BENVIDA
Benvidos ó Departamento de Botánica 
O Departamento de Botánica é un órgano relativamente novo, dentro da longa traxectoria da Universidade de Santiago de Compostela, xa que foi constituído en xuño do ano 2002 tras a separación do Departamento de Fisioloxía Vexetal có cal formou durante anos o Departamento de Bioloxía Vexetal ubicándose na Facultade de Bioloxía.
O Departamento segue adscrito na actualidade á Facultade de Bioloxía aínda que os seus membros espállanse por distintos centros: Facultade de Bioloxía e Facultade de Farmacia no campus de Santiago, e a Escola Politécnica Superior e a Facultade de Veterinaria no campus de Lugo. Neles, impártese docencia en máis de dez titulacións de Grao e Máster.
Ademais, o Departamento de Botánica conta con representantes noutros centros de investigación ou servizos como o Herbario SANT, o Museo de Ciencias Naturais Luis Iglesias, o Xardín Botánico e o Servizo de Publicacións en Santiago de Compostela; no IBADER e a Estación Biolóxica do Courel en Lugo, e nas Estacións de A Graña en Ferrol e a Hidrobiolóxica do Encoro do Con en Vilagarcía de Arousa.
A investigación que se fai no Departamento abarca os múltiples aspectos de estudo das plantas, dende a botánica descritiva (plantas vasculares, plantas non vasculares e fungos), á botánica aplicada (análise de biodiversidade, avaliación de impacto ambiental, contaminación, conservación, aerobioloxía e paleobotánica, fitopatoloxía, dendrocronoloxía), e dende os microscópicos grans de polen ata os ecosistemas máis complexos. En fin, dende a beira do mar ata as cumes das montañas.
Esta diversidade na nosa ubicación e nos nosos obxectivos investigadores facilítanos unha mellor comprensión do noso entorno e permítenos ofertar respostas ós problemas que poidan xurdir nel.
Pero o noso horizonte non só abarca o territorio galego, senón que proxéctase máis aló das nosas fronteiras, coa realización de traballos científicos en distintos lugares de España, de Europa, Africa e América (México, Cuba, Chile,…).
Vos convidamos a que coñezades mellor o noso traballo.
