Regulamento de Réxime Interno do Claustro Universitario
Aprobado polo Claustro Universitario o 23 de febreiro de 2006
Capitulo I - Normas Xerais de Organización do Claustro
Artigo 1
O Claustro Universitario, máximo órgano representativo da comunidade universitaria, réxese polos
Estatutos, o presente Regulamento e os acordos que adopte no seu desenvolvemento.
Artigo 2
Composición
- De acordo co artigo 76 dos Estatutos da Universidade de Santiago de Compostela, o Claustro
Universitario está composto por:
- O reitor ou a reitora, que o presidirá.
- O secretario ou a secretaria xeral, que será tamén secretario/a do Claustro.
- O xerente ou a xerente.
- 300 representantes dos diversos sectores da comunidade universitaria, elixidos mediante
sufraxio universal, libre, igual, directo e secreto, coa seguinte composición numérica dos sectores
que se indican:
- Sector I: 153 membros do profesorado funcionario doutor.
- Sector II: 42 membros das restantes categorías de persoal docente e investigador.
- Sector III: 9 investigadores ou investigadoras en formación e membros do estudantado de
terceiro ciclo e posgrao.
- Sector IV: 72 membros do estudantado de primeiro e segundo ciclos.
- Sector V: 24 membros do persoal de administración e servizos.
- O colexio electoral do sector II estará formado polas seguintes categorías: profesorado
emérito, profesorado funcionario non doutor, profesorado contratado doutor, profesorado asociado,
profesorado colaborador, axudantes doutores, axudantes e aqueloutras persoas contratadas pola
Universidade de Santiago de Compostela mediante concurso público que realicen labores docentes ou
investigadores e que cumpran os requisitos, entre outros os de permanencia, que estableza o
Regulamento electoral xeral da Universidade.
- O colexio electoral do sector III estará integrado por todo o estudantado de terceiro ciclo,
así como polos investigadores en formación e perfeccionamento e o estudantado de cursos de posgrao,
que cumpran as condicións que estipule o Regulamento electoral xeral da Universidade.
Artigo 3
Competencias
Son competencias do Claustro Universitario:
- A elaboración dos estatutos, así como a súa reforma, modificación ou corrección.
- A remoción do reitor, mediante a convocatoria de eleccións extraordinarias, de acordo co
disposto no artigo 85º.4 dos Estatutos da USC.
- A elección de membros do Consello de Goberno na súa representación, de entre os propios membros
do sector representado.
- A elaboración e aprobación do seu Regulamento de réxime interno, que deberá ser aprobado por
maioría, contando polo menos co voto favorable dun terzo dos membros do Claustro.
- A elección e, se é o caso, revogación do valedor da comunidade universitaria, a aprobación do
seu Estatuto e o debate do seu informe anual.
- A aprobación do Estatuto do estudantado.
- A aprobación das liñas xerais do Regulamento electoral xeral, do Regulamento de persoal docente
e investigador, do Regulamento de persoal de administración e servizos e dos estudos de
posgrao.
- A deliberación sobre o informe anual do reitor.
- A aprobación das liñas xerais da programación plurianual e dos presupostos.
- O coñecemento e debate da planificación estratéxica e das relacións de postos de traballo.
- A expresión da opinión da comunidade universitaria e a formulación de recomendacións, propostas
e declaracións institucionais, así como o debate dos asuntos que lle sexan formulados polo reitor
ou polo Consello de Goberno.
- A recepción de información acerca do funcionamento e obxectivos da Universidade, para o cal
poderá solicitar a comparecencia dos titulares dos órganos de goberno e representación e dos
membros da comunidade universitaria.
- O control da xestión dos órganos de goberno da Universidade, mediante a formulación de
preguntas e interpelacións.
- A elección da comisión que valorará as reclamacións contra as propostas das comisións dos
concursos de acceso á condición de funcionario, así como de contratados doutores ou
colaboradores.
- A aprobación da creación e, se é o caso, da supresión de novas figuras de persoal docente e
investigador.
- Establecer os criterios xerais que a Universidade de Santiago de Compostela deberá ter en conta
para a creación, modificación e supresión de centros e departamentos e para a súa adscrición á
Universidade.
- As restantes competencias que lle atribúan os estatutos.
Artigo 4
Elección dos membros do Claustro
- O Claustro Universitario será elixido cada catro anos ou cando, de acordo co artigo 77 dos
Estatutos, se produza a súa disolución.
- A representación dos sectores III e IV do apartado 2. d) do artigo 76 dos Estatutos renovarase
cada dous anos.
- O procedemento para a elección dos membros do Claustro será o establecido polos Estatutos e o
Regulamento electoral xeral da USC.
Artigo 5
Perda da condición de claustral
- Ademais de polas causas xerais previstas no Regulamento electoral xeral, a condición de membro
do Claustro perderase polo incumprimento reiterado dos seus deberes como claustral, apreciado pola
Mesa do Claustro.
- A dimisión dos ou das claustrais deberá formalizarse por escrito dirixido á presidencia do
Claustro.
- No caso de perda da condición de claustral, as designacións de substitutos farase de acordo co
disposto no Regulamento electoral xeral.
Capitulo II - Do Funcionamento do Claustro
Artigo 6
Pleno e comisións
- O Claustro Universitario traballará en pleno, nas comisións ás que se refire o capítulo V deste
Regulamento, ou naquelas outras comisións que decida constituír.
- O pleno do Claustro Universitario debe reunirse con carácter ordinario, polo menos dúas veces
ao ano durante o período de actividade docente, e con carácter extraordinario de acordo co que se
dispón no presente Regulamento.
Artigo 7
Decisións
- As decisións do Claustro adoptarán a forma de acordos en materias da súa competencia, e de
mocións ou propostas nos restantes casos. Estas últimas non vinculan aos restantes órganos da
Universidade no exercicio das súas competencias.
- Os acordos do Claustro Universitario esgotan a vía administrativa e son impugnables
directamente perante a xurisdición contencioso-administrativa.
Sección 1ª: Da Mesa
Artigo 8
Da Mesa provisoria
- Despois da elección da totalidade dos membros do Claustro, na primeira sesión do pleno,
formarase unha mesa provisoria integrada polo reitor, o secretario xeral e os membros de máis idade
dos sectores do Claustro, coa mesma composición prevista para a Mesa no artigo 9
- A Mesa Provisoria será a encargada de dirixir a elección da Mesa do Claustro.
Artigo 9
Composición da Mesa
- O Claustro elixirá a Mesa de entre os seus membros, en votación por sectores de acordo co
establecido no artigo 23 deste Regulamento. Será presidida polo reitor, que actuará como órgano
moderador das súas sesións.
- A Mesa do Claustro estará constituída polos seguintes membros:
- O reitor da Universidade, que a preside.
- O secretario xeral da Universidade, que o é tamén do Claustro.
- Unha representación dos membros do Claustro coa seguinte composición:
- 6 do sector I
- 2 do sector II
- 1 do sector III
- 3 do sector IV
- 1 do sector V
- No caso de ausencia ou enfermidade do reitor ou da reitora, asumirá as súas funcións o
vicerreitor ou a vicerreitora que designe.
- A Mesa elixirá entre os seus membros a persoa que substituirá ao secretario xeral como
secretario do Claustro, en caso de ausencia ou enfermidade.
Artigo 10
Funcións da Mesa
A Mesa terá por funcións:
- Aprobar a orde do día das sesións.
- Fixar as normas de desenvolvemento das sesións.
- Recibir as propostas e cuestións de orde.
- Interpretar o presente Regulamento de acordo co disposto nos Estatutos da Universidade de
Santiago de Compostela e demais normas de aplicación.
- Decidir sobre a alteración da orde de discusión dos puntos da orde do día.
- Decidir a expulsión de membros do Claustro que alteren gravemente a orde de acordo co artigo 18
do presente regulamento.
- Decidir, tras oír ao/á interesado/a, a perda da condición de claustral daqueles que incumpriran
inxustificadamente as súas obrigas nos termos do artigo 5 deste Regulamento.
Artigo 11
Competencias da presidencia da Mesa
Son competencias da presidencia da Mesa do Claustro:
- Convocar as sesións.
- Moderar os debates tentando acadar o consenso.
- Aplicar o Regulamento.
- Velar polo mantemento da orde nas sesións.
- Executar os acordos do Claustro
Artigo 12
Constitución e acordos da Mesa
Para a válida constitución da Mesa será necesaria a maioría absoluta dos seus membros. Con
carácter xeral os acordos adoptaranse por maioría simple dos presentes. No caso de empate, o
presidente ou a presidenta, ou quen faga as súas funcións, decidirá co seu voto de calidade.
Sección 2ª: Convocatoria, constitución e funcionamento do Claustro
Artigo 13
Das sesións do Claustro
- O pleno do Claustro deberá reunirse con carácter ordinario cando menos dúas veces ao ano
durante o período de actividade docente. As reunións de carácter ordinario deberán conter
necesariamente;
- Aprobación da acta da sesión anterior.
- Informe do reitor.
- Rogos e preguntas.
- Ademais das reunións ordinarias o pleno do Claustro poderá reunirse con carácter extraordinario
cando o decida o reitor por propia iniciativa, a solicitude do Consello de Goberno ou por un mínimo
dun terzo dos claustrais. Os solicitantes deberán indicar o punto ou puntos que serán incluídos na
orde do día da sesión.
- As sesións do Claustro deben celebrarse en días administrativamente hábiles. Os claustros
ordinarios non se celebrarán en datas de exames oficiais ordinarios. As reunións extraordinarias
deberán celebrarse no prazo máximo de 1 mes dende a solicitude sen que se tomen en consideración os
períodos non lectivos.
Artigo 14
D
as convocatorias
- A convocatoria do pleno do Claustro corresponde ao reitor. Para que a convocatoria produza
efectos deberase poñer en coñecemento de todos os seus membros mediante unha notificación na que se
fará constar a orde do día, e asemade, día, hora e lugar da reunión.
- As notificacións serán entregadas polo menos con noventa e seis horas de anticipación. A
entrega efectuarase no lugar onde cadaquén desenvolva o seu traballo, e, no caso dos estudantes de
primeiro e segundo ciclos, no local asignado para os seus representantes nos distintos centros, ou
no domicilio que conste no seu expediente durante o período vacacional. En caso de extraordinaria e
urxente necesidade os prazos da convocatoria poden reducirse á metade.
Artigo 15
Orde do día
- A orde do día será elaborada pola presidencia, e aprobada pola Mesa, debendo incorporar ademais
aqueles puntos que sexan solicitados pola maioría dos membros presentes da Mesa ou que fosen
previamente solicitados por escrito por, cando menos, un sexto dos membros do Claustro.
- Serán nulos os acordos adoptados sobre asuntos que non figuren incluídos na orde do día, sen
prexuízo do establecido na Lei de procedemento administrativo común.
Artigo 16
Asistencia ás sesións
- Só teñen dereito de asistencia ás sesións do Claustro os seus membros, sen prexuízo do disposto
neste artigo.
- Os membros do Consello de Dirección que non sexan membros do Claustro Universitario poderán
asistir ás reunións con voz pero sen voto.
- Cando a natureza dos asuntos o requira, o reitor ou a Mesa do Claustro poderá convocar para que
informe a calquera membro da comunidade universitaria.
- A presidencia poderá autorizar a asistencia ás sesións do Claustro daquelas persoas que o
solicitasen cun mínimo de antelación de vinte e catro horas, dándolles preferencia aos membros da
comunidade universitaria. A correspondente credencial dará dereito a ocupar as prazas expresamente
reservadas para invitados no lugar das sesións. Os invitados respectarán a orde das sesións e as
instrucións da presidencia, e absteranse de calquera manifestación pública de opinións ou
valoracións, sexa verbal ou doutro tipo.
Artigo 17
Quórum
- O Claustro da Universidade constitúese validamente en primeira convocatoria coa asistencia da
maioría absoluta dos seus membros e en segunda convocatoria, que terá lugar media hora máis tarde,
cando asistan polo menos un terzo dos seus membros. De non conseguir o quórum sinalado na segunda
convocatoria, haberá que proceder a unha nova convocatoria do Claustro para un día posterior.
- Para que conste a asistencia será obrigatorio acreditarse do xeito que habilite o secretario do
Claustro para tal efecto.
- O secretario da Mesa constatará ao inicio da sesión o número de acreditados aos efectos de
verificar o quórum.
Artigo 18
Do desenvolvemento dos debates
- A presidencia dirixe os debates e vela polo mantemento da orde no desenvolvemento da sesión. De
acordo coa Mesa, fixará un tempo de debate para cada tema e, en función dos pedimentos de palabra,
determinará a duración de cada intervención.
- No caso de que, a solicitude dun claustral, a Mesa considere que un tema non queda
suficientemente debatido, establecerá unha nova quenda de debate.
- A presidencia poderá retirar o uso da palabra, despois de dúas advertencias, nos seguintes
casos:
- Unha vez esgotado o tempo para intervir.
- Despois de dúas chamadas a orde ou a cinguirse ao tema.
- Ante unha alteración grave da orde na sesión, aquel membro responsable dela que fora apercibido
por tres veces pola presidencia, poderá, co acordo da Mesa, ser privado de asistir ao resto da
sesión.
- As alusións só autorizarán para que o membro do Claustro a quen se refiren, segundo o xuízo da
presidencia, poida contestar ás manifestacións pronunciadas sobre a súa persoa.
- No suposto de excesiva duración do pleno, a presidencia, co acordo da Mesa, poderá dispoñer a
interrupción da sesión fixando día e hora na que debe reiniciarse.
Artigo 19
Presentación de propostas e candidaturas
- A presentación de mocións e propostas e a súa defensa nas sesións será regulada pola Mesa, que
poderá requirir para seren admitidas un número mínimo de sinaturas non superior a dez.
- As propostas e candidaturas que por acordo da Mesa deban presentarse por escrito antes das
sesións entregaranse no Rexistro Xeral da Universidade (Lugo e Santiago de Compostela) antes das
14:00 horas da data na que remate o prazo de presentación, agás que a Mesa autorice outro xeito de
presentación. Aos efectos do funcionamento do Claustro e dos seus procesos internos de eleccións e
toma de acordos non se admitirán documentos que non cumpran os requisitos establecidos pola
Mesa.
Artigo 20
Adopción de acordos e votación
- Para a adopción válida de acordos deberán estar presentes polo menos un terzo dos membros do
Claustro.
- Os acordos adoptaranse por maioría simple, sen prexuízo do disposto expresamente polos
Estatutos da Universidade ou neste Regulamento para determinados asuntos. Os acordos poderán
considerarse adoptados por asentimento sen necesidade de votación cando, logo da proposta en tal
sentido da presidencia do Claustro, non se manifeste ningunha opinión en contra.
- Como regra xeral, as votacións no Claustro serán públicas polo procedemento e co sistema de
reconto que estableza a Mesa. Serán secretas cando o decida a Mesa, afecten a persoas concretas, o
soliciten a maioría dos presentes ou noutros supostos especiais previstos na normativa.
- Non se admite a delegación de voto nin o voto anticipado para as votacións no Claustro.
- Nos procesos electorais, resultarán elixidos os candidatos máis votados no ámbito da elección
de acordo coas regras previstas no Regulamento electoral xeral. Non obstante, serán de aplicación
as correccións oportunas cando se esixa expresamente a representación de campus, áreas de
coñecemento ou outra condición. O procedemento de votación será o que aprobe a Mesa, que poderá
acordar a acumulación de votacións.
Artigo 21
Actas das sesións e documentación.
- O secretario do Claustro confeccionará a acta da sesión, que será depositada, xunto coa
documentación precisa para o desenvolvemento da orde do día, na Secretaría Xeral da Universidade e
adicionalmente deberá ser accesible para os membros do Claustro por medios electrónicos, desde o
momento da convocatoria da sesión.
- As obxeccións á acta deben presentarse na Secretaría Xeral da Universidade cunha antelación
mínima de 24 horas ao inicio da sesión. No caso de non presentarse obxeccións á acta, considerarase
aprobada polo Claustro por asentimento.
Capitulo III - Da Convocatoria Extraordinaria de Eleccións do Reitor
Artigo 22
Proposta e trámite
- O Claustro poderá acordar a remoción do reitor mediante a convocatoria de eleccións
extraordinarias, aprobada por dous terzos dos membros do Claustro.
- A proposta deberá ser dirixida á presidencia do Claustro por escrito asinado por, cando menos,
un terzo dos claustrais, e conterá as razóns que a fundamentan.
- Se a proposta reúne os requisitos anteriores, o reitor convocará unha sesión extraordinaria con
este único punto da orde do día, que deberá celebrarse entre os 15 e os 45 días dende a solicitude,
sen que se tomen en consideración os períodos sen actividade docente.
- O debate da proposta desenvolverase do xeito que acorde a Mesa do Claustro e nel terán dereito
a intervir durante un mínimo de 30 minutos, un dos asinantes da proposta e o reitor, quen pechará
as intervencións.
- A votación da proposta será secreta.
- Se a iniciativa non fose aprobada, ningún dos asinantes poderá participar na presentación
doutra iniciativa deste carácter ata pasado un ano desde a votación da mesma.
Capitulo IV - Da Elección da Representación do Claustro en Comisións e órganos
Estatutarios
Artigo 23
Normas xerais
- A representación do Claustro na Mesa, comisións e órganos estatutarios estruturados nos
sectores con presenza no Claustro será elixida polo sector correspondente. Para a convocatoria
destas eleccións abondará coa súa inclusión como punto na orde do día da reunión do Claustro
convocada segundo o disposto neste regulamento.
- Cando na orde do día se contemple a elección de representantes do Claustro, habilitarase un
prazo mínimo de 5 días de actividade académica para a presentación de candidaturas que poderán
prever un suplente.
- O sistema electoral será o maioritario simple de voto limitado por listas abertas de acordo co
disposto no artigo 50 do Regulamento electoral xeral.
- No caso de perda da condición de claustral ou dimisión dalgún membro elixido en representación
do Claustro procederase do seguinte xeito:
- Nomearase o suplente do membro que perdeu a condición, se o houbese.
- De non existir suplente nomearase o candidato máis votado dos que non foran nomeados
previamente.
- De non darse ningunha das situacións anteriores procederase a unha nova votación.
Artigo 24
Representación no Consello de Goberno
A elección da representación do Claustro no Consello de Goberno farase de acordo co disposto no
artigo 80 dos Estatutos e no Regulamento electoral xeral.
Artigo 25
Elección da Comisión Electoral Central
- A Comisión Electoral Central será elixida polo Claustro entre os seus membros, por votación de
cada sector, na primeira sesión tras a renovación completa do Claustro, e será renovada
parcialmente cando corresponda, segundo o disposto no artigo 73.4 dos Estatutos e o artigo 8 do
Regulamento electoral xeral da USC.
- A votación será secreta co procedemento e modo de presentación de candidaturas que acorde a
Mesa do Claustro. Esta disporá dos medios axeitados para procurar que polo menos tres membros do
profesorado funcionario doutor teñan coñecementos xurídicos.
Artigo 26
Da Comisión de Normalización Lingüística
De conformidade co Plan de Normalización Lingüística da USC, o Claustro elixirá unha comisión de
normalización lingüística da USC. Estará integrada por:
- O reitor ou persoa que designe que a presidirá
- O director técnico do Servizo de Normalización Lingüística, que actuará como secretario.
- Unha representación dos membros do Claustro coa mesma composición que a Mesa do Claustro.
Artigo 27
Da Comisión de Asesoramento e Axuda ao Valedor
De conformidade co art. 11 dos Estatutos da Universidade e o Estatuto do Valedor da Comunidade
Universitaria, o Claustro elixirá unha comisión de asesoramento e axuda ao Valedor formada por
membros da comunidade universitaria, coa composición e funcións que determine dito Estatuto, que en
todo caso deberá reflectir a dualidade de campus da Universidade.
Artigo 28
Da elección da Comisión de Reclamacións
- A Comisión de Reclamacións prevista polos artigos 66 da LOU e 22.5 dos Estatutos da USC será
elixida polo Claustro por votación conxunta e secreta, co procedemento e modo de presentación de
candidaturas que acorde a Mesa.
- Serán elixidos membros da Comisión de Reclamacións sete catedráticos de universidade da USC,
das cinco grandes áreas de coñecemento, non necesariamente membros do Claustro. A Comisión contará
con un presidente e un secretario de acordo co disposto na normativa vixente.
Capitulo V - Das Comisions Delegadas do Claustro
Artigo 29
Comisións delegadas
Sen prexuízo das comisións específicas creadas polo Claustro, na forma que determine, para
tratar temas concretos, crearanse as seguintes comisións estables do Claustro da Universidade:
- Comisión de Organización Docente.
- Comisión de Investigación.
- Comisión de Asuntos Económicos.
- Comisión de Actividades Culturais.
Artigo 30
Competencias das comisións
- Son competencias das comisións estables: a emisión de propostas concordantes coa súa natureza,
que deberán ser deliberadas polo órgano correspondente, así como a emisión de informes; a recepción
de información por parte dos órganos unipersoais de goberno relacionados coa súa natureza e a
formulación de acordos sobre aqueles asuntos expresamente delegados polo presente Regulamento.
- No exercicio de competencias delegadas polo Claustro en virtude deste regulamento ou de acordos
posteriores, as decisións das comisións terán o mesmo efecto que os acordos do pleno, e esgotan
igualmente a vía administrativa. No exercicio das restantes competencias, as decisións das
comisións serán sometidas ao pleno para o seu debate e ratificación, se procede.
Artigo 31
Elección de membros das comisións
- Os membros das comisións estables serán elixidos polos correspondentes sectores do Claustro
Universitario de entre os que figuran nunha lista única presentada pola Mesa do Claustro, para o
cal é de aplicación o disposto no artigo 23 deste Regulamento.
- Para a elección de profesores e estudantes, a candidatura deberá indicar a área así como o
campus no que presta os seus servizos ou estuda o candidato. Para estes efectos considéranse áreas
as seguintes: Ciencias Socias e Xurídicas, Humanidades, Ciencias Experimentais, Ciencias da Saúde e
Tecnoloxías.
Artigo 32
Funcionamento
- As comisións estables serán presididas polo reitor ou reitora ou o vicerreitor ou vicerreitora
en quen delegue. Cada Comisión elixirá un secretario de entre os seus membros.
- As sesións das comisións estables celebraranse en días administrativamente hábiles polo menos
unha vez por trimestre académico. Serán convocadas polos respectivos presidentes coa antelación
prevista para a convocatoria do Claustro. Os presidentes deberán igualmente convocar as sesións por
iniciativa dun terzo dos seus membros.
- As comisións estables entenderanse validamente constituídas pola metade máis un dos seus
membros en primeira convocatoria, ou un terzo en segunda convocatoria, sempre que teñan
representados polo menos dous sectores. Os seus acordos, informes e propostas serán adoptadas por
maioría simple, sendo preciso que na votación exista o
quórum antes referido, e serán trasladados á Mesa do Claustro, que, en todo caso, os fará
chegar a todos os claustrais.
Artigo 33
Comisión de Organización Docente
- A Comisión de Organización Docente estará integrada por:
- O reitor ou vicerreitor no que delegue, que a presidirá
- Unha representación dos membros do Claustro coa seguinte composición:
- 9 do sector I;
- 3 do sector II:
- 1 do sector III;
- 4 do sector IV;
- 1 do sector V
- A Comisión de Organización Docente asume por delegación do pleno do Claustro, a competencia de
ratificar a concesión do grao de
doutor honoris causa e máis o informe sobre os programas de estudos e as súas revisións, a
que fai referencia o artigo 136.2 dos Estatutos.
Artigo 34
Comisión de Investigación
A Comisión de Investigación estará integrada por:
- O reitor ou vicerreitor no que delegue, que a presidirá.
- Unha representación dos membros do Claustro coa seguinte composición:
- 9 do sector I;
- 3 do sector II:
- 2 do sector III;
- 1 do sector IV;
- 1 do sector V
Artigo 35
Comisión de Asuntos Económicos
- A Comisión de Asuntos Económicos estará integrada por:
- O reitor ou vicerreitor no que delegue, que a presidirá.
- Unha representación dos membros do Claustro coa seguinte composición:
- 9 do sector I;
- 3 do sector II:
- 1 do sector III;
- 2 do sector IV;
- 3 do sector V
- A Comisión de Asuntos Económicos asumirá as funcións de control das contas da Universidade
establecida no artigo 180.2 dos Estatutos.
Artigo 36
Comisión de Actividades Culturais
A Comisión de Actividades Culturais estará integrada por:
- O reitor ou vicerreitor no que delegue, que a presidirá.
- Unha representación dos membros do Claustro coa seguinte composición:
- 6 do sector I;
- 3 do sector II:
- 1 do sector III;
- 5 do sector IV;
- 3 do sector V
Capitulo VI - Da Reforma dos Estatutos
Artigo 37
- De conformidade co artigo 186 dos Estatutos da Universidade, o Claustro Universitario poderá
aprobar a reforma dos Estatutos por maioría absoluta, a iniciativa do Consello de Goberno ou do
vinte por cento dos membros do Claustro.
- A solicitude de reforma será presentada ao reitor mediante certificación do acordo do Consello
de Goberno expedida polo secretario xeral ou mediante escrito asinado polos membros do Claustro, e
entregado no Rexistro Xeral da Universidade. A iniciativa deberá conter unha proposta concreta de
reforma ou detallar os aspectos dos Estatutos que se propón modificar. Unha vez recibida a
solicitude, o reitor daralle traslado á Mesa do Claustro, que decidirá a súa admisión se cumpre os
requisitos e, no seu caso, convocará unha sesión do Claustro na que será debatida.
- A Mesa do Claustro decidirá sobre o procedemento de discusión da proposta de reforma. En todo
caso, establecerá un procedemento de redacción dun proxecto de reforma que será posto en
coñecemento dos membros do Claustro coa apertura dun prazo mínimo de dez días hábiles para facer
emendas, nas condicións que estableza a Mesa segundo o presente Regulamento. Na caso de que
estivese constituída unha Comisión de Estatutos ou desenvolvemento estatutario, a Mesa
encomendaralle a redacción do proxecto de reforma.
Capitulo VII - Da Reforma do Regulamento de Réxime Interno do Claustro
Artigo 38
- A iniciativa para a reforma do Regulamento de réxime interno corresponde ao vinte por cento dos
membros do Claustro, ou ben por acordo do propio Claustro.
- As propostas deberán estar debidamente articuladas e motivadas, e serán dirixidas á Mesa do
Claustro, que as comunicará aos claustrais e abrirá un prazo para a presentación de emendas, que
deberán vir asinadas polo menos por 10 claustrais.
- O debate da reforma do Regulamento terá lugar nunha sesión ordinaria ou extraordinaria do
Claustro.
- O novo texto, incorporando as modificacións, será remitido como texto refundido a todos os
membros do Claustro.
Disposición adicional
A Mesa do Claustro articulará un procedemento para que se poidan utilizar os medios electrónicos
para:
- Notificar as convocatorias das sesión.
- Presentar mocións, propostas, emendas e candidaturas.
- Acceder ás actas e á documentación correspondente aos puntos a tratar na orde do día.
Disposición transitoria
- Mentres se manteña o fin que motivou a súa creación e non sexa modificado o acordo pola maioría
do Claustro, continuarán vixentes, e serán renovadas cando corresponda, a Comisión de Estatutos
encargada polo Claustro o 18 de decembro de 2003 para elaborar as propostas de desenvolvemento
estatutario competencia do Claustro, que recibirá a denominación de “Comisión de Desenvolvemento
Estatutario”; así como a Comisión de Titulacións e Programas de Estudos creada polo Claustro o 1 de
xuño de 2005.
- En tanto non se modifique a composición acordada polo Claustro o 11 de xullo de 2002, a
Comisión de Desenvolvemento Estatutario estará formada por corenta membros distribuídos do seguinte
xeito: vinte profesores/as funcionarios/as doutores, un membro do profesorado funcionario non
doutor, catro membros do persoal docente e investigador contratado a tempo completo, un membro do
persoal docente e investigador contratado a tempo parcial, nove estudantes do primeiro e segundo
ciclos, dous estudantes do terceiro ciclo e tres membros do persoal de administración e
servizos.
- En tanto non se modifique a composición acordada polo Claustro o 1 de xullo de 2005, a Comisión
de Titulacións e Programas de Estudos estará formada por trinta membros distribuídos do seguinte
xeito:
- quince membros do profesorado
funcionario doutor: tres de cada gran área e como mínimo un de cada gran área por cada un
dos dous Campus;
- catro membros das restantes categorías de persoal docente e investigador;
- tres investigadores en formación e estudantes de terceiro ciclo e posgrao;
- seis estudantes de primeiro e segundo ciclo; e
- dous membros do persoal de administración e servizos.
Disposición derrogatoria
Á entrada en vigor deste Regulamento quedará derrogado o Regulamento aprobado o doce de decembro
de 1998.
Disposición derradeira
O presente Regulamento entrará en vigor ao día seguinte da súa aprobación polo pleno do
Claustro.