alumnado adquira un dominio da linguaxe xurídica procesual, unha destreza no manexo dos textos procesuais de dereito positivo e na utilización dos instrumentos básicos da súa interpretación e aplicación, así como as habilidades necesarias para a resolución de supostos prácticos cun nivel básico, unha adecuada capacidade de análise e de síntese, de xestión e selección da información, de organización e de planificación, de razoamento crítico, de toma de decisións, de aprendizaxe autónomo, de planificar e conducir a propia aprendizaxe e a actualización de coñecementos, e de inclinar a súa sensibilidade cara a temas da realidade social cotiá relacionados coa materia.

    Contidos
    Os contidos mínimos desta materia agrúpanse en 12 leccións que fan referencia as áreas temáticas e descritores da materia que figuran no Plan de Estudos do Grao en Dereito da Universidade de Santiago de Compostela.

    PARTE PRIMEIRA: O PROCESO CIVIL. CONCEPTOS FUNDAMENTAIS.

    Lección 1: Introdución. Principios do proceso e do procedemento.
    1. A Lei de axuizamento civil 1/2000, de 7 de xaneiro: A) O modelo de xustiza civil; B) Estrutura e contido básico.- 2. A Lei de axuizamento civil de 1881: preceptos vixentes.- 3. Os principios do proceso civil.- 4. Os principios do procedemento.

    Lección 2: A competencia.
    1. A xurisdición e a competencia dos tribunais da orde xurisdicional civil.- 2. Competencia obxectiva.- 3. Competencia funcional.- 4. Competencia territorial.- 5. O reparto de asuntos.

    Lección 3: As partes procesuais.
    1. As partes procesuais: A) Concepto. Dualidade de posicións; B) Capacidade para ser parte e capacidade procesual; C) Lexitimación; D) Postulación.- 2. Pluralidade de partes: A) Concepto; B) Litisconsorcio; C) A intervención procesual.- 3. Sucesión procesual.

    Lección 4: O obxecto do proceso civil.
    1. O obxecto do proceso.- 2. A ampliación do obxecto procesual: os supostos de acumulación.- 3. As cuestións prexudiciais.- 4. As cuestións incidentais.

    Lección 5: Tipoloxía dos procesos civís.
    1. Procesos declarativos: A) Tipoloxía e liñas xerais da LAC; B) Os procesos declarativos ordinarios: ámbito e fases; C) Os procesos declarativos ordinarios con especialidade: liñas xerais da LAC; D) Os procesos declarativos especiais: liñas xerais da LAC.- 2. Proceso cautelar: liñas xerais da LAC.- 3. Proceso de execución: tipoloxía e liñas xerais da LAC.

    PARTE SEGUNDA: OS PROCESOS DECLARATIVOS ORDINARIOS.

    Lección 6: Actos previos ao proceso.
    1. O acto de conciliación.- 2. As dilixencias preliminares.- 3. Outras actuacións previas (reclamación administrativa previa, medidas cautelares, aseguranza da proba, etc.).- 4. Mediación.

    Lección 7: A fase de alegacións.
    1. A demanda: A) Concepto; B) A pretensión; C) Documentos; D) Admisión, inadmisión e efectos.- 2. Posicións do demandado ante a demanda: A) Chamamento do demandado ao proceso e posturas que pode adoptar; B) A rebeldía; C) A falta de contestación á demanda; D) O acto procesual de contestación á demanda; E) A reconvención.- 3. Outros actos de alegación.

    Lección 8: A fase intermedia e a fase de xuízo ou vista.
    1. A audiencia previa no proceso ordinario e a fase inicial da vista no xuízo verbal: xustificación, principios reitores e estrutura.- 2. A audiencia previa: A) Comparecencia das partes. B) Funcións.- 3. Funcións da fase inicial da vista no xuízo verbal.- 4. O xuízo e a vista nos xuízos ordinario e verbal: A) Principios reitores B) Comparecencia e suspensión. C) Desenvolvemento ou estrutura.

    Lección 9: A fase probatoria (I).
    1. A proba: concepto, natureza, clases e medios.- 2. A proba ilícita.- 3. O obxecto da proba.- 4. A valoración da proba.- 5. As presuncións.- 6. A carga da proba.- 7. O procedemento probatorio.- 8. Aseguranza e anticipación da proba.

    Lección 10: A fase probatoria (II).
    1. O interrogatorio das partes.- 2. A proba por documentos.- 3. O ditame de peritos.- 4. O interrogatorio de testemuñas.- 5. O recoñecemento xudicial.- 6. Medios audiovisuais e instrumentos de arquivo.- 7. As dilixencias finais.

    Lección 11: A fase de conclusións e a finalización da primeira instancia.
    1. Os actos de conclusión.- 2. A sentenza.- 3. A cousa xulgada.- 4. A terminación anticipada do proceso por vontade das partes ou dalgunha delas.- 5. A paralización do proceso e a perda total ou parcial dos autos.

    Lección 12: Os custos do proceso civil.
    1. Os gastos da xustiza.- 2. Os gastos procesuais.- 3. As custas procesuais.- 4. As taxas xudiciais.- 5. Os depósitos para recorrer.

    O contido da materia complétase co correspondente PROGRAMA DE PRÁCTICAS/CLASES INTERACTIVAS, determinado nun calendario e cuxo contido será facilitado aos alumnos ao principio do curso.

    Bibliografía básica e complementaria
    Bibliografía básica:

    Comprende un manual actualizado da materia, un exemplar igualmente actualizado da Constitución española de 1978, da Lei orgánica do poder xudicial e da Lei de axuizamento civil, coas súas normas complementarias, así como as notas tomadas das explicacións na clase.

    Para todos os textos legais de necesario manexo, recoméndase a adquisición daquelas edicións máis recentes que veñan acompañadas dun amplo catálogo de disposicións complementarias.

    Entre os manuais que se recomendan, pola súa sistemática e actualización, atópase, en primeiro lugar, o dos profesores Cortes Domínguez e Moreno Catena, Derecho Procesal Civil. Parte General", Ed. Tirant lo Blanch (última edición); e, en segundo lugar, o dos profesores Montero Aroca, Gómez Colomer, Montón Redondo e Barona Vilar, Derecho Jurisdiccional II. Proceso civil", Ed. Tirant lo Blanch (última edición).

    Bibliografía complementaria: outros manuais son os dos profesores
    Armenta Deu, Lecciones de Derecho Procesal Civil, Ed. Marcial Pons (última edición).
    De la Oliva Santos e outros, Derecho Procesal Civil. El proceso de declaración, Ed. CERASA (última edición).
    Gimeno Sendra, Derecho Procesal Civil I, Ed. Colex (última edición).
    Ortells Ramos e outros, Derecho Procesal Civil, Ed. Aranzadi (última edición).
    Outros manuais (última edición)

    Competencias
    Co estudo desta materia o alumnado obterá unha serie de coñecementos básicos que lle permitirán valorar os feitos sociais conforme as principais normas procesuais que resulten de aplicación, ter a capacidade necesaria para comprender cuestións xurídicas relevantes e para expoñer as posibles resolucións dun caso concreto e de actuar cun compromiso ético e deontolóxico.

    Ademais, o manexo dos textos legais, da xurisprudencia e da doutrina familiarizarano coa terminoloxía procesual e facilitaralle unha mellor comprensión dos textos xurídicos, o que sen dúbida contribuirá a unha mellor claridade expositiva e tecnicamente correcta.
    Coa súa participación nas clases prácticas interactivas obterá unha visión global do proceso civil e dos problemas forenses que presentan as institucións estudadas, e comprobará a súa aplicación en situacións reais, así como as distintas formas de interpretación das normas xurídicas. Estas prácticas proporcionaranlle os coñecementos necesarios para elaborar e presentar unha decisión xuridicamente fundada, para redactar documentos xurídicos sinxelos, o que lle facilitará tamén as competencias básicas para expor os seus coñecementos cun dominio axustado das habilidades orais e escritas.

    En definitiva, dun xeito mais detallado pretendese que o alumnado adquira as seguintes competencias:
    a) Instrumentais: Capacidade de comprensión, análise e síntese.- Capacidade de organización e planificación.- Comunicación oral e escrita fluída.- Capacidade de obtención e xestión da información.- Capacidade de resolución de problemas.- Capacidade de decisión.- Razoamento crítico.- Compromiso ético e deontolóxico.
    b) Interpersoais: Traballo en equipo.- Capacidade de relación interpersoal nun contexto profesional.- Recoñecemento da diversidade e da multiculturalidade.
    c) Sistémicas: Aprendizaxe autónomo.- Adaptación a novas situacións.- Creatividade.- Liderado.- Iniciativa e espírito emprendedor.- Motivación pola calidade e pola excelencia profesional.- Sensibilidade cara a temas da realidade social, económica e ambiental.- Espírito de superación.
    d) Específicas: Empregar os principios de liberdade, igualdade, xustiza e pluralismo e os valores democráticos e dunha cultura de paz na interpretación do ordenamento xurídico, con especial atención aos dereitos fundamentais.- Percibir o carácter unitario do ordenamento xurídico e conseguir a necesaria visión sistemática e de conxunto dos problemas xurídicos.- Percibir a interrelación do Dereito con outras disciplinas científicas e cos problemas da sociedade.- Comprender adecuadamente os fenómenos políticos, sociais, económicos, culturais, persoais e sociolóxicos, entre outros, considerándoos na interpretación e aplicación do Dereito.- Adquirir o dominio das técnicas de obtención de información xurídica.- Comprender as distintas normas de creación do Dereito na súa evolución histórica e na súa realidade actual.- Manexar e interpretar correctamente as distintas fontes xurídicas.- Adquirir a capacidade de razoamento e argumentación xurídica cunha conciencia crítica na análise do ordenamento.- Comprender e coñecer as principais institucións xurídicas públicas e privadas na súa xénese e bases conceptuais en Dereito.- Adquirir a capacidade de redactar textos e expresarse oralmente nunha linguaxe fluída e técnica, utilizando termos xurídicos precisos, claros e comprensibles.- Adquirir a capacidade de analizar e resolver os problemas que suscite a práctica e a aplicación do Dereito.

    Metodoloxía da ensinanza
    A planificación docente da materia persegue un adecuado equilibrio dos seus fundamentos teórico-xurídicos e a iniciación na súa aplicación práctica, de modo que o alumnado poida adquirir unha perspectiva básica e axustada da materia. Unha correcta metodoloxía do Dereito Procesual Civil I trata de conseguir a participación activa do alumnado (motivación do estudantado), que no pode limitarse a desempeñar un papel pasivo, como mero receptor de datos, senón que debe contar cos medios necesarios para que a Universidade se converta no medio idóneo no que manifestar as súas inquietudes formativas, co que se propicia tamén que a relación profesorado-alumnado sexa mais estreita e enriquecedora para ambos. Ademais, nesta materia perséguese que o alumnado manexe axeitadamente as fontes da disciplina, profundice nelas e complete e aclare as dúbidas con apoio na doutrina e na xurisprudencia.

    Trátase de mostrar os camiños polos que ha de discorrer posteriormente un coñecemento máis detallado e concreto da materia, e cuxo coñecemento lle será de utilidade ao longo da súa vida profesional.

    Durante o cuadrimestre facilitaráselle ao alumnado, a través do Servizo de Reprografía da Facultade de Dereito, material documental de apoio para a comprensión da materia e como complemento imprescindible das explicacións teóricas e prácticas. Tamén se utilizarán os medios técnicos instalados nas aulas para facilitar a comprensión da materia.

    A dita planificación está baseada fundamentalmente nas clases expositivas, clases interactivas e consultas ou titorías:

    A) Clases expositivas:
    Sen a pretensión de referir integramente o contido do programa da materia, agás naquelas partes que sexa difícil estudar polos manuais, tratarase de que as explicacións do profesor poidan servir de guía para o estudo do dito programa e para a comprensión de toda a materia, propoñendo un intercambio de ideas, de interpretacións e de informacións, así como formulando preguntas ao alumnado sobre as cuestións abordadas. De tal forma que seguir as devanditas explicacións poida servirlle ao alumno/a para facilitar o estudo do manual e da lexislación ao uso, pois, por un lado, permiten delinear mediante a exposición sistemática e clara as liñas mestras do ordenamento procesual civil, dos seus principios e institucións, adquirir capacidade de análise, de síntese, de organización, planificación, xestión da información, comunicación oral e escrito, razoamento crítico; e, por outro, destacar a relación da materia coa realidade e analizar cuestións baixo distintas perspectivas e entender as de máis difícil comprensión.
    Semanalmente, impartiranse dúas clases expositivas cunha duración de 90 minutos cada unha (excepción feita do establecido no apartado seguinte respecto das clases interactivas), de acordo co horario oficial publicado.
    A asistencia habitual ás clases expositivas, xunto coa participación activa nas ditas clases (p.e., colaborando na exposición do temario, nas actividades que formule o profesor, etc.) será valorada polo profesor positivamente de cara á nota final, segundo o indicado no apartado desta Guía relativa ao “sistema de avaliación”. Para tal efecto, semanalmente controlarase a asistencia mediante procedementos aleatorios.

    B) Clases interactivas:
    As clases prácticas interactivas teñen como finalidade primordial expor os problemas forenses que suscitan as institucións estudadas nas clases teóricas (a clase teórica é pois soporte da clase práctica), ademais de contribuír a completar o programa da materia para que o alumnado obteña unha visión global do proceso civil de declaración no relativo aos seus conceptos fundamentais e o seu funcionamento na primeira ou única instancia.
    Traerase ás aulas a realidade coa que se vai enfrontar o alumno/a na súa vida profesional dende a óptica da xudicatura ou da avogacía, polo que o réxime destas prácticas basearase na realización de exercicios de aplicación do dereito positivo a supostos de feito, na elaboración de documentos procesuais e outros traballos de contido práctico, e na presenza de actuacións procesuais en vivo ou simuladas, que serán obxecto de estudo previo e posterior análise.
    Con elas o alumno adquirirá capacidade de análise e de síntese, de xestión e de información, de organización e de planificación, de resolución de problemas, de negociación e de conciliación; facilidade de comunicación oral e escrita; traballo en equipo, razoamento crítico, toma de decisión; e capacidade para o manexo de fontes xurídicas (legais, xurisprudenciais e doutrinais).
    Impartiranse as clases prácticas que corresponden á materia conforme establece o plan de estudos. A data na que se realizará cada actividade práctica será a fixada no calendario académico aprobado pola Xunta da Facultade; e procurarase, na medida do posible, que o contido das prácticas verse sobre os contidos xa analizados nas clases expositivas.
    O contido básico das prácticas está programado polo profesor dende o comezo do curso e serán: P1ª: Lección 1; P2ª: Lección 2; P3ª: Lección 3; P4ª e 5ª: Lección 6; P5ª e 6 ª: Lección 7; P7ª: Lección 8; Prácticas 8ª e 9 ª: Leccións 9, 10 e 11; P10ª: Lección 12.
    As prácticas realizaranse polo alumnado dentro e fóra do horario lectivo, segundo os casos e requiren un traballo individual do alumnado (en ocasións tamén en grupo). Para tal efecto, o profesor orientará aos alumnos/as acerca do manexo de fontes legais, doutrinais e xurisprudenciais, que constitúen os materiais básicos para a resolución de casos prácticos, a elaboración de documentos procesuais e a comprensión das actuacións procesuais que se van presenciar ou a realizar. As prácticas realizadas polos alumnos/as serán resoltas na clase, entregadas polos asistentes a cada sesión e cualificadas polo profesor.
    As clases prácticas serán impartidas polo mesmo profesor das clases expositivas ou, eventualmente por outros profesores da Área ou profesionais colaboradores da Escola de Práctica Xurídica (USC-ICAS-ICPS).
    Para asistir as clases interactivas é imprescindible acreditar unha asistencia habitual ás clases expositivas (mínimo: 80%).
    A realización das prácticas computará na nota final da materia sempre e cando a asistencia a estas fose superior ao 80% das sesións programadas. Nas prácticas que supoñan, ademais da asistencia e participación na clase, a entrega dalgún tipo de traballo, só poderán entregar o dito traballo os alumnos/as que asistiran as sesións nas que se levou a cabo a dita práctica. A data de entrega dos diferentes traballos será fixada polo profesor ao remate de cada sesión práctica.
    Durante o cuadrimestre realizaranse un total de dez prácticas que serán desenvolvidas nun total de oito sesións. A cualificación de cada práctica oscilará entre cero e dez puntos. Dependendo da media, a nota final resultante sumará ata un máximo dun 20% da cualificación final da materia, sempre que se superase o exame escrito ou oral.

    C) Consultas:
    As consultas ou titorías teñen como finalidade orientar ó alumnado na aprendizaxe da materia e resolver as dúbidas que suscite o seu estudo, e posibilitan a mellora da comunicación oral, da capacidade de xestión da información, de organización e de planificación, de razoamento crítico, de toma de decisións e do manexo das fontes xurídicas.
    Atenderanse por parte do profesor encargado da materia no horario que se indique no taboleiro de anuncios da Área. Para consultas fóra del, os interesados poderán concertar a oportuna cita na hora de clase ou de titoría.
    Excepcionalmente, establecerase un apoio titorial periódico para aqueles alumnos/as que encontren unha especial dificultade na aprendizaxe da materia, manifestada no número de convocatorias esgotadas, na indecisión á hora de presentarse ao exame, etc., tendente a proporcionarlles a orientación necesaria para que adquiran os coñecementos sufici
    Metodoloxía da ensinanza
    entes para superar a materia. Este apoio titorial extraordinario debe solicitarse por escrito ao profesor da materia antes de transcorridas a tres primeiras semanas de clase. O profesor, en función das dispoñibilidades, procurará atender todas as solicitudes presentadas.

    D) Fichas:
    Todo/a alumno/a debe entregarlle ao profesor, durante a primeira semana do segundo cuadrimestre, unha ficha, cuberta debidamente e cunha fotografía recente.
    Sistema de evaluación
    1.Materia obxecto de exame.
    Ao ser unha materia cuadrimestral, só se realizará un exame final. A materia correspondente ao exame comprende a totalidade das leccións que figuran no programa oficial, esixible co grao de profundidade que resulta das explicacións realizadas polo profesor nas clases expositivas e interactivas, e de acordo co establecido nos apartados anteriores.

    2. Datas de exame.
    De acordo co establecido pola Xunta da Facultade de Dereito, os exames escritos terán lugar nas datas, horas e aulas aprobadas e que figuran nos taboleiros de anuncios da Facultade de Dereito para cada grupo.

    3. Modalidades de exame.
    Como norma xeral, os/as alumnos/as poderán optar entre o exame escrito e o exame oral, de acordo coas normas que se detallan a continuación:

    A) Regras para a realización do exame.
    Os/as alumnos/as deberán acreditar a súa identidade, para o que acudirán ao exame provistos do seu DNI, carné da Universidade, pasaporte ou permiso de conducir.
    No exame poderá utilizarse o programa oficial e as leis relacionadas coa materia. Non obstante, calquera anotación ou comentario contido no material anterior, estea ou non relacionado coas preguntas do exame, suporá a expulsión automática del.
    Os exames escritos deberán realizarse con bolígrafo, preferentemente de tinta negra ou escura, coidando a ortografía, sintaxe e precisión da linguaxe; a caligrafía terá que ser clara e coidada.

    B) Exame escrito.
    Constará de:
    Dez preguntas de distinto tipo (de resposta breve, test, completar), que, de ser o caso, deberán ser enmarcadas nalgunha das normas do noso ordenamento xurídico e que se responderán no período máximo de dúas horas. O/a alumno/a poderá utilizar todos os textos legais que estime convenientes, pero non auxiliarse doutro material bibliográfico.
    E un tema xeral, seleccionado polo profesor entre os contidos da materia. O tema poderá responder a epígrafes do programa ou formularse como preguntas de relación ou conexión entre distintos contidos, todos eles comprendidos na materia obxecto de exame. Para a súa realización disponse de trinta minutos.

    4. Criterios de cualificación e revisión de exames.
    Para superar o exame escrito e ter a cualificación de aprobado esíxese un coñecemento xeral de toda a materia do exame e equilibrado de cada unha das súas partes. Non será posible superar a materia cando o exame demostre que o/a alumno/a descoñece partes esenciais do programa. Para tales efectos o exame escrito dividirase nas seguintes dúas partes temáticas: unha primeira, integrada polas leccións 1 a 6 e, unha segunda, polas leccións 7 a 12 do programa. Por tanto, aínda que a nota final do exame alcance a cifra de cinco, esixirase que o/a alumno/a consiga en cada parte do exame escrito unha puntuación mínima de 3. Aprobar o exame final será requisito para superar a materia.
    Nas preguntas breves os/as alumnos/as deberán sintetizar tanto conceptos como institucións esenciais do programa da materia e responder de maneira breve, clara e concisa o que se lle pregunta. O valor de cada pregunta é de 0,9 puntos.
    Na pregunta de desenvolvemento esixirase unha exposición lóxica, intelixible e lingüisticamente correcta da resposta, tendo en conta especialmente a capacidade de relacionar distintos contidos do programa. Trátase de comprobar a claridade de ideas e expositiva do alumno/a, o manexo adecuado da terminoloxía procesual e da lexislación, xurisprudencia e doutrina, así como a súa capacidade de relación. O valor máximo desta pregunta de desenvolvemento será de un punto.

    A nota final que determinará o rendemento académico do alumno/a en relación coa materia será a que resulte de sumar aos puntos obtidos nas preguntas do exame escrito (ou, de ser o caso, no exame oral) á cualificación alcanzada nas prácticas, casos prácticos e simulacións realizadas nas clases interactivas, nas exposicións realizadas nas clases expositivas e da asistencia as clases, nas seguintes proporcións: 75% exame escrito ou oral, 25% prácticas, casos prácticos, simulacións (incluída a asistencia as clases interactivas) e as exposicións realizadas nas clases expositivas (incluída a asistencia).

    Para os efectos da Normativa de Permanencia nas Titulacións de Grao e de Máster, todas as actividades realizadas ao longo do curso durante as clases interactivas, asi como a asistencia ás clases serán valoradas. Por tanto, para que o alumno figure como “non presentado” na correspondente convocatoria será necesario que non asista a ningunha clase, non realice ningunha actividade interactiva nin realice o exame.

    Revisión de exames: en cumprimento da normativa da USC, o profesor encargado da materia publicará, no taboleiro de anuncios da Área de Dereito Procesual, as listas coas cualificacións de cada alumno/a nos dez días seguintes á realización do exame, con indicación da data e horario no que o/a alumno/a poderá exercitar o seu dereito de revisión para percibir o seu nivel de coñecementos e de carencias. En todo caso, esta revisión terá sempre lugar dentro dos dez días seguintes á publicación das cualificacións. Finalizada a revisión, serán publicadas as notas definitivas no mesmo taboleiro de anuncios.

    D) Exame oral.
    A realización do exame de forma oral, suxeita ás dispoñibilidades horarias e do profesor, esixe que o/a alumno/a o solicite por escrito, que deberá presentar persoalmente ante o profesor, cunha antelación mínima de cinco días á data fixada para a o comezo do período oficial de realización do exames na Facultade.
    As datas habilitadas polo profesor para esta modalidade de exame estarán comprendidas entre o primeiro día do período de exames e a data fixada pola Xunta da Facultade de Dereito, na correspondente reunión, para o exame escrito da materia. O exame oral realizarase seguindo a orde de inscrición.
    O exame oral será público e axustarase aos criterios xerais de avaliación previstos para o exame escrito (singularmente, no que respecta ao número de preguntas). Esta modalidade inclúe, como criterios propios de avaliación, a expresión oral, a argumentación e a construción lóxica e ordenada do discurso.
    As notas publicaranse conxuntamente coas cualificacións dos exames escritos.
    Tempo de estudo e traballo persoal
    A materia de Dereito Procesual Civil I ten asignados no Plano de Estudos do Grao en Dereito un total de 4,5 créditos.

    O tempo de estudo e de traballo persoal que debe dedicar un estudante para superar a materia depende, loxicamente, das peculiares capacidades intelectuais de cada alumno/a. Non obstante, calcúlase como media que, para afrontar cun mínimo de garantías o exame desta materia, o tempo de distribución do traballo do alumno/a, entre horas presenciais e non presenciais, será o seguinte: considéranse necesarias 45 horas de presenza do alumno na aula (entre asistencia a clases expositivas, interactivas e titorías de grupo reducido), ás que haberá que sumar 67,5 horas de traballo persoal do alumno para resolver os casos prácticos que se formulen, elaborar as presentacións de traballos e preparar o exame.

    Recomendacións para o estudo da materia
    Para cursar esta materia debe terse superado con anterioridade a materia de “Organización xudicial e proceso”. Así mesmo, para o bo aproveitamento e comprensión da materia é recomendable ter cursado as materias de “Dereito Civil” e de “Dereito Mercantil”.

    A axeitada preparación da materia aconsella a asistencia do alumno/a ás clases co material lexislativo correspondente a cada lección e cunha lectura previa dos epígrafes e das fontes recomendadas da lección do programa que se vai explicar, de modo que o complemento das notas (que non ditado de apuntamentos) recollidas na clase, xunto coa lectura dun manual e da lexislación correspondente demostrou bos resultados, xa que o/a estudante non só saberá o temario senón que, ademais, será capaz de razoalo, ao establecer as conexións entre as diferentes partes que integran o programa.

    É tamén recomendable para o estudo da materia a asistencia ás clases prácticas interactivas, en canto teñen como finalidade formular os problemas máis relevantes que suscitan as institucións estudadas nas clases expositivas, así como completar o programa da materia. A experiencia acumulada durante un bo número de anos demostra que aqueles alumnos/as que asisten de xeito habitual ás exposicións da clase obteñen mellores resultados.

    O/a alumno/a non debe encontrar excesivo problema en superar satisfactoriamente a materia se xunto co dito anteriormente, obtén dende o primeiro día de clase todos os materiais da disciplina, trata de introducirse e comprender a terminoloxía procesual (aínda que isto supoña para el un esforzo adicional ao principio), é capaz de dedicarlle un tempo cada día lectivo ao estudo da materia sen omitir ningunha lección do programa, e de preguntar habitualmente nas titorías as cuestións que non entenda ou nas que teña dúbidas, evitando tentar aprender de memoria cuestións que previamente non fosen comprendidas de xeito correcto. Ademais, é moi útil prestar atención ás noticias e interpretalas coas ensinanzas do curso.

    Observacións
    Dado que o profesor ten o seu despacho habitual na sede da Escola de Práctica Xurídica, situada na planta soto da Facultade, as comunicacións que realice o profesor encargado da materia exporanse no taboleiro de anuncios da Escola de Práctica Xurídica.
    As titorías serán tamén atendidas, preferentemente, no despacho de que dispón o profesor na Escola de Práctica Xurídica, os xoves e venres, fora do horario de clases, e ata as 20 horas