Saltar ao contido principal
Inicio  »  Centros  »  Facultade de Humanidades  »  Información da Materia

G5091517 - Introdución á literatura galega 1 (Introducción ao estudo da lingua e a literatura galegas) - Curso 2013/2014

Información

  • Créditos ECTS
  • Créditos ECTS: 6.00
  • Total: 6.0
  • Horas ECTS
  • Clase Expositiva: 32.00
  • Clase Interactiva Seminario: 16.00
  • Horas de Titorías: 3.00
  • Total: 51.0

Outros Datos

  • Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
  • Departamentos: Filoloxía Galega
  • Áreas: Filoloxías Galega e Portuguesa
  • Centro: Facultade de Humanidades
  • Convocatoria: 1º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
  • Docencia e Matrícula: null

Profesores

NomeCoordinador
NOGUEIRA PEREIRA, MARIA XESUS.SI

Horarios

NomeTipo GrupoTipo DocenciaHorario ClaseHorario exames
Grupo /CLE_01OrdinarioClase ExpositivaSISI
Grupo /CLIS_01OrdinarioClase Interactiva SeminarioSINON
Grupo /TI-ECTS01OrdinarioHoras de TitoríasNONNON

Programa

Existen programas da materia para os seguintes idiomas:

  • Castelán
  • Galego
  • Inglés


  • Obxectivos da materia
    Proporcionar unha información panorámica mediante a que o alumnado poida facerse cunha idea o suficientemente clara, malia forzosamente somera, das características e vicisitudes que historicamente definiron e condicionaron o proceso de formación da literatura galega como literatura emerxente, con obrigas de tipo identitario nos diferentes tramos periodolóxicos que a historiografía adoita considerar, facendo fincapé fundamentalmente na literatura contemporánea e na canonización paulatina do seu sistema.

    Procurar que os alumnos, ao rematar o curso, leven incorporada á súa bagaxe cultural, en xeral, a información suficiente para poderen abordar nos cursos superiores estudos máis intensos sobre aqueles aspectos que se consideren imprescindíbeis na formación de quen pretenda especializarse en literatura galega.

    Contidos
    Tema I.- A Literatura Galega: concepto, delimitación e peculiaridades do sistema literario galego.- Periodoloxía da literatura galega.- Bibliografía instrumental da literatura galega.- A literatura galega e o(s) seu(s) canon(s).

    Tema II.- A literatura galego-portuguesa. Marco histórico.- Vixencia e usos da lingua galega na Idade Media.- A poesía mélica.- A lírica profana medieval: cronoloxía, códices e xéneros das cantigas. A lírica relixiosa: as cantigas de Santa María.-A prosa tabeliónica. A prosa de ficción: ciclos. Importancia da Materia de Bretaña na literatura galega de todos os tempos.

    Tema III.- Os Séculos Escuros: cronoloxía e textos fundamentais (até 1808). Importancia dos sonetos renacentistas, barrocos e prerrománticos. Os ilustrados galegos: Cornide e Saavedra, Sarmiento, Feijoo, etc.

    Tema IV.- O Pre-Rexurdimento. Cronoloxía e bibliografía (1808-1861).- O nacemento do xornalismo e a súa importancia como soporte da literatura.- O nacemernto da Historia científica.- Historia e celtismo en Europa.- Textos de guerra, políticos, tertulias, follas voandeiras; etc. José Benito Fandiño: A casamenteira.- Nicomesdes Pastor Díaz e o Romantismo en Galicia.- O Provincialismo: axentes e textos máis destacados.-.-A Revolución de 1845.-Os Mártires de Carral.-Primeiros ideoloxemas da narración histórico-discursiva galega.- Banquete de Conxo: os brindes de Pondal e Aguirre.- O socialismo utópico en Europa e en Galicia.- Os Xogos Florais da Coruña.- “Os precursores”, segundo Carballo Calero.

    Tema V.- O Rexurdimento. Concepto e límites cronolóxicos. A formación do patrimonio textual. Discurso identitario e ideoloxemas principais do galeguismo decimonónico. Rexionalismo e enxebrismo. Xeografía da produción cultural galega: a Galicia territorial e a Galicia da emigración.

    Tema VI.- A poesía do Rexurdimento. A tríada canónica: Eduardo Pondal, Rosalía de Castro e Manuel Curros Enríquez. Valentín Lamas Carvajal e outras voces a ter en conta.

    Tema VII.- A prosa do Rexurdimento. Novela e relato. Marcial Valladares, Antonio López Ferreiro e outros narradores de interese. O teatro. Prensa e publicacións periódicas.

    Tema VIII. Tempos do Agrarismo. Conceptos fundamentais. Principais voces literarias.

    Bibliografía básica e complementaria
    Beramendi, Xusto. 2007. De provincia a nación. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

    Brea, Mercedes (coord.).1996. Lírica profana galego-portuguesa. Santiago de Compostela: Centro de Investigación Ramón Piñeiro. Tamén dispoñíbel no sitio http://www.cirp.es/.

    ____ (coord.). 2000. Proxecto Galicia. Literatura. Vol. XXX. Idade Media. A Coruña: Hércules de Ediciones.

    Carballo Calero, Ricardo.1981. Historia da literatura galega contemporánea. Vigo: Galaxia.

    Equipo Glifo. 1998-2003. Dicionario de termos literarios, vol. I (A-D), vol. II (E-H). Santiago de Compostela:

    Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades/Xunta de Galicia. Tamén dispoñíbel e ampliado no sitio http://www.cirp.es/ (premer en DiTerLi).

    Lanciani, Giulia / Giuseppe Tavani (coords.). 1993. Dicionário da literatura medieval galego-portuguesa. Lisboa: Caminho.

    Mariño, Ramón (ed.). 2008. Papés d'emprenta condenada : a escrita galega entre 1797 e 1846. Santiago: Consello da Cultura Galega. Tamén dispoñíbel no sitio http://consellodacultura.org/mediateca/files/2008/09/papes_demprenta.pdf.

    ____ (ed.). 2012. Papés d'emprenta condenada (II). Lingua galega e comunicación nos inicios da Idade Contemporánea. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.

    Tarrío Varela, Anxo.1994. Literatura galega. Aportacións a unha historia crítica. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.

    ____(coord.). 2000. Proxecto Galicia. Literatura. Vol. XXXI: Os Séculos Escuros. O século XIX. A Coruña: Hércules de Ediciones.

    Tato Fontaíña, Laura. 1999. Historia do teatro galego (das orixes a 1936). Vigo: A Nosa Terra.

    Vieites, Manuel (coord.). 2007. Cento vinte e cinco anos de teatro en Galicia. Vigo: Editorial Galaxia.

    Villares, Ramón.2004. Historia de Galicia. Vigo: Galaxia.

    VV. AA. 2003. Gran Enciclopedia Galega. Lugo/Pontevedra: El Progreso/Diario de Pontevedra.

    Competencias
    a) Coñecemento da evolución da literatura galega.
    b) Comprensión das particularidades que caracterizan o discurso literario galego.
    c) Lectura e análise dos textos medievais que se proporcionarán nas clases e das obras de lectura obrigatoria que se relacionan a continuación:

    Rosalía de Castro, Follas novas
    Rosalía de Castro, Cantares Gallegos.
    Eduardo Pondal, Queixumes dos pinos.
    Curros Enríquez, Aires da miña terra.
    Marcial Valladares, Maxina ou a filla espúrea
    Antonio López Ferreiro, A tecederia de Bonaval
    Heraclio Pérez Placer, Contos da terriña
    Francisco Álvarez de Nóvoa, Beira o Barbaña. Paisaxes
    Francisco Mª de la Iglesia, A fonte do xuramento
    Manuel Lugrís Freire, A ponte: drama en dous actos en prosa.

    d) Coñecemento e interpretación dos textos máis representativos

    Metodoloxía da ensinanza
    A materia desenvolverase en clases expositivas, de contido teórico, nas que o profesor presentará os temas do programa.

    Haberá tamén semanalmente sesións interactivas de carácter práctico nas que se levarán a cabo actividades diversas relacionadas coas exposicións teóricas. Estas prácticas revestirán diversas modalidades pero incidirán, sobre todo, no comentario de textos. Outros tipos de prácticas serán menos frecuentes, como audicións de música ou o achegamento ás edicións facsimilares de manuscritos.

    O profesor encargará a realización de breves traballos en relación coa temática da materia, ou a asistencia a algunha conferencia, que se comentarán nas sesións de titoría personalizada. A organización destas titorías personalizadas non impide comunicacións asincrónicas a través do correo electrónico.

    Sistema de evaluación
    - Asistencia e participación activa nas aulas, intervindo nas actividades prácticas. O valor asignado a este aspecto é o 20% da nota.

    - Correcta realización e puntual entrega de traballos propostos polo profesor: 30% da nota.

    - Exame final: 50% da nota.

    Para obter unha cualificación positiva final é imprescindible aprobar tanto os traballos como o exame final.
    Os alumnos con dispensa de asistencia ás clases realizarán unicamente o exame final ou, no seu caso, o do mes de xullo, e deberán poñerse en contacto co profesor a fin de realizar un traballo de común acordo. Para aprobar deberán conseguir unha nota mínima de cinco puntos sobre 10 en cada unha das probas 1) e 2), de cuxa suma, dividida por 2, sairá a media da cualificación numérica final.


    PARA A AVALIACIÓN NA CONVOCATORIA DO MES DE XULLO teranse en conta as circunstancias específicas e xustificadas que concorran naqueles alumnos que, por calquera razón, non se sometesen a avaliación na convocatoria ordinaria do mes de xaneiro ou, téndoo feito, no alcanzaran suficiente nota. Como norma xeral, conservaranse as avaliacións parciais obtidas durante o semestre e, no caso de non dispoñermos delas, avaliaranse ao 100 % as probas a que se sometan os presentados nesta convocatoria, consistentes en 1) Cumprimentar un cuestionario de 50 preguntas de resposta breve valoradas con 0’2 puntos, como máximo, cada unha, e 2) Desenvolver por escrito un tema a elixir entre tres enunciados, con valoración máxima de 10 puntos. Para superar o exame haberá que obter un mínimo de 5 puntos sobre 10 en cada unha das probas 1) e 2), de cuxa suma dividida por 2 sairá a media da cualificación numérica final.
    Tempo de estudo e traballo persoal
    Horas presenciais expositivas .................. 32
    Horas presenciais interactivas .................. 16
    Titorías personalizadas ........................... 3
    Sesións de avaliación ............................. 3
    Horas de traballo dirixido ........................ 21
    Horas de traballo autónomo .................... 75

    Recomendacións para o estudo da materia
    A materia é ampla de contidos, así que a recomendación esencial é que o alumno realice un traballo diario de estudo e lectura para poder levar adiante o curso con orde e aproveitamento. É moi recomendábel que o ritmo de lecturas obrigatorias siga o das explicacións na aula para aproveitar mellor as achegas do profesor, poder contestar as cuestións que se formulen e estar en disposición de facer comentarios e valoracións persoais.

    Observacións. Ocasionalmente, o profesor poderá animar os alumnos a asistir a determinados eventos (conferencias, exposicións, etc.) e a preparar comentarios sobre os mesmos para expoñer na aula, mérito que sería tido en conta á hora da cualificación final.

    Observacións
    Convén ter unha certa preparación en historia xeral e de Galicia, e en historia da arte europea.