Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Filoloxía  »  Información da Materia

G5051424 - Léxico e terminoloxía do galego (Maior en Lingua e Literatura galegas) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 32.00
  • Clase Interactiva Seminario: 16.00
  • Horas de Titorías: 3.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Filoloxía Galega
  • Áreas: Filoloxías Galega e Portuguesa
  • Centro: Facultade de Filoloxía
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
GONZALEZ SEOANE, ERNESTO XOSE.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo CLE01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo CLIS_01OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON
Grupo TI-ECTS02OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego


  • Obxectivos da materia
    De acordo cos cinco bloques temáticos que constitúen a materia, pódense sinalar cinco obxectivos xerais que, de súa vez, son realización do obxectivo máis xenérico de "adquirir unha visión global das características e do funcionamento do léxico e da terminoloxía do galego, así como da lexicografía e terminografía galegas".

    1. Comprender o concepto "significado", as relacións de significado e os procesos de cambio semántico.
    2. Coñecer os procedementos de arrequentamento do léxico.
    3. Coñecer as principais tarefas implícitas na elaboración da variedade estándar do galego no ámbito léxico.
    4. Coñecer a estrutura e a tipoloxía dos dicionarios, así como os aspectos fundamentais da historia da lexicografía galega.
    5. Coñecer as particularidades das unidades terminolóxicas así como do traballo terminolóxico e terminográfico, con especial atención ao desenvolvido sobre o galego.
    Contidos
    BLOQUE I. SEMÁNTICA LÉXICA
    1. A disciplina lingüística
    1.1. A semántica fronte a outras disciplinas que estudan o significado. O obxecto de estudo da semántica
    1.2. A semántica léxica, a semántica gramatical e a semántica composicional
    2. O concepto de significado
    2.1. A natureza conceptual do significado
    2.2. O significado, o referente e o denotatum
    2.3. O significado na Lingüística Estrutural
    2.4. O significado na Lingüística Cognitiva. A teoría dos prototipos
    3. As relacións de significado
    3.1. As relacións semánticas paradigmáticas
    3.1.1. A hiperonimia-hiponimia. O nivel básico de categorización
    3.1.2. A holonimia-meronimia
    3.1.3. A sinonimia. O significado conceptual e outras dimensións do significado
    3.1.4. A oposición
    3.1.5. As estruturas léxicas. As lagoas léxicas e as lagoas conceptuais
    3.2. As relacións semánticas sintagmáticas
    3.2.1. As posibilidades combinatorias das palabras
    3.2.2. O concepto de colocación
    4. O cambio semántico
    4.1. Concepto e causas
    4.2. Tipoloxía
    4.2.1. As metáforas e as metonimias. A teoría cognitiva da metáfora e a metonimia
    4.2.2. As etimoloxías populares
    4.2.3. As elipses
    5. A polisemia
    5.1. A polisemia e a homonimia. Definición
    5.2. Criterios para a delimitación entre polisemia e homonimia. A motivación
    BLOQUE II. LEXICOGRAFÍA
    1. A lexicografía e as obras lexicográficas
    1.1. A disciplina lingüística. A lexicografía teórica e a lexicografía práctica
    1.2. O concepto de dicionario
    1.3. Os tipos de dicionarios
    2. A estrutura dos dicionarios de lingua
    2.1. A macroestrutura
    2.1.1. A lematización
    2.1.2. Os criterios de ordenación e disposición das entradas. O tratamento da homonimia
    2.1.3. A selección do léxico. Os criterios de selección e as fontes do lexicógrafo
    2.2. A microestrutura
    2.2.1. A información recollida no dicionario monolingüe e no dicionario bilingüe
    2.2.2. A definición. Condicións para unha boa definición e tipos de definición
    2.2.3. Criterios para a ordenación das acepcións
    3. Panorama da lexicografía galega
    3.1. Os primeiros dicionarios
    3.2. Os dicionarios modernos
    BLOQUE III. FORMACIÓN DE UNIDADES LÉXICAS
    1. Procesos morfolóxicos de formación de unidades léxicas: a morfoloxía
    1.1. O obxecto de estudo da morfoloxía léxica
    1.2.1. O concepto de palabra: palabras base e palabras do discurso
    1.2.2. Flexión, derivación e composición. Morfoloxía léxica e morfoloxía gramatical
    1.2.3. O lugar da morfoloxía apreciativa
    1.2. A morfoloxía léxica fronte a outros procesos non morfolóxicos de creación de unidades léxicas
    2. Conceptos e unidades de morfoloxía léxica
    2.1. Regularidade, produtividade e estruturación xerárquica
    2.2. Conceptos básicos de análise morfolóxica.
    2.2.1. Morfema, morfo e alomorfo. Problemas na súa delimitación
    2.2.2. Raíz, afixo e interfixo
    2.2.3. Base, tema e vogal temática
    2.2.4. Regras de formación de palabras
    3. Procesos morfolóxicos de formación de palabras en galego
    3.1. A derivación mediante sufixos
    3.1.1. A derivación nominal mediante sufixos
    3.1.2. A derivación verbal mediante sufixos
    3.2. A derivación mediante prefixos
    3.2.1. Prefixos vs. sufixos. O status conflitivo da prefixación
    3.2.2. A derivación nominal mediante prefixos
    3.2.3. A derivación verbal mediante prefixos
    3.3. A parasíntese
    3.3.1. Prefixación e sufixación simultáneas vs. circunfixación
    3.3.2. Análise de casos problemáticos.
    3.4. A derivación inmediata e a derivación regresiva
    3.4.1. Criterios de distinción
    3.4.2. A interpretación da derivación inmediata e regresiva como procesos de conversión
    3.5 A composición léxica
    3.5.1. Compostos perfectos e compostos imperfectos
    3.5.2. Principais regras de formación de compostos en galego
    3.5.3. Delimitación da composición léxica. A nominalización de estruturas frásticas e a fusión de compostos sintagmáticos.
    3.5.4 A composición mediante raíces cultas
    4. Outros procesos de formación de unidades léxicas
    4.1 Procesos non morfolóxicos de formación de palabras
    4.2 Procesos non morfolóxicos de formación de unidades pluriverbais
    BLOQUE IV. PLANIFICACIÓN E ESTANDARIZACIÓN DO LÉXICO
    1. A marxinalidade e o contacto lingüístico. As súas repercusións sobre o léxico
    1.1. O préstamo léxico
    1.1.1. Tipos de préstamos desde o punto de vista da funcionalidade
    1.1.2. Tipos de préstamos desde o punto de vista da forma
    1.1.3. O castelán como lingua de interposición
    1.2. A mediatización das escollas léxicas
    1.3. O purismo e o diferencialismo
    2. A estandarización do léxico
    2.1. Variedade estándar e código normativo
    2.2 A selección do léxico do código normativo
    2.3. A innovación léxica e terminolóxica
    2.2.1. A neoloxía de creación propia
    2.2.2. O préstamo léxico: criterios de aceptabilidade.
    BLOQUE V. TERMINOLOXÍA E TERMINOGRAFÍA
    1. Terminoloxía, terminografía e unidade terminolóxica
    1.1. As linguas de especialidade e as unidades terminolóxicas
    1.2. Obxectivos e especifidades da terminoloxía fronte a outras disciplinas
    1.3 Terminoloxía e terminografía
    2. O traballo terminolóxico e terminográfico
    2.1. Materiais e métodos de traballo
    2.2. A terminoloxía sistemática e a terminoloxía puntual
    2.3. Principais organismos e recursos para a terminoloxía
    2.4. O traballo terminolóxico e terminográfico en Galicia

    Bibliografía básica e complementaria
    SEMÁNTICA LÉXICA
    Coseriu, E. (1981): Principios de semántica estructural. Madrid: Gredos, 2ª ed.
    Croft, W. / A. Cruse (2004): Cognitive Linguistics. Cambridge: Cambridge University Press (tradución ao español, Lingüística Cognitiva, Madrid, Akal, 2008).
    Escandell Vidal, Mª Victoria (2007): Apuntes de semántica léxica. Madrid: UNED.
    Freixeiro Mato, X. R. (1999): Gramática da lingua galega III. Semántica. Vigo: A Nosa Terra.
    Hurford, James R. / Brendan Heasley / Michael B. Smith (2007): Semantics: a coursebook. Cambridge: Cambridge University Press,
    Kövecses, Z. (2010): Metaphor: a practical introduction. Oxford: Oxford University Press (2ª ed.).
    Lopes, A. C. Macário / G. Rio-Torto (2007): Semântica. Lisboa: Caminho.
    LEXICOGRAFÍA
    González Seoane, E. (2003): "A lexicografía galega moderna", en H. Monteagudo / X. Bouzada (coords.): O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000), vol. III. Santiago: Consello da Cultura Galega, 165-227.
    Haensch, Gunter et alii (1982): La lexicografía. De la lingüística teórica a la lexicografía práctica. Madrid: Gredos.
    Medina Guerra, Antonia M. (coord.) (2003): Lexicografía española. Barcelona: Ariel.
    Porto Dapena, José-Álvaro (2002): Manual de técnica lexicográfica. Madrid: Arco Libros.
    Santamarina, A. (dir.) (20033): “Introdución”, Diccionario de diccionarios. A Coruña: Fundación Barrié de la Maza, 2000
    FORMACIÓN DE UNIDADES LÉXICAS
    Álvarez, R. / X. Xove (2002): “Formación de palabras”, en Gramática da lingua galega. Vigo: Galaxia, pp. 673-750.
    Aronoff, M. / K. Fudeman (2011): What is Morphology?. Malden, Mass.: Wiley-Blackwell, 2ª ed.
    Díaz Hormigo, M. T. (2000): Disciplinas lingüísticas y formación de palabras. Cádiz: Universidad.
    Freixeiro Mato, X. R. (1999): Gramática da lingua galega III. Semántica. Vigo: A Nosa Terra.
    Pena, J. (1999): "Partes de la morfología. Las unidades del análisis morfológico", en I. Bosque / V. Demonte, Gramática descriptiva de la lengua española, vol. III. Madrid: Espasa Calpe, 4305-43.
    Varela Ortega, S. (2005): Morfología léxica: la formación de palabras. Madrid: Gredos.
    PLANIFICACIÓN E ESTANDARIZACIÓN DO LÉXICO
    Álvarez de la Granja, M. / E. González Seoane (2003): A estandarización do léxico. Santiago: Instituto da Lingua Galega / Consello da Cultura Galega.
    Gómez Capuz, J. (1998): El préstamo lingüístico: conceptos, problemas y métodos. València : Universitat.
    Gómez Clemente, X. M. / A. Rodríguez Guerra (2003): Neoloxía e lingua galega: teoría e práctica. Vigo: Universidade.
    Santamarina, A. (2003): "O Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLG). Criterios de elaboración", en M. Álvarez de la Granja / E. González Seoane (eds.): A estandarización do léxico. Santiago de Compostela: ILG / CCG, 53-92.
    TERMINOLOXÍA E TERMINOGRAFÍA
    Barros, L. Almeida (2004): Curso básico de terminologia. São Paulo: EDUSP.
    Cabré, M. Teresa (1992): La terminologia: la teoria, els mètodes, les aplicacions. Barcelona: Editorial Empúries.
    Finatto, M. J. B. / M. G. Krieger (2004): Introdução à terminologia: teoria e prática. São Paulo: Contexto.
    Galanes Santos, I. (2003): "A terminoloxía en Galicia", en H. Monteagudo / X. Bouzada (coords.): O proceso de normalización do idioma galego (1980-2000). Vol. III. Santiago: Consello da Cultura Galega, 229-288
    Rodríguez Río, Xusto A. (2003): Metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
    Competencias
    Unha vez rematado o curso, o estudante deberá ter a capacidade de analizar un texto ou unha palabra desde o punto de vista léxico, atendendo ao seu significado e ás súas relacións de significado, ao seu proceso de formación, e á súa caracterización con respecto á variedade léxica estándar galega. Tamén será quen de identificar unha unidade terminolóxica e de xustificar a súa consideración como tal. Así mesmo deberá ter a capacidade de crear e de valorar criticamente unha entrada lexicográfica ou terminográfica.
    Metodoloxía da ensinanza
    O proceso de ensino / aprendizaxe vehicularase a través das seguintes vías:
    o Sesións expositivas: o profesor introducirá conceptos e saberes relacionados coa temática da materia. Aínda que se procurará, mediante a participación do alumnado, que as clases teñan sempre unha dimensión interactiva (as explicacións apoiaranse con frecuencia na lectura e comentario de textos, na realización de pequenos exercicios...), será o profesor o que teña un peso máis importante, cuantitativa e cualitativamente, na presentación da información.
    o Sesións de seminario: utilizaranse para traballar de forma aplicada algúns dos contidos vistos nas sesións expositivas, para solucionar dúbidas e fixar coñecementos, así como para introducir de maneira práctica algúns conceptos do programa. Serán desta volta os estudantes os que desempeñen o papel preponderante á hora de presentar / extraer a información. Faranse comentarios de lecturas, exposicións de traballos e exercicios de diverso tipo, empregando técnicas grupais, individuais e cooperativas e sempre baixo a supervisión do profesor. Algúns dos materiais de traballo atoparanse dispoñibles nas aulas virtuais.
    o Titorías en grupo: como o resto das actividades, serán de asistencia obrigatoria. Estarán destinadas a preparar e facer un seguimento dalgúns dos traballos e lecturas obrigatorias que debe realizar o estudante.
    o Actividades de curso: trátase de exposicións realizadas polos estudantes nas aulas interactivas, así como de exercicios, traballos ou comentarios que serán recollidos polo profesor. Algúns destes terán parcialmente carácter non presencial e deberán ser entregados nas datas que no seu momento se indiquen, mentres que outros se desenvolverán exclusivamente nas sesións interactivas.
    o Lecturas: ao longo do curso o profesor encargará unha serie de lecturas obrigatorias, que se deberán preparar en horas non-presenciais. Estas lecturas serán precisas para a realización de traballos, para a realización de exposicións ou simplemente para a adquisición de contidos incluídos no programa da materia.


    Sistema de evaluación
    A avaliación da consecución das competencias realizarase a partir dos seguintes ítems:

    1. SISTEMA PRESENCIAL

    1.1. OPORTUNIDADE ORDINARIA (XANEIRO)

    o Asistencia e participación nas clases (10% da cualificación global): farase unha valoración cuantitativa e cualitativa das intervencións dos estudantes nas clases (comentarios, dúbidas, preguntas, respostas...). Os estudantes con 6 ou máis faltas de asistencia sen xustificar serán cualificados cun 0 neste ítem.

    o Actividades do curso (40% da cualificación global): ao longo do curso, o profesor cualificará diversos traballos, exposicións e exercicios, tanto de elaboración presencial como non-presencial e ben individuais, ben feitos en grupo. Valorarase a calidade dos contidos presentados e, no seu caso, a orixinalidade, así como o deseño, a corrección lingüística e a presentación (formato, redacción ou claridade expositiva...).

    Dos 4 puntos atribuídos a este apartado, 2 corresponden a dous traballos non presenciais (1 punto cada traballo). O resto da nota obterase calculando a media dos exercicios e exposicións realizados na clase.

    En todos os traballos entregados que requiran un mínimo de desenvolvemento escrito, reservarase 1 punto (sobre 10) para avaliar aspectos de redacción e, de ser o caso, de formato. A este último respecto, estará depositado na plataforma virtual un documento con indicacións sobre o estilo apropiado para un traballo académico escrito (presentación de bibliografía, formas de citar...) .

    Os estudantes que non presenten ou realicen estas actividades no día ou prazo indicado polo profesor serán cualificados cun 0, agás que documenten unha causa xustificada. Nesta última circunstancia, marcarase, de ser o caso, un novo prazo.

    o Exame escrito dos contidos da materia (50% da cualificación global): realizarase un exame escrito na data oficial indicada no calendario. Valorarase o dominio dos contidos teórico-prácticos, pero tamén do código normativo e da coherencia e cohesión textual. Cómpre obter unha cualificación igual ou superior a 4 no exame para superar a materia. Para poder presentarse a este exame, é requisito imprescindible ter presentados os dous traballos non presenciais e cando menos ter cualificacións nun 50% das outras actividades avaliadas.

    1.2 OPORTUNIDADE EXTRAORDINARIA (XULLO):

    o Asistencia e participación nas clases (10% da cualificación global): a nota obtida neste apartado corresponderá coa outorgada na cualificación da oportunidade ordinaria.
    o Actividades do curso (40% da cualificación global): o estudante poderá decidir que actividades vai repetir (ou realizar de novo, no caso de que non o fixera previamente) de entre aquelas nas que obtivo unha cualificación inferior a 5 (ou non obtivo cualificación ningunha). Todas as actividades terán que ser realizadas por escrito e deberán ser entregadas o día do exame oficial. As actividades que non se entreguen este día serán valoradas coa mesma nota obtida na primeira oportunidade. A porcentaxe de valoración de cada un dos traballos coincide co indicado para a oportunidade de xaneiro.
    o Exame escrito dos contidos da materia (50% da cualificación global): deberán presentarse aqueles estudantes que non obtiveron un 4 na oportunidade de xaneiro. De novo, é preciso obter un mínimo de 4 para alcanzar o aprobado global. Os estudantes suspensos na materia que non se presenten a este exame serán cualificados neste ítem coa mesma nota que alcanzaron na primeira oportunidade. Para poder realizar o exame, é requisito imprescindible ter presentados ou presentar ese mesmo día os dous traballos non presenciais e cando menos ter cualificacións nun 50% das outras actividades avaliadas (ou presentalas ese día).

    2. SISTEMA NON-PRESENCIAL

    Os estudantes que obteñan a dispensa de asistencia a clase por parte da Xunta de Facultade e a acrediten debidamente (tamén os estudantes repetidores que así o desexen ou aqueles que non poidan asistir a clase por razóns debidamente xustificadas sobrevidas ao longo do curso) rexeranse polo seguinte sistema de avaliación, tanto na oportunidade de xaneiro como na de xullo:
    o Exame escrito dos contidos da materia (70% da cualificación global): no exame escrito os parámetros de valoración coinciden cos indicados para os estudantes que asisten ás clases. É imprescindible obter unha cualificación igual ou superior a 5 para superar a materia. Para poder presentarse a este exame, é requisito imprescindible a presentación das actividades a que se fai referencia no seguinte ítem.
    o Actividades (30% da cualificación global): os estudantes que opten por este sistema extraordinario deberán concertar unha cita co profesor antes do 30 de outubro para que este lles indique os traballos que deben realizar, así como os prazos de entrega.
    Os parámetros xerais de valoración do exame e das actividades coinciden cos indicados para os estudantes que asisten ás clases.

    OBSERVACIÓNS

    1. Dado que se segue un sistema de avaliación continua, os estudantes que conten con tres ou máis cualificacións non serán avaliados como Non-Presentados, independentemente de que non asistan ao exame final. Isto tamén é aplicable aos estudantes que seguen un sistema non-presencial e teñan entregados tres ou máis dos traballos requiridos.
    2. Para superar a materia é requisito imprescindible o dominio do galego, tanto no nivel oral como no escrito, e moi particularmente, o dominio do código normativo. Daquela, na cualificación tanto dos exames como dos traballos e exposicións repercutirán negativamente as faltas cometidas (no nivel léxico, ortográfico, sintáctico...).
    3. No caso de que os estudantes superen algunhas das partes da materia obxecto de avaliación (asistencia e participación / actividades de curso), pero obteñan no exame escrito unha cualificación inferior a 4, é posible que o resultado numérico que se obteña ao sumar a cualificación das distintas partes sexa igual ou superior a 5. Non obstante, dado que para superar a materia é requisito imprescindible obter un mínimo de 4 no exame, o estudante non terá aprobada a materia. En tales casos, a nota que se asignará na acta correspondente será 4,9.

    Tempo de estudo e traballo persoal
    HORAS PRESENCIAIS
    Sesións expositivas: 32
    Sesións interactivas: 16
    Titorías programadas: 3
    Sesións de avaliación: 3
    TOTAL HORAS PRESENCIAIS: 54

    HORAS NON PRESENCIAIS
    Lecturas: 15
    Preparación directa de contidos: 47
    Preparación de traballos, exposicións e exercicios: 34
    TOTAL HORAS NON PRESENCIAIS: 96

    TOTAL HORAS: 150