G5091518 - Introdución á literatura galega 2 (Introducción ao estudo da lingua e a literatura galegas) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 6.00
- Total: 6.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 32.00
- Clase Interactiva Seminario: 16.00
- Horas de Titorías: 3.00
- Total: 51.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Filoloxía Galega
- Áreas: Filoloxías Galega e Portuguesa
- Centro: Facultade de Humanidades
- Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: null
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoInglésObxectivos da materiaA materia ten como obxectivo fundamental realizar un percorrido cronolóxico polo proceso de configuración e desenvolvemento do corpus literario galego dende a Época Nós (1916-1936) até os nosos días. Esta materia centrarase sobre todo nos problemas de fixación dunha periodización específica, nas súas principais etapas, correntes e movementos, de xeito que o alumnado estea capacitado ao remate das clases para definir o singular desenvolvemento cronolóxico da historia literaria galega, tanto dende un punto de vista interno coma externo. Preténdese tamén que os estudantes teñan unha idea clara do proceso de formación do canon histórico-literario actual, de cómo se foi configurando ao longo do tempo e das particularidades que presenta. Ademais, a materia tentará caracterizar tipoloxicamente a produción textual das distintas etapas, de xeito que os estudantes poidan identificar os trazos máis singulares dos textos literarios galegos tanto dos distintos xéneros coma en diferentes etapas, para desta maneira afrontar os estudos superiores sobre un terreo seguro.
Deste xeito, unha vez superada a materia, os alumnos deberán:
• Ter un coñecemento panorámico da específica configuración da historia da literatura galega dende a Época Nós (1916-1936) até a actualidade, así como do funcionamento do sistema literario e das institucións que o sustentan.
• Ser quen de situar na cronoloxía literaria galega os principais textos e autores, e de identificar as súas singularidades.
• Ter unha visión de conxunto que lles permita recoñecer as novas propostas literarias emerxentes e valorar a súa orixinalidade dentro do corpus literario galego.
A materia deste curso debe garantir a capacidade do estudantado para identificar e interpretar as principais singularidades da historia da literatura galega, tanto no seu desenvolvemento cronolóxico coma na súa periodización interna e organización xenérica e sistémica. Todo isto, dende unha perspectiva panorámica e de conxunto que deixe suficientemente asentadas as bases sobre as que os alumnos do Grao cursarán as materias de literatura galega posteriores ou, no caso de aqueles que cursen o Minor e que, polo tanto, xa non volvan ter contacto académico con esta disciplina, un coñecemento básico, coherente e integral.
ContidosTema I. Tempos do Agrarismo. Conceptos fundamentais. Principais voces literarias.
Tema II. A Época Nós: Introdución. Concepto e límites cronolóxicos. Marco histórico-cultural. Renovación do discurso identitario: o nacionalismo. As vangardas históricas europeas.
II.1. A poesía: epigonismo decimonónico e renovación. Ramón Cabanillas. Manuel Antonio. Amado Carballo, Álvaro Cunqueiro e outras voces renovadoras. O neotrobadorismo. Fermín Bouza Brei, Álvaro Cunqueiro, outros ecos.
II.2. A prosa narrativa. Consideracións sistémicas arredor das coleccións de novela curta, Céltiga e Lar: principais títulos e autores.- O relato. A novela. Castelao, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Rafael Dieste, Francisca Herrera Garrido e outros prosistas de ficción.
II.3. O teatro: renovación e continuidade. O Conservatorio Nazonal de Arte Galego. Fernando Osorio. A Escola Dramática Galega. Leandro Carré Alvarellos.
II.4. O nacemento do ensaio: principais ensaístas. Prensa e revistas literarias. A simbiose Arte-Literatura na Época Nós.
Tema III. Guerra, posguerra e exilio.
III.1. A literatura durante a Guerra Civil e a inmediata postguerra
III.2. A literatura no exilio. Luís Seoane e outros nomes imprescindíbeis.
III.3. A fundación de Galaxia: reflexións sistémicas. Culturalismo/Intervención política.
Tema IV. A poesía entre 1947 e 1980. Aquilino Iglesia Alvariño. A colección Benito Soto.
IV.1. A xeración da República. Clasicismo e paisaxismo. Principais voces líricas.
IV.2. A xeración recuperada. Luz Pozo, Antón Tovar e outras voces.
IV.3. A xeración dos 50.
IV.4. Celso Emilio Ferreiro e a denominada poesía social
Tema V. A narrativa entre 1950 e 1975.
V.1. Algunhas individualidades: Ánxel Fole, Álvaro Cunqueiro.
V.2. A narrativa no exilio: Blanco Amor, Neira Vilas.
V.3. A denominada Nova Narrativa Galega. Principais representantes.
Tema VI. O teatro entre 1950 e 1980. Panorámica xeral
Tema VII. Da restauración da democracia a hoxe. O século XXI. Cambios de paradigmas e fenómenos emerxentes. A irrupción electrónica no campo literario.
VII.1. Poesía da Xeración dos 80.- A xeración dos 90. Grupos, voces e fenómenos emerxentes.
VII.2. Normalización xenolóxica e temática da narrativa de 1980 a hoxe.
VII.3. O Centro Dramático Galego e a renovación do sistema teatral.
VII.4. Literatura na Rede: xeralidades. Formatos poéticos e narrativos emerxentes.
Bibliografía básica e complementariaAlonso Montero, X. e Miro Villar (eds.). 1999. Guerra civil e literatura galega. Textos e documentos. Santiago de Compostela: Consello da Cultura Galega.
Beramendi, Justo. 2007. De provincia a nación. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Carballo Calero, Ricardo. 1981. Historia da literatura galega contemporánea, Vigo: Editorial Galaxia.
Equipo Glifo. 1998-2003. Dicionario de termos literarios. Vol. I (A-D), Vol II (E-H). Tamén en liña e ampliado http://cirp.es (premer en DiTerLi).
Forcadela, Manuel. 1993. Manual e escolma da Nova Narrativa Galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Ed.
Noia, Camiño. 1992. A nova narrativa galega. Vigo: Editorial Galaxia.
Raña, Román. 1996. A noite nas palabras. Unha aproximación á poesía galega de posguerra. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco Ed.
Rodríguez Fer, Claudio. 1994. A literatura Galega durante a Guerra Civil. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
Tarrío Varela, Anxo.1987. De letras e de signos. Ensaios de semiótica e crítica literaria. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
____ 1989. Álvaro Cunqueiro ou os disfraces da melancolía. Vigo: Editorial Galaxia.
____ 1993. Primeiras experiencias narrativas de Eduardo Blanco-Amor. Vigo: Editorial Galaxia.
____ 1994. Literatura galega. Aportacións a unha Historia crítica. Vigo: Edicións Xerais de Galicia.
____(coord.). 2000-2002. Proxecto Galicia. Literatura. Vol. XXXII: Século XX. A literatura anterior á guerra civil. Vol. XXXIII: A literatura dende 1936 ata hoxe. Poesía e teatro. Vol. XXXIV: A literatura dende 1936 ata hoxe. Narrativa e traducción.
Tato Fontaíña, Laura. 1995.Teatro e nacionalismo (Ferrol 1915-1936).
Santiago de Compostela: Laiovento.
____ 1996. Manual e escolma da literatura dramática galega. Santiago de Compostela: Sotelo Blanco.
Vieites, Manuel (coord.). 2007. Cento vinte e cinco anos de teatro en Galicia. Vigo: Editorial Galaxia.
CompetenciasConseguir que os alumnos teñan un coñecemento panorámico da específica configuración da historia da literatura galega dende a Época Nós (1916-1936) á actualidade, así como do funcionamento do sistema literario e das institucións que a sustentan. Ademais, deben ser quen de ubicar na cronoloxía literaria galega os principais textos e autores, e de identificar as súas singularidades; finalmente, ter unha visión de conxunto dinámica e aberta que lles permita recoñecer as novas propostas literarias emerxentes.
A materia debe garantir a capacidade do estudantado para identificar e interpretar as principais singularidades da historia da literatura gallega, tanto no seu desenvolvemento cronolóxico como na súa periodización interna e organización xenérica e sistémica.
Metodoloxía da ensinanza Nas sesións expositivas o profesor presentará sinteticamente os contidos da materia.
Nas sesións de seminario traballarase sobre textos ou paratextos previamente entregados aos estudantes que deberán facer as súas achegas. Estes materiais traballaranse como prolongación ou casos prácticos dos contidos das sesións expositivas.
As titorías programadas destinaranse ao comentario das lecturas obrigatorias do programa. Enténdense como "lecturas obrigatorias" as DEZ que a continuación se relacionan. Algúns deses textos utilizaranse nas sesións prácticas, pero todos deben ser obxecto de lectura por parte do alumnado.
Lecturas obrigatorias
Vicente Risco, O porco de pé.
Ramón Otero Pedrayo, Arredor de si.
Manuel Antonio, De catro a catro.
Ramón Cabanillas, Na noite estrelecida.
Rafael Dieste, A fiestra baldeira.
Álvaro Cunqueiro, Merlín e familia.
Eduardo Blanco Amor, A esmorga.
Carlos Casares, Vento ferido.
Uxío Novoneyra, Os eidos.
Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra.
Sistema de evaluación-Asistencia e participación activa nas aulas, intervindo nas actividades prácticas. O valor asignado a este aspecto é o 20% da nota.
- Correcta realización e puntual entrega de traballos propostos polo profesor: 30% da nota.
- Exame final: 50% da nota.
Para obter unha cualificación positiva final é imprescindible aprobar tanto os traballos como o exame final.
- Os alumnos con dispensa de asistencia ás clases realizarán unicamente o exame final ou, no seu caso, o do mes de xullo, e deberán poñerse en contacto co profesor a fin de realizar un traballo de común acordo. Para aprobar deberán conseguir unha nota mínima de cinco puntos sobre 10 en cada unha das probas 1) e 2), de cuxa suma, dividida por 2, sairá a media da cualificación numérica final.
PARA A AVALIACIÓN NA CONVOCATORIA DO MES DE XULLO teranse en conta as circunstancias específicas e xustificadas que concorran naqueles alumnos que, por calquera razón, non se sometesen a avaliación na convocatoria ordinaria do mes de maio ou, téndoo feito, no alcanzaran suficiente nota. Como norma xeral, conservaranse as avaliacións parciais obtidas durante o semestre e, no caso de non dispoñermos delas, avaliaranse ao 100 % as probas a que se sometan os presentados nesta convocatoria, consistentes en 1) Cumprimentar un cuestionario de 50 preguntas de resposta breve valoradas con 0’2 puntos, como máximo, cada unha, e 2) Desenvolver por escrito un tema a elixir entre tres enunciados, con valoración máxima de 10 puntos. Para superar o exame haberá que obter un mínimo de 5 puntos nas probas 1) e 2). Da suma do resultado destas probas, dividido por 2, sairá a media da cualificación numérica final.
Tempo de estudo e traballo persoalAdemais do tempo de docencia presencial (sesións expositivas+seminario) e da asistencia ás titorías programadas, o alumno debe adicar ao traballo persoal o tempo seguinte:
25 h. de lecturas programadas
70 h. de estudo
Recomendacións para o estudo da materiaÉ moi recomendábel que o ritmo de lecturas obrigatorias siga o das explicacións na aula para aproveitar mellor as aportacións do profesor, poder contestar as cuestións que se formulen e estar en disposición de facer comentarios e valoracións persoais
ObservaciónsEn ocasións o profesor poderá animar os alumnos a asistir a determinados eventos (conferencias, exposicións, etc.) e a preparar comentarios sobre os mesmos para expoñer na aula, mérito que sería tido en conta á hora da cualificación final.