G3061106 - Microeconomía I (Análise Económica) - Curso 2012/2013
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 31.00
- Clase Interactiva Seminario: 17.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Fundamentos da Análise Económica
- Áreas: Fundamentos de Análise Económica
- Centro: Facultade de Económicas e Empresariais
- Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: Primeiro Curso (1º 1ª vez)
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoObxectivos da materiaNo curso de Microeconomía preténdese ofrecer unha visón completa, pero alcanzable, dos procesos de elección dos axentes económicos e do funcionamento dos mercados en equilibrio parcial. Isto supón, en primeiro lugar, analizar a conduta das unidades económicas individuais, é dicir, o proceso de toma de decisións económicas, facendo fincapé nos obxectivos e restricións. De seguido, trátase de explicar cómo se resolve o problema da distribución de bens e servizos, mediante a interacción no mercado de axentes económicos individuais que actúan racionalmente. Neste contexto, os conceptos de racionalidade, restricións e equilibrio constitúen os principios organizadores da análise.
Nesta materia estudaremos os procesos de toma de decisión dos consumidores e produtores así como o funcionamento do mercado para a determinación de prezos e cantidades de bens e servizos intercambiados consumidas e producidas. Cabe sinalar que a análise do funcionamento dos mercados farémola dende unha perspectiva de equilibrio parcial, analizando o funcionamento dun mercado ou, como moito, algúns aspectos da interacción que se produce entre un número reducido de mercados, quedando para cursos posteriores a análise da interacción dos diferentes mercados que constitúen unha economía, perspectiva coñecida como de equilibrio xeral.
A análise do funcionamento dun mercado realizarase tanto dende unha perspectiva positiva como normativa. Dende un punto de vista positivo, partindo dunha serie de supostos sobre o comportamento dos axentes produtores e consumidores, así sobre o funcionamento do mercado, do que se trata é de determinar os prezos e a cantidade vendida, así como as variacións nos prezos e nas cantidades cando varían algún dos elementos do entorno (renda dos consumidores, melloras tecnolóxicas, número de produtores, horizonte da análise, etc.). Dende un punto de vista normativo, faremos unha análise sobre a capacidade dun mercado para xerar benestar nos axentes que nel participan. Esta análise desenvólvese en torno ao concepto de eficiencia e serve para analizar a capacidade dos mercados para xerar benestar. Isto permitiranos comparar dúas estruturas de mercado absolutamente opostas en termos de benestar, como son a competencia perfecta e o monopolio, deixando para cursos posteriores a análise de estruturas de mercado intermedias.
Outro obxectivo, neste caso transversal, é familiarizar ó alumno co uso dos modelos e as técnicas da microeconomía na análise dos problemas de elección, de funcionamento dun mercado e da análise do benestar derivado das transaccións. Faremos énfase na comprensión dos problemas a través do uso de modelos matemáticos e abordaremos a análise mediante a álxebra, o cálculo, o razoamento lóxico e gráfico. Aínda que o que se pretende e ir ao cerne dos problemas, sintetizando e simplificando a súa presentación co fin de poder extraer e comprender os elementos esenciais, continuamente presentaremos exemplos e exercicios cos que ilustrar as teorías.
ContidosTema 1: O consumidor racional. Restricións e preferencias (6 horas)
1.1 A restrición orzamentaria do consumidor
1.2 As preferencias do consumidor
1.3 Preferencias e función de utilidade
1.4 As curvas de indiferenza
1.5 Exemplos de preferencias: bens substitutivos, complementarios, neutrais, males e bens discretos
1.6 Exemplos de funcións de utilidade
Tema 2: Elección óptima e demanda (10 horas)
2.1 A maximización da utilidade
2.2 Variacións na renda e elección óptima. Curva de Engel
2.3 Variacións nos prezos e elección óptima. Ecuación de Slutsky
2.4 Oferta de traballo
2.5 Medición do benestar do consumidor: excedente do consumidor, variación compensatoria e variación equivalente
2.6 A demanda de mercado
Tema 3: Elección intertemporal (4 horas)
3.1 Restrición orzamentaria intertemporal
3.2 As preferencias sobre o consumo intertemporal
3.3 Elección consumo—aforro
3.4 Variacións nos tipos de xuro e nos prezos
Tema 4: Tecnoloxía e produción (3 horas)
4.1 Restricións tecnolóxicas da empresa. Función de produción
4.2 Propiedades da tecnoloxía
4.3 Produto marxinal e relación técnica de substitución.
4.4 Curto e longo prazo. Rendementos de escala
Tema 5: A minimización de custos e as curvas de custos (6 horas)
5.1 Minimización de custos no longo prazo
5.2 Minimización de custos no curto prazo
5.3 Función de custos e rendementos de escala
5.4 Curvas de custos medios e marxinais no curto prazo
5.5 Curvas de custos medios e marxinais no longo prazo. Relación coas curvas de custos de curto prazo
Tema 6: Maximización de beneficios, oferta da empresa, oferta da industria e equilibrio en competencia perfecta (10 horas)
6.1 A decisión de oferta de unha empresa competitiva no curto e no longo prazo
6.3 A oferta da industria e o equilibrio de mercado na industria no curto prazo
6.4 A oferta da industria e o equilibrio de mercado na industria no longo prazo
6.5 Excedente do produtor. A eficiencia de Pareto en equilibrio parcial e a súa relación co equilibrio
6.6 Incidencia impositiva en equilibrio parcial
Tema 7: Monopolio (6 horas)
7.1 A maximización de beneficios dun monopolio
7.2 Monopolio e eficiencia
7.3 Monopolio natural
7.4 Discriminación de prezos
7.5 Efectos da competencia imperfecta no mercado de produto sobre os mercados de factores
7.6 O monopsonio
Bibliografía básica e complementariaBibliografía básica
Varian, H. (2011), Microeconomía Intermedia. 8ª edición. Barcelona: Antoni Bosch.
Bibliografía complementaria
Bergstrom, T. y H. Varian (1999): Ejercicios de Microeconomía Intermedia. 5ª edición, Antoni Bosch.
Carrasco, A. De la Iglesia, C., E. Gracia, E. Huergo y L. Moreno (2003), Microeconomía Intermedia: Cuestiones y problemas. Madrid: McGraw—Hill.
Gravelle, H. y R. Rees (2005), Microeconomía. 3ª edición. Madrid: Pearson Educación.
Nicholson, W. (2004): Teoría microeconómica. Principios básicos y aplicaciones. 8ª edición. Madrid: Thomson Editores.
Varian, H. (1993): Análisis Microeconómico. 3ª edición. Barcelona: Antoni Bosch.
Competenciasa. Xenéricas
• Coñecer e comprender a problemática da escaseza e a asignación de recursos, o sistema de
prezos, teoría do consumo e da produción, o equilibrio competitivo nos mercados de bens e de
factores e o equilibrio nos mercados non competitivos.
• Coñecer e comprender os fundamentos teóricos da toma de decisións.
• Capacidade para achegar racionalidade á análise e á descrición de calquera aspecto da
realidade económica.
• Capacidade para avaliar consecuencias de distintas alternativas de acción e seleccionar as
mellores, dados os obxectivos.
• Habilidades necesarias para a resolución de problemas.
• Habilidade para o traballo en equipo.
b. Específicas da materia
• Manexo das ferramentas fundamentais da análise económica.
• Coñecemento dos elementos fundamentais da conduta dos distintos axentes económicos.
• Coñecemento dos mecanismos básicos da interacción dos axentes nos mercados.
• Aplicación de modelos formais ás cuestións económicas que permitan unha análise
cuantitativa.
Metodoloxía da ensinanza As aulas de pizarra en grupo grande serán expositivas e consistirán basicamente en leccións impartidas polo profesor, dedicadas á exposición dos contidos teóricos e á resolución de problemas ou exercicios. Estas sesións estarán dedicadas a representar e explicar de forma simplificada a realidade económica, usando os conceptos de equilibrio e racionalidade individual. Usando as ferramentas matemáticas de álxebra, cálculo e teoría de xogos, así como a dedución lóxica, explicarase como facer análise económica usando estes modelos para entender a economía real. As aulas de pizarra, ademais de transmitir coñecementos, teñen como propósito amosarlle ao estudante o método e a forma como traballa un analista económico. Estas habilidades terán que ser postas en práctica polos estudantes posteriormente nas aulas interactivas e durante o tempo dedicado a traballar de forma autónoma.
As aulas interactivas están destinadas a propoñer e resolver aplicacións da teoría, problemas, exercicios, e a analizar casos e exemplos que ilustren as teorías. Estas aulas tamén servirán para facer unha revisión dos coñecementos adquiridos, que permita a interacción de forma crítica e a discusión de dúbidas expostas polos estudantes sobre os conceptos, métodos e técnicas de análise introducidas nas aulas expositivas. En estas aulas interactivas tamén se realizará un seguimento do traballo dos estudantes con finalidade de contribuír á avaliación.
O traballo na aula combinará as exposicións teóricas nas aulas expositivas con aulas interactivas para a resolución de exercicios e a análise crítica de tales exercicios ou casos prácticos. O Traballo individual ou en grupo do estudante estará orientado a preparar o traballo da aula interactiva e afirmar e aplicar os seus coñecementos na resolución de exercicios e análise crítica de lecturas recomendadas. Nas aulas interactivas o estudante terá que defender e debater o resultado dese traballo individual ou en equipo. A organización do traballo en equipo estará suxeita a regras que garantan a participación activa en todas actividades, de todos os membros de cada equipo.
Sistema de evaluaciónNa cualificación final, a cualificación obtida nun exame final escrito pondera un 75%, mentres que a cualificación obtida na avaliación continua pondera un 25%.
O exame final conterá tanto preguntas tipo test como preguntas a desenvolver.
A avaliación continua terá en conta todas as actividades que o estudante debe realizar ao longo do cuadrimestre (resolución de exercicios, discusión e participación na aula). Isto é aplicable tanto á culificación de xuño como de xullo. A avaliación continua terá tres compoñentes: “probas escritas”, “participación activa nas aulas” e “asistencia ás aulas”. As “probas escritas” combinarán preguntas tipo test con exercicios a desenvolver ou casos a comentar, que serán entregados aos estudantes con antelación para que os teñan traballados no momento de realizar a proba escrita. Serán probas cortas de 20-30 minutos de duración en horarios de aulas, con un máximo dunha proba por tema. A “participación activa nas aulas” require dos estudantes a participación e colaboración nas aulas interactivas, tanto co profesor como cos compañeiros, na resolución de exercicios de xeito oral e/ou na pizarra. A cualificación da avaliación continua será o resultado da media de todas as “probas escritas” (que ponderará un 60%), a “participación activa nas aulas” (que ponderará un 30%) e a “asistencia ás aulas” (que ponderará un 10%). A falta non xustificada a máis dun 20% do número de aulas nas que se teña feito control de asistencia implicará unha cualificación de cero no apartado “asistencia ás aulas”. A non participación en ningunha resolución de exercicios na aula, tanto voluntariamente como cando lle sexa solicitado polo profesor, implicará unha cualificación de cero no apartado “participación activa nas aulas”. Aqueles estudantes que teñan realizado algunha actividade de avaliación continua da que exista proba documental (probas realizadas por escrito e entregadas aos profesores ou intervencións orais nas aulas para as que estea documentada a asistencia), e non se presenten ao correspondente exame final escrito das convocatorias oficiais, obterán a cualificación de "Suspenso" na convocatoria correspondente coa cualificación numérica que corresponda de ponderar a nota da avaliación continua por un 25% (debe terse en conta que, aínda que a nota da avaliación continua fose a máxima posible, dado que pondera un 25% na nota final non sería suficiente por si soa para aprobar).
A cualificación obtida na avaliación continua conservarase tanto para o primeiro exame de xuño como para o segundo de xullo, pero non se conservará para cursos académicos posteriores. A cualificación obtida tanto no exame final de xuño como no de xullo non se conservará para cursos académicos posteriores.
Tempo de estudo e traballo persoalTraballo presencial na aula
Aulas en grupo grande 31 horas
Aulas en grupo reducido 17 horas
Avaliación final 3 horas
TOTAL 51 horas
Traballo persoal do estudiante
Estudio autónomo, individual ou en grupo 40 horas
Resolución de exercicios ou outros traballos 35 horas
Preparación de exames 15 horas
TOTAL 95 horas
Recomendacións para o estudo da materiaEsta é unha materia introdutoria na que se pon o alumno/a en contacto cun gran número de conceptos fundamentais sobre o comportamento e a resposta a incentivos por parte dos axentes económicos así como sobre o funcionamento dun mercado e o papel da competencia. Para avanzar adecuadamente na aprendizaxe da materia, é esencial que o alumno/a adquira un ritmo de traballo constante e que combine o estudo da teoría coa solución de exercicios prácticos.
O nivel de formalización matemática do curso é moi básico e inclúe álxebra, calculo diferencial e optimización. O propósito é que o alumno se concentre na comprensión dos conceptos e de que se exercite na práctica da análise económica a través do emprego de modelos sinxelos. O emprego dos conceptos e a utilización de modelos ilustraranse por medio exemplos numéricos e análise gráfica. A pesar da simplicidade das técnicas, na medida en que os conceptos e métodos de análise que se presentan no curso son novos, a materia pode entrañar para algúns estudantes un nivel de dificultade meirande do esperado. Por conseguinte, é sumamente importante que o alumno/a (sobre todo aquel ao que se lle faga mais difícil a materia) se exercite no manexo dos conceptos e dos modelos a través de exercicios prácticos. Así mesmo, será de grande utilidade para o estudante que se asegure de que adquire un domino das ferramentas matemáticas antes mencionadas e das técnicas de análise gráfica que se empregan durante o curso.
Para unha comprensión adecuada da materia, débese asistir regularmente á aula. Unha vez escoitada a presentación dun tema na aula expositiva, o estudante debe realizar os exercicios e tarefas encomendadas polo profesor, de xeito sistemático, sen permitir a acumulación de traballo. Isto é así por dúas razóns: i) é preciso manexar as teorías para poder entender os exercicios e contribuír á súa resolución e discusión nas aulas interactivas; ii) o programa ten un carácter secuencial de tal xeito que ter asimilados os conceptos de un tema facilita a comprensión do seguinte.
No estudio individual ou en grupo, así como na resolución dos exercicios, é importante o manexo dos textos recomendados e non basear o estudio na simple memorización dos apuntamentos das aulas.