G4011322 - Administración de Sistemas e Redes (Administración e Xestión de Sistemas e Redes) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 5.00
- Clase Interactiva Laboratorio: 45.00
- Horas de Titorías: 1.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Electrónica e Computación
- Áreas: Arquitectura e Tecnoloxía de Computadores
- Centro: Escola Técnica Superior de Enxeñaría
- Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoInglésObxectivos da materiaO principal obxectivo desta materia é que o alumno adquira competencias básicas no campo da Administración de Sistemas e Redes de Computadores. Algunhas destas competencias son:
* Familiarización coas tarefas principais dun administrador de sistemas, así como coas políticas básicas de administración.
* Familiarización coas ferramentas básicas de administración de sistemas.
* Familiarización cos conceptos fundamentais dun ámbito de computación en rede.
* Capacidade de instalar servizos básicos en rede.
* Capacidade de examinar e elaborar documentación técnica.
A materia céntrase nas principais tarefas dun administrador de sistemas, dende a instalación do sistema e a xestión de usuarios á configuración de servizos básicos, como servidores de arquivos, ou servizos de directorio.
Contidos1. Introdución as tarefas de administración.
1.1 Tarefas esenciais dun administrador de sistemas.
1.2 Políticas e estándares.
2. Introdución aos sistemas Linux/UNIX.
2.1 Instalación do sistema e de software.
2.2 Uso da liña de comandos.
2.3 Programación de scripts de administración.
3. Actividades administrativas básicas.
3.1 Xestión do sistema de ficheiros.
3.2 Xestión de usuarios
3.3 Instalación e configuración básica de redes de área local.
3.4 Automatización de tarefas.
3.5 Copias de seguridade.
3.6 Servizos de impresión.
4. Servizos básicos de servidor a cliente.
4.1 Acceso remoto e transferencia de ficheiros.
4.2 Servidores de ficheiros.
4.3 Servizos de directorio.
Bibliografía básica e complementariaOs apuntes da materia poden consultarse en http://www.ac.usc.es/docencia/ASR
Libros básicos
1. "UNIX and Linux System Administration Handbook" (4ª ed), Evi Nemeth, Garth Snyder, Trent R. Hein, Ben Whaley, Prentice Hall, 2010. Excelente libro, que cobre os diferentes aspectos que debe coñecer un administrador de sistemas Linux/UNIX.
Libros complementarios
1. "LPIC 1 Certification Bible", Angie Nash, Jason Nash, Hungry Minds, 2002. Orientado á preparación do exame para a obtención do certificado 1 do Linux Professional Institute (http://www.lpi.org/eng/certification/the_lpic_program/lpic_1)
2. "Python for Unix and Linux System Administration", N. Gift & J. M. Jones, O'Reilly, 2008. Sobre programación en Python para administradores de sistemas.
3. "Essential System Administration" (3ª ed.), Æleen Frisch,O'Reilly, 2002. Un clásico da serie de O'Reilly.
4. "Manual de Administración de Linux", Steve Shah, MC Graw Hill, 2001. En castelán.
Existe unha gran cantidade de bibliografía complementaria dispoñible en Internet. Algúns destes libros son:
1. "The Debian Administrator's Handbook", Raphaël Hertzog e Roland Mas, 2012, http://debian-handbook.info/browse/stable/
2. "Administración avanzada de GNU/Linux", Josep Jorba Esteve e Remo Suppi Boldrito, UOC Formación de Posgrado, (en http://www.uoc.edu/masters/softwarelibre/esp/materials/Admin_GNULinux.pdf).
3. "The Linux System Administrators' Guide", Lars Wirzenius, Joanna Oja, Stephen Stafford, e Alex Weeksk, xullo 2005 (en http://www.tldp.org/guides.html).
4. "The Linux Network Administrator's Guide, Second Edition", Olaf Kirch e Terry Dawson, marzo 2000, (en http://www.tldp.org/guides.html).
5. "Linux System Administration Made Easy", Steve Frampton, novembro 1999, (en http://www.tldp.org/guides.html).
6. "Advanced Bash-Scripting Guide", Mendel Cooper, última revisión nov. 2012 (en http://www.tldp.org/guides.html).
CompetenciasNesta materia preténdese que o alumno acade as competencias básicas dun administrador de sistemas e redes a nivel intermedio. Entre estas competencias, tal como destaca o SAGE, están:
1. Capacidade de resolver problemas rápida e completamente.
2. Capacidade de identificar tarefas que requiran automatización e automatizalas.
3. Facilidade de uso da maior parte dos aspectos da administración de sistemas UNIX; por exemplo, instalación e configuración de sistemas, instalación de software, administración de usuarios, sistema de impresión, etc.
4. Coñecemento de administración de redes: por exemplo, configuración de NFS e NIS, conceptos básicos de encamiñamento, etc.
5. Capacidade de entender e escribir scripts de administración.
Así mesmo, a materia pretende contribuír a acadar as competencias recollidas na memoria do titulo de Grao en Enxeñería Informática da USC (CG3, CG4, CG6, CG8, CG9, CG10, TR1, TR3, FB4, RI1, RI2, RU5, TI2, TI4, TI7).
Ademais das competencias anteriores, outras competencias incluidas dentro do módulo Administración e Xestión de Sistemas e Redes da memoria do título de Grado en Enxeñería Informática son:
- Adquirir as competencias básicas dun administrador de sistemas e redes de computadores.
- Monitorizar e optimizar o uso dos sistemas e as redes dunha organización.
- Ser capaz de instalar, configurar e mantener os servizos máis importantes
de Internet, incluíndo servizos web, de correo electrónico, novas, mensaxería e outros.
- Ser capaz de coñecer os principales ataques que pode recibir un sistema informático, así como os posibles métodos de protección, detección e políticas de seguridade que permitan evitar o dano ao sistema ou minimizar a súa repercusión.
Metodoloxía da ensinanza O contido eminente práctico da materia fai que a metodoloxía da ensinanza consista nunha superposición do ensino teórico e o práctico. Nas clases teóricas realizarase unha breve introdución, mediante o uso de sistemas multimedia como o canón de vídeo, dos contidos de cada tema, destacando aqueles aspectos máis teóricos.
A maioría das clases son sesións prácticas en grupos reducidos e impartiranse na aula de informática, e nelas o estudante desenvolverá, no seu posto de traballo, os aspectos desenvolvidos na clase de teoría. Para poder realizar tarefas de administración, utilizaranse de forma intensiva máquinas virtuais que o alumno deberá instalar no seu posto de traballo. Estas clases permitirán a adquisición de habilidades prácticas sobre os contidos da materia que foron presentados de xeito introdutorio nas clases maxistrais.
Non existirá, así, unha separación definida entre aspectos teóricos e prácticos, senón que o alumno irá aplicando directamente a información transmitida polo profesor.
A aprendizaxe do alumno tamén estará apoiada no ensino virtual, a través do Campus Virtual da USC. Na páxina da materia o alumno poderá obter unha copia en formato dixital do material usado nas clases teóricas, así como material suplementario e enlaces a páxinas web relacionadas cos contidos da materia. Estarán á disposición dos alumnos diversos sistemas (correo electrónico, foro de discusións, chat), onde poderán facer consultas e establecer discusións sobre os diferentes tópicos da materia.
A metodoloxía didáctica centrarase especialmente no traballo individual dos alumnos e farase un especial esforzo para fomentar a discusión co profesor na clase e o uso das titorías individuais.
Sistema de evaluaciónA avaliación da aprendizaxe basearase na realización efectiva dunha avaliación continua. Esta avaliación estará fundamentada na asistencia as clases interactivas, na realización efectiva por parte dos alumnos das prácticas propostas ao longo do cuadrimestre durante estas clases, e na realización dun exame final sobre todos os contidos da materia. Para aprobar a materia é imprescindible ter aprobadas tanto as prácticas coma o exame final.
ASISTENCIA ÁS CLASES INTERACTIVAS
Debido ao carácter eminentemente práctico da materia, a asistencia ás clases interactivas é requisito obrigatorio para superar a mesma. As prácticas só se poderán realizar no horario das clases interactivas na aula correspondente, non podendo, en ningún caso, ser substituídas pola realización de traballos autónomos.
O número de horas que o alumno pode faltar as clases interactivas, sen xustificación, non debe ser superior as 6 horas. No caso de que o alumno falte máis de 6 horas sen xustificar adecuadamente esas faltas, terá automaticamente a materia suspensa, obtendo a cualificación de non-presentado no caso de non asistir ao exame teórico.
Se as faltas prodúcense por causa xustificada debidamente acreditada (segundo se recolle na normativa de asistencia a clase nas ensinanzas adaptadas ao EEES, aprobada en Consello de Goberno o 25 de marzo de 2010), o alumno poderá optar ben por intentar realizar pola súa conta as prácticas que non puido realizar na aula, ben por recuperar esas horas noutras quendas de prácticas, ou ben por presentarse a un exame práctico ao final do cuadrimestre, que deberá superar para poder aprobar a materia.
O control de asistencia nas clases interactivas farase pasando lista na clase e elaborando unha lista de asistentes.
A asistencia a todas as clases interactivas terase en conta positivamente na cualificación final.
AVALIACIÓN DAS PRÁCTICAS
Cada unha das prácticas propostas terá unha data concreta de finalización. Pasada esta data, a práctica será considerada como non feita. Ao rematar cada unha das prácticas propostas estas serán corrixidas na aula, tendo o alumno que, nalgúns casos, entregar unha memoria da mesma a través da ferramenta correspondente da aula virtual, antes da data estipulada.
En base á avaliación das prácticas realizada na aula polo profesor e aos traballos enviados, darase unha nota de 0 a 10 sobre as prácticas. Para ter as prácticas superadas, deberase obter unha nota de 5 ou superior. No caso de obter unha nota inferior a 5, o alumno terá que presentarse a un exame práctico ao final do cuadrimestre, que deberá superar para poder aprobar a materia. No caso de suspender este exame, poderá repetilo na oportunidade extraordinaria de xullo.
A nota das prácticas terá un peso dun 40% na cualificación final da materia.
EXAME DA OPORTUNIDADE ORDINARIA
Ao final do cuadrimestre realizarase un exame teórico de todo o contido da materia. A superación desta proba é requisito imprescindible para aprobar a materia. A nota obtida neste exame terá un peso dun 60% na cualificación final da materia.
Aqueles alumnos que teñan suspensa a avaliación das prácticas ou aqueles que, por causa debidamente xustificada, faltaran a máis de 6 horas de clase interactiva, deberán ademais superar un exame de tipo práctico para aprobar. A nota obtida neste exame terá un peso dun 40% na cualificación final.
OPORTUNIDADE EXTRAORDINARIA DE XULLO
No caso de non superar (ou non presentarse) algún dos exames (teórico ou práctico) na oportunidade ordinaria, o alumno poderá facelo na extraordinaria de xullo.
Nesta oportunidade o alumno só debera superar aquela parte (teórica ou práctica) que lle quedou suspensa na oportunidade ordinaria. Os pesos da cada parte na cualificación final serán os mesmos que na oportunidade ordinaria.
CONDICIÓN DE APROBADO
Para aprobar a materia é necesario que se cumpran todas as seguintes condicións:
a. Ter asistido as clases interactivas, baixo as condicións antes expostas.
b. Ter aprobadas as prácticas (ben mediante avaliación continua ou ben mediante exame final de prácticas).
c. Ter aprobado o exame teórico.
CONDICIÓN DE NON PRESENTADO
Terase a condición de non presentado cando o alumno non asista ao exame final (tanto teórico como práctico, no caso que tivera que asistir ao mesmo).
Calquera outra condición, que non implique aprobado ou "non presentado", suporá unha cualificación de suspenso.
ALUMNADO REPETIDOR
O alumnado repetidor someterase ao mesmo réxime que o alumnado ordinario, non gardándose as prácticas realizadas nin os exames realizados dun curso para outro, e debendo asistir as clases interactivas baixo as condicións antes expostas.
Tempo de estudo e traballo persoalAdemais das horas presenciais na aula, o alumno deberá dedicar outras 90 horas de traballo persoal para superar a materia. Estas horas distribúense do seguinte xeito:
- 5 de estudio autónomo.
- 25 de escritura de exercicios, conclusións ou outros traballos.
- 35 de programación/experimentación ou outros traballos no ordenador.
- 25 de avaliación de traballos, proxectos, exames...
Recomendacións para o estudo da materiaA constancia no estudo e na asistencia á clase é unha das claves para estudar esta materia. É moi importante para que a materia resulte doada que se vaia estudando ao día. Deste xeito, rendibilízanse as explicacións recibidas na clase. Ademais, unha actitude seria nas prácticas vai permitir que os conceptos se vaian afianzando e que se poidan abordar problemáticas cada vez máis complexas sen demasiado esforzo.
Aínda que non é indispensable, é moi recomendable dispor dun ordenador persoal con capacidade de conexión a Internet.
ObservaciónsMáis información está dispoñible no campus virtual da USC e na dirección http://www.ac.usc.es/docencia/ASR/, onde se poden atopar contidos da materia.
Os idiomas a usar na aula serán castelán e/ou galego.