G3151441 - Educación en Contextos Rurais (Optativas Xerais) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 4.50
- Total: 4.5
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 18.00
- Clase Interactiva Seminario: 18.00
- Horas de Titorías: 2.25
- Total: 38.25
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Didáctica e Organización Escolar, Teoría da Educación, Historia da Educación e Pedagoxía Social
- Áreas: Didáctica e Organización Escolar, Teoría e Historia da Educación
- Centro: Facultade de Formación do Profesorado
- Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
| Nome | Tipo Grupo | Tipo Docencia | Horario Clase | Horario exames |
|---|
| CLE_01 | Ordinario | Clase Expositiva | SI | SI |
| CLIS_01 | Ordinario | Clase Interactiva Seminario | SI | NON |
| Grupo /TI-ECTS01 | Ordinario | Horas de Titorías | SI | NON |
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoInglésObxectivos da materiaTodas as actividades da materia oriéntanse a conseguir co alumnado os seguintes obxectivos de aprendizaxe:
Conceptuais (saber):
- Coñecer os referentes identificadores fundamentais da educación que se desenvolve en contextos rurais, sexa esta formal, non formal ou informal, nos seus elementos máis destacados a nivel de didáctica, agrupamentos, entidades, comunitarismo, alumnado, familias, conexión co medio, intercambio interxeracional, valorización do patrimonio lingüístico e cultural, etc.
- Coñecer as diferentes respostas pedagóxicas e organizativas que en Galiza e noutras partes do territorio estatal se lles deu historicamente e se lles está a dar actualmente ás necesidades educativas das zonas rurais.
- Coñecer iniciativas sociais innovadoras a prol da dinamización sociocultural rural e difundir experiencias educativas singulares e boas prácticas pedagóxicas realizadas en escolas rurais, tanto galegas como de fóra de Galiza.
- Coñecer os distintos tipos de escolas presentes en contextos rurais, e as diversas institucións, entidades e movementos que traballan nos nosos días polo medio rural galego.
Procedimentais (saber facer):
- Saber analizar minimamente as diversas políticas de desenvolvemento rural, as mudanzas históricas e problemáticas que afectan ao noso medio rural, e a súa sustentabilidade en termos socioeconómicos, ambientais, culturais e educativos, desde unha perspectiva multidisciplinar e en clave de futuro.
- Saber reflexionar pedagoxicamente sobre a transcendencia do feito educacional e da función docente na sociedade rural, con especial atención ao caso galego, sobre todo cando se promoven liñas de traballo colaborativo (comunidades de aprendizaxe, traballo e formación en rede das e dos profesionais da educación que interveñen no territorio rural, etc.).
- Saber identificar os valores sociais e pedagóxicos positivos das escolas rurais (por exemplo, os deostados grupos multinivel, ou a participación das familias), e saber aplicalos mesmo en contextos escolares non estritamente rurais.
- Saber elaborar análises críticas, fundamentadas a nivel social e pedagóxico, da historia e da actualidade da educación rural, recoñecendo os modelos organizativos da escola rural no territorio, ou en centros escolares concretos.
- Saber presentar traballos académicos de calidade universitaria, tanto na cuestión de forma como na de contido, tanto oralmente como por escrito, conforme criterios que se lle ofrecerán ao alumnado.
Actitudinais (saber ser):
- Tomar conciencia da necesidade de que a educación debe sempre adaptarse ás persoas e ao medio, e con máis razón na zona rural, e combater o modelo imperante de educación urbana no medio rural.
- Apreciar a contribución da escola rural á fixación de poboación no medio (que evite o despoboamento das aldeas), á potenciación da cultura popular, ao desenvolvemento sociocultural e económico, e ao reequilibrio territorial.
- Comprometerse eticamente coa educación no rural, co servizo social que esixe e coa dignidade das persoas coas que profesionalmente as mestras e mestres rurais se relacionan (nenas e nenos, familiares, todo o persoal da escola, representantes institucionais, diversos axentes da comunidade), con base no código deontolóxico das e dos profesionais da educación.
- Entender (e valorizar) que o rural galego, e que a cultura e lingua coas que contribúe á riqueza e diversidade cultural da humanidade, representan o xermolo identitario do que actualmente nos caracteriza como galegas e galegos.
- Recoñecer, sendo que tamén é función da educación asegurar o presente e o futuro dos nosos sinais de identidade, que a escola rural galega tivo e segue a ter un papel fundamental na defensa da lingua e cultura propias, malia estaren estas hoxe nunha situación de minorización e ameaza neste contexto global favorable á homoxeneización cultural e o pensamento único.
- Valorar o transcendente papel social que cumpren nos contextos rurais as diferentes manifestacións educativas non formais e informais: a educación dos avós/avoas, os xogos populares, os quefaceres agropecuarios, as rogas ou traballos comunitarios, as celebracións festivas populares, o lecer comunitario coa veciñanza, etc.
- Apostar por unha educación democrática baseada na equidade e no respecto aos dereitos humanos, que axude a conformar os valores dunha cidadanía activa, empoderada e crítica, comprometida co presente pero tamén co futuro, na defensa das liberdades públicas, do estado do benestar, da sustentabilidade ambiental, e dos sinais propios de identidade cultural.
ContidosTema 1. Caracterización dos contextos rurais (historia, economía, sociedade, xeografía, ordenación do territorio, cultura popular, lingua, patrimonio, desenvolvemento comunitario); o caso galego.
Tema 2. Contextos rurais e educación.
Tema 3. Historia da educación rural en Galiza.
Tema 4. Lexislación e modelos de organización da escola rural.
Tema 5. Metodoloxía na escola rural; organización do tempo e do espazo; currículo por competencias; grupos multinivel; planificación conxunta e/ou individual; adaptación de contidos e métodos; comunidades de aprendizaxe; método de proxectos; educación en valores; contacto co medio social e natural; intercambios; TIC.
Tema 6. Experiencias pedagóxicas innovadoras e boas prácticas en contextos rurais.
Tema 7. O papel da mestra ou mestre rural; dinamización comunitaria; traballo en rede; formación continua; desenvolvemento profesional adaptado.
Tema 8. A educación rural non escolar.
Tema 9. Entidades e colectivos a prol do desenvolvemento rural.
Bibliografía básica e complementariaBibliografía básica:
AA.VV. (2008): “Monográfico: a vida nas aldeas”. Arraianos, VII, 158 páxs.
Arias, Valentín (1975): “A escola rural en Galicia”. En Domingo García-Sabell e outros, A Galicia rural na encrucillada. Vigo: Galaxia, 249-288.
Boix, Roser (1995): Estrategias y recursos didácticos en la escuela rural. Barcelona: Graó.
Boix, Roser (coord., 2004): La escuela rural: funcionamiento y necesidades. Madrid: CissPraxis.
Bustos, Antonio (2011): La escuela rural. Barcelona: Mágina-Octaedro.
Caride, José Antonio (1986): “¿Escola rural galega? Cinco reflexións ó redor dun interrogante”. Revista Galega de Educación, 3, 6-7.
Costa, Antón (1996): “Entre a vella e a posible escola rural galega”. Revista Galega de Educación, 26, 8-13.
Ferradás, Lois (2004): Medrando na comunidade. A contribución de Preescolar na Casa á educación infantil en Galicia. Lugo: Fundación Preescolar na Casa.
López Pardo, Alicia e Vázquez, Isabel (2005): “As mestras de montaña (1975-1984)”. Revista Galega de Educación, 34, 35-42.
Mesa galega de educación no rural (2006): A educación no rural en Galiza. Sada: Eds. do Castro.
Morán, Carmen e Rouco, Javier Francisco (1998): “La educación infantil en el medio rural: ni completa ni rural”. Aula de Innovación Educativa, 77, 37-42.
Paz, Sara e Armesto, Celia (coords., 1999): Preescolar na casa. Educación infantil familiar: unha utopía realizable. Lugo: Cáritas Lugo.
Bibliografía complementaria:
AA.VV. (2002): Escola rural i territori. Actes de las VII jornades d’escola rural en la formació dels mestres de Catalunya. Barcelona: Grup Interuniversitari d’Escola Rural de l’Institut Joan Lluís Vives (documento policopiado).
Arias, Valentín (1963): A lingua galega na escola. Vigo: Galaxia [atópase na biblioteca do ILG ou na de Filoloxía (lectura en sala); libro de 36 páxinas, tamén editado como artigo en Grial e noutras obras colectivas naquela época, baixo o título “A lingoa galega na escola”].
Berger, John (2007): Porca terra. Cangas do Morrazo: Rinoceronte [or. en inglés, 1979].
Boix, Roser (2012): “Repensar la escuela rural”. Aula de innovación educativa, 209, 7.
Bustos, Antonio (2007): “Enseñar en la escuela rural: aprendiendo a hacerlo. Evolución de la identidad profesional en las aulas multigrado”. Profesorado. Revista de currículum y formación del profesorado, 11, 3, 26 páxs. http://www.ugr.es/~recfpro/rev113COL5.pdf
Caride, José Antonio e Trillo, Felipe (dirs., 2010): Dicionario galego de Pedagoxía. Vigo: Xunta de Galicia-Galaxia.
Cortizas, Antón (2001): Chirlosmirlos. Enciclopedia dos xogos populares. Vigo: Xerais.
Cortizas, Antón (2013): Tastarabás. Enciclopedia de brinquedos tradicionais. Vigo: Xerais.
Dapía, María Dolores e Cid, Xosé Manuel (coords., 2000): 25 anos de pedagoxía Freinet en Galicia: da escola rural á educación social. Actas das Xornadas sobre os 25 anos de Freinet en Galicia. Vigo: Universidade de Vigo.
De la Fuente, Manuel (2009): Maestra rural y cambio social. Un estudio sobre el papel de la maestra en la transformación histórica, política y social. Santander: Consejería de Educación de Cantabria.
Fariña, Xosé (1990-1993): Os concellos galegos. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza [11 volumes].
Fariña, Xosé (1996): A parroquia rural en Galicia. Santiago de Compostela: EGAP.
Fidalgo, José Antonio (1988): Antropología de una parroquia rural. Ourense: Caixa Rural de Ourense.
CompetenciasXerais:
G.3 Abordar con eficacia situacións de aprendizaxe de linguas en contextos multiculturais e plurilingües. Fomentar a lectura e o comentario crítico de textos dos diversos dominios científicos e culturais contidos no currículo escolar.
G.6 Coñecer a organización dos colexios de educación primaria e infantil e a diversidade de accións que comprende o seu funcionamento. Desempeñar as funcións de titoría e de orientación co alumnado e as súas familias, atendendo as singulares necesidades educativas das alumnas e dos alumnos. Asumir que o exercicio da función docente ha de ir perfeccionándose e adaptándose aos cambios científicos, pedagóxicos e sociais ao longo da vida.
G.7 Colaborar cos distintos sectores da comunidade educativa e da contorna social. Asumir a dimensión educadora da función docente e fomentar a educación democrática para unha cidadanía activa.
G.10 Reflexionar sobre as prácticas de aula para innovar e mellorar o labor docente. Adquirir hábitos e destrezas para a aprendizaxe autónoma e cooperativa e promovela entre as e os alumnos.
G.12 Comprender a función, as posibilidades e os límites da educación na sociedade actual e as competencias fundamentais que afectan aos colexios de educación primaria e infantil e aos seus profesionais. Coñecer modelos de mellora da calidade con aplicación aos centros educativos.
Específicas:
E.9 Analizar a práctica docente e as condicións institucionais que a enmarcan.
E.10 Coñecer a evolución histórica do sistema educativo no noso país e os condicionantes políticos e lexislativos da actividade educativa.
E.14 Promover accións de educación en valores orientadas á preparación dunha cidadanía activa e democrática.
E.22 Relacionar a educación co medio, e cooperar coa familia e a comunidade.
E.47 Falar, ler e escribir correcta e adecuadamente nas linguas oficiais da Comunidade Autónoma correspondente.
Básicas:
B.1 Que as e os estudantes demostrasen posuír e comprender coñecementos nunha área de estudo que parte da base da educación secundaria xeral; esa área de estudo adóitase atopar a un nivel que, aínda que se apoia en libros de texto avanzados, inclúe tamén algúns aspectos que implican coñecementos procedentes da vangarda do seu campo.
B.2 Que as e os estudantes saiban aplicar os seus coñecementos ao seu traballo ou vocación dunha forma profesional e posúan as competencias que adoitan demostrarse por medio da elaboración e defensa de argumentos e a resolución de problemas dentro da súa área de estudo.
B.3 Que as e os estudantes teñan a capacidade de reunir e interpretar datos relevantes (normalmente dentro da súa área de estudo) para emitir xuízos que inclúan unha reflexión sobre temas relevantes de índole social, científica ou ética.
B.4 Que as e os estudantes poidan transmitir información, ideas, problemas e solucións a un público tanto especializado como non especializado.
B.5 Que as e os estudantes desenvolvan aquelas habilidades de aprendizaxe necesarias para emprender estudos posteriores cun alto grao de autonomía.
Transversais:
T.2 Coñecemento instrumental da lingua galega.
T.3 Coñecemento instrumental das tecnoloxías da información e da comunicación.
Metodoloxía da ensinanza Sexa con referencias á educación formal, á non formal ou á informal, esta materia pretende encetar nos plans de estudo desta Facultade un espazo de coñecemento, reflexión e valorización do mundo rural en sentido explícito, e con especial atención ao caso do rural galego. Despois de moito tempo (case) de costas á realidade rural e das escolas rurais do país, por fin este centro aposta por ofrecer unha (pequena, pero cando menos real) formación inicial en materia de educación no rural para os futuros mestres e mestras galegas.
Desde este punto de vista, a metodoloxía na materia basearase máis no debate e na reflexión que nas exposicións maxistrais. O alumnado matriculado deberá realizar varias exposicións orais e traballos escritos a partir de materiais que lle ofreza o docente ou que busquen as/os propios estudantes, respecto das temáticas obxecto de estudo na materia.
Nas sesións de clase haberá oportunidade de visualizar documentais diversos sobre o medio rural, descubrir experiencias pedagóxicas e iniciativas innovadoras no rural, escoitar a expertos no rural doutras disciplinas científicas, coñecer referentes persoais comprometidos co medio rural, presentar materiais didácticos e debater sobre libros ou artigos relevantes sobre a educación en contextos rurais, etc., sempre coa intención de que o alumnado adquira unha visión holística multidimensional (e, na medida do posible, interdisciplinar) sobre o que é o medio rural hoxe (e máis especificamente o galego), sobre o relevante papel que nel cumpren a educación e o rol que o mestre/mestra queira xogar, e sobre a necesidade da dinamización sociocultural rural e do desenvolvemento económico endóxeno para o mantemento da poboación no rural e para o beneficio de toda a sociedade.
Intentarase tamén acudir a conferencias, visitar escolas rurais e equipamentos educativo-ambientais rurais de referencia en materia de innovación, e mesmo colaborar con algún proxecto de dinamización rural xa en marcha nestes momentos (Xornadas interxeracionais rurais de Cabreiros-Xermade, Proxecto interxeracional do Centro de Día e o CEIP de Baamonde-Begonte, Xornadas de interpretación e dinamización do medio rural de Carballo-Friol, etc.).
Finalmente, o alumnado desenvolverá traballo autónomo de lectura e reflexión dalgún manual científico básico sobre educación en contextos rurais, e algún libro de literatura en lingua galega relacionado co medio rural. Tamén cabe a posibilidade de que cada estudante realice unha pequena indagación de entidades ou webs que traballan a prol do rural, coa intención de presentalas oralmente na clase. Todas estas cuestións detallaranse na aula ao inicio do semestre.
As actividades presenciais en grupo completo (18 horas) están concibidas para desenvolver, aclarar e comentar os contidos da materia que ofrecen unha maior dificultade de comprensión, con especial incidencia nos aspectos básicos e máis relevantes, ao tempo que se resolven os problemas de aprendizaxe iniciais que poden presentar os/as estudantes, que deberán empregar 25 horas de estudo autónomo para dominar os fundamentos da materia. O profesor utilizará varias técnicas expositivas e o estudantado realizará os exercicios que se indiquen de acordo cos contidos tratados.
As actividades en grupo máis reducido (18 horas) desenvolveranse no marco de métodos como a discusión, o debate, o comentario de documentos ou a exposición de traballos, o que esixirá 36 horas de traballo persoal do alumnado, co fin de fomentar unha aprendizaxe autónoma, cooperativa e que permita mellorar a capacidade de exposición pública dos resultados dos traballos realizados (comunicación oral). Con iso propiciarase a adquisición por parte do alumnado das competencias máis ligadas ao pensamento crítico, ao uso da lingua galega, ás tecnoloxías da información e a comunicación e demais competencias sinaladas.
Xa sexa con actividades ofrecidas de partida polo docente ou por iniciativa do estudantado, as alumnas e os alumnos serán atendidos polo profesor nas 2,25 horas establecidas de titorías de materia (e secundariamente no horario de titorías académicas de despacho), e en grupos moi reducidos co obxectivo de orientar mellor o seu traballo e a súa aprendizaxe, e polo tanto para asegurar tamén a consecución de todas as competencias arriba sinaladas para a materia, o que esixirá a maiores 13,75 horas de traballo autónomo do alumnado.
Alén das competencias ordinarias, por suposto considéranse tamén as competencias xenéricas (competencia comunicativa oral e escrita, competencia informática e informacional, traballo en grupo, etc.), que poderán ser obxecto dun programa de formación específico que o profesorado do grao compartirá no seu momento co alumnado. Nese programa incluiranse “actividades interdisciplinares e complementarias” diversas, que loxicamente terán a mesma obrigatoriedade que calquera outra actividade presencial da materia, e serán consideradas convenientemente na súa avaliación. A este respecto merece especial atención o curso “Competencia informática e informacional” da Biblioteca Universitaria, que o alumnado debe realizar, e cuxos resultados serán valorados tamén nesta materia.
Na medida en que o permitan os orzamentos do centro, faranse co alumnado unha ou varias viaxes pedagóxicas a lugares de interese para a materia (Museo Pedagóxico de Galicia en Santiago de Compostela, Centro Educativo Santo Anxo de Rábade, Sotavento en Xermade, Centro Penitenciario de Bonxe, escolas rurais da provincia de Lugo, CPI de Castroverde, CEIP Mosteiro de Caaveiro das Neves-A Capela, Meniñeiros-Escola Waldorf de Friol, etc.), que aproveitaremos para afianzar directamente e in situ os contidos dos temas traballados ata ese momento nas sesións presenciais da materia. Informarase ao respecto no seu momento.
Considerando a natureza da materia, as interaccións orais e escritas entre alumnado e profesor desenvolveranse integramente en lingua galega, á marxe de que algúns dos textos que nela se empreguen poidan estar redactados noutras linguas. Precisamente para facilitar o acceso permanente do alumnado aos materiais docentes, cabe a posibilidade de que o profesor abra un curso ao respecto dentro do Campus Virtual da USC.
Sistema de evaluaciónA adquisición por parte do alumnado de todas as competencias desta materia avaliarase a través dos exercicios que se concretan neste apartado.
Participación e implicación na aula: 25% da nota final (competencias que se avalían: G.3, G.6, G.7, G.12; E.9, E.14, E.22, E.47; B.1, B.2, B.4, B.5; T.2). O alumnado deberá ter asistido como mínimo ao 80% das sesións presenciais e implicarse construtivamente nelas para poder ter cualificación neste apartado; controlarase a asistencia, tanto nas sesións expositivas, como nas interactivas e nas titoriais, e tamén por suposto nas actividades interdisciplinares e complementarias. O alumno ou alumna que acumule máis de 2 faltas ao longo do semestre non recibirá puntuación neste apartado da materia.
Presentacións orais: 10% da nota final (competencias que se avalían: G.3, G.6, G.10, G.12; E.9, E.14, E.22, E.47; B.1, B.2, B.3, B.4, B.5; T.2, T.3). Para poder ser cualificado neste apartado, o alumnado deberá ter acudido como mínimo ao 50% das sesións presenciais. Cada grupo de traballo deberá realizar unha exposición (en data que se acordará entre as partes) dun traballo elaborado especificamente para a materia sobre unha das súas temáticas, e que necesariamente contará coa titorización permanente do docente.
Informes escritos e outras producións: 25% da nota final (competencias que se avalían: G.3, G.6, G.7, G.10; E.9, E.10, E.22, E.47; B.1, B.2, B.3, B.5; T.2, T.3). Para poder ser cualificado neste apartado, o alumnado deberá ter acudido como mínimo ao 50% das sesións presenciais. Á marxe de pequenas actividades que o docente pida na aula de semana en semana, o alumnado elaborará un traballo en grupo sobre unha temática da materia; o docente dará por anticipado cumprida información na clase sobre as condicións para a súa realización e orientará todo o proceso de elaboración nas sesións de titorías programadas; a data límite de entrega será o 27 DE DECEMBRO, no compartimento do docente en portería.
Probas específicas: 40% da nota final (competencias que se avalían: G.7, G.10, G.12; E.9, E.10, E.14, E.47; B.1, B.2, B.5; T.2). Haberá unha proba final para todo o alumnado.
Con carácter xeral, nas primeiras sesións de clase do semestre o docente ofrecerá con detalle e concreción as orientacións necesarias respecto de cada un dos criterios e instrumentos de avaliación da materia. En calquera caso, xa se avanza que coa intención de que o profesor poida avaliar o dominio da competencia T2 (coñecemento instrumental da lingua galega, tanto a nivel oral como escrito) por parte do alumnado, este presentará en galego tanto a exposición oral como os traballos escritos da materia.
Para superar a materia é preciso satisfacer dúas condicións: obter unha cualificación mínima de 5 puntos (sobre 10) sumando as valoracións dos catro apartados, e tamén ter acadado na proba final un determinado número de preguntas ben respondidas (detallarase no seu momento).
Ao estarmos a falar dunha avaliación continua, o alumnado que precisase acudir á edición de xullo só terá dereito a realizar a proba final, e manteránselle nos restantes apartados as cualificacións obtidas no primeiro semestre, sexan as que sexan. Non se admitirán traballos ou exposicións para a edición de xullo.
O alumnado de 2ª convocatoria (repetidor) pode optar por implicarse en todas as actividades que realiza o alumnado ordinario desde inicios do semestre, e neste caso estaría a todos os efectos dentro da casuística xeral. Se decide non participar da actividade ordinaria da materia, de cara á avaliación deberá facer unicamente a proba final (a mesma que o resto do alumnado) e respéctanselle as cualificacións obtidas o curso anterior nos restantes apartados obxecto de avaliación. O alumnado de 3ª e posteriores convocatorias deberá falar co docente no mes de setembro para determinar cal será o seu plan de traballo e avaliación.
En calquera caso, e con carácter xeral, o alumnado repetidor deberá poñerse en contacto co docente (empregando o horario de titorías) dentro das dúas primeiras semanas de curso, a fin de acordar o plan de traballo específico que en cada caso se seguirá.
No caso do alumnado con dispensa de docencia teórica, este deberá pasar a falar co docente necesariamente na mesma semana na que solicita a exención, para concretar o seu plan de traballo na materia e, se é preciso, acordar as adaptacións avaliativas que fosen pertinentes para atender cada situación particular.
Este mesmo criterio tamén se seguirá co alumnado que presente calquera tipo de diversidade funcional ou dificultade para un seguimento diario normal da materia, sempre que a súa situación se xustifique a través dun documento expedido polo Servizo de Promoción e Integración Universitaria da USC, e se informe do caso ao docente á maior brevidade.
Tempo de estudo e traballo persoal113 horas totais (38,25 presenciais e 74,75 de traballo autónomo), que se reparten do seguinte xeito:
- Actividades expositivas en grupo grande: 18 horas presenciais e 25 de traballo autónomo.
- Actividades interactivas en grupo mediano: 18 horas presenciais e 36 de traballo autónomo.
- Actividades titoriais en grupo pequeno: 2,25 horas presenciais e 13,75 de traballo autónomo.
Recomendacións para o estudo da materia- Asistencia continuada ás aulas e participación activa nelas.
- Realización do conxunto dos traballos e actividades programadas.
- Entrega da ficha persoal no compartimento do docente (portería do centro) durante os dez primeiros días de curso.
- Caso de habela, lectura atenta da guía docente que o profesor deixaría na fotocopiadora do centro a inicios de semestre; nese documento detallaranse con máis concreción numerosos aspectos referentes ao desenvolvemento da materia, nomeadamente os relativos a actividades de aprendizaxe, e instrumentos e criterios de avaliación. O docente informará na aula ao alumnado cada vez que deixe na fotocopiadora material para a ampliación de contidos. Cabe a posibilidade de que se cree un curso virtual da materia aloxado no Campus Virtual da USC, a fin de evitar o gasto de papel que implica o indicado anteriormente.
- No que cómpre aos traballos que elabore o alumnado, estes deberán respectar as seguintes condicións:
1. Normas de estilo e formato: ver www.usc.es/gl/servizos/snl/asesoramento/index.html, especialmente os apartados “Corrección de textos”, “Recursos” e “Criterios lingüísticos”. Moi importante ter en conta o traballado nas sesións (no caso de que se organicen) de competencias xenéricas de primeiro curso respecto da comunicación escrita. Idioma: galego. Non hai extensión mínima nin máxima dos traballos, salvo indicación en contra.
2. Aforro enerxético: cada traballo será presentado nun só volume, con folios tamaño DIN A4, grampados (ou encadernados en espiral se o documento contén máis de 50 follas); non incluirá follas en branco no interior nin plásticos ou outros envoltorios innecesarios no exterior; na impresión utilícese calidade “aforro de tinta” ou“borrador”; sempre que sexa posible, empréguese papel escrito polas dúas caras, e mellor, reciclado; evítese abusar das negriñas, das maiúsculas, das cores, e de anexos que non teñan relación cos temas desenvolvidos.
3. Entrega: os traballos poden entregarse ata as 21 horas do día sinalado como data límite. Deixaranse no compartimento do docente na portería da Facultade; tamén poden enviarse por correo postal certificado, sempre e cando o día de envío non exceda a data límite. Non se admitirán vía correo electrónico.
4. Valoración: á marxe da calidade dos contidos en si (en relación coa materia), a valoración final de cada traballo terá en conta a gramaticalidade, a cohesión, a coherencia, a adecuación e o formato. O plaxio implicará a desestimación do traballo.
Observacións- A USC é unha universidade presencial, polo que é preceptiva a asistencia a un mínimo do 80% das sesións de aula. A adaptación desta norma xeral a casos específicos quedará sinalada na guía docente da materia ou será negociada no mes de setembro persoalmente co alumnado afectado, co que se poderá establecer un plan de traballo individualizado tendo en conta as circunstancias particulares, pero sempre garantindo a normativa da USC e da Facultade, a equidade na avaliación, e a igualdade de oportunidades entre todo o alumnado.
- O alumnado non asistente habitual deberá respectar as datas xerais de entrega de traballos, sendo tamén recomendable que manteña contacto co docente a través das titorías para asegurar o axeitado progreso na materia e a superación dos seus obxectivos de aprendizaxe. Salvo acordo establecido co docente, inicialmente e con carácter xeral non se farán distincións de ningún tipo na avaliación entre o alumnado asistente habitual e o que non o sexa.
- Queda a xuízo do docente admitir como suficientemente xustificativo ou non calquera documento que o alumnado lle entregue explicando a súa ausencia (falta) a algunha sesión presencial; en todo caso eses xustificantes deberán entregarse antes de 7 días despois da inasistencia (utilícese sempre ao respecto a ficha de xustificación de inasistencias que o profesor deixará na fotocopiadora, e aténdase ás indicacións que na propia ficha se especifican).