Comunicado do Departamento ante o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte
Xoves, 11 de outubro de 2012
Ramón Villar Aragunde
COMUNICADO DO DEPARTAMENTO ANTE O
MINISTERIO DE EDUCACIÓN, CULTURA E DEPORTE
O Consello do Departamento de Latín e Grego da Universidade de Santiago de Compostela, en
reunión do 9 de outubro de 2012, acordou remitir ao Ministerio de Educación, Cultura e Deporte un
escrito coas seguintes consideracións sobre o Anteproxecto da Lei Orgánica para a Mellora da
Calidade Educativa:
1) O Departamento manifesta a súa preocupación ante o feito de
que o mencionado Anteproxecto acabe provocando a práctica desaparición no currículo formativo de
ESO e Bacharelato dos estudos de Cultura Clásica, Lingua Grega e Lingua Latina, que constitúen
piares fundamentais na formación educativa, singularmente nos itinerarios de orientación
humanística, e que están e deben estar presentes nos modelos educativos dos países máis
avanzados de Europa.
2) De seguir adiante dito Anteproxecto, é altísimo o risco de
que desaparezan da Universidade Española algúns dos estudos fundamentais na rama de Filosofía e
Letras e con eles unha tradición científica consolidada e de gran prestixio
internacional.
3) O Anteproxecto vai claramente en detrimento do obxectivo,
manifestado repetidas veces, dunha ensinanza de calidade, ao non fomentar un sistema educativo que
abarque as diferentes esferas do saber e ofreza aos estudantes verdadeira liberdade de elección de
acordo cos intereses e capacidades de cada un.
4) Por todo o anterior sométese á consideración das autoridades
competentes as seguintes propostas:
a) Manter a Cultura Clásica de 3º e 4º da ESO como materia de
oferta obrigada, por ser o primeiro achegamento dos alumnos e alumnas ao Mundo Antigo e a porta de
entrada necesaria para os posteriores estudos de Latín e Grego.
b) Manter o Latín de 4º da ESO en condicións de optatividade
real, substituíndo a opcionalidade que establece a LOMCE por un itinerario máis claro: Xeografía e
Historia e Latín para Humanidades e Ciencias Sociais.
c) Manter o Grego I e II como materia obrigatoria da modalidade
no Bacharelato de Humanidades. A situación na que a LOMCE deixa estas materias condénaas á súa
desaparición.
Santiago de Compostela, 9 de outubro de 2012
Departamento de Latín e Grego
Universidade de Santiago de Compostela