Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Farmacia  »  Historia da Facultade

Historia da Facultade

Dende 1815 a 1821 existiu en Santiago de Compostela o primeiro colexio de boticarios da cidade, chamado Colexio de San Carlos. Foi o seu director Julián Suárez Freire, primeiro doutor en Farmacia en España e, ademais, natural de Grixoa, unha aldea próxima a Santiago. A devandita institución tivo como sede a denominada "Casa da Inquisición" situada no solar que actualmente ocupa o Hotel Compostela na praza de Galicia. A pesar da demanda existente de estudos relacionados co medicamento, neses seis anos de funcionamento o Colexio de San Carlos non chegou a consolidarse.

En 1857, como consecuencia dunha Lei de Instrución Pública creouse unha nova Facultade de Farmacia de Santiago, sumándose así ás tres que nos anos anteriores fóronse abrindo en España: Madrid, Barcelona e Granada. Deste xeito, a Universidade de Santiago de Compostela pasou a ter estudos específicos para os futuros farmacéuticos.

A nova Facultade situouse no Colexio de Fonseca, centro da Universidade compostelá desde o século XVI até mediados do XVIII. O edificio foi compartido con Medicina ata que esta licenciatura trasladouse ao novo edificio da rúa de San Francisco en 1928. Ambas ensinanzas sempre estiveron moi relacionadas, compartindo aulas e laboratorios.
Foi neste palacio renacentista de enorme beleza onde comezou a desenvolverse a Facultade de Farmacia, cátedra a cátedra, profesor a profesor. Algúns novos profesores incorporábanse á facultade compostelá procedentes das outras facultades de Farmacia españolas, dispostos a desenvolver as súas investigacións nos pequenos laboratorios, vencendo toda clase de dificultades materiais. Outros, os denominados "catedráticos de ida e volta", utilizaron a facultade como "ponte" para chegar a outro destino máis apetecible, como Madrid ou Barcelona, permanecendo en Santiago nalgún caso, apenas un mes.
A pesar das dependencias pouco apropiadas para a vida académica - frías aulas con paredes de pedra nas que a luz, o gas e o carbón non sempre estaban disponibles - o empeño dos que alí traballaban fixo posible que xa no comezo do século XX publicásense os primeiros traballos científicos realizados na Facultade de Farmacia de Santiago.
Tamén foi Fonseca o lugar no que no verán de 1936 se creou o Laboratorio de Farmacia Militar do Exército do Norte, cando tras o estalido da guerra civil española quedaron suspendidas as actividades docentes durante tres longos e penosos anos. E os seus muros de pedra viron regresar aos profesores e alumnos - non a todos, por unhas ou outras razón - nun novo marco político e social, no que recuperar o nivel académico e científico anterior á guerra custou non pouco esforzo.

O empeño e o traballo de homes e mulleres de ciencia consolidaron unha Facultade que en 1971 deixou triste e soa a Fonseca para crecer no novo e moderno edificio do campus sur. Alí a matrícula de alumnos, de diversos lugares de procedencia, experimentou un crecemento moi significativo e achegou o empuxe necesario para facer da Facultade de Farmacia de Santiago a institución de prestixio que é na actualidade."

Beatriz Brasa Arias / Mariana Landín Pérez

1º e 2º ciclo (en extinción)