Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Escola Politécnica Superior  »  Benvida

EPS Edificio central 2

A ESCOLA POLITÉCNICA SUPERIOR (EPS), localizada no Campus de Lugo, creouse por Decreto 26/1993, de 11 de febreiro, da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (DOG 19.02.93) co fin de acadar os seguintes obxectivos:


a) Contribuír á especialización do Campus de Lugo aínda que mantendo a coexistencia de ensinanzas Técnicas e de Humanidades.


b) Agrupar as Titulacións por grandes áreas científicas para favorecer a consolidación de unidades departamentais e acadar un mais fácil aproveitamento dos recursos de infraestruturas e a xeración de sólidas liñas de investigación.


No seu momento integrou as Escolas Universitarias de Enxeñería Técnica Agrícola, existente dende o ano 1967, de Enxeñería Técnica en Explotacións Forestais, a Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos e a daquela recen creada Escola Técnica Superior de Enxeñeiros de Montes. Tradicionalmente veu impartindo as titulacións da área agraria e forestal, sendo na actualidade un importante polo de referencia nos Sectores Agrario e Forestal. No curso 2003-04, comezan a impartirse no noso Centro dúas titulacións do ámbito da Enxeñaría Civil: Enxeñaría Técnica de Obras Públicas e Enxeñaría Técnica en Topografía, conformando a actual orientación cara  a Enxeñaría Agronómica, Civil e Forestal.


A adaptación das titulacións universitarias ao Espazo Europeo de Educación Superior (EEES) transforma as Enxeñarías Técnicas en titulacións de Grao e as Enxeñarías en titulacións de Máster. No curso 2007-2008 comezaron a ofertarse os primeiros títulos de Máster adscritos á Escola, e no 2010-2011 comezou a implantación das titulacións de Grao.

No curso 2012-2013 completarase a implantación dos cinco títulos de Grao ofertados no centro: Enxeñaría Agrícola e do Medio Rural, Enxeñaría Civil, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría das Industrias Agroalimentarias e Enxeñaría en Xeomática e Topografía. A oferta académica do noso centro na actualidade completase con seis titulacións de Máster Oficial (Arquitectura da Paisaxe, Dirección de Proxectos, Enxeñaría para o Desenvolvemento Rural, Industria e Economía Leiteira, Investigación Agraria e Forestal e Xestión Sustentable da Terra e do Territorio), unha de Máster propio (Enxeñaría da Madeira Estrutural) e dúas Enxeñarías (Enxeñaría Agronómica e Enxeñaría de Montes).


Esta páxina é o vehículo de comunicación habitual para toda a información de interese relacionada co centro. Para un bo uso dela cómpre ler ben os comentarios de cada apartado e ter presente que existe outra serie de información de grande interese, que é preciso coñecer (Estatutos da USC, normas de xestión académica, etc...). Nela atoparedes tamén orientación para a elección da optatividade e acceso ao segundo ciclo, todo o referente aos Proxectos Fin de Carreira e Traballos Fin de Grao, a normativa e convocatoria de prácticas externas, traballos académicamente dirixidos, o regulamento de réxime interna do centro, información sobre as universidades nas que podedes realizar parte dos vosos estudos a traveso dos programas de intercambio, apoio titorial extraordinario, etc.


Agardamos que vos sexa útil a información contida nesta web. En todo caso lembrade sempre que está confeccionada cos datos dispoñíbeis no momento da súa elaboración. En caso de erros ou contradicións, tede presente que os datos oficiais e os cambios que puideran xurdir estarán publicados no taboleiro de organización académica do Centro.

O Director

Javier Bueno Lema

1º e 2º ciclo (en extinción)