Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Escola Politécnica Superior  »  Información da Materia

G4051341 - Cálculo Gráfico (Expresión Gráfica ) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 4.50
  • Total: 4.5
  • Horas ECTS
  • Clase Interactiva Laboratorio: 36.00
  • Horas de Titorías: 2.00
  • Total: 38.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Enxeñaría Agroforestal
  • Áreas: Expresión Gráfica da Enxeñaría
  • Centro: Escola Politécnica Superior
  • Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
LOPEZ GONZALEZ, FRANCISCO JAVIER.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo /CLIL_01OrdinarioClase Interactiva LaboratorioSINON
Grupo /TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasSINON
Grupo /TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego
  • Inglés


  • Obxectivos da materia
    Esta materia ten como obxectivo principal proporcionar ao alumnado habilidades de razoamento espacial, así como ferramentas de cálculo gráfico acordes coas novas tecnoloxías da información e coñecementos básicos sobre Normalización en Expresión Gráfica, que lle faciliten as operacións de deseño e representación de obxectos tridimensionais relacionados coa súa futura actividade profesional.

    A Lei Orgánica de Universidades establece as seguintes funcións para unha Universidade ao servizo da sociedade:

    1. A creación, desenvolvemento, transmisión e crítica da ciencia, da técnica e da cultura.

    2. A preparación para o exercicio de actividades profesionais que esixan a aplicación de coñecementos e métodos científicos e para a creación artística.

    3. O desenvolvemento da ciencia e da tecnoloxía, así como a difusión, a valorización e a transferencia do coñecemento ao servizo da cultura, da calidade de vida e do desenvolvemento económico.

    4. A difusión do coñecemento e a cultura a través da extensión universitaria e a formación ao longo de toda a vida.

    Neste sentido, os contidos da materia de Cálculo Gráfico responden, de forma concreta, á segunda delas. Formúlase así unha meta primordial con respecto a esta materia e ao seu bloque formativo: a de conseguir que o alumnado, ao finalizar os seus estudos, sexa capaz de elaborar e xestionar a documentación gráfica necesaria para a redacción dun proxecto da súa especialidade.

    Contidos
    Os contidos teóricos e prácticos da materia mistúranse ao longo das clases interactivas, que será a única modalidade, xunto coas titorías en grupo, de clases presenciais para o alumnado.

    Son os temas seguintes, referidos a distintos Sistemas de Representación, os que aglutinan os contidos esenciais e necesarios para superar esta materia. En calquera caso, o seu desenvolvemento temporal non se axustará totalmente a este esquema, xa que se vai dar unha visión integrada do programa e da súa aplicación que conleva a necesidade de misturar estes contidos, sobre todo a medida que se avanza na materia.


    LECTURA E REPRESENTACIÓN DE SÓLIDOS.

    DESENROLO DE CORPOS XEOMÉTRICOS.

    MEDICIÓN DE LONXITUDES E SUPERFICIES.

    INTERSECCIÓNS.

    CÁLCULO DE DISTANCIAS.

    CÁLCULO DE VOLUMES.

    RESOLUCIÓN DE CUBERTAS E SOLEIRAS.

    PERFÍS E MOVEMENTOS DE TERRA.

    PROXECCIÓNS DIÉDRICAS E DE PLANOS ACOUTADOS A PARTIR DE FOTOGRAFÍAS.

    CÁLCULOS SOBRE PERSPECTIVAS.


    Bibliografía básica e complementaria
    O Servizo de Reprografía e a Biblioteca dispoñen de varios títulos publicados polos profesores da Área, relacionados coa temática da materia. Ademais, recoméndase a seguinte bibliografía:

    1) Bertrán Guasp, J. Geometría Descriptiva I: Sistema Diédrico Directo. Donostiarra. S. Sebastián, 1995

    2) Collado Sánchez-Capuchino, V. Dibujo Técnico (Expresión Gráfica de la Ingeniería). Tébar Flores. Albacete, 1996

    3) Félez, J. e outros. Fundamentos de Ingeniería Gráfica. Sintesis. Madrid, 1996

    4) Gutierrez Vázquez, A. e outros. Dibujo Técnico. Anaya. Madrid, 1984 (Texto de COU)

    5) Izquierdo Asensi, E. Ejercicios de Geometría Descriptiva II (Acotado y Axonométrico). Paraninfo. Madrid, 1994

    6) Montaño La Cruz, F. AutoCAD 2010. Guía práctica. Anaya Multimedia. Madrid, 2009

    7) Mora Navarro, J.G. AutoCAD aplicado a la ingeniería civil. Editorial de la UPV. Valencia, 2009

    8) Rodríguez De Abajo, F.J. Geometría Descriptiva II: Sistema de Planos Acotados. Donostiarra. San Sebastián, 1982

    9) Senabre, J. Dibujo Técnico. Edelvives. Zaragoza, 1997 (Texto de COU)

    10) Zurita, Herráez, Arias. Modelado gráfico del terreno. Explanaciones. Servicio de Publicaciones E.P.S.

    11) Zurita, Tato, Castillón, González. Modelado del terreno. Cálculo y determinación gráfica. UNICOPIA. Lugo, 2001

    12) Varios Autores, Cuadernos de prácticas de Dibujo Técnico. Donostiarra:
    0: Dibujo Lineal
    1: Croquización.
    2: Cortes, secciones y roturas
    3: Acotación
    6: Vistas y visualización.
    7: Iniciación al Sistema Diédrico
    11: Sistema de Planos Acotados
    12: Sólidos geométricos en Sistema Diédrico.
    14: Sistema Diédrico Directo.


    BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA:

    - Bermejo Herrero, M. Geometría Descriptiva aplicada. Tébar Flores. Albacete, 1996

    - Félez, J. y otros. Fundamentos de Ingeniería Gráfica. Síntesis. Madrid, 1996

    - Izquierdo Asensi, E. Geometría Descriptiva. Dossat. Madrid, 1987

    - Izquierdo Asensi, E. Ejercicios de Geometría Descriptiva I: Diédrico. Dossat. Madrid, 1992

    - Montaño La Cruz, F. AutoCAD 2010. Manual avanzado. Anaya. Madrid, 2009

    - Pérez Díaz, J.L., Palacios Cuenca, S. Expresión Gráfica en la Ingeniería. Prentice Hall. Madrid, 1998

    - Rodríguez De Abajo, F.J. Geometría Descriptiva I: Sistema Diédrico. Donostiarra. S. Sebastián, 1982

    - Rodríguez De Abajo, F.J., Alvarez Bengoa, V. Dibujo Técnico. Donostiarra. San Sebastián, 1994

    - Taibo Fernández, Geometría Descriptiva y sus aplicaciones.

    - Autodesk. AutoCAD 2010. Manual del usuario. Autodesk. 2009

    - Montaño de la Cruz, F. AutoCAD 2010. Manual avanzado. Anaya Multimedia. 2009

    Competencias
    Para chegar a alcanzar os obxectivos marcados na materia é necesario que o alumnado adquira as seguintes competencias, destrezas e habilidades, tanto de tipo xenérico (que deberan ser comúns e transversais a todas as materias) como específico:


    COMPETENCIAS XENÉRICAS:

    a) Capacidade para a análise e a síntese.
    b) Capacidade para aprender.
    c) Capacidade para resolver problemas.
    d) Capacidade para aplicar o coñecemento na práctica.
    e) Capacidade para xerar novas ideas (creatividade).
    f) Capacidade para a toma de decisións.
    g) Capacidade para o traballo autónomo, xa sexa en grupo ou individualmente.


    COMPETENCIAS ESPECÍFICAS:

    De tipo informativo:

    a) O coñecemento racional e dedutivo da Xeometría Métrica para resolver os problemas de trazados xeométricos planos de uso habitual nos debuxos da especialidade.

    b) O coñecemento aplicado dos principais Sistemas de Representación, dos seus fundamentos e técnicas, con especial profundización no sistema de Planos Acotados e a súa aplicación á representación e modelado de terreos, como obxectivo específico da intervención na Enxeñaría Topográfica.

    c) O coñecemento da Normalización en xeral e das normas de aplicación ao debuxo técnico no ámbito profesional da Enxeñaría Técnica en Topografía.

    d) O coñecemento da estruturación da documentación gráfica dun proxecto.

    e) O coñecemento de programas de DAO ou CAD como ferramenta rápida e precisa para resolver os problemas de trazados xeométricos de uso habitual nos debuxos da especialidade.


    De tipo formativo:

    a) A adquisición e fortalecemento de visión e comprensión espacial.

    b) A adquisición de destreza no manexo das ferramentas informáticas aplicadas á expresión gráfica, co fin de obter unha boa representación da realidade.

    c) A adquisición de capacidade para a interpretación de calquera dos principais Sistemas de Representación, e para facer representacións nos Sistemas Diédrico, Axonométrico e de Planos Acotados empregando as novas tecnoloxías.

    d) A adquisición de capacidade de análise e resolución de problemas gráficos.


    Todo isto concorda co recollido na Orde Minsiterial CIN/353/2009, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico en Topografía, que establece literalmente que o alumnado, na súa formación básica, debe adquirir:

    "Capacidade de visión espacial e coñecemento das técnicas de representación gráfica, tanto por métodos tradicionais de Xeometría Métrica e Xeometría Descritiva, como mediante as aplicacións de deseño asistido por computador".

    E esta é a competencia específica asociada á materia optativa Cálculo Gráfico, que a súa vez incide nas seguintes competencias xerais recollidas nesa mesma Orde e que se describen como obxectivos desta nova titulación de grao:
    * Deseñar e desenvolver proxectos xeomáticos e topográficos.
    * Comprender e analizar os problemas de implantación no terreo das infraestruturas, construcións e edificacións proxectadas desde a enxeñaría en topografía, analizalos e proceder á súa implantación.
    * Determinar, medir, avaliar e representar o terreo, obxectos tridimensionais, puntos e traxectorias.
    Metodoloxía da ensinanza
    Tendo en conta que esta titulación de Grao supuxo a implantación dos chamados Créditos Europeos ECTS, definidos como nova unidade de medida do tempo e que lle dan ao estudante o protagonismo fronte ao anterior modelo no que o profesor era o centro de gravidade (ao referirse ao traballo do alumnado necesario para ir superando as materias e rematar con éxito unha carreira), a metodoloxía e actividades a desenvolver na materia de Cálculo Gráfico teñen que adaptarse ás esixencias do Espazo Europeo de Educación Superior.

    Neste sentido, a distribución entre as diferentes actividades dos 4’5 créditos ECTS desta materia que se presenta a continuación (con 112’5 horas de dedicación total), amosa como o traballo autónomo do estudante convírtese no protagonista, tendendo a ocupar boa parte das clases presenciais dos planos anteriores:

    Clases interactivas = 36 horas presenciais (+ 54 horas de traballo autónomo = 90)
    Titorías en grupo = 2 horas presenciais (+ 4 horas de traballo autónomo = 6)
    Titorías libres = 2 horas presenciais
    Exames = 3 horas presenciais (+ 10'5 de traballo autónomo = 13'5)
    Revisión de exames = 1 hora presencial

    Totais: 44 horas presenciais + 68'5 horas de traballo autónomo = 112'5 horas

    Aparecen pois uns factores que expresan a relación entre a presencialidade e o traballo autónomo do estudantado que requiren as actividades mencionadas. Así, por exemplo, por cada hora presencial nas clases interactivas, o alumnado deberá dedicar unha e media, fora das aulas, a completar os apuntamentos correspondentes aos diferentes temas tratados, a rematar as prácticas iniciadas ou a aplicar o aprendido a novas situacións.

    Deste xeito, a metodoloxía empregada nesta materia obedece a unha serie de actividades que, polo seu carácter participativo, se adaptan ao novo sistema proposto no Espazo Europeo de Educación Superior, cun claro protagonismo do traballo autónomo do alumnado.

    Concretamente, a docencia da materia baséase en:

    - Clases interactivas ou prácticas con computadora en grupos cun máximo de 20 persoas (impartidas nas aulas de debuxo e informática, para resolver exercicios relacionados cos diferentes contidos da materia).
    - Titorías en grupo cun máximo de 10 persoas (realizadas tamén na aula de informática, para tratar asuntos relacionados coa materia que requiran dunha maior personalización).
    - Titorías libres (atendidas no despacho do profesor, na aula se son de xeito colectivo, ou a través do Curso aberto da materia no Campus Virtual da USC, para tratar de resolver todas as dúbidas que sobre a materia vaian xurdindo ao longo do curso).
    - Exames dos contidos e da aplicación práctica dos coñecementos adquiridos.
    - Revisións voluntarias (e recomendadas) dos exercicios de exame.
    - Apoio na rede cun Curso aberto para esta materia no Campus Virtual da USC.

    Sistema de evaluación
    O debuxo é un xeito fundamental de expresión para o enxeñeiro e o Cálculo Gráfico é unha potente ferramenta de traballo neste sentido. Polo tanto, a cualificación do alumnado debera reflectir o nivel adquirido na formación necesaria para a súa correcta utilización.

    Así, en todos os exercicios, xa sexan de Prácticas ou de Exame, valoraranse dous aspectos:

    1º.- Os coñecementos, a capacidade de resolución e a visión espacial.

    2º.- A precisión, a lexibilidade e a pulcritude na resolución e presentación do exercicio.

    Deste xeito, a cualificación obtida na corrección do procedemento e resultados dun exercicio, poderá ser rebaixada ata un 30% por mala calidade da presentación ou por pouca precisión no debuxo.


    A AVALIACIÓN DA APRENDIZAXE do alumnado basearase nun sistema de seguimento e exames (de carácter eminentemente práctico e coa posible utilización de material de apoio) ao longo do curso. A continuación expóñense as súas principais características:

    Para a cualificación final da materia, en xuño ou en xullo, terase en conta, ademais do exame que se describe a continuación, a asistencia ás clases interactivas e a participación activa nas mesmas (cunha achega do 20% da nota) e a realización e presentación do conxunto dos exercicios das prácticas (que se irán entregando ao rematar cada sesión e que suporán un 30% da nota da materia). Neste sentido, recórdase que as clases presenciais teñen “carácter obrigatorio” e polo tanto, levarase un control estrito de asistencia.

    EXAME FINAL (primeira oportunidade da convocatoria en curso):

    Ao rematar o segundo semestre, no mes de maio ou xuño (en data oficial fixada polo Centro), realizarase un exame final (cunha achega do 50% da nota da materia).
    Coa superación deste exame aprobarase a materia, sempre e cando haxa unha asistencia regular ás clases e se tiveran entregado os exercicios das prácticas. Non obstante, a non superación do mesmo non significa que non se poida acadar ese aprobado na materia.

    Como se verá a continuación, pódese obter o aprobado coa axuda das notas correspondentes á asistencia e á realización dos exercicios das prácticas (sempre e cando se alcancen uns mínimos no exame, que se sitúan na obtención de polo menos un 2 sobre 5 puntos, aínda que este requeremento poderá modificarse en función do contexto e sempre favorablemente para o alumnado).


    EXAME DE XULLO (segunda oportunidade da convocatoria en curso):

    No caso de non aprobar a materia na oportunidade anterior, na seguinte (na de xullo) o alumnado realizará un novo exame de recuperación de toda a materia, coas mesmas condicións esixidas para o exame final.

    No caso de non superarse o exame nesta convocatoria, poderá aprobarse a materia aplicando os mesmos criterios comentados para a anterior.


    En ambos casos, e como xa se sinalou, a nota dos exames (cun máximo de 5 puntos sobre 10) incrementarase coa asistencia e participación nas clases (ata un máximo de 2 puntos sobre 10) e coa entrega dos exercicios das prácticas da materia (ata un máximo de 3 puntos sobre 10), sempre e cando se cumpran os requisitos mínimos esixidos para aqueles.


    Concluíndo, a superación da materia (en xuño ou en xullo) require acadar 5 puntos sobre 10, tendo en conta que o exame supón un 50% da nota, a asistencia e participación nas clases un 20% e a realización e entrega dos exercicios das prácticas un 30%.
    En calquera caso, é imprescindible sacar como mínimo 2 puntos sobre 5 no exame da materia para poder ter en conta os outros criterios de avaliación (salvo que se produza a rebaixa que se comentou anteriormente).


    No caso do alumnado non matriculado por primeira vez na materia por non tela superada previamente, se ten feitos e entregados os exercicios das prácticas, só terá que facer o exame final, e neste caso, terá que aprobalo (obtendo máis de 2'5 puntos sobre 5), sendo a nota final da materia o dobre da acadada neste exame (na súa primeira ou segunda oportunidade). Se non ten feitas as prácticas, tería que facelas, sendo os criterios de avaliación empregados os dos matriculados por primeira vez.
    Tempo de estudo e traballo persoal
    Co sistema de créditos ECTS, aparte da asistencia ás clases interactivas (36 horas ao longo do semestre, catro por semana durante 9 semanas), ás titorías en grupo (2 horas en todo o semestre) e ás titorías individuais (as veces que desexe ao longo do curso), o alumnado deberá dedicarlle ao "asentamento" do aprendido e á resolución dos exercicios das prácticas e doutros fora da clase, unha media de 4 ou 5 horas semanais. Deste xeito, as horas dedicadas á materia axustaríanse, máis ou menos, ao previsto:

    4’5 créditos ECTS x 25 horas crédito = 112’5 horas de dedicación
    36 horas interactivas + 2 horas de titorías en grupo = 38 horas
    Outras horas presenciais de carácter obrigatorio = 3 horas (exames)
    112’5 - 38 - 3 = 71’5 horas de traballo autónomo
    71’5 horas / 15 semanas do semestre = 4'8 horas por semana


    Recomendacións para o estudo da materia
    Aínda que a adquisición da visión espacial e da destreza na representación gráfica, incluso co emprego de ferramentas informáticas, poden ter unha compoñente inherente á persoa que facilite a súa aprendizaxe, o certo é que ambas habilidades requiren dun traballo constante para que poidan ser desenvoltas con garantía de éxito na consecución dos obxectivos marcados nesta materia.

    É importante a asistencia a todas as clases da materia como instrumento para fortalecer a aprendizaxe do alumnado. Nelas vai desenvolver o aprendido e vai ser consciente do nivel que vai adquirindo e das súas limitacións, sempre coa axuda e o apoio do profesor. Co complemento das titorías, en grupo e individuais, superará calquera dificultade que se lle poida presentar.

    En calquera caso, non se trata de memorizar definicións e procedementos, se non de resolver problemas reais relacionados coa titulación, empregando para iso as ferramentas que nos proporciona o Cálculo Gráfico. E estas habilidades, que poden resultar máis doadas para unhas persoas que para outras, adquírense coa práctica e o traballo constante e persoal ao longo do curso.

    Observacións
    SENTIDO DA MATERIA NO PLAN DE ESTUDOS:

    Esta materia de Cálculo Gráfico aparece como unha optativa no terceiro curso da titulación de Grao en Enxeñaría en Xeomática e Topografía, de acordo co Plano recollido na Memoria deste título, presentada a verificación no ano 2009, e publicado no BOE de 22 de febreiro de 2011. Este Plano de Estudos responde ás directrices xerais expresadas no Real Decreto 1393/2007 de 29 de outubro, polo que se establece a ordenación do ensino universitario oficial (BOE de 30 de outubro de 2007), e na Orde Ministerial CIN/353/2009 de 9 de febreiro, pola que se establecen os requisitos para a verificación dos títulos universitarios que habiliten para o exercicio da profesión de Enxeñeiro Técnico en Topografía (BOE de 20 de febreiro de 2009).

    Asimesmo, o Plano de Estudos que recolle esta materia sigue as Liñas Xerais para a implantación dos estudos de grao e posgrao no Sistema Universitario de Galicia (documento do Consello Galego de Universidades, aprobado en pleno o 5 de xullo de 2007) e as Liñas Xerais da Universidade de Santiago de Compostela para a elaboración das novas titulacións oficiais reguladas polo RD 1393/2007.

    Esta titulación, que se pon a andar no curso 2010-11, ven substituir á Enxeñaría Técnica en Topografía, que comezou a impartirse na Universidade de Santiago de Compostela, concretamente na Escola Politécnica Superior do Campus de Lugo, no curso 2003-04. Respondíase naquel momento, e segue respondéndose agora, a unha demanda crecente da sociedade, referida á implantación dun maior número de titulacións técnicas no campus lucense que permitisen abrir o abano das xa existentes no eido agroforestal, sector con mostras de certo grao de saturación no mercado laboral.

    Neste sentido, esta titulación segue a ofertar novas saídas profesionais aos titulados e convértese así nunha interesante alternativa, cunha importante demanda que en moitas ocasións superou á oferta de prazas por parte da Universidade de Santiago de Compostela (50 por curso, en todos estes anos).

    No contexto desta nova carreira de Grao, a materia de Cálculo Gráfico, que ven cubrir parte dos contidos que tiña a materia troncal de Expresión Gráfica na Enxeñaría Técnica en extinción, é de primordial importancia porque ten a finalidade de proporcionar ao alumnado habilidades de razoamento espacial e ferramentas acordes coas novas tecnoloxías que lle faciliten as operacións de deseño e representación de obxectos relacionados coa súa futura actividade profesional como enxeñeiros. Conxuntamente coa materia de formación básica Sistemas de Representación, que o alumnado cursou en 1º, e a outra optativa de 2º curso, Debuxo Técnico Asistido por Ordenador, constitúe un bloque formativo de grande interese para o cumprimento da finalidade antedita.

    Esta finalidade de profesionalización tradúcese, para a Área de Expresión Gráfica na Enxeñaría, na formulación dun obxectivo primordial: o de conseguir que o alumnado, ao finalizar os seus estudos, sexa capaz de elaborar a documentación gráfica necesaria para a redacción dun proxecto da súa especialidade. A materia de Cálculo Gráfico ten que ter como meta dotar ao alumno/a, futuro/a enxeñeiro/a, de coñecementos prácticos que lle permitan entenderse e expresarse nunha linguaxe gráfica, común ás distintas profesións técnicas.

    Respecto á relación desta materia (e do bloque formativo en xeral) co resto do Plano de Estudos, o seu sesgo hacia a representación do terreo como elemento clave da titulación, aínda que non único, fai que exista unha importante correlación con outras materias da mesma, como as relacionadas coa Topografía, a Cartografía, a Fotogrametría, a Xeodesia… e todas aquelas que baseen os seus contidos dalgún xeito na representación gráfica. Cunha estreita colaboración entre todas estas materias conseguirase a optimización do desenvolvemento dos seus contidos e favorecerase a comprensión e utilización dos mesmos por parte do alumnado, evitando duplicidades e divergencias.