Saltar ao contido principal
Inicio  »  Cursos e congresos  »  Programa ConCiencia  »  Programa ConCiencia 2006

Programa ConCiencia 2006

Baixo o lema "Conciencia", o Consorcio de Santiago de Compostela vén de deseñar unha programación estable de divulgación científica que traerá ata Santiago a varios científicos do máximo nivel, expertos en diversas disciplinas, entre eles varios Premios Nobel. O ciclo comeza os vindeiros días 16 e 17 de marzo coas intervencións do físico suízo Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986.

O obxectivo do programa Conciencia é difundir entre a cidadanía a importancia que merece o saber científico como unha forma máis de cultura, ao tempo que se producen intercambios de coñecementos entre a comunidade científica galega e as personalidades máis sobresalientes do ámbito científico internacional.

A lista de poñentes iníciase co científico suízo, Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986, e continúa coas intervencións o vindeiro mes de xullo de Sir Michael Francis Atiyah, destacado matemático inglés. Para o mes de outubro están previstas as ponencias de Nobel de Medicina sueco Torstein Nils Wiesel, e do Nobel de Química suízo Richard Robert Ernst. Nas distintas participacións abrangueranse, entre outros, temas como as aportacións da Física e a Química á sociedade ou o pulo que recibe o eido da nanotecnoloxía en Galicia.

Participantes e Información

Heinrich Rohrer
Sir Michael Francis Atiyah
Torsten Nils Wiesel
Richard Robert Ernst

Heinrich Rohrer

rohrer

Premio Nobel de Física 1986

Este físico, nado en Suíza en 1933, recibiu o Premio Nobel de Física en 1986, pola invención do microscopio de Efecto Túnel, que equivale para a nanotecnoloxía o que o telescopio para a astronomía. Este aparello permite "ver" átomos individualmente, ofrecendo a posibilidade de manipulalos un a un, polo que é considerado o instrumento máis preciso para manipular a materia, permitindo a evolución da nanotecnoloxía.

Ademais, Rohrer colaborou, en 1984, no proxecto do Microscopio de Forza Atómica, que conduciu á creación dunha gran variedade de instrumentos para estender as imaxes de resolución case atómica a moitas outras forzas como a fricción e o magnetismo.

A partir de 1986, Heinrich Rohrer foi nomeado director do Departamento de Física dos laboratorios que a compañía IBM ten en Zúrich, onde continuou coas súas investigacións sobre os materiais antiferromagnéticos.

Sir Michael Francis Atiyah

atiyah

Medalla Fields 1966
Premio Abel 2004

Nado no Reino Unido, en 1929, é Honorary Professor da University of Edinburgh School of Mathematics, no Reino Unido.

Recibiu a Medalla Fields en 1966, e o Premio Abel en 2004 (os dous premios máis importantes no eido da Matemática, disciplina para a que non existe Premio Nobel).

Probou o chamado Teorema de Atiyah-Singer nos anos 60, un resultado que permitiu o desenvolvemento de moitas polas da Matemática dende aquela. Tamén é o fundador dunha das principais ferramentas da topoloxía alxebráica: a teoría topolóxica K.

Torsten Nils Wiesel

wiesel

Premio Nobel de Medicina 1981

Torsten Nils Wiesel (Suecia, 1924), Presidente Emérito da Rockefeller University e Nobel de Medicina e Fisioloxía en 1981, polos seus descubrimentos sobre o procesado de información no sistema visual.

Descubriu cómo a zona cerebral encargada da visión precisa estímulos para se desenvolver. Estes achádegos carrexan unha demostración da plasticidade do cerebro, a posibilidade do cambio das súas estruturas segundo os estímulos recibidos. Racha, deste xeito, coa concepción "inmobilista" do cerebro, demostrando que non todas as capacidades do ser humano son tan innatas como adoito pensamos, senón que cun estímulo axeitado poden ser adquiridas.

Richard Robert Ernst

ernst

Premio Nobel de Química 1991

Nado en Suiza, en 1933, profesor da Eidegenössische Technische Hochschule, de Zurich.

Recibiu o Premio Nobel de Química en 1991, polo desenvolvemento da Resonancia Magnética Nuclear. A espectroscopía por resonancia magnética nuclear de alta resolución é un método moi preciso de caracterización da materia. Porén, este invento é un exemplo de trasvase do coñecemeto á sociedade, posto que se convertiu axiña nunha técnica moi usada en medicina para obter imaxes moi precisas do corpo humano.