
Este espazo pretende amosar a información máis relevante en relación co funcionamento da Facultade de Formación do Profesorado da Universidade de Santiago de Compostela: servizos e equipamento, órganos de goberno e participación, profesorado e persoal de administración e servizos, titulacións que se imparten, organización académica, normativa e outra documentación, así como outras cuestións que poden ser de interese e utilidade para os membros da comunidade universitaria.
A profesión docente é cada vez máis complexa. As esixencias ao profesorado van en aumento e os contornos nos que traballa amosan cada vez máis desafíos. As investigacións apuntan unha correlación significativa entre a calidade do profesorado e os logros dos estudantes. A mellora da calidade da formación do profesorado é, xa que logo, un obxectivo importante para os sistemas educativos europeos. Desde esta perspectiva, a Facultade de Formación do Profesorado da USC reafirma o seu decidido compromiso a prol do continuo perfeccionamento dos procesos formativos que desenvolve.
Pero esta é unha tarefa de todos, un proxecto colectivo que require a colaboración do profesorado, do persoal de administración e servizos e do estudantado, cada quen desde a súa posición e responsabilidade.