G3061106 - Microeconomía I (Análise Económica) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 31.00
- Clase Interactiva Seminario: 17.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Fundamentos da Análise Económica
- Áreas: Fundamentos de Análise Económica
- Centro: Facultade de Económicas e Empresariais
- Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: Primeiro Curso (1º 1ª vez)
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoObxectivos da materiaNo curso de Microeconomía preténdese ofrecer unha visón completa, pero alcanzable, dos procesos de elección dos axentes económicos e do funcionamento dos mercados en equilibrio parcial. Isto supón, en primeiro lugar, analizar a conduta das unidades económicas individuais, é dicir, o proceso de toma de decisións económicas, facendo fincapé nos obxectivos e restricións. De seguido, trátase de explicar cómo se resolve o problema da distribución de bens e servizos, mediante a interacción no mercado de axentes económicos individuais que actúan racionalmente. Neste contexto, os conceptos de racionalidade, restricións e equilibrio constitúen os principios organizadores da análise.
Nesta materia estudaremos os procesos de toma de decisión dos consumidores e produtores así como o funcionamento do mercado para a determinación de prezos e cantidades de bens e servizos intercambiados consumidas e producidas. Cabe sinalar que a análise do funcionamento dos mercados farémola dende unha perspectiva de equilibrio parcial, analizando o funcionamento dun mercado ou, como moito, algúns aspectos da interacción que se produce entre un número reducido de mercados, quedando para cursos posteriores a análise da interacción dos diferentes mercados que constitúen unha economía, perspectiva coñecida como de equilibrio xeral.
A análise do funcionamento dun mercado realizarase tanto dende unha perspectiva positiva como normativa. Dende un punto de vista positivo, partindo dunha serie de supostos sobre o comportamento dos axentes produtores e consumidores, así sobre o funcionamento do mercado, do que se trata é de determinar os prezos e a cantidade vendida, así como as variacións nos prezos e nas cantidades cando varían algún dos elementos do entorno (renda dos consumidores, melloras tecnolóxicas, número de produtores, horizonte da análise, etc.). Dende un punto de vista normativo, faremos unha análise sobre a capacidade dun mercado para xerar benestar nos axentes que nel participan. Esta análise desenvólvese en torno ao concepto de eficiencia e serve para analizar a capacidade dos mercados para xerar benestar. Isto permitiranos comparar dúas estruturas de mercado absolutamente opostas en termos de benestar, como son a competencia perfecta e o monopolio, deixando para cursos posteriores a análise de estruturas de mercado intermedias.
Outro obxectivo, neste caso transversal, é familiarizar ó alumno co uso dos modelos e as técnicas da microeconomía na análise dos problemas de elección, de funcionamento dun mercado e da análise do benestar derivado das transaccións. Faremos énfase na comprensión dos problemas a través do uso de modelos matemáticos e abordaremos a análise mediante a álxebra, o cálculo, o razoamento lóxico e gráfico. Aínda que o que se pretende e ir ao cerne dos problemas, sintetizando e simplificando a súa presentación co fin de poder extraer e comprender os elementos esenciais, continuamente presentaremos exemplos e exercicios cos que ilustrar as teorías.
ContidosTema 1: O consumidor racional. Restricións e preferencias (6 horas)
1.1 A restrición orzamentaria do consumidor
1.2 As preferencias do consumidor
1.3 As curvas de indiferenza. A Relación Marxinal de Substitución
1.4 Exemplos de preferencias: bens substitutivos, complementarios, neutrais, males e bens discretos
1.5 Preferencias e función de utilidade
Tema 2: Elección óptima e demanda (6 horas)
2.1 A maximización da utilidade
2.2 Variacións na renda e elección óptima. Curva de Engel
2.3 Variacións nos prezos e elección óptima. Ecuación de Slutsky
2.4 A demanda de mercado.
2.5 Medición do benestar: excedente do consumidor.
Tema 3: Aplicacións da teoría da demanda (6 horas)
3.1 Elección con renda endóxena. A compra e a venda.
3.2 Oferta de traballo.
3.3 Elección intertemporal.
Tema 4: Tecnoloxía e produción (3 horas)
4.1 Restricións tecnolóxicas da empresa. Función de produción.
4.2 Propiedades da tecnoloxía.
4.3 Produto marxinal e relación marxinal de substitución técnica.
4.4 Curto e longo prazo. Rendementos de escala.
Tema 5: A minimización de custos e as curvas de custos (4 horas)
5.1 Minimización de custos no longo prazo
5.2 Minimización de custos no curto prazo
5.3 Función de custos e rendementos de escala
5.4 Curvas de custos medios e marxinais no curto prazo
5.5 Curvas de custos medios e marxinais no longo prazo. Relación coas curvas de custos de curto prazo
Tema 6: Maximización de beneficios, oferta da empresa, oferta da industria e equilibrio en competencia perfecta (6 horas)
6.1 A decisión de oferta de unha empresa competitiva no curto e no longo prazo
6.3 A oferta da industria e o equilibrio de mercado na industria no curto prazo
6.4 A oferta da industria e o equilibrio de mercado na industria no longo prazo
6.5 Excedente do produtor. A eficiencia de Pareto en equilibrio parcial e a súa relación co equilibrio.
Bibliografía básica e complementariaBibliografía básica
Varian, H. (2011), Microeconomía Intermedia. 8ª edición. Barcelona: Antoni Bosch.
Bibliografía complementaria
Bergstrom, T. y H. Varian (1999): Ejercicios de Microeconomía Intermedia. 5ª edición, Antoni Bosch.
Carrasco, A. De la Iglesia, C., E. Gracia, E. Huergo y L. Moreno (2003), Microeconomía Intermedia: Cuestiones y problemas. Madrid: McGraw—Hill.
Gravelle, H. y R. Rees (2005), Microeconomía. 3ª edición. Madrid: Pearson Educación.
Nicholson, W. (2004): Teoría microeconómica. Principios básicos y aplicaciones. 8ª edición. Madrid: Thomson Editores.
Varian, H. (1993): Análisis Microeconómico. 3ª edición. Barcelona: Antoni Bosch.
Competenciasa. Xenéricas
• Coñecer e comprender a problemática da escaseza e a asignación de recursos, o sistema de
prezos, teoría do consumo e da produción, o equilibrio competitivo nos mercados de bens e de
factores e o equilibrio nos mercados non competitivos.
• Coñecer e comprender os fundamentos teóricos da toma de decisións.
• Capacidade para achegar racionalidade á análise e á descrición de calquera aspecto da
realidade económica.
• Capacidade para avaliar consecuencias de distintas alternativas de acción e seleccionar as
mellores, dados os obxectivos.
• Habilidades necesarias para a resolución de problemas.
• Habilidade para o traballo en equipo.
b. Específicas da materia
• Manexo das ferramentas fundamentais da análise económica.
• Coñecemento dos elementos fundamentais da conduta dos distintos axentes económicos.
• Coñecemento dos mecanismos básicos da interacción dos axentes nos mercados.
• Aplicación de modelos formais ás cuestións económicas que permitan unha análise
cuantitativa.
Metodoloxía da ensinanza As aulas de pizarra en grupo grande serán expositivas e consistirán basicamente en leccións impartidas polo profesor, dedicadas á exposición dos contidos teóricos e á resolución de problemas ou exercicios. Estas sesións estarán dedicadas a representar e explicar de forma simplificada a realidade económica, usando os conceptos de equilibrio e racionalidade individual. Usando as ferramentas matemáticas de álxebra, cálculo e teoría de xogos, así como a dedución lóxica, explicarase como facer análise económica usando estes modelos para entender a economía real. As aulas de pizarra, ademais de transmitir coñecementos, teñen como propósito amosarlle ao estudante o método e a forma como traballa un analista económico. Estas habilidades terán que ser postas en práctica polos estudantes posteriormente nas aulas interactivas e durante o tempo dedicado a traballar de forma autónoma.
As aulas interactivas están destinadas a propoñer e resolver aplicacións da teoría, problemas, exercicios, e a analizar casos e exemplos que ilustren as teorías. Estas aulas tamén servirán para facer unha revisión dos coñecementos adquiridos, que permita a interacción de forma crítica e a discusión de dúbidas expostas polos estudantes sobre os conceptos, métodos e técnicas de análise introducidas nas aulas expositivas. En estas aulas interactivas tamén se realizará un seguimento do traballo dos estudantes con finalidade de contribuír á avaliación.
O traballo na aula combinará as exposicións teóricas nas aulas expositivas con aulas interactivas para a resolución de exercicios e a análise crítica de tales exercicios ou casos prácticos. O Traballo individual ou en grupo do estudante estará orientado a preparar o traballo da aula interactiva e afirmar e aplicar os seus coñecementos na resolución de exercicios e análise crítica de lecturas recomendadas. Nas aulas interactivas o estudante terá que defender e debater o resultado dese traballo individual ou en equipo. A organización do traballo en equipo estará suxeita a regras que garantan a participación activa en todas actividades, de todos os membros de cada equipo.
Usaremos a USC Virtual como unha ferramenta de apoio para a docencia. A través da USC Virtual, os estudiantes terán acceso a material de traballo e todo tipo de anuncios relevantes para a marcha do curso. Os estudiantes tamén poderán usar esta ferramenta como forma de interactuar ente eles e cos profesores.
Sistema de evaluaciónNa cualificación final, a cualificación obtida nun exame final escrito pondera un 75%, mentres que a cualificación obtida na avaliación continua pondera un 25%.
O exame final conterá tanto preguntas tipo test como preguntas a desenvolver.
A avaliación continua realizarase a través de probas escritas ao longo do curso. Estas probas escritas combinarán preguntas tipo test con exercicios a desenvolver ou casos a comentar, que serán entregados aos estudantes con antelación para que os teñan traballados no momento de realizar a proba escrita. Serán probas cortas de 20-30 minutos de duración en horarios de aulas, con un máximo dunha proba por tema. A cualificación da avaliación continua será unha nota entre 0 e 10 que resultará de calcular a media de todas as probas escritas.
Aqueles estudantes que teñan realizado algunha proba escrita correspondente a avaliación continua e non se presenten ao correspondente exames finais escritos das convocatorias oficiais, obterán a cualificación de "Suspenso" na convocatoria correspondente, coa cualificación numérica que corresponda de ponderar a nota da avaliación continua por un 25% (debe terse en conta que, aínda que a nota da avaliación continua fose a máxima posible, dado que pondera un 25% na nota final non sería suficiente por si soa para aprobar).
A cualificación obtida na avaliación continua conservarase para promediar tanto coa cualificación obtida no exame de maio-xuño como coa obtida no exame de xullo, pero non se conservará para cursos académicos posteriores. A cualificación obtida no exame final de maio-xuño non se terá en conta nin para cualificación de xullo nin para cursos académicos posteriores. A cualificación obtida no exame de xullo no se conservará para cursos académicos posteriores.
Tempo de estudo e traballo persoalTraballo presencial na aula
Aulas en grupo grande 31 horas
Aulas en grupo reducido 17 horas
Avaliación final 3 horas
TOTAL 51 horas
Traballo persoal do estudiante
Estudio autónomo, individual ou en grupo 40 horas
Resolución de exercicios ou outros traballos 35 horas
Preparación de exames 15 horas
TOTAL 95 horas
Recomendacións para o estudo da materiaEsta é unha materia introdutoria na que se pon o alumno/a en contacto cun gran número de conceptos fundamentais sobre o comportamento e a resposta a incentivos por parte dos axentes económicos así como sobre o funcionamento dun mercado e o papel da competencia. Para avanzar adecuadamente na aprendizaxe da materia, é esencial que o alumno/a adquira un ritmo de traballo constante e que combine o estudo da teoría coa solución de exercicios prácticos.
O nivel de formalización matemática do curso é moi básico e inclúe álxebra, calculo diferencial e optimización. O propósito é que o alumno se concentre na comprensión dos conceptos e de que se exercite na práctica da análise económica a través do emprego de modelos sinxelos. O emprego dos conceptos e a utilización de modelos ilustraranse por medio exemplos numéricos e análise gráfica. A pesar da simplicidade das técnicas, na medida en que os conceptos e métodos de análise que se presentan no curso son novos, a materia pode entrañar para algúns estudantes un nivel de dificultade meirande do esperado. Por conseguinte, é sumamente importante que o alumno/a (sobre todo aquel ao que se lle faga mais difícil a materia) se exercite no manexo dos conceptos e dos modelos a través de exercicios prácticos. Así mesmo, será de grande utilidade para o estudante que se asegure de que adquire un domino das ferramentas matemáticas antes mencionadas e das técnicas de análise gráfica que se empregan durante o curso.
Para unha comprensión adecuada da materia, débese asistir regularmente á aula. Unha vez escoitada a presentación dun tema na aula expositiva, o estudante debe realizar os exercicios e tarefas encomendadas polo profesor, de xeito sistemático, sen permitir a acumulación de traballo. Isto é así por dúas razóns: i) é preciso manexar as teorías para poder entender os exercicios e contribuír á súa resolución e discusión nas aulas interactivas; ii) o programa ten un carácter secuencial de tal xeito que ter asimilados os conceptos de un tema facilita a comprensión do seguinte.
No estudio individual ou en grupo, así como na resolución dos exercicios, é importante o manexo dos textos recomendados e non basear o estudio na simple memorización dos apuntamentos das aulas.