A Facultade de Psicoloxía da USC, creada en 1991, é única no Sistema Universitario Galego.
Os estudos de Psicoloxía comezaron no curso 1973-74. Na actualidade impártense na Facultade os estudos de Licenciatura (en extinción), os de Grao (en proceso de implantación) e distintos títulos de máster.
A formación en Psicoloxía, contemplada no plan de estudos do Grao, trata de conxugar os coñecementos precisos sobre os procesos psicolóxicos, os seus condicionantes biolóxicos, evolutivos e socioculturais; así como o coñecemento dos métodos e técnicas científicas que serven para avanzar no coñecemento psicolóxico. Todos eles son contidos fundamentais das materias que configuran os dous primeiros cursos da titulación. O terceiro curso céntrase en obxectivos formativos de carácter máis aplicado, dirixidos ao exercicio profesional, de nivel xeral, da Psicoloxía. No cuarto curso compleméntase a formación dos estudantes cunha oferta de materias optativas. A este curso adscríbense tamén as prácticas externas, a formación en materia de ética e deontoloxía profesional e o Traballo de Fin de Grao.
A Universidade de Santiago de Compostela pode presumir de que a titulación de Psicoloxía que ofrece sitúase entre as de mellor calidade do sistema universitario español. Sirva un dato para avalar esta afirmación: nas convocatorias estatais do exame PIR (Psicólogos Internos Residentes), ás que se presentan máis de 2000 licenciados/as anualmente, os titulados/as por esta Facultade veñen acadando os mellores resultados absolutos e relativos de todas as Facultades de Psicoloxía de España, conseguindo, no ano 2005, dez das 81 prazas ofertadas, con tres entre os 10 primeiros postos, e no ano 2006, 19 das 89 prazas, entre elas o 1º posto.
Polo que fai referencia á investigación, na Facultade de Psicoloxía existen diversos grupos que se sitúan na vangarda da investigación española das súas respectivas áreas de coñecemento e con importante recoñecemento no contexto internacional. O incremento de proxectos de investigación financiados e de publicacións en revistas internacionais son dúas mostras significativas.
A Psicoloxía, como ámbito profesional, é polivalente e proxéctase a todos aqueles eidos nos que a conducta humana, normal ou anormal, se manifesta: tradicionalmente o ámbito clínico, o do traballo e as organizacións e o educativo; mais tamén outros que emerxen das crecentes demandas derivadas dos cambios sociais, culturais, demográficos, de estilos de vida, etc.
Quixeramos que o paso de cada estudante pola Facultade de Psicoloxía supoña unha oportunidade para a formación integral, non só nos contidos xerais e específicos da titulación de cara ao futuro exercicio profesional, senón tamén como persoa e como cidadán. A participación activa nas aulas, nos órganos de representación de Departamentos e de Facultade, a organización e participación en actividades culturais e de extensión universitaria (entre outras), cunha actitude aberta e dialogante, contribuirán a acadar ese obxectivo.
Para rematar, a Facultade de Psicoloxía é tarefa de todos e de todas; é un proxecto colectivo que precisa do traballo e a participación activa de profesores, estudantes e persoal de administración e de servizos, cada quen desde a súa responsabilidade e posición.
Benvida, por tanto, aos/ás que se incorporan á Facultade e ánimo a todos/as para levar adiante, de forma eficiente, aberta, e responsable, as tarefas do presente curso académico.