G5041602 - Sociolingüística e planificación das linguas (Linguas e comunicación . Aplicacións) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 32.00
- Clase Interactiva Seminario: 16.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
- Áreas: Lingüística Xeral
- Centro: Facultade de Filoloxía
- Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoObxectivos da materiaObxectivos xerais
-A materia está pensada para que quen a cursar pase a contemplar a linguaxe como unha conduta socialmente complexa, que se ofrece á súa reflexión.
- Incidirase nas cuestións de enfoque e de método propias deste campo, coa intención de proporcionarmos unha visión complementaria á doutras materias de perfil sociolingüístico que se poden cursar nos distintos graos.
- Afondarmos tanto no coñecemento especializado, que capacita para o futuro profesional, como no xuízo crítico, que sitúa as cuestións sociolingüísticas en tanto que condutas e ethos que cada individuo afronta nunha sociedade e nun tempo determinados, ao tempo que complementan a formación obtida ao cursar outras materias da área de lingüística ou, en xeral, do grao.
Obxectivos específicos
-Informarmos sobre as nocións e eidos de investigación da Sociolingüística e da Planificación lingüística.
- Darmos conta da vitalidade destas disciplinas dentro dos estudos lingüísticos e, en xeral, no conxunto do coñecemento.
- Mellorarmos a capacidade de interpretar os datos das investigacións en materia sociolóxica.
- Analizarmos en profundidade os conceptos e os procesos que se observan, e a exposición de argumentos e refutacións acaídas, contribuíndo así á formación de individuos con opinión autorizada.
Contidos1.Caracterización xeral do saber coñecido como Sociolingüística: conceptos, métodos, correntes.
Abstracción e materialidade no estudo da linguaxe. Lingua vs. dialecto. Criterios para delimitarmos a variación. A sociolingüística como campo de investigación: causas do seu pulo, métodos e vocación interdisciplinar e necesidade de non confundirmos obxectivos de coñecemento con procedementos metodolóxicos. A fala como interacción social: clase social, estatus e poder. Mercado lingüístico. Cohesión social. Enfoques baseados na interacción social: as variábeis e os métodos cuantitativos, comunidades de fala e modelos individuais. Conversa e principio de cooperación, a fala como traballo experto, teoría de actos de fala, competencia comunicativa e etnografía da fala.
2. Lingua e comunidade histórica e cultural.
Lingua e identidade nacional. Lingua e identidade de xénero. Lingua e individuo: Sociolingüística de redes. Prexuízos e estereotipos: crenzas e actitudes sociais perante a lingua. Linguas en contacto: Diglosia, Bilingüismo e Substitución lingüística. Multilingüismo e identidade. Pidgins e crioulos. Eco-lingüística: a linguo-diversidade e os dereitos dos pobos ás súas culturas. Morte das linguas. Linguas minorizadas e lexislación en materia lingüística. A Declaración Universal de Dereitos Lingüísticos. Linguas colonizadoras: procesos de internacionalización no uso das linguas, linguas francas e linguas artificiais.
3. Planificación lingüística: a intervención real sobre as linguas.
Bases fundacionais. Planificación de estatus: o debate ideolóxico. Planes para intervirmos nunha lingua e avaliación das intervencións. Planificación de corpus: escolma dos datos, criterios de codificación. A autoridade lingüística e a corrección: o purismo. Teoría lingüística e Planificación: as consecuencias de traballarmos nun eido aplicado. Sociolingüística do ensino e Sociolingüística aplicada ao ensino das linguas.
Bibliografía básica e complementariaAlmeida, Manuel (1999): Sociolingüística. Santa Cruz de Tenerife. Universidad de La Laguna.
Calvet, Louis-Jean (1993): La Sociolinguistique. Paris: Presses Universitaires de France. Trad. gal. de Alberte Allegue Leira: A (socio)lingüística. Santiago: Laiovento. 1998 (2ª ed.).
Coulmas, Florian (ed.) (1997): The Handbook of Sociolinguistics. Oxford: Blackwell.
Coupland, Nikolas & Adam Jaworski (eds.) (1997): Sociolinguistics. A Reader and Coursebook. Houndmills & London: MacMillan Press.
Fernández Pérez, Milagros (1993): “Sociolingüística y Lingüística”. Lingüística Española Actual XV(2). 149-248.
Hudson, Richard Anthony (1980): Sociolinguistics. Cambridge: Cambrige University Press. Trad. esp. de Xabier Falcón: La sociolingüística. Barcelona: Anagrama. 2000 (2ª ed.).
Mesthrie, Rajend (2001): Concise Encyclopedia of Sociolinguistics. Oxford: Elsevier.
Milroy, Lesley & Matthew Gordon (2003): Sociolinguistics. Method and Interpretation. Oxford: Blackwell.
Moreno Fernández, Francisco (2009): Principios de Sociolingüística y Sociología del lenguaje. Barcelona: Ariel.
Mollà, Toni (2002): Manual de sociolingüística. Alzira: Bromera.
Newmeyer, Frederick J. (1988): Linguistics: The Cambridge Survey. IV: Language: The Socio-Cultural Context. Cambridge: Cambridge University Press. Trad. esp. de Mª Luisa Martín Rojo: Panorama de la lingüística moderna de la Universidad de Cambridge. IV: El lenguaje: Contexto socio-cultural. Madrid: Visor. 1992.
Romaine, Suzanne (1994): Language in Society. An Introduction to Sociolinguistics. Oxford: Oxford University Press.
Rotaetxe Amusategi, Karmele (1996): “Lenguaje y sociedad: la sociolingüística”. En Carlos Martín Vide (ed.): Elementos de lingüística. Barcelona: Octaedro. 307-339.
Trudgill, Peter (1992): Introducing Language and Society. London: Penguin English.
Wardhaugh, Ronald (1986): An Introduction to Sociolinguistics. London: Blackwell. Trad. gal. de Mario Cal: Introducción á sociolingüística. Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. 1992.
Competencias- Desenvolvermos até o final o concepto de diversidade lingüística e do seu alcance, subliñando a consideración desta riqueza como parte do patrimonio cultural da humanidade.
- Reflexionarmos sobre a situación de conflito lingüístico vixente no contexto real inmediato, as súas causas e o seu papel na conformación do tecido social.
- Salientarmos o papel das linguas na interacción social dos individuos e das súas relacións e analizarmos os factores que regulan os intercambios comunicativos.
- Reflexionar sobre os fenómenos sociais da identidade e do poder e a súa manifestación lingüística.
- Chegar a adquirir un coñecemento acaído dos métodos de traballo vixentes en Sociolingüística, tanto na reflexión e na indagación académica como nas intervencións planificadas sobre as linguas.
- Elaborar argumentos e nocións con que defender as propias ideas a través do debate e da expresión escrita con que, ademais de se expresaren, as/os alumnas/os conseguirán revisar o sustento e a orixinalidade das súas ideas. Neste sentido, xunto a diferentes exercicios e prácticas, deberán realizar unha reflexión máis extensa, baixo a forma dun diario de clase. Non se pretende obter deste traballo a simple reprodución dos argumentos da bibliografía nin a presentación das fórmulas académicas de documentación. Ao contrario, preténdese que a/o estudante demostre que reflexiona por si mesma/o e que desenvolve as súas capacidades de discernimento e argumentación.
Metodoloxía da ensinanza A materia distribuirase en tres horas semanais. Periodicamente introduciranse sesións de titorías programadas en grupos de dez alumn@s. Para o desenvolvemento do programa nas aulas contarase co esforzo persoal e a participación activa do estudantado. Desde o comezo do curso, a guía docente proporcionará guións detallados de cada tema e unha relación de lecturas recomendadas e na clase serán propostas cuestións sobre as que reflexionar que constitúen un importante material de apoio ao estudo. Para conseguiren os obxectivos de coñecemento estipulados no programa e para dinamizarmos a marcha do curso, será unha peza fundamental a participación dos membros do grupo na aula. As lecturas propiciarán e darán marco de fondo aos debates. Nas sesións de seminario algúns problemas (no sentido escolar do termo) fomentarán a reflexión persoal. Procurarase afondar, na medida do posíbel, nun coñecemento especializado e crítico. A profesora comprométese a seguir os progresos individuais e agarda que cada estudante se involucre na dinámica do curso, nas lecturas e actividades prácticas suxeridas.
Sistema de evaluación 1ª OPORTUNIDADE (MES DE XUÑO)
Como traballo básico, cada estudante realizará un diario de clase. Trátase dunha actividade persoal e creativa, onde o alumnado universitario pode demostrar a súa madurez e capacidade. Poderán incluírse nese diario materiais diversos, desde esquemas dos asuntos tratados na aula, a comentarios ou reflexións persoais. En todo caso, considérase básico incluír unha reflexión por cada lectura obrigatoria e dar conta dos exercicios propostos nas sesións do seminario. O criterio que se asume para a súa valoración é a demostración de que se adquiriu sobre a materia coñecemento novo e non trivial. Para complementar este traballo, a clase contará desde o comezo cun blogue, que suscitará o debate sobre algunha das cuestións tratadas nas sesións expositivas ou reproducirá os materiais para seguirmos traballando cos seminarios. A participación asidua no blogue suporá un 25% da cualificación final, a participación activa na aula sumará outro 25% e o diario, que será entregado á profesora para a súa lectura -e devolto ás súas autoras e autores-, suporá o 50% restante.
2ª OPORTUNIDADE (MES DE XULLO)
En xullo a avaliación efectuarase exclusivamente a través do diario escrito. Como na oportunidade anterior considérase básico incluír nese diario unha reflexión por cada lectura obrigatoria e, asemade, dar conta dos exercicios propostos nas sesións de seminario. O criterio que se asume para a súa valoración é a demostración de que se adquiriu sobre a materia coñecemento novo e non trivial. Noutro sentido, as entradas do blogue servirán de guía para que, a xeito de bitácora, cada estudante poida incluír no seu diario outros materiais, problemas e exercitacións. O diario será entregado na data estabelecida pola Facultade para o exame.
Tempo de estudo e traballo persoalAdemais do tempo de asistencia ás aulas, cómpre que cadaquén lle dedique 2 ou 3 horas semanais nunha sesión de estudo para realizar lecturas de apoio, para procurar a necesaria argumentación persoal ás cuestións que co decorrer da clase vaian xurdindo, para participar no blogue ou dar conta no diario dos progresos alcanzados.
Recomendacións para o estudo da materiaA materia está concibida para estudantes que asisten regularmente ás aulas e pretenden tirar proveito delas. Non se pensa no curso coma nun trámite burocrático que se pode eludir ou cumprimentar sen atención nin interese. Ao contrario, as aulas imaxínanse coma un lugar de encontro onde facermos en conxunto a tarefa común da aprendizaxe. A profesora será unha guía mais non reproducirá un saber encapsulado para a imitar, senón que ofrecerá interpretacións discordantes, suxerirá camiños para a pescuda persoal e procurará provocar un enfrontamento produtivo entre o individuo e as opcións de coñecemento que se brindan na aula.
ObservaciónsA materia impártese en galego, lingua propia deste país e desta Universidade. Se o alumnado precisar material de apoio noutras linguas ou explicacións adicionais, contará coa axuda da profesora en horario extraordinario de titorías.