Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Física  »  Normativa  »  Normativa xeral

Normativa

- Estatuto do estudiantado da universidade de Santiago
- Resolución reitoral do 27 de xaneiro de 2004 sobre procedemento para a recadación de impagos por prezos púlicos de mátricula
- Resolución reitoral do 13 de outublro de 1998 sobre Traballos e Proxectos Fin de Carreira
- Regulamento do servicio universitario de residencias
- Normativa básica para a ordenación do proceso de ensino/aprendizaxe e da avaliación do rendemento académico dos estudiantes
- Normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións
- Condicións de matrícula e continuación de esudios.(Normas provisorias de permanencia).

ESTATUTO DO ESTUDIANTADO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
(Claustro do 12 de decembro de 1998)

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS
A Constitución Española consagra no seu artigo 27 a autonomía das Universidades españolas que se manifesta, entre outros aspectos, na capacidade de deseña-la súa regulación normativa.
En uso desa capacidade, a Universidade de Santiago de Compostela elaborou os seus Estatutos establecendo as funcións, dereitos e deberes dos membros da comunidade universitaria. En concreto o artigo 32 dispón que " O Claustro Universitario elaborará e aprobará o Estatuto do Estudiantado para o desenvolvemento polo miúdo dos seus dereitos e deberes e para a regulación das súas condicións de estudio na Universidade…"
En cumprimento dese mandato estatutario o presente texto, logo de defini-los requisitos constitutivos da condición de estudiante, recolle e desenvolve os seus dereitos recoñecidos nos Estatutos e no resto do ordenamento xurídico, facilitando así as condicións para a súa efectividade. Ó mesmo tempo recóllense os deberes do estudiantado baseados no respecto dos demais e na preservación das finalidades da institución universitaria.

TÍTULO I: ÁMBITO DE APLICACIÓN E PRINCIPIOS XERAIS.

Artigo 1: Obxecto do Estatuto:
O presente Estatuto desenvolve os dereitos e deberes recoñecidos ó estudiantado, en canto tal, nos Estatutos da Universidade e no resto do ordenamento.

Artigo 2: Ambito de aplicación:
1.- Para os efectos deste Estatuto considéranse estudiantes:
A) De primeiro e/ou segundo ciclo: aquelas persoas que están matriculadas en cursos ou materias conducentes á obtención de titulacións oficiais de primeiro ou segundo ciclo.
B) De terceiro ciclo: aquelas persoas que estean a realiza-los programas de doutoramento da Universidade de Santiago e tamén quen nos tres anos seguintes ó remate dos programas estean a realiza-la tese de doutoramento con dedicación a tempo completo, acreditada polo departamento ou instituto, consonte ós criterios fixados polos órganos de goberno da Universidade.
2.- Os dereitos e deberes daquelas persoas que cursen estudios na Universidade de Santiago e non se atopen incluídos no apartado anterior serán regulados pola Xunta de Goberno.

Artigo 3: Principios xerais:
1.- Tódolos estudiantes terán igualdade de dereitos e deberes sen máis distincións cás derivadas das ensinanzas que estean a cursar.
2.- Os dereitos e deberes exercitaranse de acordo cos fins propios da Universidade e sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria.

TÍTULO II: DOS DEREITOS DO ESTUDIANTADO

Artigo 4: Dereitos do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria
1.-Son dereitos do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:
A participación nos órganos de goberno e de xestión.
A organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais, recreativas e e a utilización das instalacións e dos servicios universitarios.
A liberdade de asociación, sindicación, reunión, manifestación e folga dentro do ámbito universitario.
A organización, promoción e participación en actividades que contribúan a vincula-la Universidade de Santiago co seu contorno e a mellora desta institución.
Beneficiarse das distintas axudas ou subvencións que a Universidade estableza.
A información permanente, mediante a difusión nos diferentes medios e soportes, sobre tódalas cuestión que afecten á comunidade universitaria.
A formulación de peticións, reclamacións e queixas.
A confidencialidade daqueles datos persoais ou académicos legalmente protexidos.
O uso do galego a todolos niveis e en todalas relacións coa Universidade.
A participación nas actividades de Voluntariado que se desenvolvan na Universidade.
A que a súa actividade académica se desenvolva nas debidas condicións de seguidade e hixiene
2.- Os órganos de goberno da Universidade de Santiago velarán para que os estudiantes con discapacidades non vexan impedido o libre exercicio dos seus dereitos ou o acceso a instalacións e servicios da Universidade.

Artigo 5: Dereitos específicos do estudiantado
Son dereitos específicos do estudiantado:
Recibir unha formación e unha docencia cualificada e actualizada, tanto nos seus contidos coma nos seus métodos pedagóxicos.
Ser avaliado obxectivamente no seu rendemento académico.
Participar no control da calidade da docencia e na elaboración dos criterios xerais de avaliación desta, consonte ós procedementos previstos polos órganos de goberno da Universidade.
Ser protexido polo réxime de aseguramento establecido legalmente.
A propiedade intelectual dos traballos orixinais artísticos, científicos ou técnicos que realice no marco da súa actividade discente.
Recibir orientación educativa e profesional a través do persoal dos servicios correspondentes.
Que se lles faciliten os medios necesarios para recibir unha formación e docencia cualificada e actualizada en igualdade de condicións nos estudios elixidos, en especial se teñen algunha dificultade física, psíquica ou sensorial.
Sección 1ª: Dereito á participación nos órganos de goberno

Artigo 6:
Tódolos estudiantes da Universidade de Santiago teñen dereito a participar nos órganos de goberno da Universidade, dos centros e dos departamentos, mediante a elección dos seus representantes.
Para estes efectos serán electores e elixibles tódolos que reúnan os requisitos establecidos no artigo 2,1 nos termos que sinale a normativa electoral

Artigo 7: Representantes dos estudiantes
Son representantes dos estudiantes: Os estudiantes que, elixidos polos seus compañeiros, forman parte dos órganos colexiados de Goberno da Universidade: Consello Social, Claustro, Xunta de Goberno, Xunta de Facultade ou Escola e Consello de Departamento e as súas Comisións Delegadas

Artigo 8: Funcións dos representantes .
Os representantes canalizarán as propostas, queixas e reclamacións que realicen os estudiantes diante dos órganos da Universidade, sen prexuízo do dereito de calquera estudiante a formulalas directamente.

Artigo 9: Dereitos dos representantes.
Os representantes dos estudiantes teñen dereito a:
a) Execer libremente a súa representación.
b) Expresarse libremente sen máis limitacións cás derivadas das normas legais e o respecto ás persoas e á institución.
c) Recibir información exacta e puntual sobre as materias que afecten ós estudiantes, salvo aquelas amparadas por deber de confidencialidade.
d) Participar no proceso de toma de decisións.
e) Que os seus labores académicos se adecúen, dentro do posible e sen menoscabo da súa formación, ás súas actividades representativas. Para tal efecto estableceranse os procedementos que se consideren convenientes.

Artigo 10: Deberes dos representantes .
Son deberes específicos dos representantes:.
Asumi-las responsabilidades derivadas do seu cargo representativo.
Facer un uso adecuado da información recibida por razón do cargo, respectando a confidencialidade canto tivera este carácter.
Protexer, fomentar e defende-los bens e dereitos da Universidade de Santiago.
Informar ós seus representados das actividades e resolucións dos órganos colexiados e das súas propias actuacións.
Sección 2ª: Dereito a organización, promoción e participación en actividades formativas, culturais recreativas e deportivas.

Artigo 11: Actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas.
Tódolos estudiantes terán dereito a participar nas actividades formativas, culturais, recreativas e deportivas organizadas pola Universidade, de acordo co que se estableza na respectiva normativa.
Tamén poderán promove-la realización de actividades desta natureza, directamente ou a través dos seus representantes. Cando se enmarquen nunha programación xeral, tales propostas deberán facerse dentro dos prazos e de acordo co disposto na oportuna convocatoria.

Artigo 12: Utilización das instalacións universitarias.
Os estudiantes e asociacións poderán utiliza-las instalacións universitarias para as súas actividades formativas, culturais, deportivas, e recreativas. Tal utilización deberá contar coa autorización do órgano competente, previa petición dos interesados, e poderá ser denegada cando non se axuste ó rexime de utilización establecido.

Artigo 13: Servicios universitarios.
Os estudiantes poderán acceder ós distintos servicios universitarios, de acordo co establecido nos seus respectivos regulamentos.
Sección 3ª: Dereito de asociación

Artigo 14: Dereito de asociación.
Tódolos estudiantes teñen dereito a asociarse libremente no ámbito universitario. A estructura e o funcionamento interno das asociacións estudiantís deberán ser democráticas.

Artigo 15: Asociacións universitarias
1.- Son asociacións de estudiantes na Universidade de Santiago aquelas que, reguladas por este Estatuto, e constituídas de conformidade co establecido na lexislación vixente se comprometan á defensa dos bens culturais e universitarios en réxime de liberdade, autonomía, representatividade e auténtica participación dos seus asociados, dentro do respecto ó ordenamento xurídico.
2.- Os órganos de goberno da Universidade elaborarán unha normativa que regule as condicións para rexistrarse como asociación de estudiantes da Univesidade de Santiago.

Artigo 16: Promotores das Asociacións
1.- Poderán promover asociacións os estudiantes a que se refire o artigo 2.1 deste Estatuto, que se encontren en pleno uso dos seus dereitos académicos e que libremente acorden servir ós fins enunciados nos seus propios estatutos.

Artigo 17: Estatutos das Asociacións
1.-As asociacións rexeranse por uns estatutos que deberán conte-las seguintes mencións:
Denominación da entidade que deberá ser suficientemente individualizada para non inducir a erros respecto doutras asociacións xa rexistradas.
Domicilio da asociación.
Fins que se propoñen.
Órganos directivos, funcións e forma de administración.
Procedemento de adquisición e perda da condición de asociado.
Dereitos e deberes dos asociados.
Patrimonio fundacional, recursos previstos e límites do presuposto anual.
Aplicación do patrimonio no caso de disolución que deberá reverter en beneficio da Universidade.
2.- Os Estatutos serán aprobados polos órganos gobernativos competentes. Cando sinale como domicilio unha dependencia universitaria deberá contar coa autorización do órgano competente.

Artigo 18: Rexistro de Asociacións
No Rectorado da Universidade existirá un Rexistro público de Asociacións, no que se inscribirán as que se constitúan no seu ámbito, de acordo con este Estatuto e coa lexislación vixente.

Artigo 19: Dos recursos
Ademais doutros recursos, as Asociacións nutriranse das subvencións que poidan recibir da Universidade a través das oportunas convocatorias
Sempre que exista dispoñibilidade, facilitaranse locais ás asociacións nos centros onde conten con implantación. Existirá, polo menos, un local común para uso de tódalas asociacións en cada centro.
A Universidade facilitará un local, sempre que exista dispoñibilidade, ás asociacións con representación claustral intercentros.

Artigo 20: Perda da condición de asociación universitaria na Universidade de Santiago
A Xunta de Goberno, previa audiencia dos responsables das asociacións, poderá dar de baixa no seu Rexistro de Asociacións da Universidade, con carácter temporal ou definitivo, a aquelas que incumpriran grave e reiteradamente os compromisos que figuran no artigo 15 destes Estatutos.

Sección 4ª: Dereito de reunión e manifestación

Artigo 21: Do dereito de reunión
Tódolos estudiantes e asociacións teñen dereito a reunírense en locais universitarios. Para tal efecto será preciso cursar con antelación suficiente a oportuna solicitude ó responsable de tales espacios. A solicitude deberá ser atendida salvo que medien circunstancias excepcionais que aconsellen o contrario.

Artigo 22: Do dereito de manifestación
Tódolos estudiantes teñen dereito a manifestárense libremente, cumprindo os requisitos previstos no ordenamento. Cando esa manifestación vaia ter lugar dentro dos espacios universitarios, deberá comunicarse con antelación suficiente ás autoridades académicas.

Sección 5ª: Dereito a beneficiarse de axudas e subvencións.

Artigo 23: Axudas e subvencións.
Os estudiantes terán dereito a beneficiarse das axudas e subvencións establecidas pola Universidade ou por outras institucións, sempre de acordo co disposto nas oportunas convocatorias.
As axudas e subvencións que a Universidade estableza para a continuidade ou finalización dos estudios deberán ter en conta o rendemento académico e a situación económica para a súa concesion.
Sección 6ª: Dereito de petición, reclamación e queixa

Artigo 24:
1.-Os estudiantes poderán formular peticións ou manifestar reclamacións ou queixas diante daquelas persoas ou órganos da Universidade que sexan competentes, de maneira individual ou colectiva, debendo ser neste último caso presentadas por escrito.
2.- A petición, reclamación ou queixa deberá fundamentarse no exercicio de dereitos recoñecidos ós estudiantes.
Sección 7ª: Dereito a unha docencia de calidade

Artigo 25: Do dereito a recibir ensinanzas teóricas e prácticas.
Os estudiantes teñen dereito a coñecer con antelación que se estableza na normativa correspondente o programa de cada materia, incluíndo a bibliografía indispensable para preparala, que deberá ser supervisada polo departamento correspondente. O programa estará depositado no centro responsable da titulación.
O profesor deberá facer público ó comenzo do curso académico e no programa da asignatura os obxectivos docentes, a metodoloxía e os procedementos de avaliación e control dos coñecementos.
Os horarios de clases teóricas e prácticas dun mesmo grupo deberán ser compatibles ó longo do curso, non debendo ser modificados senón por causa de forza maior.

Artigo 26: Da simultaneidade de estudios.
Os estudiantes que desexen iniciar estudios universitarios simultaneándoos con outros xa iniciados, poderán ser admitidos se existiran prazas vacantes e se cumpriran os requisitos establecidos na normativa de ordenación académica.

Artigo 27: Do dereito á avaliación
Os estudiantes teñen dereito a seren avaliados obxectivamente nos seus coñecementos.
Os procedementos de cualificación deberán consistir nalgún ou varios dos seguintes:
Participación activa e individualizada nas actividades teóricas, seminarios, traballos levados a cabo ou prácticas programadas.
Exames parciais que, de existir, poderán ter carácter liberatorio.
Exames finais.
Outros medios obxectivos de avaliación da actividade académica.
No caso de estudiantes con discapacidades, deberá facilitárselle-la realización de probas ou exames en condicións axeitadas ás súas capacidades.

Artigo 28: Dos exames
Tódolos estudiantes matriculados nunha materia teñen dereito a realiza-los exames finais. Tamén poderán realizar os exames parciais que estiveran previstos cando reunan os requisitos fixados para participar neles. De cara á realización dos exames os estudiantes deberán identificarse, cando así o solicite o profesor encargado da súa avaliación.
Durante a realización das probas será obrigatoria a presencia do profesor que impartiu a materia, salvo causas xustificadas.
Os criterios de cualificación dos exames deberán darse a coñecer antes do seu inicio.
Os exames finais deberán ser realizados nas datas e na modalidade aprobada pola Xunta de Centro con anterioridade ó prazo de matrícula, non cabendo máis modificacións cás derivadas de causas de forza maior. No caso de que se alteren as datas, garantirase o dereito a exame evitando as incompatibilidades.
Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental de terse presentado á proba ou exame.

Artigo 29: Dos traballos de curso
A data de entrega dos traballos deberá establecerse no momento da súa proposta.

Artigo 30: Participación no control da calidade.
Os estudiantes participarán na avaliación da actividade docente levada a cabo pola Universidade, mediante enquisas ou outros procedementos.
Tamén participarán na avaliación institucional da calidade de titulacións e servicios, xa sexa directamente, xa a través dos seus representantes.
Os resultados das enquisas serán tidos en conta polos órganos da Universidade.

Sección 8ª: Dereito a unha avaliación obxectiva.

Artigo 31: Avaliación e cualificación
A cualificación das probas faraa pública o responsable da materia mediante unha lista oficial, nos lugares previstos para tal efecto no centro, e no prazo máximo fixado na normativa de ordenación académica.

Artigo 32: Do dereito de revisión
Os estudiantes teñen dereito a revisa-lo seu propio exame, nas datas e horarios fixadas polo profesor e publicadas xuntamente coas cualificacións.
A revisión terá lugar no centro, sendo atendido polos profesores encargados da cualificación ou polo profesor que coordine a materia en casos excepcionais, de acordo coas normas aprobadas para tal efecto pola Xunta de Goberno.

Artigo 33: Da impugnación das cualificacións
No caso de que o alumno considere que a cualificación outorgada supón un tratamento arbitrario ou discriminatorio poderá impugnala, mediante petición motivada dirixida ó decano ou director do centro no prazo de dez días dende a publicación da mesma.
O decano ou director, no caso de admitir a trámite a impugnación, dará traslado ó órgano competente para a súa resolución de acordo co procedemento aprobado pola Xunta de Goberno.

Sección 9ª: Dereito á propiedade intelectual

Artigo 34: Da propiedade intelectual dos traballos académicos
Os traballos e memorias prácticas deberán ser devoltos ós estudiantes asinantes, a petición dos mesmos, unha vez rematado o prazo de reclamación contra a cualificación final da materia, salvo que estivese pendente de resolución unha reclamación ou procedemento xudicial. Un exemplar da tese quedará depositado na Biblioteca Universitaria.
No caso de que a devolución non sexa solicitada no prazo establecido, procederase á destrucción ou reciclaxe, de se-lo caso, do soporte material dos traballos.
Os estudiantes conservarán o dereito á propiedade intelectual dos traballos orixinais por eles realizados. A publicación ou reproducción total ou parcial dos mesmos, ou a súa utilización para calquera outro fín deberá contar coa autorización por escrito do seu autor.

Sección 10ª: Dereito a recibir información e a orientación educativa e profesional

Artigo 35: Dereito a recibir información
Os estudiantes teñen dereito a recibiren información, directamente ou a través dos seus representantes, dos acordos ou resolucións dos distintos órganos de goberno que puideran serlles de interese

Artigo 36: Das titorías
Os estudiantes teñen dereito a seren asistidos e orientados individualmente no proceso de aprendizaxe mediante titorías. Para tal efecto os departamentos deberán publicar ó comenzo do cuadrimestre os horarios de titorías do profesorado, que se adecuarán no posible ós diferentes grupos existentes.

Artigo 37: Da información e orientación
Os estudiantes teñen dereito a recibiren orientación e asesoramento sobre a organización, contidos e esixencias dos distintos estudios universitarios, procedementos de ingreso e saídas profesionais. A Universidade disporá os medios necesarios para garantir este dereito sen prexuízo de que outras institución ou entidades poidan colaborar con ela nesta tarefa.

TÍTULO III: DOS DEBERES DO ESTUDIANTADO

Artigo 38: Deberes do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:
Son deberes do estudiantado en canto membros da comunidade universitaria:
Cumprimento dos Estatutos, e demais normativa que fose de aplicación.
O cumprimento das obrigas investigadoras ou discentes inherentes á súa condición.
A cooperación cos demais membros da comunidade universitaria na mellora dos servicios e na consecución dos fins da Universidade.
O respecto do patrimonio da Universidade e a contribución ó seu digno mantemento.
A asunción das responsabilidades propias dos cargos para os que sexan elixidos.
O potenciamento da vinculación e do prestixio da Universidade de Santiago de Compostela na sociedade.

Artigo 39: Deberes específicos do estudiantado
Cumpri-las tarefas de estudio e de investigación que lles correspondan na súa condición de universitarios.
Asistir regularmente ás actividades lectivas programadas, salvo nos casos de exención que se autoricen.
Sección única: Do estudio

Artigo 40: Do estudio
O estudio e a formación constitúen o deber básico dos estudiantes, debendo seguir a tal efecto con responsabilidade o proceso de formación e adquisición de coñecementos, segundo as orientacións dos profesores.

Artigo 41: Asistencia ás actividades académicas
É deber dos estudiantes a asistencia ás clases teóricas e prácticas propias de cada materia e a realización dos traballos complementarios axeitados.
Coa fin de garantir a asistencia á clase, a Xunta de Centro poderá concede-lo cambio de grupo a aqueles estudiantes que xustifiquen axeitadamente a imposibilidade de asistir ás actividades do grupo que lles fose asignado.
Con carácter singular e para casos específicos, a Xunta de Centro poderá concede-la dispensa de asistencia a clase, sempre que se pida e se xustifiquen axeitadamente as causas do pedimento.
Disposición final:
O presente Estatuto entrará en vigor ó día seguinte da súa aprobación polo Claustro Universitario.

RESOLUCIÓN REITORAL DO 27 DE XANEIRO DE 2004 SOBRE PROCEDEMENTO PARA A RECADACIÓN DE IMPAGADOS POR PREZOS PÚBLICOS DE MATRICULA
(Rexistro de Saída do 29-01-2004)

Nos últimos anos vense observando un aumento do número de alumnos que non abonan en tempo e prazo os prezos de matrícula, pese a aumentar as facilidades de pagamento –tres prazos e posibilidade de domiciliación- o que conleva a que a Administración Universitaria teña que requerir o pago, co alto custe de xestión que isto conleva para a Universidade.
Así mesmo, apréciase a necesidade dunha adecuada coordinación entre os distintos servicios e unidades á hora de ter a información sobre impagados e poder tomar as medidas adecuadas.
Para os efectos de garantir o pagamento considerase imprescindible establecer un procedemento sinxelo, áxil e unitario para reclamar as débedas pendentes, así como eliminar determinadas vantaxes de pagamento no caso de impagados ou establecer medidas cautelares que supoñan a perda de servicios universitarios para os debedores.
O obxecto da presente resolución é a simplificación dos procedementos de reclamación de débedas a aqueles alumnos que non abonan a matrícula nos períodos ordinarios, así como establecer determinadas medidas de coordinación dos distintos servicios e a posibilidade de establecer medidas cautelares para garantir que os alumnos morosos abonen as débedas pendentes coa Universidade de Santiago de Compostela.

Artigo 1.- Obxecto.
A efectividade da matrícula dos alumnos universitarios está condicionada ó abono efectivo dos prezos establecidos e liquidados, polo que a falta de pagamento pode determinar a suspensión de efectos administrativos ata que se confirme o abono, a eliminación de situacións de vantaxe no pagamento ou o arquivo e anulación de matrícula de confirmarse a falta de pagamento.
O obxecto da presente resolución é establecer o procedemento a seguir no caso de que os alumnos non abonen os prezos públicos por matrícula nos períodos establecidos, así como as medidas adicionais para garantir o pago. Será aplicable tanto ás matriculas de primeiro, segundo e terceiro ciclo como á matrícula dos estudios de graduado superior.
Modalidades de pagamento dos precios públicos en concepto de matrícula.

Artigo 2.- Pagamentos en efectivo
Son aqueles pagamentos de prezos que se ingresen en calquera das sucursais dos bancos ou entidades financeiras concertadas coa Universidade, previa liquidación efectuada pola Unidade de Xestión Académica ou o Centro de Posgrao, Terceiro Ciclo e Formación Continua, tendo en conta a solicitude de matrícula.
2.1. Liquidación: O importe dos prezos públicos que deben aboar os alumnos pola prestación dos servicios académicos correspóndese coa liquidación que deben efectuar as Unidades de Xestión Académica (UUXA) á vista da petición de matrícula.
O importe da liquidación poderá aboarse nun so prazo ou fraccionalo en tres. O pago completo e o primeiro prazo liquídase no momento de efectuar a matrícula. Os restantes prazos pasaranse ó cobro na primeira quincena do mes de decembro e na primeira quincena do mes de marzo de cada ano.
A contía da liquidación trasládase a un documento xustificativo denominado Folla de Liquidación de Prezos Públicos por Servicios Académicos, da que se imprimirán tres copias: unha para o/a alumno/a, outra para a Administración e outra para a entidade financeira. A data de liquidación será a todos os efectos o día da emisión deste impreso.
2.2. Vencemento: O vencemento dos pagamentos en efectivo producirase ós dez días de ser entregadas no mostrador ou retiradas polo alumno as Follas de Liquidación, ou, no caso de envialas por correo ó domicilio do interesado, ós tres días a partires da súa recepción.
2.3. Confirmación de ingresos: A confirmación do ingreso dos prezos públicos realizarase cunha frecuencia semanal e corresponderalle ó Servizo de Contabilidade e Presupostos. En casos puntais as UUXA poderán confirmar os pagamentos no momento en que o alumnado xustifique o ingreso.
2.4. Reclamación de pagos sen confirmar: o Servizo de Contabilidade e Presupostos comunicará ás Unidades de Xestión Académica, antes do 1 de novembro de cada ano, a relación de liquidacións pendentes de cobro. Este Servizo será o responsable de xerar o procedemento informático que conteña os datos necesarios para ser explotados polas Unidades de Xestión Académica, que serán as responsables da emisión e envío ó interesado da reclamación correspondente. Os seguintes envíos de relacións de liquidacións pendentes de cobro as realizará o Servizo de Contabilidade cada 15 días.

Artigo 3.- Pagamentos domiciliados
Son aqueles pagamentos que se cargan, previa autorización consignada na solicitude de matrícula, na conta bancaria do alumno ou persoa autorizada, correspondentes o importe dos prezos públicos por servicios académicos recollido nas Follas de Liquidación emitidas polas distintas Unidades de Xestión Académica.
3.1 Liquidación: O cómputo do importe dos prezos públicos que debe aboar cada alumno pola prestación dos servicios académicos correspóndese coa liquidación que deben efectuar ás Unidades de Xestión Académica á vista da solicitude de matrícula.
O importe da liquidación poderá aboarse domiciliando nun só prazo ou fraccionandoo en tres. A contía da liquidación trasládase ó documento xustificativo denominado Folla de Liquidación de Prezos Públicos por Servicios Académicos da que se imprimirán dúas copias: unha para o alumno e outra para a Administración. : A data de liquidación será a todos os efectos o día da emisión deste impreso.
3.2. Vencemento: O vencemento é a data ou prazo máximo no que a Universidade pasará ó cobro os recibos domiciliados. O pago completo e o primeiro prazo vence o primeiro día hábil da semana seguinte ó día da expedición da liquidación. Para os pagos fraccionados o vencemento será o primeiro día hábil da segunda semana dos meses de decembro e marzo de cada ano.
3.3 Confirmación de ingresos: A confirmación dos ingresos domiciliados realizarase ós 32 días despois de pasar ó cobro os recibos e correspóndelle exclusivamente realizala ó Servizo de Contabilidade e Presupostos.
3.4. Reclamación de recibos impagados: Os recibos impagados devoltos polas entidades bancarias sen xustificación serán incluídos no procedemento xeral de reclamación articulado para os pagos en efectivo A estes efectos o Servizo de Contabilidade comunicará periódica e conxuntamente os recibos impagados tanto domiciliados como en efectivo, ó Servicio de Xestión Académica.
3.5 Imposibilidade de pago domiciliado en matrículas realizadas con posterioridade ó 30 de novembro.
Dado o solapamento dos prazos de abono, non se permitirá o pagamento domiciliado nas matrículas realizadas despois do 30 de novembro de cada ano, debéndose realizar o pagamento nun único prazo e mediante o sistema de abono en efectivo.
Procedemento de recadación extraordinario en caso de impago

Artigo 4-. Procedemento de recadación extraordinario a seguir en caso de falta de abono dos prezos públicos.
Unha vez detectado e confirmado que un alumno non abonou os prezos públicos correspondentes á matrícula, iniciarase o procedemento de recadación extraordinario, que pode levar á perda de determinados dereitos por parte do alumno, así como a posibilidade de arquivo da petición, a anulación da matrícula ou de iniciar o procedemento de recadación executiva.
4.1.- No caso de que o impago se produza en pagamentos en efectivo abonados nun único prazo, a Unidade de Xestión Académica ou órgano encargado desta función remitirá comunicación ó interesado con acuse de recibo na que se lle indicará que se vai a proceder á anulación da matrícula en todas as disciplinas, concedéndolle dez días para xustificar o pagamento ou causa de exención.
4.2.- No caso de que o impago se produza en pagamentos en efectivo abonados en varios prazos, unha vez acreditado o impago en calquera deles remitirase comunicación ó interesado con acuse de recibo na que se lle indicará que se vai a proceder a anulación da matrícula en todas as disciplinas, concedéndolle dez días para xustificar o pagamento ou causa de exención. O impago dun prazo suporá a perda do dereito ó pagamento aprazado, debendo abonar o resto do importe da matrícula nun único prazo que se establecerá na resolución a notificar. No caso de non proceder ó abono actuarase conforme ó apartado final deste artigo.
4.3.- No caso de que o impago se produza en pagamentos domiciliados, o Servizo de Contabilidade e Presupostos procederá a remitir ás UU.X.A. ou órgano correspondente os recibos devoltos por impagados, así como a eliminar do circuito de “pagos domiciliados” a eses alumnos. As UU.X.A. remitirán comunicación ó interesado con acuse de recibo na que se lle indicará que se vai a proceder á anulación da matrícula en todas as disciplinas, concedéndolle dez días para xustificar o pagamento ou causa de exención. Dito impago suporá a perda do dereito ó pagamento domiciliado, debendo abonar o importe en efectivo dunha soa vez no prazo que se fixe. No caso de non proceder ó abono actuarase conforme ó apartado seguinte.
4.4.- Arquivo da matrícula: No caso de que, requirido o alumno para que proceda ó pagamento ou xustifique causa de exención, este non abonase a débeda ou non xustifique causa de exención, dictarase resolución de arquivo da matrícula. Se a matrícula obxecto de reclamación tivese producido efectos no expediente do alumno, estes poderán quedar en suspenso ou ser anulados. Se se opta pola suspensión dos efectos o alumno non poderá formalizar nova matrícula en tanto non proceda ó abono das precedentes. O impago da matrícula en ningún caso poderá producir efectos máis favorables no expediente do alumno que se se producise o pagamento.

Artigo 5.- Control de Bolsas e Subvencións por matrícula
Para os efectos do control de bolsas e subvencións concedidas, o Servizo de Axudas remitirá semanalmente ás UUXA a relación de denegadas. A partir desta comunicación iniciarase o procedemento de requerimento de pago. Transcorrido o prazo concedido para o pagamento sen facerse efectivo, tramitarase o procedemento de recadación extraordinario establecido no artigo anterior. Igualmente o Servizo de Bolsas fará o control dos alumnos que declaran ser solicitantes de bolsa no momento da matrícula e que non presentan a solicitude.
Medidas complementarias en caso de impago

Artigo 6 .- Medidas cautelares.
6.1 Finalidade
Dado que a efectividade da matrícula atópase condicionada ó seu abono efectivo, determinados servizos que a Universidade presta ós alumnos poden quedar restrinxidos en tanto en canto non se abone o importe total da matrícula. Así mesmo estas limitacións deben tender a asegurar o pagamento de aqueles alumnos que non acreditaron o abono de prezos.
6.2 Medidas a adoptar.
As UU XA ou o Servizo de Xestión Académica incluirán as seguintes medidas cautelares xunto coa resolución de reclamación de abono que se notifique ó alumno:
Indicación de que todas as cualificacións que se produzan coa matrícula non abonada serán “provisorias” ata o efectivo pagamento da matrícula, debendo constar en calquera documento que expida a USC.
Imposibilidade de consulta do alumno do seu expediente nas UUXA ou en rede. No acceso informático constará “acceso denegado por impago da matrícula”.
Imposibilidade de expedición de certificacións ou modificacións de matrícula. Esta medida cautelar só se aplicará no caso de que se estean a tramitar varios expedientes de recadación extraordinaria por impago, sen prexuízo do establecido no artigo 4.4 desta resolución.
No caso de que o procedemento de reclamación de débedas se inicie con posterioridade á finalización de estudios se imposibilitará a expedición de títulos ata o abono efectivo do pagamento de débedas pendentes
6.3 Impugnación autónoma das medidas adoptadas.
As medidas cautelares poderán ser impugnadas autonomamente perante o reitor, quen decidirá o seu mantemento ou revocación.

Artigo 7.- Vía de apremio e recadación executiva.
Rematados os procedementos de reclamación de débedas sen que os alumnos xustifiquen o pagamento, procederase pola UXA ou órgano competente a dictar resolución iniciando a vía de apremio. Esta resolución remitirase á Xunta de Galicia ós efectos de iniciar o procedemento de recadación executiva conforme o Convenio de 3 de maio do 2001.

Artigo 8 .- Recursos
Contra a resolución de arquivo da matrícula por impago poderase presentar recurso perante o reitor que será tramitado pola Oficina de Análise de Reclamacións e Mellora do Procedemento, que elevará proposta á Secretaría Xeral para a súa resolución por delegación do reitor, de conformidade co artigo 6.7 da Resolución Reitoral de 11 de xullo de 2003 (DOG 18 de agosto) sobre delegación de funcións en determinados órganos universitarios.

Artigo 9.- Reactivación da matrícula
A resolución de arquivo da matrícula impedirá a reactivación da mesma, non podendo matricularse ata o próximo curso académico. Non obstante o anterior, a resolución de impugnacións, recursos ou revisión de oficio poderá determinar a reactivación da matrícula por causas excepcionais ou por defectos no procedemento de reclamación de débedas, condicionada ó abono efectivo dos prezos establecidos e, no seu caso, co recargo de constrinximento correspondente e a súa formalización antes do período de exames da convocatoria de xuño.

DISPOSICIÓN ADICIONAL
O pagamento con tarxetas de crédito, presencial ou por móbil equipararase ó pagamento presencial ós efectos da presente resolución

DISPOSICIÓN TRANSITORIA
A Oficina de Análise de Reclamacións e Mellora do Procedemento establecerá no prazo máximo dun mes os modelos de reclamación e de arquivo da matrícula, así como calquera outro modelo de liquidación ou pagamento que se considere necesario para a mellora do procedemento de reclamación de débedas.

DISPOSICIÓN FINAL
A presente resolución entrará en vigor ó día seguinte da data do rexistro de saída


RESOLUCIÓN RECTORAL DO 13 DE OUTUBRO 1998 SOBRE TRABALLOS E PROXECTOS FIN DE CARREIRA

Os planos de estudio das titulacións técnicas e algúns outros contemplan a realización dun traballo ou dun proxecto fin de carreira.
Os proxectos fin de carreira resérvanse para as titulacións técnicas e configúranse nos planos de estudios dun xeito obrigatorio e a realizar unha vez superados o resto dos créditos troncais, obrigatorios, optativos e de libre configuración.
Os traballos fin de carreira que aparecen noutros planos de estudios configúranse ben con carácter optativo ou ben con carácter obrigatorio, e para a presentación e realización non se seguirá como norma xeral ter superado tódolos créditos da titulación senón que cada plano de estudios establece os requisitos mínimos.
As normas de xestión académica no seu apartado sétimo establecen unha regulamentación dos proxectos fin de carreira na que se advirten dous eixes fundamentais por unha banda permitir a máxima flexibilidade en orde á matrícula dos alumnos e remisión ós centros para o establecemento das datas concretas de presentación dos proxectos fin de carreira, debendo tender a coincidir nos períodos inmediatamente posteriores ás datas de exames.
Esta regulamentación non esgota toda a complexidade administrativa que se pode derivar dos mesmos e por outra banda non contempla a regulación dos traballos fin de carreira aínda que por similitude e analoxía se aplique a normativa dos proxectos fin de carreira.

POR TODO O INDICADO RESOLVO:
PRIMEIRO.- Esta resolución regulamenta os proxectos fin de carreira e os traballos fin de carreira e será de aplicación en todo o que na mesma se establece e os centros non teñan regulamentado.
SEGUNDO.- MATRÍCULA
a) Requisitos de matrícula:
PROXECTOS FIN DE CARREIRA.- Poderán concorrer os alumnos que teñan superadas as demais materias do plano de estudios.
TRABALLO FIN DE CARREIRA.- Poderán concorrer os alumnos que reúnan os requisitos que establecen os planos de estudios.
Se o alumno desexara presenta-lo proxecto ou traballo fin de carreira na mesma convocatoria na que superara tódalas materias, e aínda non estiveran entregadas tódalas actas na Unidade de Xestión Académica correspondente, poderá admitirse a matrícula se o secretario do centro evacúa certificación consonte o alumno ten superadas as materias das que aínda non se entregaran as actas. A eficacia da matrícula e a da cualificación do proxecto quedarán condicionadas a que das actas se deduza que o alumno ten superadas as materias necesarias para concorrer, debéndose facer constar esta circunstancia na certificación expedida polo secretario do centro.
A matrícula dará dereito a unha soa presentación do proxecto e reportará os prezos públicos establecidos.
b) Prazos de matrícula
Poderá realizarse en calquera momento do curso académico, e en todo caso, nun prazo previo ós dez días anteriores á data que establezan os centros para a presentación do proxecto.
Os centros elaborarán un calendario no que recollan as datas de matrícula e presentación antes do inicio do curso.
c) Solicitude de concorrencia
Os alumnos que formalicen matrícula deberán presenta-la solicitude da mesma na Unidade de Xestión Académica ó menos dez días antes á data que o centro teña establecida para a presentación do proxecto, ademais indicarán a convocatoria na que vaian a presenta-lo proxecto.
d) Datas de presentación do proxecto
As datas de presentación dos proxectos fin de carreira determinaranas os centros, debendo realizar polo menos tres convocatorias anuais tendendo a facelas coincidir cos períodos inmediatamente posteriores ás convocatorias oficiais de exames.

TERCEIRO.- DIRECTOR DO PROXECTO OU DO TRABALLO FIN DE CARREIRA
a) Traballo ou proxecto vinculado á área de coñecemento
O director poderá ser calquera profesor dos pertencentes ás áreas de coñecemento ás que estea vinculado o traballo.
b) Traballo ou proxecto non vinculado á área de coñecemento
O director poderá ser un profesor pertencente a calquera das áreas de coñecemento implicadas na titulación.
c) Se o director do proxecto non pertencese ás áreas de coñecemento ás que estea vinculado o proxecto ou a titulación requerirase un informe dun profesor dalgunha das áreas implicadas que actuará como co-director do proxecto.

CUARTO.- TRIBUNAIS
Cada centro determinará a composición dos Tribunais encargados de avaliar os traballos e proxectos fin de carreira.
Se o centro non ten regulado a composición dos tribunais será de aplicación o que a seguir se indica:
Os proxectos e traballos fin de carreira serán avaliados por un tribunal composto por alomenos tres profesores que impartan docencia na titulación, do que formará parte o director do proxecto ou traballo fin de carreira.
O decano ou director do centro, a proposta da Xunta de Centro, nomeará un tribunal e ós seus respectivos suplentes por cada titulación que se imparta no centro. Este tribunal poderá exercer as súas funcións por alomenos un curso académico.
O tribunal poderá requerir a asistencia de profesores especializados no proxecto ou traballo fin de carreira que estea a avaliar, en calidade de asesores, con voz pero sen voto. Estos profesores deberán impartir docencia na titulación.

QUINTO.- CUALIFICACIÓNS
Os alumnos poderán ser cualificados conforme ás seguintes cualificacións e mencións: suspenso, aprobado, notable, sobresaliente, matrícula de honra.
O tribunal poderá outorgar unha matrícula de honra por cada 10 alumnos ou fracción que en cada convocatoria presenten o traballo ou proxecto.

SEXTO.- CONVOCATORIAS
Os alumnos poderán presenta-lo proxecto en calquera das convocatorias, podendo acudir a todas elas de non supera-lo nas que concorra.
De acudir a cada convocatoria o alumno deberá reportar os prezos públicos que se establezan, de non o facer, unha vez formalizada a matrícula, non procederá a devolución dos prezos aboados.

DISPOSICIÓN ADICIONAL
Os efectos desta resolución o proxecto fin de carreira establecido nos planos de estudios conducentes á licenciatura en Química ten a consideración de traballo fin de carreira.

ESTATUTO DO ESTUDIANTADO DA UNIVERSIDADE DE SANTIAGO
(Claustro do 12 de decembro de 1998)

TÍTULO PRELIMINAR
Artigo 1.- Definición
O Servicio Universitario de Residencias (SUR) proporciona aloxamento ó estudiantado e demais membros da comunidade universitaria, así como a outras persoas que, aínda que non pertenzan á nosa Universidade, participen nas actividades organizadas por ela.
Ademais de proporcionarlles aloxamento, o SUR promoverá a formación integral de residentes e colexiais, a través da realización de actividades culturais, sociais e deportivas.

Artigo 2.- Finalidade
O SUR ten como finalidade esencial a de contribuír a reducir a desigualdade de oportunidades por motivos económicos, a través da convocatoria de prazas subvencionadas de aloxamento.

Artigo 3. Centros
O SUR está constituído polas residencias e colexios maiores que se rexan polas disposicións contidas no presente Regulamento.

Artigo 4. Servicios
Ademais do servicio de aloxamento, o SUR ofrece unha serie de servicios complementarios. O uso destes estará restrinxido ós residentes ou colexiais, agás autorización expresa do Vicerrectorado de Estudiantes ou da dirección de cada centro.

TÍTULO PRIMEIRO DOS RESIDENTES E COLEXIAIS
Artigo 5.- Dereitos
Recoñécense como dereitos de residentes e colexiais:
O aloxamento durante o curso académico en condicións dignas e adecuadas á condición universitaria.
O goce e utilización dos servicios, instalacións e equipamento comúns do centro do SUR no que se lle adxudicase praza de aloxamento, nas condicións sinaladas polo Regulamento de Réxime Interno daquel.
A iniciativa, participación e asistencia ás actividades sociais, culturais e deportivas auspiciadas polo centro no que resida.
Formar parte dos Consellos de Residentes ou Colexiais de acordo coas disposicións deste Regulamento.
Recibir información relacionada con calquera cuestión que atinxa á súa estancia na residencia ou colexio maior.
A liberdade de entrada e saída do centro do SUR no que resida.
Formular ante a dirección cantas iniciativas, suxestións e reclamacións consideren oportunas.
Optar á concesión das bolsas de colaboración do SUR convocadas polo Vicerrectorado de Estudiantes.
Recibir as honras e distincións que correspondan.

Artigo 6.- Bolsas de colaboración do SUR
O Vicerrectorado de Estudiantes convocará bolsas de colaboración do SUR no mes de outubro de cada curso académico para a realización de actividades socioculturais, deportivas e calquera outra que o centro considere necesaria ou coadxuve á formación integral de residentes e colexiais.
Da Comisión avaliadora dos proxectos presentados formarán parte o Vicerrector ou Vicerrectora de Estudiantes, ou persoa en quen delegue, o Director da Área de Residencias, un membro da Dirección do centro, e dous representantes do Consello de Residentes ou Colexiais

Artigo 7. Honras e distincións
Son honras e distincións:
a) A banda colexial. Terá carácter honorífico, sen dereito a retribución e seralles concedida a todos os residentes no seu terceiro ano de estancia no centro, segundo se estableza nas normas de cada centro.
A banda colexial será entregada nun acto público no que se fará a imposición da banda correspondente segundo o procedemento que para tal efecto estableza o Regulamento de cada residencia ou colexio maior.
b) A Insignia da Residencia ou Colexio Maior, que se imporá nos casos establecidos no Regulamento de cada Residencia.

Artigo 8.- Deberes
Son deberes de todos os residentes e colexiais:
O cumprimento do presente Regulamento, das normas da convocatoria de prazas aprobada pola Xunta de Goberno, e do Regulamento de Réxime Interno do Centro, así como das instruccións que na súa aplicación estableza a súa dirección.
Respectar os dereitos dos membros e demais persoas vencelladas ó SUR.
Gardar respecto e consideración ós demais colexiais e residentes e ó persoal do centro, así como a calquera outra persoa que estea vinculada ou se atope nel.
Residir habitualmente na praza adxudicada e manter a habitación e o seu mobiliario en bo estado.
Respectar e conservar en boas condicións de uso as instalacións, mobiliario, material e equipamento comúns do centro.
Respectar o silencio nocturno no centro e nos seus arredores.
Satisfacer puntualmente as cotas mensuais correspondentes ó pagamento da estancia.

Artigo 9.- Non-pagamento de cotas
O Servicio Universitario de Residencias ó ser un servicio complementario da educación superior require que os residentes aboen nos prazos establecidos as cotas que lles correspondan.
O non-pagamento inxustificado ou o atraso reiterado no aboamento das cotas correspondentes terá como consecuencia a cesación na prestación do servicio e, polo tanto, a perda automática da condición de colexial ou residente dende que lle sexa notificada esta circunstancia.
Os colexiais e residentes que no momento de apertura do prazo de presentación de solicitudes de ingreso teñan pendente de pagamento algunha cota de aloxamento, ou sexan reincidentes, sen causa xustificada, no atraso nos pagamentos, ou manteñan calquera outra débeda relacionada co SUR non poderán ser readmitidos.

TÍTULO SEGUNDO ADMISIÓN E RENOVACIÓN DE PRAZAS

Artigo 10.- Convocatoria anual
A Xunta de Goberno aprobará a convocatoria de prazas de aloxamento para cada curso académico na que se deberá consignar:
O número de prazas reservadas a cada sector da comunidade universitaria.
Os prezos.
O número de prazas subvencionadas.
Os requisitos de acceso para os supostos de nova admisión e readmisión.
O procedemento para tramitar as solicitudes e para adxudicar as prazas.
Os baremos para avaliar as solicitudes.

Artigo 11.- Avaliación de solicitudes
Para a avaliación das solicitudes teranse en conta os criterios académico e económico, e será a convocatoria de prazas a que determinará as puntuacións que se outorgarán en función de cada un dos ditos criterios.

Artigo 12.- Exclusións de readmisión
Ademais daqueles que non cumpran os requisitos establecidos na convocatoria de prazas, non poderán ser readmitidos no SUR os colexiais e residentes que cederon o uso parcial ou total da habitación a outras persoas sen dereito a praza no centro. Para estes efectos, a dirección do centro iniciará un expediente para acreditar esta circunstancia, no que se lle dará audiencia á persoa ou persoas afectadas. A resolución será dictada polo director/a do centro e contra ela poderá interpoñerse recurso ordinario perante o Rector. En todo caso, a dita resolución deberá ser adoptada con anterioridade ó vencemento do prazo de presentación de solicitudes de ingreso no SUR.

Artigo 13.- Discrepancia nos datos facilitados
A falsificación ou omisión de datos ou a consignación de datos que non sexan reais determinará automaticamente a perda da condición de colexial ou residente. En tanto non se verifiquen completamente os datos consignados na solicitude, a adxudicación da praza terá carácter provisorio, de tal xeito que o Vicerrectorado de Estudiantes deberalles notificar ás persoas ás que se lle comprobasen discrepancias entre os datos declarados e os reais, a resolución de que abandonen o centro.

Artigo 14.- A Comisión de Garantías
Créase unha Comisión de Garantías que, a instancia de parte e en supostos excepcionais e por causas debidamente acreditadas de enfermidade, situacións familiares especiais ou outras causas extraordinarias apreciadas por ela, poderá, de ser o caso, eximir dos mínimos académicos ou calquera outro requisito esixidos na convocatoria de prazas así como reconsiderar a cota asignada ou o centro adxudicado.
A Comisión estará composta polos seguintes membros:
O vicerrector ou vicerrectora de Estudiantes ou persoa en quen delegue, que a convocará e presidirá;
O director ou directora da Área de Residencias;
Tres directores e catro membros do Consello de Residentes ou Colexiais, designados por sorteo, que representen os sete centros do SUR.
Actuará como secretario ou secretaria, con voz pero sen voto, un funcionario ou funcionaria do Vicerrectorado de Estudiantes.
Dadas as materias tratadas por esta Comisión, que poden afectar á intimidade das persoas, os seus compoñentes deberán gardar o debido sixilo do tratado nas reunións.

Artigo 15.- Convocatoria estival
Dado que o prazo de vixencia do aloxamento ofertado na convocatoria se circunscribe ó período abranguido entre outubro e xullo, ou outro que se estableza na convocatoria, o Vicerrectorado de Estudiantes poderá efectuar, na medida en que o permitan as dispoñibilidades, unha convocatoria de prazas especial e independente para os meses de verán. A admisión nesta convocatoria non xerará dereitos sobre a convocatoria ordinaria, e, en especial, non xerará dereito á readmisión nela.

TÍTULO TERCEIRO ÓRGANOS DE FUNCIONAMENTO DO SUR

Artigo 16.- Organización
O SUR dependerá organicamente do vicerrector/ra de Estudiantes. O director/ra da Área de Residencias da Universidade, dependente do devandito Vicerrectorado, realizará a súa coordinación.
Así mesmo, en cada centro do SUR existirán os seguintes órganos:
O director ou directora
De ser o caso, unha ou varias subdireccións
O Consello de Residentes ou Colexiais

Sección primeira

Artigo 17.- Director ou directora da Área de Residencias
O director ou directora da Área de Residencias será nomeado polo rector ou rectora da Universidade e, baixo a dependencia do vicerrector ou vicerrectora de estudiantes, será responsable do funcionamento do SUR.
As funcións do director da Área de Residencias serán as seguintes:
1. Supervisar que se cumpran as disposicións do presente Regulamento nos diferentes centros do SUR
2. Coordinar os centros do SUR e o persoal adscrito a este.
3. Supervisar a xestión da convocatoria de prazas de cada curso.
4. Emitir resolucións internas e instruccións que afecten a todos ou varios centros do SUR
5. Distribuír o orzamento entre os centros do SUR
6. Autorizar a celebración de calquera acto extraordinario nos centros do SUR
7. A representación institucional, por designación do vicerrector, nos Encontros Nacionais de Residencias Universitarias, así como nos actos dos colexios maiores adscritos e dos centros do SUR

Sección segunda

Artigo 18.- A dirección dos centros do SUR
A dirección de cada centro estará constituída polo director, e por un ou varios subdirectores.

Artigo 19.- O director ou directora
En cada residencia ou colexio maior existirá un director, que exercerá as funcións de goberno e será responsable do cumprimento das finalidades propias do servicio.
O director será un membro da comunidade universitaria, e o seu nomeamento e cese corresponderá ó rector. A Xunta de Goberno será informada disto.

Artigo 20.- Funcións do/da director/ra
Serán funcións do director:
1. Representar o colexio maior ou residencia.
2. Exercer o goberno do centro, e resolverá sobre calquera cuestión que afecte ó seu funcionamento e réxime interno.
3. Velar porque se cumpran as disposicións deste Regulamento e do Regulamento de Réxime Interno e dictar cantas instruccións sexan necesarias para o seu desenvolvemento.
4. Nomear e cesar o subdirector/tora ou subdirectores/ras.
5. Supervisar os servicios administrativos e exercer a dirección funcional de todo o persoal adscrito ó centro.
6. Autorizar os gastos e a execución de previsións presupostarias así como exercer o control orzamentario.
7. Convocar e presidir o Consello de Residentes ou Colexiais.
8. Atender colexiais ou residentes para os efectos de recibir e resolver sobre cantas iniciativas, suxestións e queixas se lle presenten, así como para facilitarlles información sobre as cuestións que afecten á súa estancia no centro.
9. Propoñer ó Vicerrectorado de Estudiantes a creación ou extinción das bolsas de colaboración para a realización de actividades, así coma calquera outro tipo de propostas de mellora ou organización do centro.

Artigo 21.- O subdirector ou subdirectora
Na dirección dos colexios maiores e residencias participarán tamén o subdirector ou subdirectores.
Os subdirectores serán membros da comunidade universitaria e terán obriga de vivir no centro. Serán nomeados e cesados polo director, unha vez oído o Consello de Residentes ou Colexiais.
Poderán existir ata dous subdirectores nos centros de menos de douscentos residentes e ata tres se o número de prazas fora maior desta cifra.
Serán funcións do subdirector ou subdirectora:
1. Colaborar co director no exercicio das súas funcións, velando polo bo funcionamento do centro, baixo a responsabilidade daquel.
2. Asumir, por delegación do director, todas as funcións que se lle encomenden.
3. Substituír o director en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.
4. Formar parte do Consello de Residentes ou Colexiais.
5. Facer un seguimento das bolsas de colaboración do centro e confeccionar un informe anual de cada unha delas.
6. Informar ós residentes ou colexiais sobre as cuestións da súa competencia que afecten á súa estancia no centro.

Sección terceira

Artigo 22.- O Consello de Residentes ou Colexiais
En cada centro existirá un Consello de Residentes ou Colexiais integrado polo director, que o presidirá, os subdirectores, e representantes dos residentes en número de cinco nos centros de menos de duascentas prazas e de sete nos de máis de duascentas.
Exercerá de secretario do órgano o subdirector que designe o director.

Artigo 23.- Elección de representantes
As eleccións de representantes no Consello serán convocadas polo director no primeiro trimestre de cada curso, baseándose nas normas aprobadas polo Vicerrectorado de Estudiantes. O tempo da representación circunscribirase ó período abranguido entre outubro e xullo.

Artigo 24.- Réxime de convocatorias e funcións
O Consello de Residentes ou Colexiais reunirase unha vez ó mes, agás que algunha circunstancia especial aconselle unha convocatoria extraordinaria.
Serán funcións do Consello de Residentes ou Colexiais:
1. Ser órgano consultivo da dirección nos asuntos relacionados coa vida do centro, así como realizar propostas que afecten a necesidades percibidas neste.
2. Elaborar o Regulamento de Réxime Interno do colexio maior ou residencia, que ha ser aprobado polo Vicerrectorado de Estudiantes.
3. Programar as diferentes actividades do centro, así como propoñer á dirección a creación de comisións destinadas á organización dalgunha actividade de interese para os residentes.
4. Ser oído nos casos de nomeamento e cese dos subdirectores e nos supostos de imposición de sancións graves ós residentes.
5. Tomar parte, a través de dous representantes, na Comisión avaliadora que propón a resolución das bolsas de colaboración do SUR, e, de ser o caso, de acordo coas disposicións do art. 14, na Comisión de Garantías.

TÍTULO CUARTO RÉXIME SANCIONADOR

Artigo 25.- Réxime
O incumprimento do Regulamento do SUR, do Regulamento de cada Centro ou das ordes ou instruccións dos órganos poderá ser obxecto de sanción, de conformidade co réxime establecido no presente documento.

Artigo 26.- Faltas leves e graves
Son faltas leves as seguintes:
a. Manter na habitación utensilios pertencentes ás zonas e servicios comúns da residencia se non media a autorización da dirección.
b. Utilizar os servicios comúns fóra do horario establecido.
c. Infrinxir as normas sobre limpeza e hixiene das zonas comúns e das habitacións.
d. Ter animais nas habitacións.
e. Organizar ou participar en calquera actividade que perturbe a convivencia dentro da residencia, ou calquera outra sen coñecemento e autorización da dirección.
f. A perturbación leve do silencio nocturno.
g. O incumprimento dos demais deberes establecidos neste Regulamento e no Regulamento do Centro cando non constitúan falta grave.

Son faltas graves:
a. O incumprimento grave e manifesto das ordes, instruccións ou acordos dos órganos do centro ou da Universidade.
b. Non residir habitualmente e sen xustificación na praza adxudicada por períodos superiores a 1 mes.
c. Faltar ó respecto e consideración ós demais colexiais e residentes e ó persoal do centro así como a calquera outra persoa que estea vinculada ou se atope nel.
d. Ceder total ou parcialmente o uso das habitacións a persoas sen dereito a praza no centro.
e. Entrar e permanecer nunha habitación allea sen permiso do residente habitual.
f. Empregar incorrecta ou abusivamente as dependencias comúns.
g. A destrucción ou deterioro intencionados dos bens inmobles, mobles ou utensilios da residencia ou de cada habitación.
h. A utilización da residencia ou colexio e dos seus bens mobles e inmobles para fins distintos dos establecidos neste Regulamento.
i. Impedir o desenvolvemento das funcións do persoal do centro ou restrinxir indebidamente o libre acceso dos usuarios ó servicio de aloxamento ou servicios complementarios do centro.
j. A perturbación grave do estudio e o descanso dos demais residentes e calquera outra alteración grave e reiterada do silencio nocturno.
k. Ter, consumir ou traficar, dentro do centro, con substancias estupefacientes ou psicotrópicas.
l. A comisión, no ámbito do Colexio Maior ou Residencia, de calquera conducta calificada como falta grave pola normativa xeral do réxime disciplinario, ou constitutiva de infracción penal.
m. A comisión de tres faltas leves.

Artigo 27.- Tipos de sancións
As sancións que se lles poderán impoñer ós residentes poderán ser:
a. No caso de comisión de faltas leves:
Apercibimento
Suspender o dereito á utilización dos servicios comúns
b. En caso de comisión de faltas graves:
Suspender, no exercicio dos dereitos como residente, a utilización dos servicios comúns
Expulsión temporal do SUR
Expulsión do SUR, sen dereito a reingreso en ningún centro.

Artigo 28.- Procedemento sancionador
A adopción das medidas previstas no artigo anterior por faltas graves levarase a cabo necesariamente mediante o correspondente procedemento disciplinario descrito no seguinte artigo.
No caso de faltas leves, a Dirección do centro poderá acordar a imposición da sanción, trala audiencia do interesado, que deberá serlle notificada a este.

Artigo 29.- Desenvolvemento do procedemento por faltas graves
O procedemento disciplinario iniciarase de oficio, xa sexa por iniciativa propia ou ben por denuncia.
Na tramitación do procedemento disciplinario respectaranse escrupulosamente as garantías derivadas dos principios de audiencia e contradicción, o dereito de defensa da persoa contra a que se dirixa e a separación entre a fase de instrucción e a de sanción.
O órgano de instrucción poderá propoñer, e o órgano resolutorio aprobar, cantas medidas provisorias sexan necesarias para asegurar a eficacia da resolución final.
Aberto o procedemento o vicerrector ou vicerrectora de Estudiantes designará un instructor que levará a cabo todas as actividades necesarias para o esclarecemento dos feitos e persoas responsables. O instructor poderá propoñer o arquivo das actuacións se considerase que non existen elementos suficientes que acrediten a comisión dunha falta.
Terminada a instrucción, darase audiencia ó interesado para que se defenda e alegue o que ó seu dereito conveña.
Rematadas as actuacións remitiranse ó director do centro para que dicte a resolución que corresponda, unha vez oído o Consello de Residentes ou Colexiais. No caso de que o director sexa testemuña ou participara na instrucción, a resolución será dictada polo vicerrector ou vicerrectora de Estudiantes.
Contra toda resolución sancionadora poderá interpoñerse o correspondente recurso administrativo ordinario perante o Magfco. e Excmo. Sr. rector, que esgotará a vía administrativa.
Non procederá a execución da sanción ata que sexa firme na vía administrativa, sen prexuízo de adoptar as disposicións precautorias precisas para garantir a eficacia mentres non sexa executiva.

DISPOSICIÓNS ADICIONAIS

DISPOSICIÓN ADICIONAL PRIMEIRA
Cada centro elaborará un Regulamento de Réxime Interno, que se deberá adaptar ó establecido neste Regulamento e que deberá ser aprobado polo Vicerrectorado de Estudiantes.

DISPOSICIÓN ADICIONAL SEGUNDA
No momento de aprobación deste Regulamento forman parte do SUR da Universidade de Santiago de Compostela os seguintes colexios maiores e residencias:

No Campus de Compostela:
Colexio Maior Rodríguez Cadarso.
Colexio Maior Fonseca.
Colexio Maior San Clemente.
Residencia Universitaria Monte da Condesa.
Residencia Universitaria Burgo das Nacións.
Residencia Universitaria Jimena e Elisa Fernández de la Vega.

No Campus de Lugo:
Residencia Universitaria Xesús Bal e Gay.

DISPOSICIÓN DERROGATORIA ÚNICA
Polo presente Regulamento quedan integramente derrogados o Estatuto do SRI e calquera outra norma que se opoña ó seu contido.


NORMATIVA BÁSICA PARA A ORDENACIÓN DO PROCESO DE ENSINO/APRENDIZAXE E DA AVALIACIÓN DO RENDEMENTO ACADÉMICO DOS ESTUDIANTES.
(Xunta de Goberno do 15-novembro-2001)

Este documento pretende o desenvolvemento básico da normativa emanada da LRU, dos Estatutos da USC e do Estatuto do Estudiante da USC co fin de mellorar o proceso de aprendizaxe do alumno. Esta normativa pretende establecer os sistemas que, en base ás competencias dos centros e departamentos, permitan levar a cabo unha docencia coordinada ó mesmo tempo que se fan explícitas as características e condicións da avaliación tanto ordinaria como extraordinaria.

Artigo 1.- O Plan Docente Anual determinará o número de grupos de cada materia, o cuadrimestre en que se impartirá, a(s) área(s) responsables da impartición da docencia, etc. Así mesmo o Plan de Estudios determina os descriptores de cada materia.

Artigo 2.- O centro establecerá os horarios, a ser posible antes da elaboración dos Planos de Organización Docente dos departamentos.
En todo caso, os horarios de teoría e, ata onde sexa posible, os das clases prácticas serán públicos antes do 15 de maio do curso académico anterior.

Artigo 3.- O departamento ten a obriga de garantir para cada materia unha Programación Docente que deberá especificar:
I. Profesorado encargado da docencia con indicación, de ser varios, do coordinador da mesma.
II.. Descritores da materia no Plan de Estudios.
III. Número de créditos teóricos, de prácticas de encerado, de laboratorio, etc.
IV. Obxectivos.
V. Programa da parte teórica e práctica.
VI. Desenvolvemento do temario (con indicación, a ser posible, do tempo previsto para cada tema) con determinación da docencia non presencial.
VII. Criterios e sistemas de avaliación (tipo e número de probas, traballos para presentar coas posibles datas, controis periódicos, etc)
VIII. Bibliografía recomendada actualizada.
O departamento fará chegar ó centro unha copia da programación docente de cada materia antes do 15 de abril e este faraa pública antes do 15 de maio.

Artigo 4.- Os departamentos garantirán a coordinación da programación e equivalencia formativa de todos os grupos dunha mesma materia. O centro supervisará que o programa e demais apartados da programación anual de cada materia se adapta ó plan de estudios vixente e exercerá a necesaria coordinación de programas e sistemas de avaliación dentro dun mesmo curso, ciclo e titulación.

Artigo 5.- Todas as materias terán dúas probas finais (febreiro/xuño e setembro), salvo nas materias en que polas súas características a Comisión de Docencia do Centro, a proposta do departamento correspondente, autorice de forma expresa a non existencia de tales probas.
A programación docente de cada materia fará explícita a cualificación que se debe outorgar os estudiantes que realicen algunha proba "parcial" de avaliación e non se presenten á proba final. Se non figura referencia explícita, entenderase que os estudiantes que non se presenten a esta proba final e non superen a materia serán cualificados como "Non presentado" na dita convocatoria.
No caso de que, pola característica da materia, non exista tal proba, entón a Programación Docente da dita materia indicará baixo qué circunstancias se cualificará como "Non presentado".
A programación docente dunha materia pode determinar a obriga de realizar certas actividades prácticas de laboratorio, entrega de traballos, etc. sen as cales non será posible a superación da dita materia. Se as ditas actividades só poden ser desenvolvidas durante o período de clase, a Comisión de Docencia do Centro pode establecer a imposibilidade de presentación destes alumnos á convocatoria de setembro.
A programación docente tamén pode contemplar a posibilidade de que a avaliación positiva de certas actividades (prácticas de laboratorio, etc.) poida ser conservada, durante un número determinado de cursos académicos. Neste caso o departamento debe determinar cómo se ten en conta esta situación na cualificación final unha vez que o alumno supere todas as probas e actividades necesarias para superar a materia.

Artigo 6.- Os estudiantes teñen dereito a seren avaliados en todas as materias das que estean matriculados. Este dereito non implica dereito a datas de avaliación distintas das previstas se están matriculados de materias con datas de avaliación coincidentes. Procurarase que non haxa materias de dous cursos consecutivos con calendarios de avaliación coincidentes.

Artigo 7.-O centro aprobará e fará pública a programación das probas finais das disciplinas de todas as convocatorias de cada curso antes do 15 de maio do curso académico anterior.

Artigo 8.- O decano/director do centro resolverá, previa consulta co(s) profesor(es) correspondente(s) e cos alumnos do curso ou grupo afectado, as situacións nas que por imposibilidade sobrevida resulte imposible realizar o exame de acordo co establecido na programación.

Artigo 9.- A avaliación do rendemento académico dos estudiantes é un paso fundamental de calquera proceso educativo. A avaliación ten que basearse en obxectivos educativos e debe de servir para asegurar cinco grandes obxectivos: mellorar a docencia, informar á Universidade sobre o grao de asunción dos obxectivos educativos previstos, garantir a competencia dos alumnos, asegurar a equidade e mellorar a aprendizaxe dos propios estudiantes.
Dada a importancia da avaliación do rendemento académico dos alumnos en calquera proceso docente, o estudiante debe de ter a máxima información posible. É moi importante que os estudiantes poidan predicir as consecuencias do seu rendemento e que poidan controlar o resultado da súa avaliación.
Os alumnos deben de ser informados minuciosamente sobre os criterios e métodos de avaliación, así como o tipo e número de exames.
Os estudiantes serán avaliados de acordo cos criterios que figuren de forma explícita na programación da materia e que, en xeral, se basearán, nalgunha ou nalgunhas das seguintes actividades:
I. Asistencia e participación en clases teóricas, seminarios e outras actividades complementarias
II. Realización de prácticas e traballos de laboratorio
III. Presentación de traballos ou informes relacionados co contido da materia
IV. Probas parciais e/ou final
V. Outras actividades específicas que tamén garantan a avaliación obxectiva do rendemento do estudiante
En todo caso para as probas, distintas da final, que se declaren obrigatorias deben indicarse as datas da súa realización na programación docente.
A dirección do centro deberá de ter coñecemento das actividades que poidan afectar ó resto de actividades académicas co fin de que se fagan de xeito coordinado.
No caso de alumnos con algunha minusvalía, facilitaráselles a realización das probas de avaliación en condicións acordes coas súas capacidades.

Artigo 10.- En todo caso o artigo 115 dos Estatutos da USC asigna ó Consello de Departamento o establecemento dos criterios de avaliación do rendemento dos estudiantes e o artigo 3.1. do Estatuto do Estudiante establece que todos os estudiantes terán igualdade de dereitos e deberes sen máis distincións cás derivadas das ensinanzas que estean a cursar polo que é necesario que os alumnos dos distintos grupos dunha mesma materia reciban unha formación equivalente e sexan avaliados con criterios tamén equivalentes, independente do grupo que lles corresponda sempre que este dereito poida exercitarse sen menoscabo dos dereitos dos demais membros da comunidade universitaria, como establece o mesmo artigo 3 do Estatuto do Estudiante no apartado 2.

Artigo 11.- Para a realización de probas orais, convocarase cada día os alumnos que previsiblemente o profesor poida examinar. Tales exames serán públicos e polo menos nos casos en que sexa a única proba de avaliación, o departamento nomeará unha comisión de avaliación que deberá estar formada por un mínimo de dous profesores.

Artigo 12.- En calquera momento dos exames se poderá requirir a identificación dos alumnos.

Artigo 13.- Os estudiantes teñen dereito, se o solicitan, a un xustificante documental de terse presentado á proba ou exame.

Artigo 14.- O estudiante ten dereito a coñecer os resultados das probas, traballos ou exames parciais que realice, segundo o sistema de avaliación previamente establecido, nun prazo razoable que, salvo casos excepcionais, debidamente xustificados perante a dirección do centro, serán inferiores a 20 días naturais dende a data de realización da proba excepto para as cualificacións finais que deberán axustarse ó regulamentado polas Normas de Xestión Académica. Tales resultados deben coñecerse con suficiente antelación á realización dunha nova proba.
Os profesores deberán conservar todo o material utilizado para a avaliación do alumno por un período mínimo de seis meses, sen prexuicio do previsto no artigo 19.
No caso de que desapareza (perda, roubo…) o material dunha proba antes de finalizar o prazo de revisión e sen que o alumno exercera este dereito, entón o alumno pode solicitar a realización dunha nova avaliación. Neste caso o profesor procurará que o alumno teña facilidades (flexibilización das datas de exame, tipo de exame, etc.) para esta avaliación especial.

Artigo 15.- 1. A notificación das cualificacións finais provisorias de cada materia realizarase mediante a publicación dunha listaxe coa cualificación de cada estudiante. O(s) profesor(es) informará(n) no momento da realización do exame da data aproximada de publicación dos resultados. Unha copia da listaxe exposta coas cualificacións finais provisorias e as rectificacións será depositada na secretaría do centro xunto coa acta por un período mínimo de cinco anos, e deben enviarse a continuación ó Arquivo Histórico. Estas cualificacións consideraranse definitivas ó finalizar o prazo de revisión de exames. O alumno poderá recoller no lugar que se indique unha comunicación coas cualificacións acadadas en cada convocatoria unha vez que finalice o proceso de informatización das actas.
2. Cando sexa posible, a listaxe de cualificacións provisionais á que se refire o apartado anterior elaborarase mediante a aplicación informática de cobertura das actas de cualificacións. Así mesmo, no caso de estar operativo un procedemento para enviar aos alumnos a través de teléfonos móbiles información sobre as cualificacións provisionais das materias nas que estean matriculados e a data de revisión de exames, os profesores deberán autorizar dita comunicación no momento de publicar as cualificacións provisionais, mediante as canles técnicas que se establezan.

Artigo 16.- Na realización dos exames e probas de cada materia deberá(n) estar presente(s) o(s) profesor(es) responsable(s) da materia, salvo casos excepcionais debidamente autorizados pola dirección do centro e departamento.

Artigo 17.- O alumno ten dereito á revisión dos exames tanto parciais como finais na súa presencia nas datas e horarios que para tal efecto deberán fixarse no momento de facer públicos os resultados provisorios. As datas de revisión deberán estar comprendidas dentro dos dez días seguintes á publicación dos resultados e tal prazo non deberá ser inferior a tres días hábiles e garantirá que todos os alumnos que o desexen podan revisar o exame. Procurarase que, para cada estudiante, estas revisións se poidan levar a cabo en dúas datas opcionais e que sexan un instrumento útil para que o alumno poida percibir o seu nivel de coñecementos e carencias, tanto se resulta aprobado como suspenso. Deberá quedar constancia desta revisión (mediante sinatura no exame revisado, listaxe, etc.).

Artigo 18.- A realización fraudulenta dalgún exercicio ou proba esixida na avaliación dunha materia implicará a cualificación de suspenso na convocatoria correspondente, con independencia do proceso disciplinario que se poida seguir contra o alumno infractor.

Artigo 19.- Os traballos e demais material de tipo creativo elaborados polos estudiantes seranlles devoltos, se o solicitan, no prazo de tres meses unha vez finalizado o período de reclamación, agás naqueles casos en que por razóns debidamente xustificadas se establezan períodos maiores.
A reproducción total ou parcial dos traballos do curso e dos contidos das probas de avaliación ou a utilización para outra finalidade, necesita a autorización explícita do autor ou autores, de acordo coa Lei de propiedade intelectual.

NORMATIVA PARA ARTICULAR OS PROCEDEMENTOS EXTRAORDINARIOS DE AVALIACIÓN E A REVISIÓN DE CUALIFICACIÓNS
(Xunta de Goberno do 15-novembro-2001)

Esta normativa desenvolve o artigo 115 dos Estatutos da USC que establecen que a Xunta de Goberno elaborará unha normativa para articular os procedementos extraordinarios de avaliación e a revisión de cualificacións.

1.- AVALIACIÓN ORDINARIA

Artigo 1.1.- A avaliación ordinaria será realizada polo(s) profesor(es) encargado(s) da materia de acordo cos criterios establecidos polo consello de departamento.

Artigo 1.2.- A avaliación dos estudiantes sen posibilidade de docencia previa (exames de febreiro dos plans non-renovados, convocatoria fin de carreira, etc.) realizaraa o profesor que impartiu a materia o curso anterior, ou, en ausencia deste, o que a imparte o curso actual ou quen determine o departamento. Os criterios de avaliación serán os do curso anterior ou do último impartido e o programa deberá axustarse ó realmente impartido nese curso. No caso de materias sen dereito a docencia (por exemplo, materias de plans de estudio en extinción) seguiranse os criterios anteriores e en ausencia do profesor que impartiu a materia por última vez, o departamento designará o profesor ou profesores responsables da avaliación.

Artigo 1.3.- Os centros establecerán os criterios tanto para a asignación como para o cambio de grupo. Tales criterios poden ter en consideración as características das diferentes materias e o número de convocatorias esgotadas polos solicitantes.

2.- AVALIACIÓN EXTRAORDINARIA

Artigo 2.1.- A Comisión de Ordenación Académica e Profesorado (COAP) fará cada curso unha análise global e por centros do rendemento académico dos estudiantes. A parte de poñer en marcha as medidas que poidan axudar a corrixir as disfuncións ou problemas que se detecten, fará chegar ós centros e departamentos responsables as suxestións que considere oportunas (suxestións xerais, axuste do programa, cambio dos métodos de avaliación, etc.). No caso de que a porcentaxe de alumnos que superan unha disciplina se desvíe significativamente, por exceso ou por defecto, da media do resto de materias do mesmo curso, ciclo e titulación, a COAP, impulsará unha análise técnica (baseada en informes sobre o programa, exames, calidade da docencia, etc.) sometendo a consideración da Xunta de Goberno a aprobación das resolucións que considere oportunas.

Artigo 2.2.- En consonancia co indicado nos puntos 2.3 e 2.4, os distintos grupos dunha mesma disciplina deberán ter uns criterios e sistemas de avaliación similares e equilibrados. De non ser así COAP, previo informe do correspondente centro e departamento, estudiará as posibles solucións.

Artigo 2.3.- O esforzo necesario para superar unha materia debe estar en concordancia co número de créditos que se lle asigna no plano de estudios. No caso que se considere que existe unha desviación importante entre os obxectivos previstos no plano de estudios e o nivel de esixencia para superar unha determinada materia, a COAP, previo informe do centro e departamento, someterá a consideración da Xunta de Goberno as resolucións que considere oportunas.

Artigo 2.4.- Apoio titorial extraordinario:
Os alumnos que teñan un máximo de dúas materias pendentes, que non sumen máis de 12 créditos, con catro convocatorias esgotadas en cada unha, poderán solicitar un apoio titorial extraordinario para as ditas materias sempre que teñan superado o 80% dos créditos troncais e obrigatorios para titularse. Este apoio titorial restrinxirase a un máximo de dúas materias en toda a titulación.
O director do departamento, a pedimento do alumno e previa consulta cos profesores da área que ten encargada a docencia da materia, nomeará un profesor- titor do alumno que se encargará de orientar a súa aprendizaxe co fin de que adquira os coñecementos suficientes para superar a dita materia, e será o responsable da súa avaliación.
A Universidade establecerá procedementos que permitan detectar os casos de alumnos que, estando en cursos superiores, levan fracasado de forma continuada no intento de superar algunha materia de cursos inferiores. A estes alumnos ofreceráselles a orientación necesaria para que no proceso de matrícula poidan facer unha elección de materias encamiñada a superar as atrasadas.

3.- REVISIÓN DE CUALIFICACIÓNS
A revisión da cualificación establecida no artigo 115.2 dos Estatutos da Universidade e no artigo 33 do Estatuto do Estudiante levarase a cabo de acordo co seguinte procedemento:
i) Todos os estudiantes teñen dereito a presentar as reclamacións debidamente motivadas que consideren oportunas. Para poder exercer este dereito é necesario que o alumno teña acudido previamente ó proceso de revisión do exame que establece o punto 17. O prazo para a presentación de tales reclamacións será de 15 días hábiles dende que finalice o prazo de revisión de exames.
ii) Á vista da reclamación, o decano /director do centro decidirá sobre a admisión a trámite da alegación presentada. En todo caso, a non admisión a trámite debe estar suficientemente xustificada.
iii) O estudiante pode recorrer a non-admisión a trámite ante o rector. Se o rector confirma a non-admisión a trámite, esta resolución esgotará a vía administrativa.
iv) No caso de que sexa admitida a trámite, o decano/director trasladará a reclamación ós profesores responsables da mesma para que presenten as alegacións que consideren oportunas nun prazo non superior ós tres días hábiles.
v) O decano/director vistas as alegacións presentadas polo profesor e previa audiencia do alumno, poderá decidir sobre a desestimación da reclamación o que poderá ser recorrido polo alumno diante do rector, ou nomeará unha comisión formada por 3 profesores e 1 alumno con voz e sen voto, elixido entre os representantes da Xunta de Centro, a ser posible, con esa materia superada, ademais do decano/director ou vicedecano/subdirector en quen delegue que a presidirá. Non formará(n) parte da dita comisión o(s) profesor(es) responsable(s) da cualificación. Un dos tres profesores será de área distinta e, de ser posible, os outros dous, que serán propostos polo director do departamento, serán da mesma área que ten encargada a docencia e un deles impartindo a docencia da mesma disciplina. A comisión revisará o material que serviu de base para a cualificación do reclamante e demais compañeiros e, se considera que os exames realizados adolecen das garantías mínimas necesarias ou non existen elementos suficientes para a avaliación, pode realizar unha nova proba ó reclamante. A dita comisión fará a proposta de cualificación que corresponda.
vi) A resolución do decano/director do centro, que reflectirá a proposta da comisión, non esgotará a vía administrativa e será o propio director do centro quen lla comunique ó estudiante. No escrito farase constar que, contra esta resolución, se poderá interpoñer recurso de alzada perante o rector no prazo dun mes a partir da data de recepción da resolución.
vii) A revisión de exames non modifica os prazos ordinarios de entrega das actas.
viii) Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que foran realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, conservaranse por un periodo mínimo de seis meses. En caso de reclamación conservarase ata a finalización de todos os procesos.
ix) No caso de ser necesaria unha modificación en acta da cualificación como consecuencia do proceso de revisión de exames, a nova cualificación será notificada polo decano/director do centro ó secretario xeral da Universidade que establecerá o procedemento para a modificación da acta, na que se incorporará unha dilixencia administrativa que reflicta o acordo de modificación.
Disposición derrogatoria: Quedan derrogadas as "Directrices Xerais sobre Avaliación do Rendemento Académico dos Estudiantes" aprobadas pola Xunta de Goberno do 27 de febreiro de 1997 así como calquera outra norma ou disposición que se opoña a esta normativa.
Disposición adicional: Modifícase o artigo 28 das Normas de Xestión Académica que queda redactado como sigue:

28. CONSERVACIÓN E CUSTODIA DE EXAMES
Os exames ou probas, xa sexan parciais ou finais, que foran realizados por escrito ou por calquera outro medio que permita deixar constancia deles, deberán ser conservados polos profesores encargados da materia polo menos seis meses dende a data final de entrega das actas, agás nos supostos de que estea en curso un expediente administrativo ou xudicial, ou que por outras normas se establezan prazos maiores.


CONDICIÓNS DE MATRÍCULA E CONTINUACIÓN DE ESTUDIOS. (NORMAS PROVISORIAS DE PERMANENCIA).
(Xunta de Goberno do 15-novembro-2001)

Artigo 1.- O estudiante que inicia estudios nunha carreira deberá superar unha materia troncal ou obrigatoria no primeiro curso. Se non cumpre este requisito poderá volver a matricularse e deberá superar un mínimo de 30 créditos troncais e obrigatorios do primeiro curso. En caso contrario non poderá continuar os mesmos estudios no curso académico seguinte na mesma titulación.

Artigo 2.- No caso de que volva a matricularse por terceira vez deberá superar os 30 créditos antes indicados de primeiro curso. Se non cumpre ese requisito non poderá continuar os mesmos estudios na Universidade de Santiago de Compostela

Artigo 3.- Un alumno pode concorrer a exame un máximo de 7 convocatorias. Pode solicitar que o examine unha comisión a partir da 5ª convocatoria (4 suspensos). Neste caso o departamento nomeará unha comisión de tres profesores, a ser posible, da mesma área de coñecemento.

Artigo 4.- Independentemente da normativa que sexa de aplicación sobre o límite de convocatorias, no caso de que a un estudiante lle resten un máximo de 30 créditos ou tres materias (en plans non estructurados en créditos) para finalizar os estudios poderá solicitar a exención ó dito límite.

Artigo 5.- No caso de situacións excepcionais ou non contempladas o rector resolverá o que proceda, solicitando os informes que considere oportunos.

1º e 2º ciclo (en extinción)