Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Filoloxía  »  Información da Materia

G5041605 - Panorámica das ideas lingüísticas (Lingüística e procesamento das linguas. Aplicacións) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 32.00
  • Clase Interactiva Seminario: 16.00
  • Horas de Titorías: 3.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Literatura Española, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral
  • Áreas: Lingüística Xeral
  • Centro: Facultade de Filoloxía
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
GARCIA GONDAR, FRANCISCO JOSE SERVANDO.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo /CLE_01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo /CLIS_01OrdinarioClase Interactiva SeminarioSISI
Grupo /TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo /TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo /TI-ECTS03OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego


  • Obxectivos da materia
    Esta materia forma parte do módulo complementario "Lingüística e procesamento das linguas. Aplicacións". Este módulo pódese cursar como complementario ou como optativo, combinado con calquera dos ofertados por outras áreas da Facultade de Filoloxía en función dos intereses do alumnado. Para a obtención do "Minor en Lingüística Xeral" deberá ser combinado co bloque de materias que conforman o módulo "Linguas e comunicación. Aplicacións".

    Entre os obxectivos do módulo "Lingüística e procesamento das linguas. Aplicacións" figura a adquisición de coñecemento reflexivo verbo de como se desenvolveron e se desenvolven distintos métodos e modelos de aproximación á linguaxe en virtude dos diferentes modos de concebir o obxecto de estudo e das distintas formas de fundamentar o coñecemento científico e os seus obxectivos. A materia "Panorámica das ideas lingüísticas" trata de contribuír á consecución do mesmo proporcionando as bases para interpretar e avaliar os enfoques, intereses e problemas que determinaron o desenvolvemento das grandes correntes de pensamento que configuran a historia da Lingüística no marco da cultura occidental ata comezos do século XX e que se manteñen vixentes ou poden resultar útiles como elementos de contraste para comprender as liñas evolutivas da Lingüística actual.
    Contidos
    TEMA 1.- A HISTORIOGRAFÍA LINGÜÍSTICA: FUNDAMENTOS

    OBXECTIVOS: Ofrecer unha visión panorámica da situación actual da Historiografía lingüística como disciplina cuxo obxectivo é interpretar a evolución das reflexións sobre a linguaxe e as linguas.

    GUIÓN
    1.1. Delimitación: Historia / Historiografía / Metahistoriografía.
    1.2. O desenvolvemento actual da Historiografía lingüística.
    1.3. As concepcións da evolución das ciencias e o seu papel na Historiografía lingüística.
    1.4. Factores determinantes da aparición e desenvolvemento dos estudos sobre a linguaxe e as linguas.

    TEMA 2.- AS IDEAS LINGÜÍSTICAS NA ANTIGÜIDADE E NA IDADE MEDIA

    OBXECTIVOS: Coñecer os aspectos fundamentais do proceso de constitución das ciencias da linguaxe (nomeadamente, da gramática) na Antigüidade e da súa evolución ao longo da Idade Media.

    GUIÓN:
    2.1. O proceso de constitución das ciencias da linguaxe no pensamento antigo: Retórica, Lóxica, Filoloxía e Gramática. Factores determinantes.
    2.2. Caracterización xeral do modelo de análise gramatical antigo. O status epistemolóxico da gramática.
    2.3. A tradición gramatical romana como ponte entre a tradición grega e a tradición medieval. A súa pervivencia na Idade Media.
    2.4. Gramática e filosofía na Baixa Idade Media: a tradición especulativa. Factores determinantes.

    TEMA 3.- O PENSAMENTO LINGÜÍSTICO DO RENACEMENTO Á ILUSTRACIÓN

    OBXECTIVOS: Coñecer nos seus aspectos fundamentais o desenvolvemento das tradicións máis representativas durante o período que abrangue os séculos XVI, XVII e XVIII para comprender a extraordinaria ampliación do horizonte de traballo dos lingüistas que se produciu no mesmo, sobre todo grazas ao inicio do estudo das linguas vulgares europeas e ao coñecemento en Occidente de linguas de fóra de Europa, cos beneficios que isto reportou para un enfoque máis adecuado da análise lingüística.

    GUIÓN
    3.1. A proxección retrospectiva do pensamento lingüístico renacentista: o estudo das linguas clásicas. Factores determinantes.
    3.2. A proxección prospectiva do pensamento lingüístico renacentista: a codificación das linguas vulgares e das linguas amerindias. Factores determinantes.
    3.3. Gramática e filosofía na reflexión lingüística dos séculos XVII e XVIII. A tradición das gramáticas xerais.
    3.4. Primeiras incursións no estudo histórico das linguas.

    TEMA 4.- A LINGÜÍSTICA NO SÉCULO XIX E COMEZOS DO XX

    OBXECTIVOS: Coñecer as características teórico-metodolóxicas fundamentais das diversas correntes da lingüística que é posible distinguir neste período que abrangue o século XIX e as primeiras décadas do século XX e que a maior parte dos manuais consideran como o de constitución da lingüística como ciencia (opinión que cómpre matizar).

    GUIÓN
    4.1. A aplicación do método comparativo en lingüística: xenealoxía e estudo histórico das linguas. Factores determinantes.
    4.2. O status da lingüística como ciencia ao longo do século XIX.
    4.3. A tipoloxía lingüística no século XIX.
    4.4. As novas correntes de finais do século XIX e comezos do XX.

    Bibliografía básica e complementaria
    1. Básica: Manuais e enciclopedias de historiografía lingüística
    AUROUX, Sylvain (dir.): Histoire des idées linguistiques. Liège / Bruxelles: Pierre Mardaga, 1989-2000, 3 tomos (Tome 1: La naissance des métalangages en Orient et Occident, 1989; Tome 2: Le développement de la grammaire occidentale, 1992; Tome 3: L'hegémonie du comparatisme, 2000).
    AUROUX, Sylvain et al. (eds.): History of the Language Sciences: An International Handbook on the Evolution of the Study of Language from the Beginnings to the Present. Berlin / New York: Mouton de Gruyter, 2000-2006, 3 tomos (I, 2000; II, 2001; III, 2006).
    BRINCAT, Giuseppe: La linguistica prestrutturale. Bologna: Zanichelli, 1986.
    CERNÝ, Jirí: Historia de la lingüística. Cáceres: Universidad de Extremadura, 1998.
    KOERNER, E. F. K. & R. E. ASHER (eds.): Concise History of the Language Sciences: From the Sumerians to the Cognitivists. Oxford / New York: Pergamon, 1995.
    HARRIS, Roy & Talbot J. TAYLOR: Landmarks in Linguistic Thought: The Western Tradition from Socrates to Saussure. London: Routledge, 1989.
    ITKONEN, Etsa: Universal History of Linguistics. Amsterdam: John Benjamins, 1991.
    LEPSCHY, Giulio (ed.): History of Linguistics. London: Longman, 1994-1998, 3 vols. (Vol. II: Classical and Medieval Linguistics, 1994; Vol. III: Renaissance and Early Modern Linguistics, 1998; Vol. IV: Nineteenth-Century Linguistics, 1998).
    MALMBERG, Bertil: Histoire de la linguistique: De Sumer à Saussure. Paris: Presses Universitaires de France, 1991.
    MOUNIN, Georges: Histoire de la linguistique des origines au XXe siècle. Paris: Presses Universitaires de France, 1967. | Versión cast., Historia de la lingüística desde los orígenes al siglo XX. Madrid: Gredos, 1968.
    ROBINS, Robert H.: A Short History of Linguistics. London: Longman, 1967, 1979 (2), 1990 (3). | Trad. cast., Breve historia de la lingüística. Madrid: Paraninfo, 1974, 1980 (2), 1992 (6). | Nova trad. cast., Breve historia de la lingüística. Madrid: Cátedra, 2000.
    SWIGGERS, Pierre: Histoire de la pensée linguistique: Analyse du langage et réflexion linguistique dans la culture occidentale de l'Antiquité au XIXe siècle. Paris: Presses Universitaires de France, 1997.
    TUSÓN, Jesús: Aproximación a la historia de la lingüística. Barcelona: Teide, 1982.

    2. Complementaria: Dicionarios de terminoloxía lingüística
    ALCARAZ VARÓ, Enrique & Mª Antonia MARTÍNEZ LINARES: Diccionario de lingüística moderna. Barcelona: Ariel, 1997.
    BÉCARES BOTAS, Vicente: Diccionario de terminología gramatical griega. Salamanca: Ediciones Universidad de Salamanca, 1985.
    CERDÁ MASSÓ, Ramón (ed.): Diccionario de lingüística. Madrid: Anaya, 1986.
    DUBOIS, Jean et al.: Dictionnaire de linguistique. Paris: Larousse, 1973. | Versión cast. de Inés Ortega e Antonio Domínguez, Diccionario de lingüística. Madrid: Alianza, 1979.
    DUCROT, Oswald & Tzveran TODOROV: Dictionnaire encyclopédique des sciences du langage. Paris: Seuil, 1972. | Trad. cast., Diccionario enciclopédico de las ciencias del lenguaje. México: Siglo XXI, 1974.
    DUCROT, Oswald & Jean-Marie SCHAEFFER: Nouveau dictionnaire encyclopedique des sciences du langage. Paris: Seuil, 1995. | Trad. cast., Nuevo diccionario enciclopédico de las ciencias del lenguaje. Madrid: Arrecife, 1998.
    LÁZARO CARRETER, Fernando: Diccionario de términos filológicos. Madrid: Gredos, 1968 (3).
    Competencias
    (1) Coñecer o grao actual de desenvolvemento das investigacións en Historiografía Lingüística, os enfoques e estratexias que predominan nela e as súas relacións con outras disciplinas.
    (2) Identificar as características fundamentais que definen as orientacións da reflexión lingüística ao longo da historia no marco da cultura occidental.
    (3) Coñecer as complexas interaccións que ao longo da historia se produciron entre a reflexión sobre a linguaxe e as linguas e o contexto socio-político e cultural de cada época.
    (4) Ser capaz de poñer en relación orientacións do estudo lingüístico correspondentes a distintas épocas pero que, máis alá da diversidade da súa formulación, revelan principios e/ou enfoques semellantes.
    (5) A partir dos coñecementos historiográficos que se vaian adquiriendo, poñer en práctica habilidades para interpretar criticamente un texto lingüístico e saber ubicalo nunha época ou tradición da lingüística desenvolvida no marco da cultura occidental.
    Metodoloxía da ensinanza
    O curso desenvolverase a través das clases presenciais e do traballo persoal autónomo dos alumnos en horas non presenciais (estudo do temario a través das lecturas obrigatorias e preparación dos exercicios de aplicación).

    As clases presenciais serán de tres tipos:
    1. Sesións expositivas, nas que o profesor proporcionará a información básica dos temas do programa, reforzada coa presentación de textos representativos das tradicións estudadas.
    2. Sesións seminario, dedicadas á posta en común e discusión das lecturas obrigatorias do programa e á presentación e avaliación dos exercicios de aplicación preparados nunha parte das horas non presenciais.
    3. Titorías programadas en grupos reducidos co obxectivo de guiar o traballo autónomo dos estudantes.

    Os exercicios de aplicación que os estudantes elaborarán nas horas non presenciais serán dalgún dos tipos seguintes:
    a) Comentarios de textos lingüísticos representativos da época que se estea a analizar ou de épocas xa estudadas e de textos historiográficos de carácter xeral para analizar a súa aplicabilidade á historia da lingüística.
    b) Contestación a cuestións breves relacionadas co contido dos temas, que obriguen a enfrontarse cos aspectos de máis difícil comprensión para aclarar as posibles dúbidas ou que sirvan de aplicación práctica de conceptos explicados nas sesións expositivas.

    Tamén elaborarán un traballo dalgún dos dous tipos seguintes, que será presentado nunha sesión de seminario:
    c) Unha recensión crítica sobre un traballo historiográfico escollido polos alumnos dunha lista proposta polo profesor.
    d) Análise dun capítulo dunha gramática escollida polos alumnos, no que, ademais de describir o seu contido, se tratará de explicitar o seu horizonte retrospectivo.
    Sistema de evaluación
    1ª OPORTUNIDADE (XANEIRO): Realizarase a través de avaliación continua. O 50% da cualificación final corresponderá ás actividades elaboradas e presentadas polos estudantes nas sesións de seminario. O 50% restante corresponderá a un exame escrito, que abranguerá os contidos das sesións expositivas e as lecturas obrigatorias. Este exame farase na data establecida oficialmente pola Secretaría do Centro ao final do período lectivo do primeiro semestre. Para a realización do mesmo permitirase a utilización dos materiais do curso.

    2ª OPORTUNIDADE (XULLO): Realizarase a través dun exame escrito que versará sobre os mesmos contidos e nas mesmas condicións que o da 1ª oportunidade. Este exame farase na data establecida oficialmente pola Secretaría do Centro no mes de xullo. En caso de que o estudante presentase ao longo do curso actividades de aplicación e a cualificación global obtida nelas fose positiva, a cualificación final estará constituída pola nota do exame (75% do total) e a das actividades realizadas (25% do total). Se non presentase actividades de aplicación ou estas obtivesen unha cualificación global non positiva, a cualificación final estará constituída exclusivamente pola nota do exame.
    Tempo de estudo e traballo persoal
    Sesións expositivas: 32 horas presenciais + 64 non presenciais (96 horas)
    Sesións seminario: 16 horas presenciais + 32 non presenciais (48 horas)
    Sesións de titoría programada: 3 horas presenciais + 3 non presenciais (6 horas)
    Total: 51 horas presenciais + 99 non presenciais (150 horas)
    Recomendacións para o estudo da materia
    Son recomendables habilidades para a lectura (con capacidade de síntese) e comprensión crítica.

    Tamén convén posuír un nivel medio de comprensión escrita de linguas como o inglés e/ou o francés, xa que os materiais de consulta recomendados inclúen textos publicados nestes dous idiomas.

    Débese manexar con certa soltura o ordenador a nivel de usuario, así como ter experiencia de navegación pola Internet.

    Por outra banda, debe terse moi en conta que para superar a materia, ademais de acadar o nivel requirido en canto a contidos e prácticas, será requisito indispensable amosar na realización das diferentes probas escritas un nivel de expresión (redacción e ortografía) conforme coa situación académica do estudante.