Competencias
Competencias de relación entre a universidade e a sociedade:
- Promove-lo coñecemento mutuo entre a universidade e a sociedade, favorecendo e organizando eventos que difundan nesta o labor universitario e transmitíndolle a aquela as aspiracións das forzas sociais de Galicia.
- Fomenta-la colaboración da sociedade no financiamento do ensino e da investigación da universidade, contribuíndo á captación de recursos económicos externos.
- Aprobar, con carácter anual, unha memoria das súas actividades, que lles remitirá ó Parlamento de Galicia e á consellería competente en materia universitaria.
- Realizar estudios sobre materias da súa competencia, e, en particular, sobre a adecuación da oferta de titulacións e do contido dos plans de estudios da universidade ás necesidades sociais, sobre o rendemento académico do alumnado e a inserción laboral dos titulados universitarios, sobre a investigación desenvolvida na universidade e a transferencia á sociedade dos resultados desta e mais sobre calquera outra cuestión proposta pola consellería competente en materia universitaria, de acordo coas funcións propias deste órgano.
- Impulsar aquelas actuacións que permitan un maior achegamento dos estudiantes universitarios ás demandas do mercado laboral, e, en especial, a subscrición de convenios entre a universidade e outras entidades públicas e privadas orientadas a completa-la formación dos alumnos e titulados da universidade e facilita-lo seu acceso ó mundo profesional.
- Estimula-la actividade investigadora da universidade, especialmente no relativo á súa vinculación cos sectores productivos, apoiando os proxectos de investigación e desenvolvemento compartidos entre a universidade, as empresas e o tecido social, así como as políticas de transferencia e difusión dos resultados obtidos nas investigacións universitarias.
- Favorece-las actividades orientadas a completa-la formación científica, cultural e humanística dos universitarios, apoiando as súas manifestacións no seo da universidade e asegurando a súa extensión ó conxunto da sociedade galega.
- Outorgar, se é o caso, premios, distinción s e recoñecementos no ámbito das súas competencias.
Competencias de carácter económico, financeiro e patrimonial:
- Supervisa-las actividades de carácter económico da universidade.
- Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a programación plurianual da universidade, así como realiza-lo seu seguimento.
- Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, o orzamento da universidade. Os órganos responsables da execución do orzamento deberán informar ó Consello Social do estado de execución nas condicións que determine o seu Regulamento de organización e funcionamento.
- Aprobar, con carácter previo ó seu rendemento ante o órgano de fiscalización da Comunidade Autónoma, as contas anuais da universidade e das sociedades, fundacións ou outras entidades nas que a universidade teña participación maioritaria no seu capital ou fondo patrimonial equivalente, calquera que sexa a forma xurídica que adopten estas, podendo o Consello Social acordar motivadamente a realización de auditorías externas.
- Fixa-los prezos das ensinanzas propias, dos cursos de especialización e os referentes ás demais actividades autorizadas polas universidades, así como emitir informe en materia de prezos públicos dos estudios universitarios oficiais, dentro dos límites que estableza o Consello de Coordinación Universitaria.
- Aprobar, con carácter previo á súa remisión á Xunta de Galicia para a súa autorización, as propostas de operacións de endebedamento.
- Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal docente e investigador da universidade, con especificación da totalidade e dos seus custos, das súas modificacións e dos gastos que supoñen, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal docente e investigador contratado pola universidade.
- Acordar, por proposta do Consello de Goberno da universidade e dentro dos límites fixados pola Comunidade Autónoma, a asignación singular e individual de retribucións adicionais ligadas a méritos individuais docentes, investigadores e de xestión a membros do persoal docente e investigador da universidade, logo da valoración daqueles pola Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia ou, se é o caso, pola Axencia Nacional de Avaliación da Calidade e Acreditación, ou por calquera outro órgano de avaliación que leis doutras comunidades autónomas determinen, sempre que exista previo convenio ou concerto coa Comunidade Autónoma galega. O Consello Social poderá solicitar informe dos centros ós que pertenza ou estea adscrito o profesorado afectado por tales acordos, co obxecto de motiva-la súa decisión.
- Emitir informe sobre o cadro de persoal e a relación de postos de traballo do persoal de administración e servicios da universidade, as súas modificacións e os gastos que supoñen, con especificación da totalidade dos seus custos, así como emitir informe, con carácter previo á súa formalización, sobre os convenios colectivos do persoal de administración e servicios en réxime laboral da universidade.
- Aprobar, por proposta do Consello do Goberno, os regulamentos internos que regulan a xestión contractual e patrimonial da universidade.
- Ser informado dos contratos ou convenios nos que a universidade sexa parte e daqueles que se formalicen ó amparo do artigo 83 da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades.
- Aprobar, con carácter previo á súa realización, os actos de disposicións sobre bens inmobles e mobles de extraordinario valor da universidade e a desafectación dos seus bens de dominio público. Para tal efecto as universidades contarán cun inventario, que deberán remitirlle ó Consello Social de acordo co que se estipule no seu regulamento de réxime interno.
- Aprobar, por proposta do Consello de Goberno, a aceptación pola universidade de herdanzas, doazóns ou legados.
- Emitir informe sobre a creación ou adscrición de colexios maiores e residencias universitarias.
- Aproba-la creación, modificación substancial ou extinción das sociedades, fundacións ou outras entidades nas que a universidade teña participación no seu capital ou fondo patrimonial, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, así como a súa integración nelas.
Competencias de supervisión das actividades universitarias e relativas á actividade do Consello Social:
- Supervisa-lo rendemento e a calidade dos servicios universitarios, formulándolle, se é o caso, suxestións e propostas ó Consello de Goberno da universidade, orientadas a promove-la excelencia do ensino, da investigación, da xestión e dos servicios.
- Solicitar, se é o caso, das administracións públicas a realización de informes e inspeccións dos servicios que presta a universidade, especialmente os de ensino, investigación, xestión e servicios, oído o Consello de Goberno.
- Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da universidade, a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
- Propoñerlle motivadamente á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da universidade, a creación, modificación ou supresión de facultades, escolas técnicas ou politécnicas superiores e escolas universitarias ou escolas universitarias politécnicas. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
- Propoñerlle á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de centros docentes para impartir estudios conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional.
- Propoñerlle á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da universidade, a creación ou supresión de institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
- Propoñerlle á Xunta de Galicia, tralo informe do Consello de Goberno da universidade e antes da súa formalización, a aprobación dos convenios de adscrición ou dos convenios ou acordos de desadscrición á universidade de institucións ou centros de investigación como institutos universitarios de investigación. No caso de que a iniciativa partise da Comunidade Autónoma, deberá contar co acordo do Consello Social.
- Propoñer motivadamente, para a súa posterior aprobación pola Xunta de Galicia, a creación, modificación ou supresión no estranxeiro de centros dependentes da universidade para a impartición de ensinanzas conducentes á obtención de títulos de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, así como a impartición en centros dependentes da universidade de ensinanzas conducentes á obtención de títulos estranxeiros de educación superior universitaria.
- Acordar, co rector, nos termos previstos na Lei orgánica de universidades, o nomeamento do xerente.
- Emitir informe sobre os procedementos que estableza a universidade para a admisión de estudiantes.
- Aprobar, tralo informe do Consello de Coordinación Universitaria, as normas que regulen o progreso e a permanencia dos estudiantes na universidade.
- Promover, co obxecto de que ninguén quede excluído do estudio na universidade por razóns económicas, as bases da política de bolsas, axudas e créditos para o estudio e a investigación que, se é o caso, outorgue a universidade con cargo ós seus orzamentos, así como propoñerlles ás restantes administracións competentes a adopción de medidas con relación ás súas políticas de bolsas, axudas e créditos ós estudiantes universitarios.
- Designar, de entre os seus membros pertencentes á representación social, os representantes do Consello Social nas entidades e institucións que corresponda, e, en particular, os tres representantes do órgano no Consello de Goberno da universidade.
- Propoñerlle o cesamento dalgún dos seus membros á autoridade, entidade ou institución que o designase, trala declaración da súa situación de incompatibilidade ou incumprimento grave ou reiterado das súas obrigas.
- Emitirlle informe á Xunta de Galicia sobre o réxime de retribucións ou indemnizacións dos seus membros, de acordo co disposto no artigo 11.2.f) desta lei.
- Acorda-la constitución de comisións temporais.
- Aprobar e modifica-lo seu Regulamento de organización e funcionamento, de acordo co establecido no artigo 22.