Saltar ao contido principal
Inicio  »  Departamentos  »  Departamento de Historia Contemporánea e de América  »  Servizos de apoio á investigación

1. Cátedra Juana de Vega

Creada en decembro de 2005 en colaboración co Departamento de Historia Contemporánea e de América no marco das actividades organizadas pola Fundación Juana de Vega para conmemorar o bicentenario do nacemento da súa fundadora (1805), fíxase como obxectivos promover o desenvolvemento de actividades tanto de investigación como de formación e divulgación en torno a tres aspectos centrais da historia contemporánea de Galicia:

1. Pensamento ilustrado e proxecto político liberal.
2. O achegamento da muller ao pensamento e proxecto liberal, atendendo moi especialmente á vida e obra de dona Juana de Vega.
3. As iniciativas e os procesos modernizadores do agro galego dende o século XIX.

Conforme a iso serán actividades da Cátedra, ademais do financiamento de bolsas pre/postdoutorais de investigación sobre os temas referidos, a organización de seminarios bianuais de debate sobre o pensamento e o proxecto liberal, así como actuacións orientadas á divulgación. Ademais do Premio Juana de Vega para Investigadores Novos, a Cátedra promove na actualidade tres liñas de publicacións, centradas na edición das Actas das reunións científicas, da serie Cadernos de Investigación para os traballos de iniciación, e das Monografías en torno ás liñas de investigación vencelladas á mesma. Forma parte das iniciativas da Cátedra, igualmente, a dixitalización de fondos documentais e hemerográficos de valor para os investigadores da materia.

Os membros do Departamento de Hª Contemporánea, Xosé Ramón Barreiro Fernández, Catedrático Emérito de Historia Contemporánea, e Mª Xesús Baz Vicente, Profesora Titular de Historia Contemporánea, forman parte da súa Dirección, como Director e Secretaria, respectivamente.

Preman no enlace para ampliar máis información

Cátedra Juana de Vega

2. Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo (UPDOC)

A Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo é un proxecto desenvolto no seo do Departamento de Historia Contemporánea e de América da Universidade de Santiago de Compostela, co obxectivo central de garantir a preservación dunha parte fundamental da nosa memoria. Esta tarefa realízase a través da recollida, conservación e difusión de materiais, tanto documentais como en son, que teñen un destacado valor histórico,

A unidade ten como cerne o arquivo de fontes orais HISTORGA (Historia Oral de Galicia), foi creado a finais dos anos 80 pola profesora deste Departamento Isaura Varela, coa colaboración de Marc Wouters e Xurxo Pantaleón. Na actualidade dispón dunha inestimable colección que xa supera as 1.600 entrevistas, poñendo á disposición de todos testemuñas sobre aspectos centrais da historia recente de Galicia.
A UPDOC ten o seu propio sitio web UPDOC, na cal se poden consultar as fichas descriptivas de gran parte do fondo de entrevistas do Fondo.

3. Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas "Gumersindo Busto"

O Centro Interdisciplinario de Estudos Americanistas "Gumersindo Busto" (CIEAM), foi aprobado polo Consello de Goberno da USC o 17 de febreiro de 2005, culminando así un longo período de xestación e trámites que comezara, a impulso da Área de Historia de América, no ano 2002.

O Centro expresa no seu mesmo nome a súa vocación. Por unha banda, como se fai patente pola ampla participación de diferentes áreas de coñecemento, nace con vontade de xuntar todos aqueles membros da comunidade universitaria de interese americanista que compartan os seus obxectivos; por outra, dedícase ao que se considerou o impulsor do americanismo na USC, Gumersindo Busto.

Organización

  • Directora: Pilar Cagiao Vila
  • Vicedirectora: Montserrat Villarino Pérez
  • Secretario: Eduardo Rey Tristán
  • Representante no Consello de Goberno da USC: Javier Guitián Rivera
  • Representantes do persoal científico: Jesús Izco Sevillano, Rafael García Pérez e Andrés Precedo Ledo

 

Preman no enlace para ampliar máis información

CIEAM