Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Escola Técnica Superior de Enxeñaría  »  Información da Materia

G4011221 - Bases de Datos I (Sistemas de Información) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 15.00
  • Clase Interactiva Laboratorio: 35.00
  • Horas de Titorías: 1.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Electrónica e Computación
  • Áreas: Linguaxes e Sistemas Informáticos
  • Centro: Escola Técnica Superior de Enxeñaría
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
MOSQUERA GONZALEZ, ANTONIO.SI
REGUEIRO SEOANE, MANUEL ANTONIO.NON
Ríos Viqueira, José Ramón.NON

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo CLE01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo CLIL_01OrdinarioClase Interactiva LaboratorioSISI
Grupo CLIL_02OrdinarioClase Interactiva LaboratorioSISI
Grupo TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS03OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS04OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego


  • Obxectivos da materia
    O obxectivo desta materia é proporcionar un coñecemento básico sobre o desenvolvemento de aplicacións baseadas na tecnoloxía relacionada cos sistemas de bases de datos. Tras unha introdución sobre os conceptos xerais de bases de datos, os contidos da materia céntranse en dous grandes aspectos: o modelado conceptual e o modelado lóxico. O desenvolvemento do modelado conceptual estará centrado na comprensión e utilización do modelo entidade-relación. O desenvolvemento do modelado lóxico realizarase dende dúas perspectivas: como unha transformación do modelo entidade-relación e mediante normalización do modelo relacional. Por último, estudarase a linguaxe estándar para a creación e consulta de bases de datos. A materia finaliza desenvolvendo o deseño de aplicacións de complexidade media baseadas en bases de datos.
    Contidos
    Contido 1: Conceptos Introdutorios de Bases de Datos
    O obxectivo fundamental é que o estudante comprenda que lle poden ofrecer as solucións baseadas en Sistemas de Xestión de Bases de Datos (SXBD) respecto aos sistemas convencionais de arquivo. Tamén ten como obxectivo central que o estudante obteña unha visión xeral sobre as diferentes etapas do ciclo de desenvolvemento de Bases de Datos. Colateralmente analízanse outros aspectos como pode ser o impacto social e ético da implantación de tecnoloxías de bases de datos.
    Tema 1: Sistemas de bases de datos
    Tema 2: Desenvolvemento de sistemas de bases de datos
    Práctica 1: Integración de Vistas

    Contido 2: Modelado Semántico
    O modelado semántico constitúe un dos eixes fundamentais da materia. Na primeira parte do desenvolvemento deste bloque introducirase a técnica de modelado denominada entidade-relación, con especial énfase no seu uso para a produción de modelos conceptuais. Na segunda parte do bloque introducirase o concepto de normalización de bases de datos relacionais, con especial énfase no seu uso para produción de modelos conceptuais e lóxicos.
    Tema 3: Modelo entidade-relación
    Tema 7: Normalización do modelo relacional
    Práctica 2: Modelado mediante modelo entidade-relación
    Práctica 6: Modelado mediante normalización do modelo relacional

    Contido 3: Modelo Relacional
    Outro eixe fundamental da materia está constituído polo estudo do modelo relacional, predominante nas solucións tecnolóxicas dos sistemas xestores de bases de datos dispoñibles no mercado. Durante o desenvolvemento deste bloque farase énfase, especialmente mediante casos de estudo, na produción de aplicacións baseadas en xestores de bases de datos relacionais.
    Tema 4: Modelo relacional
    Tema 5: Álxebra relacional
    Tema 6: Structured query language (SQL)
    Práctica 3: Transformación de modelos entidade-relación en modelos relacionais
    Práctica 4: Creación de táboas en SQL
    Práctica 5: Execución de consultas en SQL

    Contido 4: Proxecto
    O terceiro grande eixe da materia, despois do modelado semántico e o modelo relacional, constitúeo o deseño de aplicacións sobre a base dunha metodoloxía xenérica cuxa aplicación permita protocolizar a xeración de aplicacións baseadas en xestores de bases de datos relacionais.
    Tema 8: Proceso e técnicas de deseño de bases de datos
    Tema 9: Metodoloxía do deseño conceptual e do deseño lóxico
    Proxecto

    Contidos Mínimos necesarios para superar a materia
    Utilizar o modelo entidade-relación no deseño conceptual de bases de datos
    Utilizar as regras do modelado lóxico para derivar un conxunto de relacións a partir dun modelo conceptual de datos e obter as súas políticas de integridade referencial
    Utilizar o SQL para crear as táboas definidas no modelo lóxico, para escribir consultas no modelo relacional e para definir as restricións de integridade e as vistas
    Utilizar o deseño conceptual mediante modelado entidade-relación, o deseño lóxico mediante modelo relación e o SQL para resolver un problema de enxeñaría mediante sistemas de xestión de bases de datos
    Bibliografía básica e complementaria
    Libros Básicos
    Connolly, T.M. y Begg, C.E., “Sistemas de bases de datos: Un Enfoque Práctico para Diseño, Implementación y Gestión”, Cuarta Edición, Pearson Education S.A., Madrid, 2005 (ISBN: 84-7829-075-3)
    Silberschatz, A., Korth, H.F y Sudarshan, S., “Fundamentos de Bases de Datos”, Quinta Edición, McGraw-Hill/Interamericana de España, S.A.U., Madrid, 2006 (ISBN: 84-481-4644-1)

    Libros Complementarios
    Date, C.J., “Introducción a las Sistemas de Bases de Datos”, Séptima Edición, Pearson Education, México, 2001 (ISBN: 968-444-419-2)
    Ullman, J.D. y Widom, J., “Introducción a los Sistemas de Bases de Datos”, Primera Edición, Prentice Hall, México, 1999 (ISBN: 970-17-0256-5)
    Ramakrishnan, R. y Gehrke, J., “Sistemas de Gestión de Bases de Datos”, Tercera Edición, McGraw-Hill/Interamericana de España, S.A.U., Madrid, 2007 (ISBN: 978-84-481-5638-1)
    Elmasri, R. y Navathe, S.B., “Fundamentos de Sistemas de Bases de Datos”, Quinta Edición, Pearson Education S.A., Madrid, 2007 (ISBN: 978-84-7829-085-7)
    Competencias
    A materia Bases de Datos I desenvolve, parcialmente, as seguintes competencias xerais do título de GrEI da USC:
    CG2. Capacidade para dirixir as actividades obxecto dos proxectos do ámbito da informática de acordo cos coñecementos adquiridos (na materia).
    CG8. Coñecemento das materias básicas e tecnoloxías, que capaciten para a aprendizaxe e desenvolvemento de novos métodos e tecnoloxías, así como as que lles doten dunha gran versatilidade para adaptarse a novas situacións.
    CG9. Capacidade para resolver problemas con iniciativa, toma de decisións, autonomía e creatividade. Capacidade para saber comunicar e transmitir os coñecementos, habilidades e destrezas da profesión de Enxeñeiro Técnico en Informática.
    Ademais, a materia desenvolve, tamén parcialmente, as seguintes competencias transversais do Grao en Enxeñaría Informática:
    TR1. (Instrumentais) Capacidade de análise e síntese. Capacidade de organización e planificación. Comunicación oral e escrita en galego, castelán e inglés. Capacidade de xestión da información. Resolución de problemas. Toma de decisións.
    TR2. (Persoais) Traballo en equipo. Traballo nun equipo multidisciplinar e multilingüe. Habilidades nas relacións interpersoais. Razoamento crítico. Compromiso ético.
    TR3. (Sistémicas) Aprendizaxe autónoma. Adaptación a novas situacións. Creatividade. Iniciativa e espírito emprendedor. Motivación pola calidade. Sensibilidade cara a temas ambientais.

    Nun nivel de detalle máis fino, a materia Bases de Datos I desenvolve, parcialmente, as seguintes competencias (formación básica -FB-, común á rama de informática -RI- e de tecnoloxía específica da orientación tecnoloxías da información -TI-) establecidas polo Consello de Universidades para os títulos de Enxeñaría Informática e Enxeñaría Técnica Informática no seu acordo do 03/03/2009:
    FB4. Coñecementos básicos do uso e programación dos ordenadores, sistemas operativos, bases de datos e programas informáticos con aplicación en enxeñaría.
    RI12. Coñecemento e aplicación das características, funcionalidades e estrutura das bases de datos, que permitan o seu axeitado uso, e capacidade para o deseño, análise e implementación de aplicacións baseadas neles.
    RI13. Coñecemento e aplicación das ferramentas necesarias para o almacenamento, procesado e acceso aos Sistemas de información, incluídos os baseados en web.
    TI1. Capacidade para comprender o ámbito dunha organización e as súas necesidades no ámbito das tecnoloxías da información e as comunicacións.

    Por último, indicar que das competencias e resultados de aprendizaxe indicados no módulo Sistemas de Información da titulación de Grao en Enxeñaría Informática se desenvolverán as seguintes: Coñecer os fundamentos das bases de datos, coñecer o modelo relacional, modelar e deseñar bases de datos e xestionar bases de datos con SQL.
    Metodoloxía da ensinanza
    Durante o desenvolvemento do curso empregánse diferentes metodoloxías docentes en función dos contidos cos cales se estea a traballar e os obxectivos de aprendizaxe que se pretenda obter en cada caso.

    Clases Maxistrais
    O obxectivo deste tipo de clases é adquirir información actualizada e ben organizada procedente de fontes diversas, facilitar a comprensión e aplicación dos procedementos específicos da materia e elevar os niveis de motivación dos estudantes cara á materia.
    Durante as clases maxistrais, na materia BDI, o profesor presenta os aspectos máis importantes dos contidos do tema en estudo. Espérase, por parte dos estudantes, que participen nas clases preguntando calquera dúbida que poidan ter.

    Aprendizaxe Baseada en Problemas (Clases de Lousa)
    A aprendizaxe baseada en problemas (ABP) é o paradigma de ensino maioritario na materia BDI. O ABP defínese como un método de aprendizaxe baseada no principio de usar problemas como punto de partida para a adquisición e integración dos novos coñecementos.
    O traballo realízase de forma individual e/ou en pequenos grupos supervisados polo profesor que poidan intercambiar opinións. A presentación pública en clase das solucións alcanzadas, ademais de fomentar a aprendizaxe activa a través da práctica, proporciona información aos estudantes sobre os seus propios progresos na materia.

    Aprendizaxe Baseada en Problemas (Prácticas)
    O traballo a realizar nas aulas de informática debe completar e afondar o coñecemento que se comezou a obter na aula de lousa. O obxectivo é afianzar o coñecemento adquirido nas clases poñéndoo en xogo ante problemas máis abertos e xerais. Nalgúns casos usaranse guións para orientar e canalizar o traballo do estudante, ou grupo de estudantes, mentres que noutros casos se fomentará a toma de decisións por parte do estudante ou grupo de estudantes, aínda que sempre baixo a supervisión do profesor.

    Aprendizaxe Baseada en Proxectos
    Neste caso trátase de situacións prácticas cuasirealistas nas que o profesor non explica, senón que máis ben supervisa o traballo do grupo de estudantes. O traballo do estudante desenvólvese de forma cooperativa no seo do seu grupo de traballo. Durante a realización do proxecto, os estudantes deben alcanzar os obxectivos do encargo que se lles confiase.
    Sistema de evaluación
    Para a avaliación dos contidos empregaranse catro tipos de actividades de avaliación: entregables, exame, proxecto e participación.

    Entregables
    Os entregables son unha actividade de avaliación continua cuxo obxectivo é fomentar o traballo previo do estudante antes das sesións de clase. Trátase dun ou varios exercicios que versarán sobre os contidos a traballar nalgunha das seguintes sesións de clase. Realizaranse cunha periodicidade semanal durante o período de docencia do cuadrimestre. A puntuación máxima deste tipo de avaliación, na cualificación final da materia, será de 1.5 puntos.

    Exame
    O exame da materia consta de 7 cuestións teórico/prácticas curtas e 4 exercicios. A parte de exercicios versará sobre os contidos mínimos da materia: un deseño conceptual mediante a creación dun modelo entidade-relación, unha transformación dun modelo entidade-relación a un modelo relacional, a creación de táboas en SQL a partir da información dun modelo entidade-relación e a súa correspondente transformación a modelo relacional e a realización dun conxunto de consultas en SQL. A puntuación máxima deste tipo de avaliación, na cualificación final da materia, será de 4.0 puntos.

    Proxecto
    O proxecto consiste no deseño dunha solución, a un ou varios problemas cuasirealistas, mediante sistemas baseados en base de datos e nunha análise crítica de solucións propostas aos mesmos problemas por outros grupos. A puntuación máxima deste tipo de avaliación, na cualificación final da materia, será de 4.0 puntos.

    Participación
    A participación agrupa a consideración dunha serie de actividades que teñen lugar durante o desenvolvemento da materia: participación e actitude nas clases, participación en actividades especiais (presentacións, debates, etc.), avaliación cruzada de actividades de compañeiros, etc. A puntuación máxima deste tipo de avaliación, na cualificación final da materia, será de 1.5 puntos.

    Contidos Mínimos
    Os obxectivos marcados no apartado de contidos como contidos mínimos conforman un conxunto de coñecementos básicos que supoñen un requisito indispensable para superar a materia. Un estudante que non sexa capaz de demostrar que posúe coñecementos sobre todos os contidos mínimos, non superará a materia con independencia das cualificacións numéricas alcanzadas nos diferentes tipos de avaliación e na media global que supoñan estas cualificacións.

    Oportunidade Extraordinaria de Recuperación
    Os tipos de avaliación que conforman a oportunidade extraordinaria de recuperación son os mesmos, e cos mesmos pesos, que forman a oportunidade ordinaria do cuadrimestre. A non realización das actividades de avaliación continua durante a oportunidade ordinaria non supoñerá a imposibilidade de presentarse á oportunidade extraordinaria de recuperación pero se a posibilidade de alcanzar a máxima nota. Na oportunidade extraordinaria só se realizan o exame e o proxecto.

    Condición de Non Presentado
    Na oportunidade ordinaria do cuadrimestre, considérase que un estudante se presentou a avaliación se realiza 5 ou máis entregables, se se presenta ao exame ou se realiza o proxecto. Na oportunidade extraordinaria de recuperación, considérase que un estudante se presentou a avaliación se se presenta ao exame ou se realiza o proxecto.

    Conservación de Cualificacións
    Existe a posibilidade de conservar algunha parte da materia que estea superada na oportunidade ordinaria do cuadrimestre para a oportunidade extraordinaria de recuperación. Esta conservación de cualificacións non é automática en ningún caso. As partes que se poidan conservar e as condicións en que cada unha destas se conservan fixaranse de forma individualizada con cada estudante.
    En ningún caso se conservan partes da materia dun curso para cursos posteriores.
    Tempo de estudo e traballo persoal
    A materia BDI ten fixada, segundo a memoria do GrEI da USC, unha carga de traballo de 6 ECTS. Dado que a USC fixou en 25 o número de horas correspondentes a cada ECTS (mínimo legal permitido), a carga total de traballo para a materia sitúase en 150 horas (6 ECTS x 25 horas por ECTS).

    A repartición da carga oficial da materia, dada pola súa ficha na memoria do GrEI da USC, é a seguinte:

    Traballo Presencial en Aula
    Clases maxistrais: 15 horas
    Aprendizaxe baseada en problemas e/ou casos en grupos reducidos: 10 horas
    Sesións prácticas en grupos reducidos: 25 horas
    Titorías en grupos moi reducidos: 3 horas
    Actividades de avaliación: 5 horas

    Traballo Persoal do Estudante
    Estudo autónomo: 24,5 horas
    Escritura de exercicios, conclusións ou outros traballos: 15 horas
    Programación/experimentación ou outros traballos en ordenador/laboratorio: 37,5 horas
    Avaliación de traballos, proxectos, exames...: 15 horas

    Segundo estes datos, o estudante traballará un total de 58 horas co seu profesor en diferentes formatos presenciais e deberá dedicar, de media, 92 horas de traballo persoal á materia fóra do horario presencial. A combinación de ambas as dúas cargas de traballo supoñen as 150 horas totais correspondentes aos 6 ECTS da materia. A carga semanal media de traballo persoal do estudante pode estimarse aproximadamente en 5 horas por semana (92 horas / 18 semanas).
    Recomendacións para o estudo da materia
    Consultar frecuentemente a guía docente da materia
    Observacións
    Para o desenvolvemento da materia emprégase software libre co obxectivo de facilitar a autoaprendizaxe por parte dos estudantes. Utilizarase un programa para realizar en UML o modelado entidade-relación, StarUML, e utilizarase como base de datos PostgreSQL. Para acceder á base de datos vía Web utilizarase a aplicación de administración phpPgAdmin. Estas dúas últimas aplicacións subministraranse configuradas nunha máquina virtual en Oracle VirtualBox.