G3071424 - Traballo Fin de Grao (Traballo Fin de Grao) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Interactiva Seminario: 108.00
- Horas de Titorías: 360.00
- Total: 468.0
Outros Datos
- Tipo: Traballo Fin de Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Dereito Mercantil e do Traballo, Historia e Institucións Económicas, Economía Aplicada, Fundamentos da Análise Económica, Economía Financeira e Contabilidade, Organización de Empresas e Comercialización, Organización de Empresas e Comercialización, Economía Cuantitativa, Socioloxía
- Áreas: Dereito Mercantil, Historia e Institucións Económicas, Economía Aplicada, Fundamentos de Análise Económica, Economía Financeira e Contabilidade, Comercialización e Investigación de Mercados, Organización de Empresas, Economía Cuantitativa (propia da USC) , Socioloxía
- Centro: Facultade de Económicas e Empresariais
- Convocatoria: Traballos Fin de Grao e Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
GalegoObxectivos da materiaO Traballo de Fin de Grao (TFG) é unha materia de 6 créditos ECTS de cuarto curso do Grao en ADE. Nela o/a alumno/a deberá realizar e presentar un traballo orixinal no que demostre as competencias adquiridas ao longo dos seus estudos de grao. No TFG o/a estudante debe elaborar unha memoria escrita e defendela posteriormente ante un Tribunal.
O TFG incluirá, como mínimo, tarefas de busca e revisión bibliográfica, lectura e integración de información, elaboración de información relevante, redacción e presentación. Dependendo da temática que se aborde poderá incluír, ademais, unha parte empírica sinxela ou unha análise de casos.
Aínda que é unha materia mais do Grao, a principal diferenza cas outras é que nela corresponde ao estudante a planificación do seu desenvolvemento. O TFG debe ser froito do traballo autónomo do/a estudante que asume a responsabilidade do seu proceso de aprendizaxe, para o que contará co apoio dun titor.
ContidosO TFG é unha oportunidade para que o alumno/a afonde nun tema vinculado aos seus estudos.
O TFG deberá versar sobre un tema relacionado coa titulación; deberá ser orixinal, cunha extensión de entre 6.000 e 10.000 palabras e deberá cumprir os requisitos formais que se detallan na Guía Docente da materia. No caso de que un traballo incumpra estas condicións obterá automaticamente a cualificación de suspenso.
Elección do título
O título é o aspecto específico sobre o que se vai traballar . A Comisión do TFG aprobará a lista de títulos e titores antes do inicio do curso académico.
Rematado o prazo de matrícula, comeza o proceso para o desenvolvemento dos TFG.
Antes de abrir o procedemento de asignación de títulos e titores/as correspondente a cada curso académico, os alumnos repetidores na materia TFG que desexen seguir traballando no mesmo título e co mesmo titor/a poderán solicitalo, sempre e cando conten coa conformidade do titor/a. Para elo deberán entregar no decanato, nas datas que se indiquen no calendario do TFG, o Formulario de Solicitude de Continuidade co Título e Titor/a no que deberá constar o visto e prace do titor/a. Esta opción só poderá efectuarse unha vez. Os alumnos/as repetidores que non a soliciten entrarán no procedemento de asignación.
O procedemento de asignación comeza coa publicación da lista do alumnado admitido, con indicación da nota media do expediente coa que concorrerán ao proceso, e da listaxe definitiva de títulos e titores. Na mesma lista, a parte, figurarán os estudantes co traballo asignado do curso anterior.
Posteriormente, o alumnado entregará no decanato o Formulario de Solicitude de Título indicando nel por orde de preferencia, os títulos e titores/as da súa elección. A asignación de propostas nesta primeira fase realizarase, tendo en conta as preferencias expresadas polo alumno na petición de asignación, seguindo un criterio de prioridade en función do expediente académico de cada solicitante. Para garantir que lles sexa asignado un título, cada estudante indicará na súa solicitude polo menos, un número de títulos suficiente en función do lugar que ocupe na lista de admitidos. No caso de non facelo, poderá concorrer á segunda fase de asignación que se describe no parágrafo seguinte .
Para o alumnado que se matricula do TFG no prazo de modificación de matrícula, ao ser esta unha materia de segundo cuadrimestre, a Comisión abrirá unha segunda fase de asignación de títulos e titores, seguindo o mesmo procedemento indicado na primeira fase e tendo que conta que a oferta de títulos e titores será a de aqueles TFG non asignados coa primeira matrícula.
O alumnado de intercambio que realice o TFG na USC deberá someterse ao mesmo proceso indicado nesta guía e no Regulamento.
Calquera precisión que se desexe incorporar no título, sempre co acordo do titor/a, deberá indicarse no formulario que se entrega no momento do depósito.
Bibliografía básica e complementariaNormativa:
O procedemento se recolle na Resolución Reitoral de 2 de maio de 2013 sobre os TFG e no Regulamento do Traballo de Fin de Grao en ADE aprobado na Xunta de Facultade do 18 de xuño de 2013.
Normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificación (DOG 21/7/2011)
Recursos de apoio:
Os recursos básicos de apoio ao desenvolvemento do TFG estarán colgados na Aula Virtual do TFG en ADE e/ou na web da Facultade. Entre eles figurarán algunhas guías formativas que se están elaborando coa colaboración de diferentes servizos como a Biblioteca da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Competencias- Ser capaz de definir os obxectivos do traballo, identificando o problema a resolver ou o obxectivo de coñecemento a alcanzar.
- Ser capaz de deseñar as tarefas, organizar os pasos a seguir para alcanzar os obxectivos e desenvolver o traballo de acordo co plan definido.
- Saber buscar e seleccionar información relevante para o caso, problema ou obxecto de estudo, a partir de fontes do nivel de libros de texto avanzados, e incorporando algunhas achegas de textos científicos especializados.
- Facer uso dos coñecementos adquiridos ao longo dos estudos que sexan pertinentes para o obxecto do traballo, e integrar con eles a nova información conseguida.
- Ser capaz de organizar a información da que dispón e presentala de forma clara, sistemática e precisa, para que sexa comprendida por outras persoas.
- Saber identificar as limitacións e/ou carencias do traballo realizado e propoñer suxestións de cara ao futuro.
Metodoloxía da ensinanza Canles de información
Ademais deste programa, elaborouse unha Guía Docente ampliada do TFG en ADE na que se explica polo miúdo a metodoloxía da ensinanza, o calendario, o procedemento de asignación de temas e titores e de elección do título, o procedemento e os criterios de avaliación, o estilo da memoria escrita e os recursos de apoio básicos.
Esa Guía Docente ampliada e outra información relativa ao TFG están dispoñibles na aula virtual da materia e/ou na páxina dos TFG na sección que ten a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais na web da USC (web do TFG da Facultade).
Para explicar a Guía Docente e responder ás dúbidas, celebrarase unha sesión de presentación o día 25 de setembro de 12:00 a 14:00 na Aula B.
Actividades do proceso de aprendizaxe no TFG
Aínda que o TFG é unha materia da titulación, ten características que a diferencian claramente do resto en canto á metodoloxía da ensinanza. Nesta materia, é o alumno/a o responsable do seu aprendizaxe e a quen corresponde determinar a orientación e a planificación do seu traballo, contando co apoio dun titor/a. Trátase, por tanto, dun traballo autónomo tutelado.
No proceso de aprendizaxe da materia TFG en ADE combínanse cinco tipos de actividades:
a) Sesión de presentación (2 horas)
Nela explícanse os contidos da guía docente, a normativa e os recursos de apoio dispoñibles.
b) Sesións de traballo (1,5 horas en total)
O alumno/a e o titor/a deberán programar as sesións de traballo. Referímonos a elas mais abaixo.
c) Titorías (hasta 5 horas)
O alumno/a poderá dispoñer de 5 horas de titorías. As titorías poderán ser individuais ou en grupo.
d) Traballo autónomo do alumno (140,5 horas)
É o groso do TFG. O alumno/a deberá efectuar por si mesmo o traballo a partir dos apoios recibidos no resto das actividades. Esta tarefa permítelle ao alumno/a afondar nun tema do ámbito da titulación, formar a súa propia opinión sobre o mesmo e desenvolver as competencias adquiridas ao longo do grao.
e) Avaliación (1 hora)
Ademais de entregar a memoria escrita, o alumno/a deberá presentala e defendela ante un Tribunal.
Ademais, o alumno contará con guías e actividades formativas e outros recursos de apoio que se ofrecerán na Aula Virtual da materia.
Planificación das sesións de traballo
O alumno/a e o titor/a deberán programar as sesións de traballo (1,5 horas segundo a programación académica da USC). O titor/a poderá reunir a varios alumnos/as nunha sesión, en cuxo caso a duración da mesma podería ser maior.
Nas sesión de traballo o alumno/a e o titor/a reúnense para discutir e orientar a planificación, desenvolvemento e calidade do traballo. Aínda que o traballo autónomo do alumno/a é a base do TFG, estas sesións son o elemento de apoio máis importante co que conta nesa tarefa dado que é nelas onde obtén o consello do titor/a e onde pode expoñer e debater a súa perspectiva do tema obxecto do traballo.
A programación das sesións implica que o alumno/a e o titor/a deben acordar:
1) as datas nas que se realizarán e a duración das mesmas e
2) os documentos, ou a parte deles, que debe achegar o alumno para traballar en cada unha delas.
Dado que o titor/a ten que cubrir o seu informe sobre o traballo, o alumno/a deberá entregarlle ao titor/a o traballo rematado antes da data que se indique no calendario do TFG.
Pódese atopar na aula virtual unha suxestión para a planificación das sesións de traballo.
Sistema de evaluaciónA avaliación do TFG será realizada por un Tribunal. Estará formado por tres membros que serán designados atendendo as instrucións dos regulamentos vixentes.
Aspectos que se avalían e ponderación
O Tribunal avaliará a memoria escrita depositada e a exposición oral e defensa da mesma. A exposición oral realizarase ante o Tribunal. Terá unha duración máxima de 15 minutos por alumno/a e terá carácter de acto público. Unha vez rematada a lectura, o Tribunal poderá formular cantas preguntas e cuestións considere convenientes.
Os membros do Tribunal avaliarán, de 0 a 10, os seguintes aspectos:
a) Calidade do proxecto.
b) Presentación escrita.
c) Exposición oral e defensa.
O titor/a do TFG elaborará un informe que o Tribunal deberá ter en conta no momento de cualificar o traballo.
A cualificación final outorgada por cada membro do Tribunal ao TFG obterase de acordo coa seguinte ponderación:
a) Calidade do proxecto (C): 65%.
b) Presentación escrita (PE): 20%.
c) Exposición oral e defensa (PO): 15%.
d) Cualificación Final: 0,65*C+0,20*PE+0,15*PO (indicada cunha cifra decimal).
A cualificación final do TFG obterase como media xeométrica (indicada cunha cifra decimal) das cualificacións outorgadas polos membros do Tribunal.
Co obxecto de facilitar e homoxeneizar o proceso de avaliación, o Tribunal deberá cubrir o formulario do Informe do Tribunal e o titor/a o formulario do Informe do Titor. Nestes formularios figuran os criterios detallados para a cualificación. No seu Informe, o Tribunal deberá puntuar os ítems relativos á calidade do proxecto, á presentación escrita e á presentación oral. Pola súa parte, o titor/a puntuará unicamente os relativos á calidade do proxecto e á presentación escrita. Deste xeito, o titor/a ofrece a súa propia valoración do 85% da cualificación total, que poderá ser tida en conta polo Tribunal.
Os formularios do Informe do Tribunal e do Informe do Titor estarán a disposición do alumnado e do profesorado na web dos TFG da Facultade e/ou na Aula Virtual.
Tempo de estudo e traballo persoalA materia é de 6 créditos ECTS, o que supón unha dedicación de 150 horas, incluídas as 1,5 horas das sesións de traballo e 1 hora da exposición e defensa do traballo. Tendo en conta que desde o comezo do segundo semestre ata a data de depósito transcorren aproximadamente 20 semanas, suporía 7,5 horas cada semana.
Distribución do tempo en función das actividades programadas:
- Sesión de presentación …………………2 horas
- Sesións de traballo ………………………..1,5 horas
- Titorías ………………………………...........5 horas
- Traballo autónomo do alumno ……..140,5 horas
- Avaliación ……………………………………..1 hora
Recomendacións para o estudo da materiaAs recomendacións precisas para a planificación e desenvolvemento da materia recóllense na Guía Docente que estará dispoñible na aula virtual da materia e/ou na web do TFG da Facultade.
Recoméndase a asistencia á Sesión de Presentación que se realizará ao comezo do curso académico.
É moi importante que o alumno/a se manteña informado sobre as datas do calendario dos TFG que aparecerán publicadas na aula virtual da materia e/ou na web do TFG da Facultade como moi tarde na data da sesión de presentación.