G2091107 - Integración do Metabolismo (Formación Básica Común) - Curso 2013/2014
Información
- Créditos ECTS
- Créditos ECTS: 3.00
- Total: 3.0
- Horas ECTS
- Clase Expositiva: 20.00
- Clase Interactiva Laboratorio: 6.00
- Clase Interactiva Seminario: 2.00
- Horas de Titorías: 4.00
- Total: 32.0
Outros Datos
- Tipo: Materia Ordinaria Grao RD 1393/2007
- Departamentos: Bioquímica e Bioloxía Molecular
- Áreas: Bioquímica e Bioloxía Molecular
- Centro: Facultade de Veterinaria
- Convocatoria: 2º Semestre de Titulacións de Grao/Máster
- Docencia e Matrícula: Primeiro Curso (1º 1ª vez)
Profesores
Horarios
Programa
Existen programas da materia para os seguintes idiomas:
CastelánGalegoInglésObxectivos da materiaXUSTIFICACIÓN E INTERESE DA MATERIA
Na materia Bioquímica que se imparte no primeiro semestre do Grao en Veterinaria estúdanse as rutas metabólicas básicas, localizadas nunha célula tipo. Non obstante, os organismos superiores conteñen diferentes tipos de células que se xeran mediante un proceso de diferenciación celular a partir das células embrionarias. As células diferenciadas forman tecidos e órganos con funcións específicas. Como é lóxico, a función do tecido condiciona o seu metabolismo, de maneira que non todas as rutas metabólicas teñen lugar en todas as células; máis ben, cada tecido/órgano dun organismo animal ten un «perfil metabólico» concreto, determinado pola súa función. Para que o organismo funcione correctamente, os procesos metabólicos que teñen lugar nos diferentes tecidos deben estar estritamente regulados e coordinados en función do estado nutricional do animal, do exercicio físico que realiza, etc.
Na materia Integración do Metabolismo situamos os procesos metabólicos no contexto dun organismo animal no seu conxunto (non nunha célula tipo), o que permitirá ao alumno/a aplicar os coñecementos sobre metabolismo adquiridos na materia Bioquímica. Esta materia axudaralle a entender: (i) as bases moleculares dalgúns procesos fisiolóxicos propios dos animais (regulación da glicemia, cambios metabólicos xaxún/alimentación, cambios metabólicos repouso/exercicio físico; lactación; diferenzas metabólicas entre ruminantes e monogástricos); e (ii) as causas dalgunhas patoloxías dos animais relacionadas co metabolismo (hipoglicemia, cetose, diabete).
OBXECTIVOS
1. Analizar as diferenzas dos perfís metabólicos de diferentes tecidos/órganos/sistemas animais
2. Analizar as principais diferenzas metabólicas entre animais monogástricos e ruminantes
3. Coñecer as bases moleculares dalgunhas patoloxías metabólicas propias dos animais
4. Estudar as interrelacións metabólicas entre os diferentes órganos e tecidos en diferentes situacións fisiolóxicas e patolóxicas
5. Utilizar algunhas técnicas de laboratorio e familiarizarse coa metodoloxía científica utilizada no campo das ciencias da vida
6. Aprender a utilizar algunhas bases de datos relacionadas coas ciencias da vida
7. Aprender terminoloxía científica relacionada coas ciencias da vida
ContidosCONTIDOS TEÓRICOS
Unidade didáctica 1. Perfís metabólicos de diferentes órganos e tecidos
Tema 1. Procesos bioquímicos que teñen lugar a nivel do sistema dixestivo. Dixestión enzimática e absorción de glícidos. Dixestión enzimática, absorción e re-esterificacíon de lípidos. Formación de quilomicróns. Dixestión enzimática de proteínas e absorción de aminoácidos. Procesos bioquímicos de dixestión de glícidos en ruminantes: fermentacións ruminais. Procesos bioquímicos de dixestión de lípidos e proteínas en ruminantes. Procesos bioquímicos de dixestión en herbívoros non ruminantes: cabalos e coellos (4 h clases expositivas)
Tema 2. O sangue como mediador das interaccións metabólicas entre os diferentes órganos e tecidos. Composición do sangue. Rutas metabólicas en eritrocitos. Proteínas plasmáticas: tipos e funcións. Proteinogramas. Regulación da glicemia. Sistemas de transporte de lípidos no sangue. Metabolismo de lipoproteínas. (3 h clases expositivas)
Tema 3. Papel do fígado como órgano central na coordinación e regulación do metabolismo. Combustibles almacenados e utilizados polo fígado. Procesos metabólicos no fígado. Destino metabólico dos ácidos graxos volátiles xerados no rumen. Papel do fígado na regulación da glicemia: diferenzas entre ruminantes e monogástricos. Cetoxénese. Bases moleculares das cetoses e cetoacidoses. (3 h clases expositivas)
Tema 4. Metabolismo enerxético do cerebro. Necesidades enerxéticas do cerebro. Substratos enerxéticos utilizados polo cerebro: procedencia e forma de degradación. Papel dos astrocitos no metabolismo enerxético do cerebro. (1.5 h clases expositivas)
Tema 5. Metabolismo enerxético do músculo. Características bioquímicas dos diferentes tipos de fibras musculares. Gasto de ATP no músculo. Combustibles utilizados polo músculo: procedencia e forma de degradación. Adaptacións bioquímicas provocadas polo exercicio físico. (2 h clases expositivas)
Tema 6. Metabolismo do tecido adiposo. Funcións do tecido adiposo branco. Formación e mobilización de triglicéridos no tecido adiposo. Función endócrina do tecido adiposo. Tecido adiposo marrón e termoxénse. (2 h clases expositivas)
Tema 7. Bioquímica da glándula mamaria. Aspectos xerais da bioloxía da lactación.
Composición bioquímica do leite. Propiedades físico-químicas do leite. Biosíntese e secreción dos compoñentes do leite na glándula mamaria. Biosíntese e secreción de lactosa: lactosa sintasa. Biosíntese e secreción de graxa. Biosíntese e secreción de proteínas. Resumo dos procesos de secreción dos compoñentes do leite. (3 h clases expositivas)
Unidade didáctica 2. Coordinación metabólica entre órganos e tecidos
Tema 8. Regulación hormonal do metabolismo enerxético nos mamíferos. Procesos metabólicos regulados por insulina, glicagón e adrenalina. (1.5 h clases expositivas)
Tema 9. Interrelacións metabólicas entre diferentes órganos. Cambios metabólicos no ciclo alimentación-xaxún. Alteracións metabólicas na diabete mellitus. (2 h seminario)
PRÁCTICAS DE LABORATORIO
Sesión 1. Determinación dos niveis de glicemia e cetonemia en diferentes especies de animais domésticos (3 h traballo presencial de laboratorio).
Sesión 2. Separación de proteínas de soro mediante electroforese en xel de agarosa. Obtención e interpretación de proteinogramas de diferentes especies de animais domésticos. (3 h traballo presencial de laboratorio)
Bibliografía básica e complementariaLIBROS DE REFERENCIA:
- NELSON, D.L. & COX, M.M. (2009) Principios de Bioquímica (Lehninger), 5ª ed., Barcelona: Omega.
- STRYER, L., BERG, J.M. & TYMOCZKO, J.L. (2013) Bioquímica. 7ª ed., Barcelona: Reverté.
- MATHEWS, C.K., VAN HOLDE, K.E. & AHERN, K.G. (2002) Bioquímica. 3ª ed., Madrid: Pearson.
- MCKEE, T. & MCKEE, J.R. (2009) Bioquímica: la base molecular de la vida. 4ª ed., Madrid: McGraw-Hill.
- KOOLMAN, J. E RÖHM, K.H. (2004) Bioquímica: texto y atlas, 3ª ed., Madrid: Médica Panamericana.
- HARVEY, R & FERRIER, D (2011) LIR: Biochemistry, 5ª ed., Baltimore: Lippincott Williams & Wilkins.
LIBROS ESPECIALIZADOS:
- KANEKO, J. J, HARVEY, J. W. & BRUSS, M. L., (eds.) (1997) Clinical biochemistry of domestic animals. 5th ed. San Diego: Academic Press.
- DIJKSTRA, J., FORBES, J.M. & FRANCE, J., (eds.) (2005) Quantitative aspects of ruminant digestion and metabolism, 2ª ed. CAB International, Wallingford.
- GAW, A. et ao.,( 2001) Bioquímica Clínica: texto ilustrado en color. 2ª ed. Madrid: Harcourt.
- DEVLIN, T. M., (coord.) (2004) Bioquímica : Libro de texto con aplicaciones clínicas. 4ª ed., Barcelona: Reverté.
- BAYMES, J.W. & DOMINICZAK, M.H. (2006) Bioquímica médica, 2ª ed., Barcelona: Elsevier.
- SÁNCHEZ DE MEDINA, F. (coord.) Tratado de nutrición. Tomo I: bases fisiológicas y bioquímicas de la nutricion, 2ª ed., Madrid: Panamericana
- FOX, P.F. & McSWEENEY, P.L.H. (eds.) (2003) Advanced dairy chemistry, vol. 1: proteins, 3ª ed. New York: Springer
- FOX, P.F. & McSWEENEY, P.L.H. (eds.) (2006) Advanced dairy chemistry, vol. 2: lipids, 3ª ed. New York: Springer.
- McSWEENEY, P.L.H. & FOX, P.F. (eds.) (2009) Advanced dairy chemistry, vol. 3: lactose, water, salts and minor constituentes, 3ª ed. Amsterdam: Elsevier.
CompetenciasEsta materia pretende contribuír ao desenvolvemento das seguintes competencias consideradas na Memoria do Grao en Veterinaria:
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS DISCIPLINARES (CEDVUSC)
- 04. Bases físicas, químicas e moleculares dos principais procesos que teñen lugar no organismo animal
- 16. Coñecemento das técnicas analíticas básicas e a súa interpretación (CEDVUSC16)
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS PROFESIONAIS (D1VUSC)
- 03. Realizar técnicas analíticas básicas e interpretar resultados clínicos, biolóxicos e químicos
COMPETENCIAS ESPECÍFICAS ACADÉMICAS (CEAVUSC)
- 01. Analizar, sintetizar e resolver problemas e tomar decisións nos ámbitos profesionais da veterinaria
- 05. Coñecer e aplicar o método científico e capacidade para aplicalo na práctica profesional incluíndo a medicina baseada na evidencia
- 06. Saber buscar buscar asesoramento e apoio profesionais
COMPETENCIAS TRANSVERSAIS (CTVUSC)
- 01. Capacidade para o razoamento e a argumentación
- 02. Capacidade para obter información axeitada, diversa e actualizada por diversos medios, e analizala de forma crítica
COMPETENCIAS XENÉRICAS (GVUSC)
- 01. Capacidade de aprendizaxe e adaptación
- 02. Capacidade de análise e de síntese
- 04. Planificación e xestión do traballo
- 05. Capacidade para aplicar os coñecementos á práctica
Metodoloxía da ensinanza CONTIDOS TEÓRICOS
Os contidos teóricos desenvolveranse en vinte sesións de clases expositivas e dúas sesións de seminario (50 min/sesión). A exposición dos contidos apoiarase en presentacións de diapositivas elaboradas especificamente para cada tema, e no emprego do encerado para a elaboración de esquemas, estruturas, etc. Para un mellor seguimento das clases, os/as estudantes disporán de material didáctico específico de cada tema a través da plataforma virtual da USC.
A docencia teórica complementarase con dúas sesións (2 h/sesión) de titoría en grupo reducido nas cales se repasarán, cunha participación activa dos alumnos/ás, os contidos da materia. Para este fin, durante a sesión formularanse, de xeito secuencial, unha serie de cuestións que o alumno/a deberá resolver con respostas razoadas. Estas cuestións servirán de fío condutor para repasar os contidos fundamentais da materia e reforzar a súa comprensión. Nas sesións de titoría prestarase especial atención e farase fincapé no emprego da terminoloxía axeitada. Na sesión 1 abordaranse os temas 1-3 e na sesión 2 os temas 4-7. É fundamental que o alumno/a dedique un tempo de estudo e traballo persoal xusto despois de cada clase expositiva para ordenar, entender e memorizar os conceptos fundamentais, e así poder participar de forma activa nas clases de titoría.
CONTIDOS PRÁCTICOS
Os contidos prácticos desenvolveranse integramente en dúas sesións de clases presenciais de laboratorio (3 h/sesión), en grupos de 20 alumnos como máximo. Cada alumno/a disporá dun «Manual de Prácticas» no cal se describen os obxectivos, o fundamento das técnicas que se utilizan e o desenvolvemento metodolóxico dos procesos experimentais que se leven a cabo. A sesión comezará cunha breve explicación do profesor/a sobre o obxectivo da práctica e a súa contextualización. A continuación, o alumno/a deberá realizar coidadosamente o traballo de laboratorio, seguindo as indicacións metodolóxicas do Manual, e empregando o material e reactivos dos que dispón. Unha vez finalizada a práctica, describirá detalladamente no propio Manual, en horas de traballo non presencial, os resultados da práctica, e discutirá acerca dos datos obtidos.
Sistema de evaluaciónPara a obtención da cualificación global terase en conta:
1) Valoración das prácticas de laboratorio: 15% da cualificación global. Valorarase a destreza e coidado no manexo do material de laboratorio, a comprensión do fundamento das técnicas utilizadas, a presentación de resultados e a capacidade para interpretar e discutir acerca dos datos obtidos.
2) Grao de participación activa nas clases de titorías en grupo: 10% da cualificación global. Valorarase a capacidade para responder axeitadamente ás preguntas que se formulen relacionadas cos contidos abordados nas clases expositivas e o uso da terminoloxía axeitada.
3) Valoración dos coñecementos adquiridos mediante exame final: 75% da cualificación global. O exame constará de 2 partes: (a) test de 30 preguntas con catro opcións de resposta e unha soa correcta; corrixirase a probabilidade de acerto por azar. (b) 3-4 preguntas curtas para relacionar/aplicar os coñecementos adquiridos.
REQUISITOS:
- para ter en conta as puntuacións dos apartados 1 e 2 é necesario obter unha puntuación mínima no exame de 4.5 puntos/10.
- a asistencia ás clases prácticas de laboratorio é un requisito indispensable para poder realizar o exame final (e polo tanto aprobar a materia) tanto na convocatoria ordinaria coma na oportunidade de recuperación. A falta a unha práctica deberá ser xustificada documentalmente e, sempre que sexa posible, comunicada con antelación. O alumno/a deberá recuperar la(s) práctica (s) non realizadas noutro grupo que lle sexa asignado.
Tempo de estudo e traballo persoalEstímase que cada alumno/a deberá dedicar aproximadamente 75 horas totais de traballo e estudo para superar esta materia, coa distribución que se indica a continuación:
Tipo de Actividade:
- Clases expositivas - horas presenciais: 20; horas estudo non presencial: 30
- Seminarios - horas presenciais: 2; horas de estudo non presencial: 4
- Prácticas de laboratorio - horas presenciais: 6; horas traballo non presencial: 6
- Titorías en grupo reducido - horas presenciais: 4
- Realización de exames - horas: 3
TOTAL - horas presenciais: 32; horas de estudio/traballo non presencial: 43
Recomendacións para o estudo da materiaRECOMENDACIÓN:
Recoméndase aos alumnos/ás dedicar un tempo de estudo e traballo persoal xusto despois de cada clase expositiva para ordenar, entender e fixar os conceptos fundamentais do tema en cuestión. Nese caso, o alumno/a estará en condicións de participar dunha forma activa nas clases de titoría; ademais, o tempo de estudo previo ao exame que o alumno/a deberá dedicar para superar a materia reducirase considerablemente.
ObservaciónsPara a impartición de clases expositivas, os alumnos/ás distribuiranse en dous grupos por orde alfabética dos seus apelidos.
Grupo A
Profesor responsable da docencia: Antonio Villamarín Cid
Horarios de titorías individuais: luns, martes e mércores de 12 a 14 h.
Gupo B
Profesor responsable da docencia: José Luis Rodriguez Rodríguez
Horario de titorías individuais: luns, martes e mércores de 12 a 14 h.
Cada profesor será responsable dos respectivos grupos de seminarios, prácticas e titorías en grupo reducido.