G3151103 - Teoría e Historia da Educación Escolar (Formación Básica) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 24.00
- Clase Interactiva Seminario: 24.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social
- Áreas: Teoría e Historia da Educación
- Centro: Facultade de Formación do Profesorado
- Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: Primeiro Curso (1º 1ª vez)
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoInglésObxectivos da materiaConceptuais (saber):
- Dominar os referentes históricos fundamentais da pedagoxía, desde o século XVIII ata os nosos días, tanto na súa vertente teórica como na súa aplicación á práctica das escolas.
- Coñecer os diferentes organismos, movementos, centros e institucións que ofrecen respostas pedagóxicas ou exercen influencia sobre a educación na actualidade.
Procedimentais (saber facer):
- Reflexionar a nivel teórico-pedagóxico sobre a transcendencia do feito educacional e a función docente na sociedade contemporánea, con especial atención ao caso galego.
- Analizar e interpretar o progreso e a realidade dos sistemas educativos, á luz da historia da educación e da teoría da educación.
- Presentar traballos académicos de calidade universitaria, tanto na cuestión de forma como na de contido, tanto oralmente como por escrito, conforme criterios que se lle ofrecerán ao alumnado.
Actitudinais (saber ser):
- Comprometerse eticamente coa educación, co servizo social que esixe e coa dignidade das persoas coas que profesionalmente as mestras e mestres se relacionan, con base no código deontolóxico das e dos profesionais da educación.
- Apostar por unha educación democrática baseada na equidade e no respecto aos dereitos humanos, que axude a conformar os valores dunha cidadanía activa e crítica, comprometida no presente pero tamén con visión de futuro, na defensa das liberdades públicas, da sustentabilidade ambiental, e dos sinais propios de identidade cultural.
ContidosTema 1. O fenómeno educativo.
Tema 2. A Ilustración: herdos, cambios educativos; Rousseau e o naturalismo.
Tema 3. A educación no pensamento pedagóxico contemporáneo: o experimentalismo e a Escola Nova (Dewey, Montessori, Decroly, Claparéde, Ferrière, Giner de los Ríos, Freinet); as teorías antiautoritarias (anarquismo, Ferrer i Guárdia, Neill, Rogers); as teorías da desescolarización (Illich, Reimer, Holt); o marxismo (Makarenko, Suchodolski); as teorías personalistas (Mounier, Freire, Milani); a Pedagoxía Institucional (Lobrot, Lapassade); as teorías da reprodución (Bourdieu, Passeron, Althusser); as teorías da posmodernidade (Foucault, Derrida, Lyotard).
Tema 4. Desenvolvemento e evolución dos sistemas educativos.
Tema 5. Movementos e institucións educativas contemporáneas.
Tema 6. Respostas pedagóxicas a desafíos socioeducativos do noso tempo.
Bibliografía básica e complementariaBibliografía básica:
Carreño, Miryam (ed.) e outros (2000). Teorías e instituciones contemporáneas de educación. Madrid: Síntesis.
Colom, Antoni J. (coord.) e outros (2002). Teorías e instituciones contemporáneas de la educación. Barcelona: Ariel.
Del Pozo, M. Mar (ed.) e outros (2004). Teorías e instituciones contemporáneas de educación. Madrid: Biblioteca Nueva.
Negrín, Olegario e Vergara, Javier (2003). Teorías e instituciones contemporáneas de educación. Madrid: Centro de Estudios Ramón Areces.
Bibliografía complementaria:
Arenas, M. Gloria; Gómez González, M. José e Jurado, Encarnación (coords.) (2007). Pensando la educación desde las mujeres. Málaga: Universidad de Málaga.
Ayuste, Ana e outros (2002). Planteamientos de la pedagogía crítica. Comunicar y transformar. Barcelona: Graó.
Bolívar, Antonio e Guarro, Amador (coords.) (2007). Educación y cultura democráticas. Madrid: Wolters Kluwer.
Capitán, Alfonso (2000). Educación en la España contemporánea. Barcelona: Ariel.
Carbonell, Jaume (2008). Una educación para mañana. Barcelona: Octaedro.
Fernández Enguita, Mariano (coord.) (2002). ¿Es pública la escuela pública? Barcelona: CissPraxis.
Galino, M. Ángeles (1982). Historia de los sistemas educativos actuales. Madrid: UNED (2 tomos).
García Amilburu, María (2007). Nosotros, los profesores: breve ensayo sobre la tarea docente. Madrid: UNED.
García Olivo, Pedro (2005). El enigma de la docilidad. Sobre la implicación de la escuela en el exterminio global de la disensión y de la diferencia. Barcelona: Virus.
Gimeno, José e Carbonell, Jaume (coords.) (2004). El sistema educativo: una mirada crítica. Barcelona: CissPraxis.
Imbernón, Francesc e Majó, Joan (coords.) (2002). Cinco ciudadanías para una nueva educación. Barcelona: Graó.
Lama, Manuel (2009). Manual de lexislación educativa. Da LOXSE á LOE. Santiago de Compostela: 3C3.
Palacios, Jesús (1989). La cuestión escolar: críticas y alternativas. Barcelona: Laia.
Peiró, Salvador (2005). Instituciones educativas y modelos pedagógicos. Badajoz: Abecedario.
Puelles, Manuel de (1999). Educación e ideología en la España contemporánea. Madrid: Tecnos.
Sánchez, Elena (ed.) e outras (2012). Las maestras de la República. Madrid: Catarata.
Sanchidrián, Carmen e Ruíz Berrio, Julio (coords.) (2010). Historia y perspectiva actual de la educación infantil. Barcelona: Graó.
Torres, Jurjo (2001). Educación en tiempos de neoliberalismo. Madrid: Morata.
Trilla, Jaume (1996). La educación fuera de la escuela: ámbitos no formales y educación social. Barcelona: Ariel.
Trilla, Jaume (coord.) (2001). El legado pedagógico del siglo XX para la escuela del siglo XXI. Barcelona: Graó.
VVAA (1999). La descentralización de la enseñanza. Zaragoza: Egido.
VVAA (2000). Pedagogías del siglo XX. Barcelona: CissPraxis.
Revistas básicas:
Revista galega de educación (Nova Escola Galega). www.nova-escola-galega.org
Cuadernos de pedagogía (Wolters Kluwer).
Aula de innovación educativa (Graó).
Revistas complementarias:
Bordón (Sociedad Española de Pedagogía).
Comunidad escolar. Periódico digital de información educativa (Ministerio de Educación). comunidadescolar.educacion.es/896/portada.html
EDUGA. Revista galega do ensino (Consellería de Educación e Ordenación Universitaria).
Escuela (periódico de Wolters Kluwer).
Historia de la educación. Revista interuniversitaria (universidades españolas). www.sc.ehu.es/sfwsedhe/revista.htm
CompetenciasXerais:
G.5 Fomentar a convivencia na aula e fóra dela, resolver problemas de disciplina e contribuír á resolución pacífica de conflitos. Estimular e valorar o esforzo, a constancia e a disciplina persoal nas e nos estudantes.
G.8 Manter unha relación crítica e autónoma respecto dos saberes, dos valores e das institucións sociais públicas e privadas.
G.9 Valorar a responsabilidade individual e colectiva na consecución dun futuro sustentable.
G.10 Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovela entre as e os estudantes.
G.12 Comprender a función, as posibilidades e os límites da educación na sociedade actual e as competencias fundamentais que afectan aos colexios de educación primaria e aos seus profesionais. Coñecer modelos de mellora da calidade con aplicación aos centros educativos.
Específicas:
E.7 Promover o traballo cooperativo e o traballo e o esforzo individuais.
E.8 Promover accións de educación en valores orientadas á preparación dunha cidadanía activa e democrática.
E.10 Deseñar, planificar e avaliar a actividade docente e a aprendizaxe na aula.
E.12 Participar na definición do proxecto educativo e na actividade xeral do centro atendendo a criterios de xestión de calidade.
E.13 Coñecer e aplicar metodoloxías e técnicas básicas de investigación educativa e ser capaz de deseñar proxectos de innovación, identificando indicadores de avaliación.
Básicas:
B.1 Que as e os estudantes demostren posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral, e se atopa habitualmente a un nivel que, malia apoiarse en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo de estudo.
B.2 Que as e os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B.3 Que as e os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B.4 Que as e os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
Transversais:
T.2 Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3 Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
Metodoloxía da ensinanza As actividades presenciais en grupo completo (24 horas) están concibidas para desenvolver, aclarar e comentar os contidos da materia que ofrecen unha maior dificultade de comprensión, con especial incidencia nos aspectos básicos e máis relevantes, ao tempo que se resolven os problemas de aprendizaxe iniciais que poden presentar os/as estudantes, que deberán empregar 35 horas de estudo autónomo para dominar os fundamentos da materia. O profesor utilizará varias técnicas expositivas e o estudantado realizará os exercicios que se indiquen de acordo cos contidos tratados.
As actividades en grupo máis reducido (24 horas) desenvolveranse no marco de métodos como a discusión, o debate, o comentario de documentos ou a exposición de traballos, o que esixirá 45 horas de traballo persoal do alumnado, co fin de fomentar unha aprendizaxe autónoma, cooperativa e que permita mellorar a capacidade de exposición pública dos resultados dos traballos realizados (comunicación oral). Con iso propiciarase a adquisición por parte do alumnado das competencias máis ligadas ao pensamento crítico, ao uso da lingua galega, ás tecnoloxías da información e a comunicación e demais competencias sinaladas.
Xa sexa con actividades ofrecidas de partida polo docente ou por iniciativa do estudantado, as alumnas e os alumnos serán atendidos polo profesor nas 3 horas establecidas de titorías de materia (e secundariamente no horario de titorías académicas de despacho), e en grupos moi reducidos co obxectivo de orientar mellor o seu traballo e a súa aprendizaxe, e polo tanto para asegurar tamén a consecución de todas as competencias arriba sinaladas para a materia, o que esixirá a maiores 19 horas de traballo autónomo do alumnado.
Alén das competencias ordinarias, por suposto considéranse tamén as competencias xenéricas (competencia comunicativa oral e escrita, competencia informática e informacional, traballo en grupo, etc.), que poderán ser obxecto dun programa de formación específico que o profesorado do grao compartirá no seu momento co alumnado. Nese programa incluiranse “actividades interdisciplinares e complementarias” diversas, que loxicamente terán a mesma obrigatoriedade que calquera outra actividade presencial da materia, e serán consideradas convenientemente na súa avaliación. A este respecto merece especial atención o curso “Competencia informática e informacional” da Biblioteca Universitaria, que o alumnado debe realizar, e cuxos resultados serán valorados tamén nesta materia.
Na medida en que o permitan os orzamentos do centro, faranse co alumnado unha ou varias viaxes pedagóxicas a lugares de interese para a materia (Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela, Centro Educativo Santo Anxo de Rábade, Sotavento en Xermade, Centro Penitenciario de Bonxe, escolas rurais da provincia de Lugo, CPI de Castroverde, CEIP Mosteiro de Caaveiro das Neves-A Capela, Meniñeiros-Escola Waldorf de Friol, etc.), que aproveitaremos para afianzar directamente e in situ os contidos dos temas traballados ata ese momento nas sesións presenciais da materia. Ademais estas viaxes servirán eventualmente para que cada equipo de alumnado decida finalmente a temática sobre a que versará o seu respectivo traballo grupal. Informarase ao respecto no seu momento.
As interaccións orais na materia desenvolveranse en lingua galega, á marxe de que boa parte dos textos que nela se empreguen estarán redactados en castelán. Precisamente para facilitar o acceso permanente do alumnado aos materiais docentes, cabe a posibilidade de que o profesor abra un curso ao respecto dentro do Campus Virtual da USC.
Sistema de evaluaciónA adquisición por parte do alumnado de todas as competencias desta materia avaliarase a través dos exercicios que se concretan neste apartado.
Participación e implicación na aula: 15% da nota final (competencias que se avalían: G.5, G.8; E.7, E.8, E.10, E.13; B.1, B.2, B.3; T.2, T.3). O alumnado deberá ter asistido como mínimo ao 80% das sesións presenciais e implicarse construtivamente nelas para poder ter cualificación neste apartado; controlarase a asistencia, tanto nas sesións expositivas, como nas interactivas e nas titoriais, e tamén por suposto nas actividades interdisciplinares e complementarias. O alumno ou alumna que acumule máis de 3 faltas ao longo do semestre non recibirá puntuación neste apartado da materia.
Presentacións orais: 15% da nota final (competencias que se avalían: G.8, G.10, G.11; E.7, E.10, E.13; B.1, B.2, B.3; T.2, T.3). Para poder ser cualificado neste apartado, o alumnado deberá ter acudido como mínimo ao 50% das sesións presenciais. Cada grupo de traballo deberá realizar unha exposición (en data que se acordará entre as partes) dun traballo elaborado especificamente para a materia sobre unha das súas temáticas, e que necesariamente contará coa titorización permanente do docente.
Informes escritos e outras producións: 20% da nota final (competencias que se avalían: G.5, G.8, G.12; E.10, E.13; B.1, B.2, B.3; T.2, T.3). Para poder ser cualificado neste apartado, o alumnado deberá ter acudido como mínimo ao 50% das sesións presenciais. Á marxe de pequenas actividades que o docente pida na aula de semana en semana, o alumnado elaborará un traballo en grupo sobre unha temática da materia; o docente dará por anticipado cumprida información na clase sobre as condicións para a súa realización e orientará todo o proceso de elaboración nas sesións de titorías programadas; a data límite de entrega será o 27 DE DECEMBRO, no compartimento do docente en portería.
Probas específicas: 50% da nota final (competencias que se avalían: G.5, G.12; E.7, E.8, E.10, E.13; B.1, B.2, B.3; T.2). Haberá unha proba final obrigatoria para todo o alumnado.
Con carácter xeral, nas primeiras sesións de clase do semestre o docente ofrecerá con detalle e concreción as orientacións necesarias respecto de cada un dos criterios e instrumentos de avaliación da materia. En calquera caso, xa se avanza que coa intención de que o profesor poida avaliar o dominio da competencia T2 (coñecemento instrumental da lingua galega, tanto a nivel oral como escrito) por parte do alumnado, este presentará en galego tanto a exposición oral como os traballos escritos da materia.
Para superar a materia é preciso satisfacer dúas condicións: obter unha cualificación mínima de 5 puntos (sobre 10) sumando as valoracións dos catro apartados, e tamén ter acadado na proba final un determinado número de preguntas ben respondidas (detallarase no seu momento).
Ao estarmos a falar dunha avaliación continua, o alumnado que precisase acudir á edición de xullo só terá dereito a realizar a proba final, e manteránselle nos restantes apartados as cualificacións obtidas no primeiro semestre, sexan as que sexan. Non se admitirán traballos ou exposicións para a edición de xullo.
O alumnado de 2ª convocatoria (repetidor) pode optar por implicarse en todas as actividades que realiza o alumnado ordinario desde inicios do semestre, e neste caso estaría a todos os efectos dentro da casuística xeral. Se decide non participar da actividade ordinaria da materia, de cara á avaliación deberá facer unicamente a proba final (a mesma que o resto do alumnado) e respéctanselle as cualificacións obtidas o curso anterior nos restantes apartados obxecto de avaliación. O alumnado de 3ª e posteriores convocatorias deberá falar co docente no mes de setembro para determinar cal será o seu plan de traballo e avaliación.
En calquera caso, e con carácter xeral, o alumnado repetidor deberá poñerse en contacto co docente (empregando o horario de titorías) dentro das dúas primeiras semanas de curso, a fin de acordar o plan de traballo específico que en cada caso se seguirá.
No caso do alumnado con dispensa de docencia teórica, este deberá pasar a falar co docente necesariamente na mesma semana na que solicita a exención, para concretar o seu plan de traballo na materia e, se é preciso, acordar as adaptacións avaliativas que fosen pertinentes para atender cada situación particular.
Este mesmo criterio tamén se seguirá co alumnado que presente calquera tipo de diversidade funcional ou dificultade para un seguimento diario normal da materia, sempre que a súa situación se xustifique a través dun documento expedido polo Servizo de Promoción e Integración Universitaria da USC, e se informe do caso ao docente á maior brevidade.
Tempo de estudo e traballo persoal150 horas totais (51 presenciais e 99 de traballo autónomo), que se reparten do seguinte xeito:
- Actividades expositivas en grupo grande: 24 horas presenciais e 35 de traballo autónomo.
- Actividades interactivas en grupo mediano: 24 horas presenciais e 45 de traballo autónomo.
- Actividades titoriais en grupo pequeno: 3 horas presenciais e 19 de traballo autónomo.
Recomendacións para o estudo da materia- Asistencia continuada ás aulas e participación activa nelas.
- Realización do conxunto dos traballos e actividades programadas.
- Entrega da ficha persoal no compartimento do docente (portería do centro) durante os dez primeiros días de curso.
- Caso de habela, lectura atenta da guía docente que o profesor deixaría na fotocopiadora do centro a inicios de semestre; nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, nomeadamente os relativos a actividades de aprendizaxe, e instrumentos e criterios de avaliación. O docente informará na aula ao alumnado cada vez que deixe na fotocopiadora material para a ampliación de contidos. Cabe a posibilidade de que se cree un curso virtual da materia aloxado no Campus Virtual da USC, a fin de evitar o gasto de papel que implica o indicado anteriormente.
- No que cómpre aos traballos que elabore o alumnado, estes deberán respectar as seguintes condicións:
1. Normas de estilo e formato: ver www.usc.es/gl/servizos/snl/asesoramento/index.html, especialmente os apartados “Corrección de textos”, “Recursos” e “Criterios lingüísticos”. Moi importante ter en conta o traballado nas sesións (no caso de que se organicen) de competencias xenéricas de primeiro curso respecto da comunicación escrita. Idioma: galego. Non hai extensión mínima nin máxima dos traballos, salvo indicación en contra.
2. Aforro enerxético: cada traballo será presentado nun só volume, con folios tamaño DIN A4, grampados (ou encadernados en espiral se o documento contén máis de 50 follas); non incluirá follas en branco no interior nin plásticos ou outros envoltorios innecesarios no exterior; na impresión utilícese calidade “aforro de tinta” ou“borrador”; sempre que sexa posible, empréguese papel escrito polas dúas caras, e mellor, reciclado; evítese abusar das negriñas, das maiúsculas, das cores, e de anexos que non teñan relación cos temas desenvolvidos.
3. Entrega: os traballos poden entregarse ata as 21 horas do día sinalado como data límite. Deixaranse no compartimento do docente na portería da Facultade; tamén poden enviarse por correo postal certificado, sempre e cando o día de envío non exceda a data límite. Non se admitirán vía correo electrónico.
4. Valoración: á marxe da calidade dos contidos en si (en relación coa materia), a valoración final de cada traballo terá en conta a gramaticalidade, a cohesión, a coherencia, a adecuación e o formato. O plaxio implicará a desestimación do traballo.
Observacións- A USC é unha universidade presencial, polo que é preceptiva a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de aula. A adaptación desta norma xeral a casos específicos quedará sinalada na guía docente da materia ou será negociada no mes de setembro persoalmente co alumnado afectado, co que se poderá establecer un plan de traballo individualizado tendo en conta as circunstancias particulares, pero sempre garantindo a normativa da USC e da Facultade, a equidade na avaliación, e a igualdade de oportunidades entre todo o alumnado.
- O alumnado non asistente habitual deberá respectar as datas xerais de entrega de traballos, sendo tamén recomendable que manteña contacto co docente a través das titorías para asegurar o axeitado progreso na materia e a superación dos seus obxectivos de aprendizaxe. Salvo acordo establecido co docente, inicialmente e con carácter xeral non se farán distincións de ningún tipo na avaliación entre o alumnado asistente habitual e o que non o sexa.
- Queda a xuízo do docente admitir como suficientemente xustificativo ou non calquera documento que o alumnado lle entregue explicando a súa ausencia (falta) a algunha sesión presencial; en todo caso eses xustificantes deberán entregarse antes de 7 días despois da inasistencia (utilícese sempre ao respecto a ficha de xustificación de inasistencias que o profesor deixará na fotocopiadora, e aténdase ás indicacións que na propia ficha se especifican).