Saltar ao contido principal
Inicio  »  Goberno  »  Reitoría  »  Declaración de Compostela

Declaración de Compostela

Febreiro 2004

Logotipo de Os Camiños da USC en América

Conferencia Iberoamericana de Reitores e Responsables de Relacións Internacionais

Lista de Universidades asinantes da Declaración de Compostela

[Versão em português]

Nos últimos anos fíxose un esforzo importante por establecer unha práctica de colaboración e recoñecemento mutuo entre as diversas comunidades universitarias. Distintas declaracións contribuíron a este obxectivo poñendo as bases para a articulación dos sistemas de educación superior nun espazo común ou iniciando o camiño para a homologación e o recoñecemento mutuo das diversas realidades docentes, discentes e investigadoras. Cada unha destas declaracións achegou un maior impulso ao proceso, incorporou novos elementos e supuxo unha maior clarificación e concreción dos obxectivos.

En 1998 a Conferencia Mundial sobre a Educación Superior convocada pola UNESCO asumiu que a cooperación e o intercambio internacionais son mecanismos decisivos para promover a educación superior en todo o mundo, e proclamou un conxunto de principios e accións para fomentar a educación superior como ben público. Tamén en 1998 a declaración da Sorbona sentou as bases para a creación dun Espazo Europeo de Educación Superior. Un ano máis tarde, a declaración de Boloña estableceu os principios e compromisos para orientar este camiñar conxunto das universidades europeas. Estes compromisos, ratificados posteriormente en Praga (2001) e Berlín (2003), serviron para dar concreción á Europa das Universidades e representan, sen ningunha dúbida, unha das pedras angulares sobre as que ha de asentarse a construción da identidade europea.

Iberoamérica existe tamén como ámbito común cunha identidade propia forxada a través dun proceso histórico, cultural e social, repleto de luces e sombras pero cheo de posibilidades abertas ao futuro. A construción dun espazo común de educación superior neste ámbito constitúe, por riba de todo, un ben social que se sustenta sobre valores compartidos e nútrese deles, e que recoñece a importancia da educación e do progreso científico e tecnolóxico no desenvolvemento integral, equitativo e xusto das nosas sociedades. A educación superior non é unha mercadoría senón un ben público que contribúe a mellorar a equidade e a calidade de vida dos cidadáns, e a existencia previa dunha identidade iberoamericana debe servir como acicate para reforzar a cooperación entre as institucións de educación superior europeas e latinoamericanas para lograr este fin.

En xuño de 1999, a Declaración de Río de Xaneiro impulsou, nos seus artigos 54, 61 e 63, a creación dun espazo común de ensino superior da Unión Europea, América Latina e o Caribe (UEALC), que comezou a proxectarse na Conferencia de Ministros de Educación celebrada en París en novembro de 2000. O Comité de Seguimento desta Conferencia elaborou o Plan de Acción 2002-2004 para a construción do devandito espazo común, que foi aprobado no Cumio de Xefes de Estado e de Goberno de Madrid en maio de 2002.

A construción dun espazo común de educación superior UEALC, así como os obxectivos incluídos no Plan de Acción 2002-2004 e na Declaración de Lima sobre Cooperación Universitaria Iberoamericana de 2001, e os principios que inspiraron a creación do Consello Universitario Iberoamericano (CUIB), seguen sendo válidos para o futuro. O fomento da mobilidade, o coñecemento recíproco dos sistemas de avaliación nacionais e a busca da calidade son aínda obxectivos cubertos con desigual éxito e profundidade. A mellora dos programas destinados a potenciar a mobilidade ou o desenvolvemento de criterios homólogos para a avaliación da calidade son, sen dúbida, necesidades prioritarias.

As universidades non poden limitarse a esperar a acción das institucións políticas para intensificar a cooperación mutua no ámbito iberoamericano; pola contra, han de ser as auténticas dinamizadoras do proceso. Por iso, nós, reitores e responsables de relacións internacionais de universidades de países iberoamericanos e representantes de asociacións universitarias, reunidos en Santiago de Compostela e Lugo os días 19, 20 e 21 de febreiro de 2004 baixo o auspicio da Universidade de Santiago de Compostela, queremos invitar a todos os sectores implicados na educación superior, en especial aos poderes públicos, a potenciar a posta en marcha, desenvolvemento e financiamento de programas que sustenten este Espazo Común de Educación Superior UEALC, que require a progresiva concreción de obxectivos relativos á docencia, á investigación e ao compromiso social dos nosos centros de educación superior.

En consecuencia, co fin de contribuír á construción do Espazo Común de Educación Superior Unión Europea - América Latina - Caribe a través da cooperación iberoamericana, comprometémonos a:

  1. Impulsar accións de mellora da calidade e tender cara a modelos homologables de avaliación da calidade e de acreditación.
  2. Incorporar un modelo de créditos académicos que posibilite a validación e o recoñecemento de estudos e, apreciando o valor da diversidade, avanzar na compatibilidade dos sistemas universitarios.
  3. Intensificar os programas específicos de mobilidade de profesores, estudantes e persoal administrativo, aproveitando o valor engadido que supoñen as nosas linguas comúns, instar á eliminación das trabas burocráticas que dificultan a entrada e permanencia nos distintos países aos participantes nos devanditos programas, e impulsar unha política de financiamento e bolsas que os faga efectivos para todos.
  4. Reducir a fenda dixital que obstaculiza o acceso ás vantaxes e oportunidades dunha auténtica Sociedade do Coñecemento.
  5. Promover o uso das tecnoloxías da información e as comunicacións como unha vía de intercambio académico e de "mobilidade virtual", converténdoas, ao mesmo tempo, nun instrumento que permita mellorar o proceso de ensino-aprendizaxe e crear novas oportunidades de formación, en especial para os sectores máis desfavorecidos.
  6. Promover a creación de alianzas ou consorcios que faciliten a dispoñibilidade e o acceso a fondos bibliográficos dixitais e bases de datos, e impulsar unha cultura de solidariedade na difusión de materiais e resultados de docencia e investigación.
  7. Propiciar medidas que favorezan a creación de redes de cooperación entre universidades iberoamericanas.
  8. Poñer en marcha programas destinados á formación superior en áreas especificamente relacionadas co desenvolvemento de países emerxentes e colaborar en xeral na formación de doutores.
  9. Promover a transferencia do coñecemento e dos resultados da investigación á sociedade, así como o desenvolvemento e a innovación, fomentando a cultura emprendedora nas universidades, o apoio a emprendedores e a creación de empresas.
  10. Apoiar as políticas de solidariedade e de compromiso social das universidades co seu ámbito, asumindo como liña de pensamento e actuación afianzar nelas o desenvolvemento sostible, o voluntariado, a solidariedade e o apoio ás persoas con necesidades especiais.
  11. Educar nos valores da persoa, a democracia, o coñecemento e o respecto mutuo entre os pobos, como vías para mellorar os nosos sistemas políticos e sociais e lograr o desenvolvemento integral das nosas sociedades.
  12. Presentar estas iniciativas ante os organismos competentes, en particular ante o Cumio Iberoamericano de Xefes de Estado e de Goberno, así como apoiar a consecución dos obxectivos establecidos nesta Declaración de Compostela e o seguimento das accións que se realicen para tal fin e dos resultados que delas se deriven.

Somos conscientes das dificultades de articulación e concreción destes obxectivos, pero estamos seguros de que co esforzo común alcanzaremos progresivamente maiores cotas de calidade nos ámbitos da formación e da investigación, que contribuirán ao desenvolvemento harmónico e sostible das nosas sociedades.