G3151120 - Ensino e Aprendizaxe de Linguas en contextos Multilingües (Didáctico-Disciplinar) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 24.00
- Clase Interactiva Seminario: 24.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Áreas: Lingüística Xeral
- Centro: Facultade de Formación do Profesorado
- Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoObxectivos da materia1.Xerais
a. Formar ao alumnado, futuro docente, no coñecemento e aplicación dos fundamentos das linguas e das súas funcións e dos factores (sociolingüísticos, didácticos e normativos) relacionados co ensino e aprendizaxe das linguas en contextos multilingües
b. Acadar un grao de dominio aceptable daquelas competencias enumeradas no apartado anterior máis relacionadas co ensino e aprendizaxe das linguas
Ademais, nesta materia preténdese formar ao alumnado en:
2. Coñecementos (saber)
a. Os fundamentos das linguas e as súas funcións
b. A natureza das situacións multilingües e a súa relación co ensino e aprendizaxe das linguas
c. Os determinantes da situación sociolingüística galega, especialmente no ensino
d.As bases da planificación lingüística escolar galega e o modelo vixente
e.Contidos básicos sobre o ensino das linguas desde a perspectiva plurilingüe
3. Procedementos (saber facer)
a. Aplicar coñecementos sobre as linguas, as súas funcións e as situacións multilingües ao ensino e aprendizaxe das linguas
b. Analizar casos e modelos educativos multilingües e saber aplicalos a situacións concretas
c. Resolver problemas relacionados co ensino e aprendizaxe das linguas
d. Analizar exemplos relacionados coa situación sociolingüística galega, especialmente a escolar
e. Operar con criterios e instrumentos propios da planificación lingüística escolar
f. Aplicar principios do ensino das linguas desde a perspectiva plurilingüe a partir do MECR
g. Potenciar as capacidades comunicativas do alumnado
4. Actitudes (saber ser)
a. Amosar actitudes positivas e respectuosas cara á diversidade lingüística como unha riqueza expresiva e cultural
b. Valorar a importancia destas actitudes para o ensino e aprendizaxe das linguas
Contidos1. Principios básicos das ciencias da linguaxe e da comunicación. As linguas como instrumentos de comunicación, elementos simbólicos e constructos sociais. O ‘saber facer’ e o ‘saber ser’ en relación coas linguas: obxectivos comunicativos e obxectivos actitudinais.
2. A educación en contextos multilingües. Criterios para organizar o plurilingüismo escolar. Modelos de ensino plurilingüe.
3. Situación social e escolar das linguas en Galicia. Lexislación e modelo lingüístico no sistema educativo galego. A planificación lingüística escolar en Galicia: criterios e instrumentos.
4. O ensino das linguas desde una perspectiva plurilingüe. O Marco Europeo Común de Referencia e o Portfolio Europeo das linguas. O tratamento integrado das linguas.
Bibliografía básica e complementaria-Amengual, Mª; Juan, Mª e Salazar, J. (eds). (2006). Adquisición y aprendizaje de lenguas en contextos plurilingües, ensayos y propuestas aplicadas. Universitat de les Illes Baleares (Actas AESLA). http://books.google.es/booksid=PN0UZBjwLokC&printsec=frontcover&hl=es#v=
onepage&q&f=false
-Appel, R. & Muysken, P. (1987/1996). Bilingüismo y contacto de lenguas. Barcelona: Ariel
-Baker, C. (1997). Fundamentos de Educación Bilingüe y Bilingüismo. Madrid: Cátedra
-Baker, C. & Prys Jones, S. (Eds.) (1998). Encyclopedia of bilingualism and bilingual education. Clevedon: Multilingual Matters.
-Cassany, Daniel (2006). El Portfolio Europeo de las Lenguas y sus aplicaciones en el aula. Madrid: MEC.
-Council of Europe (1992). European Charter for Regional or Minority Languages. Strasbourg. ETS nº 148. Tradución: Carta europea das linguas rexionais ou minoritarias. Consello de Europa: Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias. http:// www.galego.org/lexislacion/europea/carta.html
-Council of Europe (2000). European Language Portfolio (PEL): Principles and Guidelines. Strasbourg: Council of Europe. (Document DGIV/EDU/LANG (2000) 33) http://www.coe.int/t/dg4/linguistic/Source/Guidelines_EN.pdf
-Council of Europe (2001). Common European Framework for Languages: Learning, Teaching, Assessment. Tradución: Xunta de Galicia (2005). Marco europeo común de referencia para as linguas: aprendizaxe, ensino, avaliación. http://www.usc.es/snl/forma/marco.pdf http://www.coe.int/t/dg4/linguistic/Source/Framework_EN.pdf
-Council of Europe (2001b). A Common European Framwork of Reference for Languages: Learning, Teaching, Assessment – A General Guide for Users. Strasbourg: Council of Europe. (Document DGIV-EDULANG(2001) 1) http://www.coe.int/T/DG4/Portfolio/documents/Guide-for-Users-April02.doc
-Crystal, D. (1987). Enciclopedia del lenguaje de la universidad de Cambridge, Madrid, Taurus, 1994.
-Díaz García, M. Teresa; Mas Álvarez, Inmaculada e Zas Varela, Luz (2009). Diversidade lingüística e cultural no ensino de linguas. A Coruña. TresCtres.
-Lorenzo, F. (2005). “Políticas lingüísticas europeas: claves de la planificación y aprendizaje de lenguas en la UE”. En Cultura y Educación, 17 (3), pp. 253-263.
-Palacios Martínez, Ignacio M. (dir.) (2007). Diccionario de enseñanza y aprendizaje de lenguas. Madrid. enclave-ELE.
-Perera, J. (ed.) (2003). Plurilingüisme i educació: els reptes del segle XXI, Barcelona, ICE de l’ Universitat de Barcelona.
-Richards, Jack C., John Platt e Heidi Platt (1992). Diccionario de lingüística aplicada y enseñanza de lenguas, Barcelona, Ariel, 1997.
-Romaine, S. (1995). Bilingualism. Oxford. Blackwell.
-Shin, Sarah J. (2013): Bilingualism in Schools and Society. Language, Identity and Policy. Basingstok (RU): Routledge.
-Siguán, M. (2004). Bilingüismo y lenguas en contacto, Madrid, Alianza Editorial.
-Silva Valdivia, B. (2008). “Lingua e escola en Galicia. Balance e propostas de futuro”. Grial nº 179, pp. 48-59.
-Xunta de Galicia (2004). Plan xeral de normalización da lingua galega. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia. http://www.xunta.es/linguagalega/plan_xeral_de_normalizacion
-Xunta de Galicia (2010). Decreto 79/2010, do 20 de maio, para o plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia. DOG nº 97 de 25 de maio de 2010, páxina 9.242
CompetenciasCompetencias xerais
G2 Deseñar, planificar e avaliar procesos de ensino e aprendizaxe, tanto individualmente como en colaboración con outros docentes e profesionais do centro.
G3 Abordar con eficacia situacións de aprendizaxe de linguas en contextos multiculturais e plurilingües. Fomentar a lectura e o comentario crítico de textos dos diversos dominios científicos e culturais contidos no currículo escolar.
Competencias específicas
E44 Comprender os principios básicos das ciencias da linguaxe e a comunicación.
E50 Coñecer as dificultades para a aprendizaxe das linguas oficiais de estudantes doutras linguas.
E51 Afrontar situacións de aprendizaxe de linguas en contextos multilingües.
Competencias básicas
B2 Que o alumnado saiba aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúa as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B3 Que o alumnado teña a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan una reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B4 Que o alumnado poida transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
Competencias transversais
T2 Coñecemento instrumental da lingua galega.
T3 Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
T4 Competencia informacional.
Metodoloxía da ensinanza 1. SESIÓNS EXPOSITIVAS
Nas clases expositivas de gran grupo trataranse os contidos que supoñan una maior dificultade de comprensión. Partirase dos conceptos máis básicos e universais, fundamento do contido da asignatura. Atenderanse, ademais, as dificultades iniciais de aprendizaxe. Esta apoiarase inicialmente na exposición do profesorado e será implementada polas correspondentes actividades prácticas relacionadas cos contidos desa exposición de xeito que se facilite o desenvolvemento das competencias previstas.
2. SESIÓNS INTERACTIVAS
As clases interactivas de grupo reducido consistirán no emprego de recursos de aprendizaxe como o debate, o estudo de casos, etc., de modo que supoñan unha considerable participación activa do alumnado e do grupo. Así, búscase favorecer o desenvolvemento de competencias do tipo análise / síntese, pensamento crítico, comunicativas, etc., ademais das propias do módulo e da asignatura.
3. TITORÍAS DOCENTES PROGRAMADAS
O alumnado será atendido en titorías individuais ou de grupo reducido co obxecto de orientar a súa aprendizaxe e o traballo persoal complementario para o desenvolvemento das competencias atribuídas á asignatura.
4. ACTIVIDADES NON PRESENCIAIS
No traballo persoal do alumnado prestarase especial atención á lectura de documentos, comentario, debate, etc., e á preparación da exposición dos seus traballos, para potenciar as súas capacidades comunicativas (especialmente falar en público). Tamén se fomentará a aprendizaxe autónoma e o traballo cooperativo.
Utilizarase a plataforma do Campus Virtual da USC como ferramenta para a interacción entre o profesorado e o alumnado da materia.
5. ACTIVIDADES DE AVALIACIÓN
Na avaliación atenderase fundamentalmente ao grao de consecución das competencias traballadas nas sesións expositivas, nas interactivas e nas titoriais.
Sistema de evaluaciónO sistema de avaliación estará baseado nos seguintes catro elementos (A, B, C, D):
A. PARTICIPACIÓN NA AULA
-----Peso na cualificación: 15%
-----Obxecto de avaliación: control de asistencia e observación da actitude do alumnado na aula e da súa participación nas actividades realizadas, prestando especial atención ao grao de pertinencia e motivación das intervencións e á propiedade e corrección da súa expresión e argumentación.
-----Instrumentos de avaliación: ficha na que se rexistra a asistencia e a observación do profesor.
-----Orientacións para a avaliación: avaliarase positivamente a asistencia asidua, a actitude e boa disposición para aprender e a participación con interese na actividade realizada na aula. Será necesario asistir como mínimo ao 80% das sesións expositivas e interactivas, e participar activamente e con interese nas mesmas, para obter a puntuación máxima global do apartado. O alumnado con 4 ou máis faltas de asistencia non xustificadas (é dicir, o 20% do total das sesións presenciais) non será cualificado neste apartado A.
B. PROBAS ESPECÍFICAS
-----Peso na cualificación: 40%
-----Obxecto da avaliación: comprensión dos contidos básicos das sesións expositivas e interactivas.
-----Instrumento de avaliación: exame escrito.
-----Orientacións para a avaliación: todo o alumnado matriculado deberá realizar un exame final sobre os contidos das sesións expositivas e interactivas na data fixada pola Secretaría do centro que suporá ata un 40% da cualificación da materia.
C. INFORMES E OUTRAS PRODUCIÓNS ESCRITAS
-----Peso na cualificación: 30%
-----Obxecto da avaliación: Forma: propiedade e corrección expresivas, riqueza léxica, relación contido-forma, cohesión textual, etc. Contido: Pertinencia do tema para a asignatura, enfoque do mesmo, fontes consultadas, orixinalidade e creatividade, argumentación e coherencia, etc.
-----Instrumentos de avaliación: traballos, informes, etc., é dicir, produción escrita: escritos individuais e grupais.
-----Orientacións para a avaliación: durante o curso o alumnado deberá ir presentando paulatinamente a súa produción escrita resultado dos pequenos traballos (individuais ou grupais) realizados nas sesións presenciais e mellorados ou ampliados nas horas non presenciais. A suma de todos eses pequenos traballos constituirá o portafolios da materia. O primeiro día de clase o profesorado explicará con máis detalle como se debe desenvolver o proceso paulatino de elaboración e entrega do portafolios. Valorarase ata un máximo do 30% da cualificación da materia.
D. PRESENTACIÓNS ORAIS
-----Peso na cualificación: 15%
-----Obxecto da avaliación: Forma: Dicción (articulación, entoación, etc. ), fluidez verbal, presentación ordenada dos contidos. Contido: pertinencia para a asignatura do tema e das fontes consultadas, relacións con outros contidos, argumentación axeitada, claridade nas conclusións.
-----Instrumentos de avaliación: exposición oral de traballos nas sesións interactivas
-----Orientacións para a avaliación: non só se valorará a calidade do traballo exposto senón tamén a calidade formal da exposición.
CASUÍSTICAS ESPECÍFICAS DA AVALIACIÓN:
1. CONDICIÓNS PARA SUPERAR A MATERIA
Para obter a cualificación de aprobado, o alumnado deberá cumprir dúas condicións:
-----a. Obter como mínimo a metade da cualificación máxima no exame final (2 puntos de 4).
-----b. Acadar unha puntuación mínima de 5 puntos como resultado da suma das puntuacións obtidas nos elementos A, B, C, D.
2.AVALIACIÓN DO ALUMNADO CUNHA ASISTENCIA ENTRE O 50% E O 80% ÁS ACTIVIDADES PRESENCIAIS
Este alumnado só poderá obter puntuación nos apartados B, C e D, porque, para puntuar no A, cómpre unha asistencia mínima do 80%. Poderá presentar a produción escrita realizada nas sesións presenciais e realizar presentacións orais na aula.
3. ALUMNADO QUE SÓ ASISTE A MENOS DO 50%
Este alumnado só poderá obter puntuación nos apartados B, C e D. Dada a natureza da asignatura, unha asistencia tan limitada inflúe na puntuación final dos apartados C e D que, como dixemos antes, son avaliados en función dos traballos escritos e as exposicións orais que o alumnado realiza nas sesións presenciais.
4.ALUMNADO QUE NON SUPERE A ASIGNATURA NA PRIMEIRA OPORTUNIDADE (PERÍODO ORDINARIO)
Os estudantes que non superen a materia no mes de maio teñen unha segunda oportunidade no mes de xullo. Os instrumentos de avaliación desta segunda oportunidade serán tres:
-----a. Informes e outras producións escritas realizadas ao longo do curso. Se o alumno entregou o portafolios da materia no seu momento, esta cualificación conservarase para a avaliación do mes de xullo. Puntuación máxima: 3 puntos.
-----b. Exame escrito sobre os contidos das sesións expositivas e interactivas. Puntuación máxima: 4 puntos.
-----c. Proba oral na que se avaliarán as competencias recollidas neste programa. Puntuación máxima: 3 puntos.
Debe terse en conta que o alumnado que non asistiu a clase e non entregou os traballos nos prazos indicados non vai ter puntuación no apartado (a), de modo que a cualificación máxima que pode obter é de 7 puntos.
5. ALUMNADO REPETIDOR
Deberá poñerse en contacto co profesorado da asignatura nos quince primeiros días do semestre correspondente para concretaren o plan de traballo e o sistema de avaliación.
6.AVALIACIÓN DO ALUMNADO CON EXENCIÓN PARCIAL DE ASISTENCIA E ACTIVIDADES PRESENCIAIS (DISPENSA)
Este alumnado deberá poñerse en contacto co profesorado da asignatura nos quince primeiros días de clase do semestre correspondente para concretar o plan de traballo e o sistema de avaliación.
7. ALUMNADO CON DIVERSIDADE FUNCIONAL
O alumnado que precise de algún tipo de adaptación ou apoio específico por razóns de NEAE (Necesidades Específicas de Apoio Educativo) deberá solicitalo ao profesorado, pero só se terán en conta a estes efectos aqueles casos que teñan sido valorados e informados polo SEPIU (Servizo de Participación e Integración Universitaria).
URL: http://www.usc.es/gl/servizos/sepiu/integracion.html
OUTRAS CONSIDERACIÓNS DE INTERESE:
Ademais das indicacións específicas sobre avaliación que se indiquen oportunamente, son criterios principais para avaliar o rendemento académico do alumnado:
1. A actitude aberta e receptiva para aprender novos contidos e incorporalos á formación do futuro docente de E. Primaria.
2. A participación activa nas clases en relación cos contidos do programa e a realización puntual das tarefas previstas para as actividades presenciais.
3. O coñecemento e dominio dos principais conceptos, teorías e métodos da asignatura e a capacidade para relacionalos co ensino e aprendizaxe das linguas.
4. A habilidade para integralos no saber do/da alumno/a, futuro docente de E. Primaria.
5. A competencia para saber aplicar os coñecementos aprendidos na resolución de casos prácticos.
6. A calidade da actividade preparatoria autónoma (informes, traballos, …) que inclúe, ademais do contido, a presentación pulcra e ordenada das actividades e a súa entrega nos prazos indicados.
7. A competencia lingüística oral e escrita, manifestada na propiedade e corrección expresivas.
Tempo de estudo e traballo persoalComo consta na Memoria da titulación, está previsto que o alumnado dedique a esta materia un total de 150 horas, das que 51 corresponden a traballo presencial na aula e 99 a traballo autónomo e preparatorio. Sobre o traballo do alumnado, á parte das indicacións que xa se deron no apartado adicado ao sistema de avaliación da aprendizaxe, véxase tamén o apartado seguinte sobre recomendacións para o estudo da materia.
Recomendacións para o estudo da materia-Asistir asidua e participativamente ás clases e titorías
- Atender as orientacións específicas do profesorado da materia en canto a temporalización, realización de informes, manexo de fontes e recursos, metodoloxía de traballo, etc.
- Cumprir un ritmo de traballo programado e acorde coa avaliación continua. Non confiar a preparación da materia para o final de curso
-Ter a man fontes para preparar o labor de aprendizaxe nesta asignatura (especialmente algún dicionario ou léxico de lingüística e ensino de linguas) e consultalas tanto para aprender como para afianzar conceptos
-Esforzarse por mellorar a competencia lingüística oral e escrita. Prestar atención ao discurso e expresarse con propiedade e de forma clara.