Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Filoloxía  »  Información da Materia

G5051223 - Fonética e fonoloxía do galego (Maior en Lingua e Literatura galegas) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 32.00
  • Clase Interactiva Laboratorio: 16.00
  • Horas de Titorías: 3.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Filoloxía Galega
  • Áreas: Filoloxías Galega e Portuguesa
  • Centro: Facultade de Filoloxía
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
Regueira Fernández, Xosé Luís.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo CLE01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo CLIL_01(A-L)OrdinarioClase Interactiva LaboratorioSISI
Grupo CLIL_02 (M-Z)OrdinarioClase Interactiva LaboratorioSISI
Grupo TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego
  • Inglés


  • Obxectivos da materia
    • Afondar no coñecemento da fonética da lingua galega.
    • Ampliar o coñecemento da compoñente fonolóxica da lingua galega.
    • Coñecer os fundamentos da produción e da percepción da fala.
    • Afondar no coñecemento dos conceptos e métodos da fonética acústica.
    • Coñecer e ser capaz de utilizar técnicas instrumentais para a análise fonética, e en particular os métodos de análise da fonética acústica.
    • Saber realizar análises espectrográficas de vogais e de consoantes empregando programas informáticos especializados.
    • Coñecer os conceptos básicos e os métodos da fonoloxía xenerativa e da teoría da optimidade.
    • Ampliar a competencia fonética, activa e pasiva, da lingua galega, co coñecemento dos sons e dos sistemas fonolóxicos da variedade estándar e das variedades non estándar.
    • Eliminar prexuízos sobre as variedades lingüísticas e reflexionar sobre as bases e as consecuencias da discriminación lingüística.

    Contidos
    1. Fonética
    1.1. Fonética articulatoria, fonética auditiva e fonética acústica
    1.2. Fonética articulatoria
    1.2.1. A voz
    1.2.2. Articulación
    1.3. Fonética acústica
    1.3.1. A física do son
    1.3.2. Espectro e espectrograma

    2. Os sons do galego
    2.1. Descrición articulatoria e acústica dos sons da lingua
    2.1.1. Vogais e semivogais
    2.1.2. Soantes
    2.1.3. Fricativas e oclusivas
    2.2. Acento e entoación
    2.3. Variedades lingüísticas
    2.3.1. Estándar oral e variedades non estándar
    2.3.2. A lingua dos medios e da actividade pública

    3. Fonoloxía
    3.1. A teoría fonolóxica: a fonoloxía estrutural
    3.1.1. Trazos fonolóxicos e oposicións
    3.2. A fonoloxía xenerativa
    3.2.1. Regras
    3.2.2. Estrutura dos segmentos fonolóxicos
    3.2.3. Sílaba
    3.2.4. Acento
    3.2.5. Fonoloxía prosódica

    4. A Teoría da Optimidade
    4.1. Compoñentes: GEN e EVAL. As constricións.
    4.2. Sílaba
    4.3. Acento

    Bibliografía básica e complementaria
    BIBLIOGRAFÍA BÁSICA
    Fernández Planas, Ana María (2005): Así se habla. Nociones fundamentales de fonética general y española. Apuntes de catalán, gallego y euskara. Barcelona: Horsori.
    Gussenhoven, Carlos & Heike Jakobs (1998): Understanding phonology. London / New York: Arnold.
    Hayes, Bruce (2009): Introductory phonology. Chichester, UK: Wiley-Blackwell.
    Martínez Celdrán, Eugenio (1998): Análisis espectrográfico de los sonidos del habla. Barcelona: Ariel.
    Martínez Celdrán, Eugenio (2002): Introducción á fonética. O son na comunicación humana. Vigo: Galaxia.
    Vidal Figueroa, Tiago (2000): “Fonética e fonoloxía”. F. Ramallo & G. Rei-Doval & X. P. Rodríguez Yáñez (coords.): Manual de ciencias da linguaxe. Vigo: Xerais, 629-719.

    BIBLIOGRAFÍA COMPLEMENTARIA
    Castro, Obdulia (1998): Aproximación a la fonología y morfología gallegas. New Orleans: University Press of the South.
    Fernández Rei, Francisco / Hermida Gulías, Carme (eds.) (2003): A nosa fala: bloques e áreas lingüísticas do galego. 1 vol. + 3 CD. Santiago: Consello da Cultura Galega.
    Freixeiro Mato, Xosé Ramón (1998): Gramática da lingua galega. Vol. 1: Fonética e fonoloxía. Vigo: A Nosa Terra.
    International Phonetic Association (1999): Handbook of the International Phonetic Association: a guide to the use of the International Phonetic Alphabet. Cambridge: Cambridge University Press.
    Jonhson, Keith (1997): Acoustic and auditory phonetics. Oxford: Blackwell.
    Ladefoged, Peter (2000): Vowels and consonants. An introduction to the sounds of languages. Oxford: Blackwell [+1 CD-ROM].
    Martínez Celdrán, Eugenio & Ana M. Fernández Planas (2007): Manual de fonética española. Articulaciones y sonidos del español. Barcelona: Ariel.
    Mateus, María Helena & Ernesto d’Andrade (2000): The phonology of Portuguese. Oxford: Oxford University Press.
    McCarthy, John J. (ed.) (2004): Optimality theory in phonology: a reader. Oxford: Blackwell.
    Regueira, Xosé L. (2002): "A sílaba en galego: lingua, estándar e ideoloxía". R. Lorenzo (ed.): Homenaxe a Fernando R. Tato Plaza. Santiago de Compostela: Universidade, 235-254.
    Regueira, Xosé L. (2005): "Estándar oral". R. Álvarez & H. Monteagudo (eds.): Norma lingüística e variación. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega, 69-95.
    Regueira, Xosé Luís (2010): Dicionario de pronuncia da lingua galega. A Coruña: RAG.
    Regueira Fernández, X. L. (coord.) (1998): Os sons da lingua. Vigo: Xerais.
    Veiga, Amable (1976): Fonología gallega. Valencia: Bello.

    Competencias
    Percibir, distinguir e saber explicar as características acústicas e articulatorias dos sons das diferentes variedades do galego.
    Coñecer e saber utilizar o Alfabeto Fonético Internacional.
    Coñecer os métodos e técnicas da fonética instrumental.
    Saber interpretar espectrogramas e curvas de intensidade e de F0.
    Saber realizar análises espectrográficas de vogais empregando programas informáticos especializados.
    Coñecer os principios e os métodos da fonoloxía xenerativa e da teoría da optimidade, e ser capaz de utilizalos para resolver problemas da fonoloxía galega.
    Ser capaz de realizar unha descrición fonética e fonolóxica dun texto oral.

    Metodoloxía da ensinanza
    As clases expositivas consisten na explicación dos conceptos e procedementos dos diferentes modelos teóricos estudados, e posteriormente na súa aplicación a problemas da fonética e da fonoloxía do galego. Durante estas clases fomentarase a intervención activa das alumnas e alumnos.
    Durante estas clases levarase a cabo a audición de textos e fragmentos de producións orais de diferentes variedades da lingua galega, para a discriminación e a identificación de sons e de compoñentes fónicos, a transcrición fonética de textos orais e a discusión de problemas que requiran a aplicación dos conceptos e técnicas estudados.
    As prácticas de laboratorio desenvólvense na aula de informática, e nelas o alumnado utilizará os recursos de internet e outros recursos informáticos propios para afianzar os coñecementos das clases teóricas e para poñelos en práctica, mediante a gravación e a análise de secuencias fónicas, incluído o tratamento estatístico dos datos obtidos.
    Esta materia dispón dunha aula virtual, onde as alumnas e alumnos poderán encontrar materiais, gráficos, esquemas, arquivos de powerpoint, etc., utilizados nas clases, así como outros complementarios. Nesa aula virtual estará habilitado tamén un foro de discusión e consulta.


    Sistema de evaluación
    A avaliación desta materia realizarase determinando o grao de consecución dos obxectivos mediante o seguimento do traballo feito nas clases teóricas e prácticas e a realización dunha proba escrita na data e lugar fixada oficialmente.
    Desde xeito, as compoñentes da avaliación, os criterios e os instrumentos para a súa determinación, así coma a súa importancia relativa no resultado final serán:
    a) Asistencia e participación: participación activa nas clases, debates e comentarios, seguimento comprensivo da materia (determinado por medio da observación, notas do profesor e cuestionarios específicos): 20%
    b) Contidos: comprensión e dominio dos coñecementos teóricos e prácticos e a súa aplicación (determinado por medio do exame final): 50%
    c) Traballo práctico: realización dun traballo experimental, que consistirá na aplicación das das técnicas aprendidas ao estudo da fonética do galego (20%). Asistencia, participación e entrega dunha memoria das prácticas realizadas (10%): 30 %
    A asistencia activa ás clases teóricas e prácticas é un elemento fundamental para a obtención dos resultados académicos desexados. A asistencia e a participación activa nas clases expositivas terá un peso dun 20% na avaliación final, sempre que se demostre unha asistencia, como mínimo, ao 75% das clases programadas. Unha asistencia ás clases de entre o 50% e o 75% só permitirá obter o 50% desta cualificación. Unha asistencia menor a un 50% das clases programadas non dará dereito a cualificación por este concepto, mais en casos xustificados poderá compensarse coa realización dun traballo individual escrito, que se concertará a principio do cuadrimestre co profesor.
    O traballo práctico realizarase nas clases prácticas de laboratorio, e consistirá na realización dun traballo de fonética experimental, coa gravación, análise e tratamento de datos, e discusión dos resultados. Ao final do semestre as alumnas e alumnos entregarán tamén unha memoria das das prácticas realizadas, así coma unha aplicación práctica das técnicas e métodos aprendidos.
    Naqueles casos en que exista dispensa de docencia ou motivos xustificados que non permitan a asistencia regular ás clases, as alumnas e alumnos poderán realizar os traballos previstos para os seminarios así como outras prácticas e traballos encargados polo profesor para obter a parte da avaliación equivalente ao 20% de asistencia e participación nas clases. Realizarán, igualmente, prácticas con programas de análise fonética e entregarán un traballo equivalente ao que realice o alumnado asistente ás clases prácticas. Estes traballos, xunto coa memoria, equivalerá ao 30% correspondente a traballo práctico.
    A proba escrita constará de varias preguntas sobre fonética e fonoloxía, e nela deberá mostrarse unha correcta comprensión dos conceptos básicos da materia, así como a capacidade para aplicar os métodos e conceptos aprendidos a diferentes cuestións de fonética e fonoloxía do galego.
    A corrección lingüística é un requisito imprescindible, tanto no que se refire á lingua escrita (corrección ortográfica e gramatical, adecuación expresiva) como á lingua oral (corrección e adecuación fónica). As cualificacións das prácticas e exames escritos e das exposicións e intervencións orais poderán verse reducidas se este requisito non se cumpre.

    Na convocatoria de xullo aplicaranse os mesmos criterios de avaliación. Dado que nesta convocatoria soamente se realiza unha proba escrita, ese exame contará como máximo o 50% da nota, e manteranse, no seu caso, as demais cualificacións obtidas durante o período de clases. Non obstante, as alumnas e alumnos poderán repetir traballos prácticos realizados durante o semestre, realizar outros complementarios, así como presentar un traballo individual complementario, sobre un tema acordado previamente co profesor.
    O alumnado que repita curso poderá estar exento da asistencia ás clases, sempre que nalgún curso anterior mantivese unha asistencia regular. Nese caso, poderá manter a parte de avaliación continua obtida. En todo caso, poderá repetir ou entregar novos traballos, exercicios e prácticas, para completar a avaliación correspondente ao traballo continuado. Igualmente, poderá realizar un traballo individual, pactado co profesor a comezos do semestre.

    Tempo de estudo e traballo persoal
    Horas presenciais (docencia teórica e práctica, titorías personalizadas e exame): 54
    Horas de traballo autónomo do alumno (lectura de bibliografía, estudo e elaboración de materiais): 96

    Recomendacións para o estudo da materia
    Dado que esta materia está orientada cara a unha formación fundamentalmente práctica (aplicada), a aprendizaxe memorística resulta de pouca utilidade. A asistencia e a participación nas clases é, en cambio, vivamente recomendada para poder comprender os conceptos fundamentais da fonética e da fonoloxía, así como a súa aplicación a problemas concretos da lingua galega, necesarios para superar a materia.
    Esta materia consta de dúas partes diferenciadas, unha centrada na fonética e outra na fonoloxía. Ambas as disciplinas son de carácter moi diferente polo obxecto de estudo e polos métodos empregados. Aínda que nunha primeira aproximación os estudantes consideran máis difícil (por descoñecida) a fonética acústica, a experiencia de anos anteriores mostra que na parte de fonoloxía, por operar con conceptos abstractos e con modelos teóricos complexos, é onde os estudantes encontran problemas máis importantes. Recoméndase, por tanto, a lectura de bibliografía de apoio (recollida na sección “Bibliografía”) de maneira especial para esta segunda parte.