Saltar ao contido principal
Inicio  »  Departamentos  »  Departamento de Historia Contemporánea e de América  »  UPDOC

UPDOC

A Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo é un proxecto que se desenvolve no seo do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, e que ten como obxectivo central o garantir a preservación dunha parte fundamental da memoria de Galicia. Esta tarefa é posible a través da recollida, conservación e difusión de materiais, tanto documentais como en son, que teñen un destacado valor histórico.
A unidade ten como cerne o arquivo de fontes orais HISTORGA (Historia Oral de Galicia), que actualmente é unha importante fonoteca, ao contar con máis de 1.600 entrevistas sobre a historia recente de Galicia. A práctica do traballo de campo fai posible tamén que se estea a formar unha colección de material gráfico e documentos persoais, que van a ser conservados non só por si mesmos, como noutros moitos proxectos existentes, senón acompañados da memoria oral que os explica. Ademais súmanse a ese servizo os aportes da documentación escrita e bases de datos achegados por moitas das investigacións e proxectos que no pasado e na actualidade se levan a cabo no Departamento de Historia Contemporánea e de América da USC.
Ademais da seguridade que se da aos valiosos materias documentais e de audio, a unidade proporciona un respaldo continuado ás actividades de recollida deste tipo de patrimonio, servíndose ademais de modernas tecnoloxías para traballos de dixitalización, creación e actualización de bases de datos; así como tamén para a súa difusión, grazas a un servizo de consulta estable e unha activa presenza en Internet.
Recoller, conservar e difundir son as tres areas de actividade básica que este proxecto contempla: en torno ao patrimonio oral que se ven reunindo no fondo HISTORGA; en torno o patrimonio gráfico ó noso alcance; e en torno ao patrimonio documental do Departamento de Historia Contemporánea.

 

HISTORGA

O Fondo HISTORGA (Historia Oral de Galicia), foi creado a finais dos anos 80 pola profesora Isaura Varela, coa colaboración de Marc Wouters e Xurxo Pantaleón, converténdose nunha iniciativa moi ambiciosa, especialmente se temos en conta que a historia oral aínda tiña por entón un escaso desenvolvemento. Na actualidade dispón dunha inestimable colección que xa supera as 1.600 entrevistas, poñendo á disposición de calquera que estea interesado testemuñas sobre aspectos centrais da historia recente de Galicia, entre os que salientan os seguintes:

 

GUERRA CIVIL

A Guerra Civil marcou de xeito decisivo a historia recente de Galicia, e durante os anos do Franquismo a memoria da mesma que se podía difundir estaba limitada polo control do réxime, ficando boa parte case limitada a ámbitos privados ata a consolidación democrática. As máis de 350 entrevistas sobre este conflito e as súas repercusións directas na Galicia supoñen unha fonte dun enorme valor con informacións ás que difícil acceder de outro xeito. Ademais, outros temas de grande interese, como a II República ou a posguerra, soen ser de gran relevancia nas entrevistas que teñen a Guerra Civil como tema principal.

 

 emigracion

 

 

 

 

 

 

 

 

EMIGRACIÓN

A Galicia do século XX non se pode entender sen ter en conta a extraordinaria importancia da emigración. Foron milleiros os galegos que se buscaron a vida fora do noso país, a meirande parte deles alén do Atlántico, e as súas experiencias no exterior son unha parte fundamental da nosa memoria recente. As entrevistas centradas directamente na emigración son as máis numerosas de todo o fondo, sumando máis de 800, e supoñen unha fonte de gran valor e interese para o estudo dos fluxos migratorios nos máis diversos aspectos. Pola importancia cobrada nestes últimos anos, tamén se lle da unha importancia cada vez maior á inmigración, que xa conta con preto de 200 entrevistas específicas.

 

  

emigracion

 

 

 

 

 

 

 

 

 

VIDA COTIÁN E OUTROS

Guerra Civil e Emigración supoñen, polo de agora, as dúas liñas temáticas máis abordadas do fondo, pero hai moitas outras, a maioría baixo o adaptable descritor de vida cotiá, pero tamén aspectos máis específicos como a conflitividade nos anos do franquismo, o traballo industrial e agrario, a historia da muller ou a educación.

 

 

emigracion

 

 

 

 

 

  

 

 

 

 

DIFUSIÓN E CONSULTA


Conscientes do enorme interese e potencial do fondo, no ano 2005 púxose en marcha, no marco do Plan Estratéxico do Departamento, un convenio coa Consellería de Cultura da Xunta de Galicia para a catalogación e difusión do arquivo que nos permitira dalo a coñecer e poñelo á disposición da comunidade académica así como do conxunto da sociedade.
A totalidade dos materiais está dispoñible para consulta nas instalacións da UPDOC, dada a imposibilidade, tanto por motivos éticos como legais, de volcar a rede tódolos contidos, polo caracter fondamente persoal dos mesmos. A atención aos investigadores e a calquera que queira consultar os fondos é un dos nosos principais obxectivos, e no propio espazo web se ofrecen as canles de comunicación para poñerse en contacto e poder acceder sen atrancos aos materiais á nosa disposición.

 

CONSULTAS HISTORGA (maio 2010-maio 2011)

Persoas que consultaron o fondo: 12

Sesión de consulta: 23

Total de entrevistas consultadas: 68

 

CENTRO DE PROCEDENCIA DOS INVESTIGADORES

Universidade de Santiago: 6

Institutos de Secundaria: 2

Cañada Blanch Centre: 1

Paris-Est Marne-la-Vallée: 1

Universidad de Hamburgo: 1

Outros: 1

 

TEMÁTICAS CONSULTADAS

Vida Cotiá no primeiro franquismo

Vidá cotiá no primeiro terzo do século XX

II República e Guerra Civil

Guerra Civil e represión

Combatentes na Guerra Civil

Fuxidos na posguerra

Muller na posguerra

Estraperlo na posguerra

Emigración

Emigración femenina de Galicia a Cataluña

Emigración a Venezuela

Emigración a Arxentina